sábado, 3 de marzo de 2012

Mourinho en Valdoviño.

Perdóenme, prego, a violencia do pareado do título e o recurso futbolístico fácil  de humor dubidoso, pro non un só mazarico mouroPlegadis falcinellus, se non  a asombrosa cifra de 36, nunha bandada que seguramente constitúe tope das observadas na Galizia, andou -non sei se andará xa- este día polos resecos fondos do Lago de Lanzós.


Informárase servidor da súa presencia polo bló Gaviotas y anillas do mestre Antonio, nada máis poñerme a xantar. Nova tan extraordinaria que propiciaba a ocasión de  poder apreciar a tan exótico persoaxe, de indudable aire tropical, nas familiares beiras do Lago de Valdoviño, non debería deixarse pasar. Pra máis non un ou dos exemplares... senón un bando de 36!.


Chegado ás orelas do fondo reseco da lagoa, o primeiro que miro e moita corvexa espaleada pola area (que xa sustituiu ao limo), e ao mestre Antonio botando conta de todo. Saudámonos e dáme as novidades: os mouros andan de esbandalle, que se levantou unha aguia peixeira e axocounos desfacéndose o bando. Diante de nós, pro moi lonxe, hai catro ou cinco. Sorpréndeme o seu tamaño, moito máis pequeno do que imaxinaba: se un non anda avisado pensa que son córvidos. O mestre cóntame que frente ao observatorio anda un grupiño amplo  e que tamén hai unha Platalea leucorodia, culleireiro, moi fermosa co plumeiro amarelo ao vento. Que a ver se teño sorte.


E alá me endereitei. E por onde explicou o mestre andaban. E o culleireiro tamén. Pro todo demasiado ao lonxe e coa luz do sol á contra. No observatorio coa cámara pousada no beiril e esperando que chegase Miguelanxo Fernández pasei agradablemente o tempo, ollando ao lonxe aos mazaricos mouros, arrodeados de garzas que andaban a ver se lles roubaban algo; de gaivotas que ollaban pra eles con máis curiosidade que servidor e coa aparición volandeira do culleireiro que se puxo a remexer no limo a canda a eles, porque nesta beira si hai limo e non area compactada.

Rebuscaban con moito trafego, incesantemente, movéndose o grupo lentamente cara a sur. Fixen os rexistros de video e foto que puiden, e como puiden, e en aparecendo o meu amigo Miguel, e sen que eu tivese constancia de que un feito provocase o outro, deron  en se agachar tras das canaveiras  e acabouse a visión.


Como non había máis opciós que agardar a se deixaren ver de novo ou ir nós á beira de vendabal, tiramos cara á parroquia de Lago e achégamonos a ribeira. Sendo caso que  alí non puxeron caseto, e o vello hai anos que o queimaron, subinme ao observatorio natural máis usado por todos os  olláparos da bisbarra: o vello e resistente salgueiro, que xa vai merecendo unha homenaxe de todos. Alá no alto, coidándome da gravidade universal; das pólas que todo o tapaban; de non me deixar ver polos mazaricos e dos  axustes  da cámara, tentei facer algúns rexistros que poidesen dar fe.  Fíxose o que se puido. Que tivesen calidade non se esperaba.


Chegaron tamén por alí, uns tras dos outros, o culleireiro e as garzas cincentas. Boa ocasión pra poder mirar máis ao rente do ollo a beleza nupcial da platalea, que estaba tan fermosa coma o mestre Antonio me advertira. Olládea, seguramente está de paso pra os territorios de cría en Holanda.



Aos mouriños agora podíamos miralos mellor. Apreciábase claramente a súa fermosa farda, cinabrio e verdescura, que por veces lustraba ao sol, podíamos ver que algúns, ata seis, andaban anelados e que lles arrequecía moito o traballo, esfuracando sen pouso, cun ollo sempre nas garzas. Tampouco acó poidemos mirar moito pra eles. De repente, sen que saibamos porqué, levantáronse todos a voar e largáronse pra a ribeira de leste, non lonxe da canle de desaugue. Estábannos mareando. Antes de nos marchar tres mouriños pasaron riba de nós  perseguidos por unha garza cinzenta que lles estaba metendo tralla. A vida na Frouseira.


Algunha ca outra foto, sen o foco necesario, e un videomínimo cando menos quedaban rexistrados. E quedaba na nosa memoria o espectáculo completamente extraordinario da visión dun numeroso grupo de Plegadis falcinellus, o mazarico mouro, entre os limos e as xuncas da Frouseira. Que non perdan as mañas.


De certo, os mouriños aparecen  cada día máis por territorio galego, ben que sempre son unha rara casualidade, estraño é xa o ano onde non se deixa ver algún. Xente migradora, que gusta pra máis de andare de acó pra aló,  extende as súas poboaciós nunha ampla e dispersa faixa de terra que comprende dende o norde de Africa ao sur do Mediterráneo e o Mar Negro, (coas mellores colonias de cría europeas), e Asia e Australia, colonizando dende o século XIX territorios americanos, moi especialmente caribeños. Corre por esas terras, de fala castellana clásica, con diversidade de nomes: Ibis morito en México, Ibis castaña en Miami, Ibis de pico de hoz en Puerto Rico e en Cuba, penso que con indudables recendos galegos, Coco Prieto.



