XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 16 de maio de 2025

Letras ceives para quen queira lelas


 Admiro e moito ás mulleres da Area que están a desenvolver a organización da repulsa diante da desfeita do marouzón e a convocarnos para esta tarde a iso das 6:30, diante da praia, para expresar a nosa indignación; que é mais da que se poda contar por escrito. E ao tempo reclamar ou esixir que se paralice este despropósito que estamos a sufrir e contemplar.  Se elas mo permiten, quixera ter unhas palabras particulares para a deseñadora de Acento Galego, María de Ángeles de Catalina, digna filla de súa mai Ángeles da Gran Vía,  tamén muller da Area da que gardo boas lembranzas e coa que tantas veces teño cantado cancións antifranquistas revolucionarias naquelas festas farradas que tanto estilábamos nas longas noites de pedra.

Deben andar a facelo ben estas mulleres. Moi ben. A proba do algodón innecesaria é a resposta con fins desmobilizadores que baixo disfraz de nota informativa esta mesma mañá vén de dar a lume o Concello de Cedeira e  que foi inmediatamente replicada, como se estivese programado de antemán, polos habituais e ben subsidiados altavoces do poder. Non son poucos os ceareiros da sopaboba neste concello. Madialeva!

A nota desmobilizadora é un sucesivo rosario de  apariencias de verdade que, como se andivesen apuradas de máis, aparecen xa no mesmo título: As obras pretenden devolver a praia da Madalena e o seu sistema dunar ás súas condicións naturais. Tócate los cataplines Segismundo!! Devolver ás súas condicións naturais ao sistema dunar afirma coa boca chea a nota de propaganda política. Van eliminar a plaza da Revolta?? Van  quitar o xogo da calistenia?? O chiringuito??? O parque infantil?? O paseo e carretera a Sansidro?? Van eliminar o espigón para poder devolverlle por fin á praia as súas condicións naturais?? Mentres resista en pé todo iso, esquécete Manoliño de devolver condición natural ningunha, nin á praia, nin á ría nin a nada. A confundir ao teu rueiro.

A nota  fai un bo resumo das actuacións realizadas dende o ano 2001, 2009 e 2014 até a actualidade. Intervencións que sempre estiveron promovidas por "expertos" de Costas con tanto "éxito" que cada  oito anos os "expertos"  de Costas deseñaban un novo plan de actuación medioambiental que sabían estaba condeado a fracasar. Así até desmadrarse, supoño que de cabreo desesperado con eles mesmos, nesta nova actuación coa que  están acometendo ao marouzón e que vén a siñificarse como a guinda final explosiva dos exitosos despropósitos de Costas. 

A nota do Concello non ten empacho ningún en afirmar que esta actuación é "unha solución integral e definitiva" Integral e definitiva. Nada menos. Que valor, que coraxe, que osadía... que caradura. Definitiva!! Ten bemoles a afirmación. Definitiva. Non o cree ninguén, nin o cree Costas, nin o que redactou a nota. Pura palabrería de bufoneiro para consumo de adictos á causa partidista e votantes de poucas letras. Se vai ser definitiva ou octoanual xa o iremos vendo. De momento, nesta vida, só é definitivo que todo morre... e que as actuacións de Costas morren un pouco máis rápido que  todo o demáis. Oito anos de vida de media.

A nota do Concello alcanza valores de euforia desmedida rozando o delirio, cando afirma: "...as obras van permitir a recuperación da duna co obxectivo de devolverlle a configuración do ano 1956". Pero... este apunte escribiuse sen apoio de sustancias alucinatorias??? Do ano 1956...de hai 68 anos!! Un marouzón aquel onde aínda non había Plaza Roxa, había dunas de varios metros de alto onde hoxe está a entrada do pabellón do colexio, había un continuo de area ata os Catro Camiños e vivíamos noutro mundo onde o concepto cambio climático nin se imaxinaba. Ao estado de 1956??? A serio que esa frase paréceme só posible por influenza de algún tipo de euforizante. 

Todo este proxecto turístico playero disimulado pretende xustificarse, diante das previsibles iras da xente, travestido co loable fin de rexenerar o sistema dunar. Debemos negar inmediatamente a maior. Non existe en Cedeira dende hai moitos, moitos anos ningún sistema dunar. Se se pretendese rexenerar a serio o sistema dunar habería que plantexarse derrubar todo o ensanche até a Chousa. O que chegou aos nosos días non é un SISTEMA dunar que como o seu nome indica require un conxunto sistematizado de dunas diferenciadas: embrionarias, consolidadas, fósiles, trasduna, regas e/ou lagoa. Un similar esquema existente en case todos os areeiros de Galicia con lixeiras variacións locais. Penso que os visitei todos.

