Tempo de fiuncho e rosas, de augas criadoras e poucos calores. No meu pequeno mundo medran este ano, con forza e vizosía, algúns pés de fiuncho que por naceren en territorio privativo e de respeto están ceibes da matarrasa anual de gavias e rebordelas que os munícipes mandaricas cada primavera ordean con paixón caza votos e sen compaixón pola vida silvestre; e medran lonxe tamén das fouciñas piadosas que os segan sen misericordia pra amosar a súa piedade cristián estrándoas polo chan ao paso das santísimas procesións corpuscrísticas.
Queden acó estas imaxes dunha eiruga de macaón petiscando con moito gusto nunhas policas de fiuncho. Dende logo poideran ser moito mellores e moito mellor definidas, pero servidor chega a onde chega, non moi lonxe, e se ascaso parece chegar a algures podedes, sen medo a errar, dicir que o mérito é da cámara.
Ogallá os ventos dos días espantaren os feros gochos das bestas que ameazan a vida en paz de todos. Ogallá un raio de sabedoría poida aniñar algún día na conciencia das sociedades pra recriar un foco de luz que faga fuxir as sombras calladas de morte, medo e violencia que escurecen o vivir de cada día, de cada hora, de cada intre. Ogallá algún día non fixerán falla estes ogallás. Ogallá.
Ata outra mellorada, miña xente, seguir a ser bos que guapas xa sodes.
Apertiñas totus meus.
A mandare
Ningún comentario:
Publicar un comentario