O galego, lingua que á beleza das cousas naturais xúgalle o recendo a viño vello do latín clásico, chama xencianas, sancianas, ancianas, xanzás, xenzás e aínda gonzas, ás varias especies do xénero Gentiana da familia Gentianaceae que se dan por estes eidos.
O xénero gentiana ten na Galizia tres especies que o representan: Gentiana lutea, Gentiana pneumonanthe e Gentiana verna. Todas elas especies protexidas, de particular e clásica fermosura e cun especial valor botánico.
Gentiana lutea, var. aurantiaca é planta con grande porte e donosía, exclusiva das altas montañas ourensás e luguesas, onde florea espectacularmente nos meses do vrao. Na Galizia non se dá fóra das montesías occidentais.
Gentiana pneumonanthe, a xenzá do outono, dáse, sempre sobre terreos silíceos, por todas as brañas do país galego; é planta pequena da que nace unha fermosa flor azul coa corola en funil. Na Capelada, no Forgoselo, na Faladoira é común e doada de ver.
Gentiana verna, a xanzá da primaveira, a protagonista desta entrada, florea nos altos cumios ibéricos, cantábricos e pirenaicos, entre os 1200 e os 2900 m., e na Galizia ten as súas únicas poboaciós coñecidas... ¡na Serra da Capelada! Nas pradas nosas un tesouro anil nas herbas. Un outro.
Esta illada colonia, (separada varios centos de quilómetros das máis próximas irmás asturianas e bercianas), non só representa a estrema occidental de expansión mundial, senón o límite en cota baixa, pois esta flor, de montañas outas, aparece na Capelada a tan só 300 m., no mesmo cantil, co roce diario do salseiro mariño, entre terreos ultrabásicos de peridotitas e non coma o resto das xanzás ibéricas en solos calcáreos. Asombrosas xencianas capeladas.
Ao noroeste do Noroeste florean decamiño. As primeiras de todas. A mediados do abril xa os cumes da Herbeira ou do Chao do Limo presumen chufós entre as cimeiras galegas da beleza anil, índigo puro, dos pétalos abertos das xanzás, Gentiana verna, que parolan daquela no ouzal co marelo das flores da calza do cuco, Narcissus bulbocodium. ( Gratia plena, Juanma)
Nas montañas cantábricas e pirenaicas, alumbra entre os prados alá para os meses do vrao, adiando a súa floración segundo rubimos, chegando a florear no adentro do agosto nas cotas máis outas da súa zona de distribución.
Xa non falta moito para que un ano máis a luz de mar e ceo que nace no adentro das xanzás alustre os prados do ouzal capelado. Ogallá teñades ocasión de tropezardes con elas. Haberedes de encher os ollos coa beleza azul da xanzá, unha estrela en terra, feita de retallos celestes e pingas de augamariña.
Aproveitar que nen abril nen a Capelada andan lonxe e irlles regalar unha ollada.
As xanzás volveranvos a fineza azuleando para sempre a cor das lembranzas.
Moitas mercedes, miñas e meus, agradecido.
Nota marxinal: nen que dicir ten que todos os santos son de Gentiana verna; de Gentiana pneumonanthe, por se hai quen queira mirala, hai unha imaxe na entrada "Ensaladiña natural á galega" de agosto do 2009 deste mesmo bló. E en Google imaxes, ducias.
Para ver unhas excelentes fotos descritivas da G. lutea, var. auranthiaca, dos Ancares lugueses, este achego
http://www.biga.org/Plantae/Galeria/Familias/Gentianaceae/Gentiana/Gentiana_auranthiaca.html
http://www.biga.org/Plantae/Galeria/Familias/Gentianaceae/Gentiana/Gentiana_auranthiaca.html
E para unha aproximación académica ao xénero Gentiana, estoutro de Flora Ibérica http://www.floraiberica.es/floraiberica/texto/borradores/vol_XI/11_130_00_Gentiana.pdf
Sabía delas (algunhas fotos debo de ter), e sabía que eran flores do seu xénero, pero nin idea da especie, nin moito menos que se tratara doutra das nosas rarezas da Capelada.
ResponderEliminarCerto que merecen unha visita, pero medo me da que non falte quen quera levar un recordo...xa sabemos o que hai no mundo.
Ao narciso sempre oín a meu pai chamarlle "calza do cuco", paxaro que tamén ten barbas que penso que xa enseñache nalgunha ocasión, e que debe de estar xa preparadiño para deixerse ver.
Saúdos
Miguel di:
ResponderEliminarBoa entrada, coa información xusta e sucinta para poder recoñecer esta fermosa planta, cando se poida ir por aló arriba, que agora o nordés faino un inferno.
Respecto ao carácter alpino desta planta, estaría ben que algún botánico nos iluminara sobre a causa da súa presencia a tan baixa altura (a túa teoría sobre a dureza da vida na Capelada non é descabellada, mais paréceme algo incompleta). Saúde e unha aperta.
