XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 14 de marzo de 2010

¡ Unha papoia rosa !

Na miña vida vira eu unha papoia (Larus ridibundus) coas plumas do peito e do ventre dunha esclarecida cor rosada, ate que este sábado que pasou, na tardiña das beiras do malpocado Lago de Lanzós nos prismas dos meus largavistas apareceu unha papoia rosada. Non parecía tinxida por nada artificial, a cor era claramente a da plumaxe, un rosa clariño e seguro.

Observada cos artellos rechamaba claramente entre as poucas outras que andaban a canda ela petiscando no fondo areento e desolado do lago. Tentei tirarlle algúns rexistros que poidesen dar fe do que miraban meus ollos. A distancia e a non moita luz, tanto como a miña escasa competencia, só me deixaron facer algo que con moita caridade se poida chamar fotos testimoniais. Afortunadamente non a mirei eu só. Hai testemuñas. Todas amilagradas, coma min.
As poucas fotos que poden ser ensinadas, con destemida desvergoña, non dan unha idea, ao mellor nen aproximada, da singular fermosura e rareza desta papoia. Quedan logo aquí, coa espranza de que alguén, agora avisado, a volva a ver e a retrate mellor.






Sabendo que a vosa liberal xenerosidade ha de saber escusar a torpedá da miña escasa habelencia fotográfica, hei de rematar tranquilo esta minimal entrada en rosas deslaimados, na confianza de que a vosa fértil maxinación recreará as cores que eu non souben cautivar.

Agradecido por tanto.

5 comentarios:

  1. Ola,
    a propósito da chorona rosa hai xentes que as viron polo Mediterráneo e quedaron tan "amilagradas" coma ti e en Chile falan dunha gaviota andina co peito rosa. Aí van os enderezos: http://svocuadernocampo.blogspot.com/2009/03/gaviotas-reidoras-rosadas.html
    http://www.avesdechile.cl/015.htm
    Éche ben bonita e estraña
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Obrigado polos achegos que mandas...moi suxerentes.A min paréceme unha Ch. ridibundus coa posible mesma dieta que as valencianas, se fose o caso que a alimentación nas marismas valencianas, polas razós que sexan,aparecen individuos rosados, poda ser que algún deles na súa volta ao norde para críar se desviase polo noroeste do Noroeste.
    A Ch. serranus andina paréceme imposible. Aínda que amitar sí que se amita.
    Un saúdo e moi agradecido polo teu comentario

    ResponderEliminar
  3. Boas rafael

    Non é raro ver ridibundus ad. co peito rosado coa plumaxe nupcial.
    eu aquí en cariño teño vistas unhas cantas,eso si´sempre ad.nupciais.

    Un saúdo

    Ricardo

    ResponderEliminar
  4. Hola Rafael:
    No pude contestarte antes; estoy liado con mis anillas...... Verás; por aquí es algo raro, si bien, no demasiado. Precisamente, días atrás, hablaba con unos compañeros "gavioteros" sobre el tema.
    En pocas palabras (a ver si me da tiempo a poner una entrada sobre el tema en mi blog). Esa pigmentación, es debida a la ingestión dde ciertos tipos de crustáceos; En nuestras reidoras, se ha comprobado que se trata de procambarus clarkii (Cangrejo Rojo Americano); Aquí, de momento se ven pocas aves "tintadas" porque este "invasor" esta relativamente poco extendido (De momento....). Los carotenoides (Astaxantina) que tienen estos cangrejos en su exoesqueleto, pasan a las plumas de algunas especies de gaviota y otras aves y las tiñen.
    Un saludo.

    ResponderEliminar
  5. Boas mestres...¡canto nivel colle este bló cos vosos comentarios! Mil gracias.
    Xa me decato de que teño moito que ir aprendendo,será fácil ton tan bós mestres( mestre é de quen se aprende, profesor o que ensina, iso din). Para min esta é a primeira rosa que vexo, daí a euforia do título e da entrada.Queda agora convenientemente tranquilizada.
    Antonio anímese a dar esa entradiña que será coma todas as súas sabedora e enriquecedora.
    Maxinaba que sería cousa da alimentación, pero non que fose por cousa do cangrexo americano. Pensaba en especies mais pequenas, aínda das que eu coñezo de por acó nengunha ten tantos carotenoides para imaxinar unha acumulación dos mesmos nas plumas. O cangrexo americano, en cambio, claro que sí as ten.
    E anda xa máis espaleado e abondoso do que parece( As Forcadas, están inzadas e en Cecebre, que coñezo menos, parece común).´Se cadra, aproveirando a collada, armo unha entradica con fotos deles andando entre os felgos do arredor das Forcadas.
    Reitero os meus agredecementos polas ensinanzas e por dedicar o voso tempo a enriquecer este bló.
    A ver se coincidimos no monte, que xa hai tempo, xa.
    Saúdos e apertas, Ricardo e Antonio.
    A mandar ,mestres.

    ResponderEliminar