O Mar Céltico. Un anaco de Atlántico. O mar da nosa historia, da nosa memoria, da nosa cultura. O territorio dos fisterras, o roteiro ás Illas do Alén. O espazo onde todo nace e todo se esvae. A patria de todos tatuada en petroglifos de escuma. A matria do sabor do salseiro.
As teorías históricas máis modernas explican que o Mundo Céltico, lonxe de sere interpretado como un suceso invasionista espaleado dende as profundidades centroeuropeas, a onde arribaría dende as inmensas chairas caucásicas, debe ser comprendido coma un extendido suceso evolucionista que asentaría os seus alicerces nas culturas megalíticas do Bronce Atlántico. Mámoas, pedrafitas, petroglifos, metalurxia broncínea, ouriversarías e navegacións atlánticas… apousadas e formalizadas no Noroeste Peninsular Ibérico irían pouco á pouco integrando as costás do Mar Céltico e penetrando cara o interior do continente onde acadarían requintada personalidade de seu nas culturas de Hallstat e La Téne.
O Mar Céltico. De ribeiras gallaicas, astures, cántabras, bascas, gasconas, bretonas, galesas, córnicas e irlandesas. O mar do estaño. O mar das barcas de pedra. O mar das destemidas xentes da arrota. O mar dos ventos alumeados pola Compaña de Mortos.
Explícaríanse mellor, así, os enigmas históricos que o celtismo estimula. Comprénderíase o contido do Leabar Gabhala, O Libro das Invasiós irlandesas; daríaselle valor á Lenda de Breogán e collerían corporeidade de realidade as densas, calladas e mestas similitudes etnográficas que os estudos do mestre Fernando Alonso Romero leva anos revelando. As recientes investigaciós xenéticas do cadeirádego de Oxford, Brian Sykes, asegún as que 75 de cada cen irlandeses e 56 de cada cen ingleses proveñen do norte da Península Ibérica iluminan con raiolas de cencia indiscutible as nebras etnográficas e lendarias. A Pedra do Destiño é cada día máis galega.
O Mar céltico. Por onde imos indo e por onde veñen vindo. Onde todos nos falamos e todos nos sentimos. Onde somos o que somos. Onde respiramos e afogamos. O mar noso, o noso mar.
Chaman os mariñeiros de Cedeira Mar dos Balandros a aquel mar onde antigamente se arrexuntaban ducias de barcos de vela bretóns para pescar na que foi famosa costeira da langosta. Non eran os únicos. Outros bretóns viñan a buscar semente de ostra. Pasaban acolá o tempo suficiente para encher as súas bodegas. Viñeran transportando en lastre vellos camoucos de silex , que ao chegaren arrumbaban na marea. Marchaban, Mar Céltico adiante, coas súas adegas lastradas agora coas caixas cheas da saborosa lagosta cedeiresa. Levaron lagostas e ostras. Deixáronnos croios de silex.
O Mar Céltico. O das plaias conformadas polas areas compartidas de todas as costás célticas. Areas nas que agora despuntan, chegadas da historia común, crois de silex bretón. Pelouros negros, escuros coma a desmemoria, que nacen, florean, nas plaias claras e brancas do noroeste falando na anterga lingua céltica común: croios. A memoria de todos. Na area.
E pregándovos me saibades perdoar a tardanza en anovar as follas deste bló, sirvan este texto e estas imaxes, que conforman a sustancia dunha exposición que ando a preparar, velaí as razós da demora, para continuar a conversa natural, neste caso de pedras e historia, con vós, a quen nunca deixarei de estar agradecido pola fidelidade que seguedes a manter co noroeste do Noroeste.
Moi boas horas, miñas e meus.
A mandare.
Interesante.Gustei moito deste artigo.
ResponderEliminarPois ao mellor tamén gostas da exposición que arestora se anda a presentar na Fundación Ortegalia de ORtigueira e na que se amosan eses croios, adubados pra ocasión de cor e deseño, por ver de chamar a atención sobre o noso patrimonio, tantas veces deitado, se non na area si no lixo
ResponderEliminarEste comentario foi eliminado por un administrador do blog.
ResponderEliminarArtigo disfrutado Mestre. Moi acaído para a preparación dun espazo expositivo no Museo Mares de Cedeira. Moitas grazas.
ResponderEliminar