Olá,
ResponderEliminarmui obrigado por deixar-nos ver as gencianas da Capelada, que eu só conhecia prensadas em herbário (e a verdade é que comparando com as tuas fotos, prensadas perdem a sua "alma"). Interessantísima esta planta, como toda essa flora mais ou menos orófila que aparece na Capelada, como a azedeira Rumex scutatus subsp. gallaecicus ou a Campanula rotundifolia, flora com morfologia sempre algo desviante do resto das populações da montanha. Por certo, que a Gentiana verna quase entra na "Galiza" tamém polo leste, ficando fora da fronteira da língua galega por uns escassos 7 km, nos Apóstoles do Bierzo.
Saudinho
Boas meus...
ResponderEliminarTamén a min me dan medo os arroubós, que existen claro que sí de rarezas botánicas, pero son xente que ben saben o que buscan e onde teñen que buscar, perfectamente informados, non son "choricillos de barrio"... un pequeno grupo de Centaurea borjae que nacera no desmonte chamado "circuito de moto cross" desaparexeu da noite a mañá ixando os ocos claros na terra onde estuveran seus pés.
...a aportación de "calza do cuco" como nome do bulbocodium é preciosa, por fermosa e única. Mil gracias mil. Vai xa incluída no artigo.
...vaia chamarlle teoría a unha opinión de paso é darlle moita categoría. pero dende logo a min tamén me gustaría escoitar algunha opinión científicamnete fundada sobre o porqué da existencia na Capelada de tanta flora de outa montaña...
...Rumex scutatus, Campanula rotundifolia, Centaurea borjae,Festuca brigantina...etc, certamente a riqueza de endemismos e rarezas da Capelada é unica...procurarei ir dando a coñecelas nas medidas das miñas posibiidades...xa supoñía que a xanzá non podería andar moi lonxe das fronteiras políticas actuais de Galizia, pero se se da a só 7 Km dela, de seguro que entra dentro das fronteiras da Lingua Galega...
Apertas para todos
Olá de novo.
ResponderEliminarSem ter a pretensão de a ninguém iluminar (como diz o meu tocaio), pois apenas sou um simples biólogo ao que lhe tenhem preocupado um pouco estes temas. Penso que a principal hipótese (que haveria que verificar) relaciona-se com as modificações nos rangos de distribuição de numerosos organismos, associadas às mudanças climáticas (glaciações e interglaciais) que acontecerom durante o período quaternário. Nos períodos mais frios é presumível que determinadas espécies, por exemplo as de nicho ecológico de óptimo centroeuropeu, viram possibilitada a ampliação do seu areal cara ao sul. Outras simplesmente desapareceriam das latitudes mais elevadas. Mas o que foi latitudinal, também foi altitudinal, e as zonas costeiras eram as que possuíam um clima relativamente mais morno nos períodos mais frios. Se esta hipótese for correcta, a minha impressão é que a costa galega constituiu um fundo de saco para diversos táxones, tendo uma certa função de refúgio glaciar. Uma vez que se incrementarom as temperaturas, a vegetação oceánica típica actual (ou semelhante) deveu de recuperar a sua pujança competitiva, substituindo a todas aquelas espécies para as que as novas condições já não eram as óptimas. Porém, algumas linhagens puiderom adaptar-se a condições de baixa altitude, especialmente aos areeiros costeiros (temos exemplos tamém na Costa da Morte, entre outras a Arenaria grandiflora, planta em geral de média ou alta montanha). Outras, manteriam certa vantagem competitiva em ilhas edáficas como as terras de rochas ultrabásicas da Capelada, que resultarom ajeitadas para a pervivência plantas orófilas de zonas preferentemente calcárias, como o Rumex scutatus ou a Gentiana verna.
Alternativamente, a presença destas plantas poderia dever-se a dispersões a longa distância de propágulos, mais ou menos recentes, achando nas serpentinas da Capelada um nicho válido onde prosperar.
Enfim, espero não ter aborrecido demais à parróquia do bló nem abusado do espaço que generosamente oferece o Rafael.
Só dous comentário mais.
ResponderEliminarRafael, a localidade de Gentiana verna, nos Apóstoles, fica bastante mais alô da fronteira da Comunidade Autónoma, mas só a sete quilómetros da aldeia de Vila Velha (pertencente ao concelho de Priarança do Bierzo), núcleo galegofalante ao pé do Castelo de Cornatel estremeiro com os territórios de língua originária astur-leonesa, que é onde se inserem Los Apóstoles. Sobre o nome jançã ou gençã, gostaria saber se é empregado na fala popular para as espécies pequenas de flora azul como a G. verna ou a abundante G. pneumonanthe. Perguntei a pessoas da zona da Costa da Morte, mas não lhe conheciam nome nengum. Talvez haveira que reservar o nome de gençã para a genciana maior, a G. lutea ... ?