O que existía até só uns días, en que a maquinaria destrozadora de impulso municipal arrasou con el, era un PARQUE URBANO NATURAL con orixinalidades de seu asentado nun cordón de dunas que na zona máis ancha non tería alá dos cen metros, sendo moi xeneroso. Un parque urbano que, valoracións estéticas ao lado, criara por si mesmo e por fozadas humanas, un mundo biolóxico de seu en absoluto despreciable e que gardaba interesantes taxons botánicos, entomolóxicos e algo menos paxareiros e faunísticos. Un laboratorio a ceo aberto.

Algo falla de modo grave no pensamento conservacionista á hora de protexer a biodiversidade. Defender recriar un hipotético mundo ecolóxico  de pureza virxinal a costo de destrozar un mundo bióloxico realmente existente, orixinal e propio, nacido e desenvolvido lentamente ao longo de décadas, digno de estudo botánico, é propio de fanáticos idealistas, de talibanes dun ecoloxismo de manual  para adictos a discusións de cervexería, que non acepta que todos os seres vivos teñen un mesmo dereito á existencia. A vida dunha árbore (se de cincuenta anos máis), ten tanto valor e merece o mesmo respeto, e se me apuras máis, ca unha bolboreta, un rato ou un corvo. Na vida non hai extranxeiros. Cada un está vivo onde a historia o deixou vivir. Este mundo é de todos. Ben está que onde existan condicións naturais prístinas, ninguén vaia alí a plantar eucolitos, a criar parrulos de granxa, ciños de importación ou destrúa os bosques de ribeiras facendo sendeiradas. Era o que nos faltaba. Pero o noso marouzón non era un espazo natural virxinal, nin o vai a ser nunca. Era no meu sentir un fermoso parque natural urbano, orixinal e propio. Un capital botánico, paisaxístico e de lecer que Cedeira, e os seus visitantes, apreciaban como un dos seus máis valiosos tesouros, naturais e sentimentais. 

Pero mira ti que de camiño se lle ve o rabo ao demo. A nota de propaganda do concello tén a fachatez de afirmar que "para seguir conservando unha zona verde que aporte sombra ao longo do paseo e de conservar unha estética parecida a que existía antes" o Concello "solicitou autorización para repoboar con especies arbóreas e arbustivas autóctonas a zona máis proxima ao muro do paseo da praia" Impagable exercicio de cinismo descarado. Modélico. Que cara de formigón forrado! Vaia polas ánimas. Ou sexa que vai sementar a esgalla ESPECIES IMPROPIAS dun sistema dunar co fin de conservar unha estética que el mesmo acaba de destrozar precisamente co argumento de que había ESPECIES IMPROPIAS!. Marabilla de marabillas. Eso si, para mellor tragarmos esta cínica bobada, prométennos que  as especies serán autóctonas. Apareceu a palabra máxica emboba parvos: autóctonas. Uff, menos mal, son autóctonas, non pasa nada, son galegas fetén, de pedigri contrastado. Nin robinias americanas, nin tarais africanos nin eucalitos australianos. O que non sabemos é que especies impropias dun areeiro serán (sobreiras, carballos, bidueiros, biouteiros, freixos...?) porque eles tampouco o saben. Nin siquiera saben se Costas lles vai dar permiso. So sabemos que din que pediron permiso e ao mellor nin iso fixeron. Eu, vostedes me comprenderán, non podo fiar na palabra de según quen.

Vou rematando. A nota do Concello agradécese: dame máis azos para asisitir dentro dunhas horas á concentración convocada polas mulleres da Area.

Para outro momento queda comentar o innecesario  "encauzamento" do Condomiñas, nin que se desbordara cada ano, a area a aportar dende a Coruña ou os perniciosos efectos que ao meu entender vai provocar o salseiro e a area nos edificios de enfronte agora que non teñen quen os defenda do vendaval. Será se hai ocasión, noutra mellorada.

(Supoño que o abondoso mundo dos crédulos e inxenuos votantes relixiosos das causas gobernantes, en tragando a analséxica pastilla propagandística emiten un longo e repousado sospiro de alivo... que gusto... menos mal... o bon goberno que nos goberna que ben goberna... poderei volver a votalos sen que me remoa a conciencia... e así alixeirados do peso da culpa  adormecen lentamente e van soñando vivir en Villa Feliz de Babia). 

Vota ti que a min non me volven coller. 

Nin tirios nin troianos.

Que vos voten con chapapote.

Apertiñas miña pouca e ben querida xente.