Na Península Ibérica tense asentado en algunhas zonas de cría, parecendo remontar as súas poboaciós dende os anos 80, (data que polo que se vai vendo en tantas especies, representa unha inflexión positiva no declive do estado poblacional da vida salvaxe, ao mellor por unha xeneralización, ogallá que definitiva, do respeto á vida salvaxe). Doñana, coa colonia máis numerosa, o Delta do Ebro, o Río Antas en Almería e dous núcleos da Comunidade de Valencia, recuperaron arestora áreas de cría. Unha boanova que non deixa de incluir á especie, polo que a España representa, nas especies en perigo.

Os mazaricos mouros marcharan enfrente do paseo da lagoa, e alí os atopamos, remexendo en grupo compacto nunha pequena poza lamazenta que milagrosamente se conservaba esponxosa entre o areeiro amazacotado no que se tornou o fondo da lagoa. Non sei eu se isto terá amaño posible, pro debería; paréceme.

A luz non era moi boa, víñase á contra e o ceo toldárase, pro apoiando na varanda do paseo, entretiven o tempo en tentar conservar uns rexistros dos afáns deste fermoso grupo de Plegadis fascinellus que os días de marzo nos regalaran ao nororeste do Noroeste. Andaban tamén por alí a percura de lembranzas, Pepe Vidal e Xabi Prieto, con quen armamos, a catro bandas, un proveitoso conversar sobre o diviño, o humano e o natural. Horas coma estas veñan moitas.

Os mouriños, nen se movían da súa poza, pasou ao seu lado, con distancia prudencial e respetuosa un can, e nen caso lle fixeron. Chegouse a andar entre eles unha corvexa e regaláronlle doses de indiferencia, a mesma moeda en pago que cobrou unha papoia que se arrimou a ver que eran. Así con mansedume e confianza deron en acabar con todas as posibilidades alimenticias da coreña lameira, e en canto me viron descoidado, remontaron a voar e impedíronme facer un bonito videomínino do seu escuro voar ao contraluz sobre as escasas augas brilantes da lagoa, mentres collían rumbo sur por encima das pandas de Lago, marchando quen sabe se non para as lamas da  Malata ou as de  Xubia. Ate máis ver.








Vaian en paz en boa hora. Quédense  co meu agradecemento por me regalar un impensado tesouro de lembranzas que garderei coma ouro en pano de seda: xa me vou decatando de que ás veces a  miña feble memoria é máis firme ca as veleidades inestables dun disco duro coreano.

Mil gracias mil, miñas e meus, ogallá desfrutásedes coa presencia entre nós destes mouriños. Acredito teren unha educación e crianza acomodada, natural e civilizada. Non todos os mouriños son iguais.

A mandare.




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video


video


video
Mazaricos mouros en Valdoviño.


E van estes achegos:
a) Un estudo pormenorizado de Pablo Gutiérrez, no seu novo  blo Aves raras en Galicia. Todos os datos sobre as observaciós da especie dende o ano 1986.
b) Un PDF histórico, discorría o ano 1986. da "hoja informativa" Carrizal, do grupo naturalista ANABAM dando conta da primeira observación na Galizia do mazarico mouro .Premer se se quere.
c) Unha ficha sobre  a súa presencia  en Cuba.
d) Información ampla e rigorosa da correspondente ficha do Atlas y Libro Rojo de Vertebrados Ibéricos.

5 comentarios:

  1. Ola,
    está visto que pertencedes a unha terra privilexiada, o noroeste do Noroeste. Ogallá saibamos conservar eses espazos que, coa intervención de persoas coma ti, permítennos desfrutar das súas marabillas mais que sexa ao lonxe. Grazas.
    Sefa

    ResponderEliminar
  2. Benvida de novo, Sefa, sempre é un placer...moitas mercedes por tan xentís palabras que non sabes que azos dan. A ver se aprendemos a conservar o mundo, e non só ocnservar, compre xa empexar a melloralo e a amañalo de tanta desfeita sen control. Apertiñas, miña.

    ResponderEliminar
  3. Parabéns polas fotos, Rafa. Sobre todo a primeira do Cullereiro, certamente marabillosa.
    Como vos comentaba onte volvín por aló esta mañá; e tiven máis sorte coa luz. Aproveitei unhas raiolas de sol para sacar unhas fotos bastante chulas dos Mazaricos, que estaban moi cerquiña (acabo de colgar a entrada).

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Hola Maestro:
    Una genial entrada, como siempre.
    Bonita, la espátula, verdad.... Que envidia de melena. Ya me gustaría ese "pelazo" para mi.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  5. Moi abrigado con ambos os dous, meus señores; seguímonos vendo. Hoxe tirei pola banda de Ortigueira, pro mañá pola mañá se me ergo cedo, teño pensado volver pola lagoa a ver se teño oportunidade de miralos cara á cara.
    Apertas.

    ResponderEliminar