Boas Miguel...de abusar do espazo ren de ren, é unha honra, moito gostosa, que nos fagas parte do teu saber e entender.
ResponderEliminarLamento non ter os coñecementos para poder analisar a túa opinión,( só son un destemido mestre de escola que fai pública a súa pasión pola Natureza) pero parece ben fundada. A presencia de relictos entendo que está comprobada e asentada na biblografía botánica.
Penso que tes razón na necesidade, non expresadda pero pareceme inmplícita no teu comentario, de precisar en galego os nomes das especies do xénero gentiana. Tampouco eu dei co ninguén, pola Capelada, que me poidese nomear a pneumonante ou a verna. Para o artigo escollín xanzá para a verna por puras razós estéticas. Se ves chamei xenzá a pneumonante, pensando en reservar o de xenciana para a lutea, semellábame máis longo e elgante, coma a mesma planta.Pero certamente non me guíaba senón por razós de capricho estético. En rigor xanzá e xenzá creo que son nomes dados a lutea nas terras da montaña, que é onde se da.
Paréceme que poseendo tres nomes da mesma raís para tres especies diferentes do mesmo xénero, podemos doadamente acordar en dar un diferente a cada unha,mentres non saibamos se a verna tiña nome de seu na Capelada, que xa que logo sería o seu verdadeiro.
Un saúdo meu, non perdas as mañas.
Olá Rafael,
ResponderEliminartenho escuitado pessoalmente a forma gençã para a G.lutea, a um home natural de Carvalheda de Val d'Eorras. Dixo-me que quando moço, hai cousa duns trinta e cinco anos, ia com a sua familia a apanhá-la perto da Pena Trevinca para preparar mencinhas.
Sobre a teoria da presença das plantas seguro que não todas siguem um padrão comum, e menos na Capelada, com esses ventos severos e essas névoas tão mestas que retém. Assim, suponho que muitas plantas montanas simplesmente é que se espalham até esta zona por acharem um nicho ajeitado e comparável ao da cordilheira Cantábrica, como o Iris, o Veratrum a Fritilaria e tantas outras, falo em especial das que não amossam variação morfológica.
Isto não é mais que parolada, vaia.
Um saúdo e obrigado polo teu trabalho.
Ola Miguel
ResponderEliminarDende logo se hai que atender a verdá da fala das xentes, xenzá é xanzá, corresponderíanse coa lutea, maiormente. Aínda que na Nomenclatura da flora vernácula galega( Losada, Castro e Niño, 1992) se ofrece como apelativo tamén para a pneumonante. Penso tamén na posibilidade de utilizar o nome xanciana,fermosísimo ao meu ver, e que foi recollido por Eligio Rivas Quintas en Frampas,contibución al diccionario gallego(1998) como outra forma de xencian. Atrévome a copiar a entrada completa, que seguramente coñecerás:
"Hierba medicinal de alta montaña; se aprovecha la raíz. Es de hoja escasa, carnosa, y de hermosa flor morada (Arnuide, Our.). La forma popular de la medicina es: raíz d'anciana (Vilar de Barrio, Rebordechau; Foncuberta, etc.). En Xinzo da Costa dicen sanciana. Viene del l. gentiana, vulgar en el gallego, y no solo en cat. y provenzal. En A Bara da Serra corre el refrán: Raíz d'anciana todo o sana, menos o mal da morte que é moi forte. (FrampasII)
O de " hermosa flor morada" non pode referirse a lutea, marela e laranxada,paréceme, non sei.
Saudiñas meu.
Certamente, já que ainda que há exemplares da variedade auranthiaca com as flores de ruivo mui acendido nunca seriam moradas. Haveria que comprovar em Arnuide, logo, se ainda fica memória da planta que chamavam anciana/xanciana. Nessa zona existem tanto a G.lutea como a G. pneumonanthe (há espécimenes no herbário SANT da USC)
ResponderEliminarPorém, bota uma olhada a esta outra entrada do dicionário de dicionários: http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=anciana&tipo_busca=lema
Aqui já fala de "alta montaña" e de "bella flor rosa" e tamém de Arnuide. Essa cor rosa bem puido ser roxa na boca da pessoa informante (temos em conta que se recolhe a voz vacilante xanciana/sanciana). E flor roxa, em galego, já poderia ser a da Gentiana lutea que há nessa parte da serra de Queija, isto é a variedade auranthiaca (ou roxinha).
É-che só uma opinião.
A miña é tamén que a maioría das veces, case que todas, queren falar da lutea, que por sere ben rechamante non poderçia quedar sen nomear e referir. As repetidas veces que fan alusión as propiedades medicinais da raís, da asimesmo a pensar na lutea.
ResponderEliminarEu, mentres non dé co nome, se o houber, da verna na Capelada, chamareille xanzá, a pneumonante xenzá e a lutea xanciana. Nada máis que por ter un nome diferente para cada especie e facerme entender algo mellor.
Saudiñas.