Ser bos que guapas xa sodes.

A mandare.

PAZ   E   PALABRAS



Despós de Data (19-05- 25). 

Nihil novum sub sole. 
Un parente ao que lle gusta terme ao corriente do que pasa pola vila -sabe que vivo apartado- envioume un vídeo que se titula "Obras de rexeneración da Madalena". Vídeo furtivo e clandestino pois non hai ninguén que teña a educación  de firmalo. Non sabemos se o seu autor, quero dicir o pagador, é o Concello, o Ministerio de Transición Ecolóxica,  a Plataforma en Defensa da Ría, a sardiña sanandresiña... ou a Demarcación de Costas. O autor anónimo si parece ter a intención de que a Demarcación de Costas asuma a resposabilidade de todo: en encetando o video, nada máis empezar, no segundo 5, recordando os patios do cole, cita a este organismo como o autor do proxecto.  Ai!... non é meu... é de Costas...eu non fun!.

    NADA novo sob do sol, dende que íamos ao parvulario.

    O video anónimo non aporta novidade aclaratoria algunha con respecto á lamentable nota de hai uns días. Evita recordar iso sí a fonda metedura de pata de solicitar a plantación de ESPECIES IMPROPIAS, pero, no segundo 15 acusa a esa vexetación impropia que está solicitando plantar de ser a causante... (ao mesmo nivel ca o espigón, as edificacións, o estreitamento da canle do río, ou o muelle que leva á Punta, todas obras humanas)...  de que o sistema dunar non funcione como tal. 

    Por certo, díganme: qué especial foro de tolerancia teñen os  impropios tarais de frente ao colexio fronte aos tarais impropios que arrasaron nestes días polos marouzóns adiante?? Eu intúo un porqué: non os plantou a oposición. 

NADA novo baixo o sol.

   Dá risa a manía disneiniana de ilustrar os despropósitos con imáxenes de colorines. Inelegante maneira de intentar confundir a votantes iletrados e pouco reflexivos. Deberían saber que si enseñar a quen non sabe é unha obra de misericordia, enganar a inocentes é pecado mortal.  No segundo 59 aparece unha imaxe coa que se pretende demostrar que si, que se vai a conseguir un SISTEMA dunar cumplido con dunas diferenciadas. Graciñas por lerme. En faixa laranxa, na plenitude da area mollada, a lámina fala de duna primaria, entendo que quere dicir embrionaria ou pioneira: nunca unha duna, nin primaria nin embrionaria se formou na area mollada. Nin se formará. A area que aporten da Langosteira nesa zona, sábeno todos os nativos de Cedeira, dura media maretada. As outras zonacións: duna secundaria (dunas moveis) e terciaria (dunas fixas) requerirían para a súa formación, consolidación e desenvolvemento unha cantidade de territorio (e de tempo) que este proxecto non contempla. Se observamos que a plaia de area seca,  reservada para toallas, fútbol praia, voleibola e os máis deportes que han de vir,  acapara ela soa tanto espazo coma o conxunto  de dunas (pioneiras, moveis, fixas) entendemos a función do debuxiño: que o malpocado votante trague polos ollos. Da trasduna, das regas, da fraga de Freixido e da existencia, aínda hoxe, da memoria da vella lagoa falaremos se hai caso noutra ocasión.

    Este vídeo de autor anónimo, en comparanza coa nota escrita hai só unhas horas, con prudencia, rebaixa o tono dos resultados. De asegurarnos rotundamente que a reforma habería ser DEFINITIVA e INTEGRAL, retallando euforias, escribe que  BUSCA que sexa definiva, pero xa non afirma que o vaia ser.  No segundo 7,  moderando expresividades, recoñece que as obras  PROCURAN devolver o seu equilibrio natural, pero non que o vaia conseguir, porque ben sabe, sábeo calquera, que o equilibrio natural  non o vai  conseguir. Conseguirá, se o consigue, un equilibrio ARTIFICIAL. Agora quédame claro: estamos diante doutro experimento da Demarcación de Costas. 

NADA novo debaixo  do sol.

A partir do segundo 35, insiste, erre que erre Ramón, en que para recuperar a duna (así en singular) hanse de eliminar as especies impropias: pero non asume a responsabilidade da eliminación biocida e a mansalva de ducias de especies propias que SI  EXISTIAN. Entre elas as colonias de orquídeas. Para eliminar as especies impropias é esixible respetar as propias, escasas e típicas, TESOURO BOTÁNICO, e debería terse traballado con coidado,  manualmente, a mao, con tempo, con amor ao medio e a Cedeira, con técnicas existentes coñecidas por todo o mundo e non co mais destrozador dos procedementos: maquinaria de guerra de trincheiras. 

Cítase á Plataforma pola Defensa da Ría non sei se coa finalidade de taparse nela e dar a entender que a tal Plataforma,  disque formada por partidos e entidades,  está completamente a favor destas obras. Que sei eu! Si si ou se non. A Plataforma  poderá dicir o que atope pertinente. De existir arestora, claro. Sei iso si que persoas individuais que apoiaban, e non sei se  integraban, esa Plataforma xa expresaron publicamente o seu radical desacordo con esta desfeita. Non podía ser doutra maneira. Xente de valor e valer. 

NADA de novo ao sol de Cedeira.

En esencia  o video é algo similar a unha colección de escusas que refrenda aquel refrán sempre certeiro de excusatio non petita accusatio manifesta.

Imos deixar xear. Agradezo ao anónimo autor do video a súa realización e ao meu parente o seu envío. Déronme unha entretenida hora de escritura, na que varias veces se me veu á cabeza o NODO aquel. 

NADA novo sob do sol.  

Non todo vai ser estudiar ao meu estimado Martín Sarmiento. 









venres, 2 de maio de 2025

800 páxinas, e unha máis para un amigo

    Xa non estou preocupado polo que poda pasar co marouzón, a paisaxe ou a praia de Cedeira.

Agora estou triste, moi triste, profundamente triste. O ruxerruxe da maquinaria biocida tumbando as árbores da praia invade sen dar repouso o aire de Cedeira. Cruel veleno sonoro.

    Cando hai poucos días escribín a entrada titulada Van desfacer Cedeira????!!! non supoñía que habería de remexer un avispeiro de velutinas dispostas a sair fungando a picar con ansias degoadas na miña persoa. Eliminar ao informante, un clásico.

    Non esperaba o elevado número de lecturas que tivo en Cedeira esa entrada (máis de 1900 no momento presente) cando habitualmente son moitas, moitas menos, e de Cedeira aínda menos. (Esta que estás a ler pasa agora mesmo das 3150).  Sei de sempre que os lectores e lectoras deste blogue sodes maioritariamente de fóra de portas. Pero nesta ocasión os de Cedeira volcáronse: puiden así apreciar que non era o único desinformado, puiden así aquilatar que a campaña de información que se sigueu dende as entidades implicadas foi un fracaso; non sendo que en realidade se levase con tal grao de discreción que cumplira o éxito buscado: que non se nos entere ninguén que non sexa dos nosos.

    Tampouco esperaba que as dirixencias políticas aceptasen o razoable plan, sigo pensando o mesmo, de parar o inicio da desfeita, darse un tempo de reflexión e información e convocar un referendo para decidir entre todos que é o máis conveniente. Non o esperaba. Son demócratas al borbónico modo. Ese fardel non poden soltalo.

    Tampouco esperaba acertar tan de camiño nas présas que levaban: aceleraron o biocidio das especies vexetais e animais do marouzón  e  a seguir irán a esfuracar  para facer o  espigón ou escolleira. 

    Tampouco errei ao informar que a area de recheo habería de traerse dende as obras da Langosteira no porto exterior da Coruña.

    Tampouco esperaba acertar tan de pleno cando supuxen que se vislumbraban intereses inmobiliarios turísticos. Agora xa non se vislumbran: anúncianse.  O Sanjenjito do norte está servido. Madriles vide vindo.

    Non tiña moita esperanza en que os cedeireses e cedeiresas e as institucións e asociacións locais me fixeran caso e esixiran paralización, información e votación. Sei ben o que hai. Unha sociedade subsidiada. 

    Para máis si xa nin tan siquiera se chaman cedeireses, senon cedeirenses, parecerá razoable que non queiran vivir na vella Cedeira e prefiran unha nova Cedeiren que os represente. 

    Tampouco esperaba o elevado nivel de alporización dos membros do consistorio e dos militantes de cada causa. Uns para poñerme a parir, outros para xustificarse, outros para lavarse as maos e outros para decirme que eles tampouco están dacordo. Até un  membro do PP, con moita sorna, houbo de vir a decirme: No esperes nada del PP actual, son el PSOE azul. Agradecín o chiste, un sorriso sempre vén ben.

    Case todos eles me argumentaban o mesmo: hai un informe oficial avalado por expertos...  de 800 páxinas!!! e cando pronunciaban esta cifra, en todos eles apreciaba que ma botaban encima como unha proba irrefutable do seu alto valor científico... ben se sabe, cabalo grande ande ou non ande. Asimesmo todos me confesaron que non perderan o tempo en lelas... Calel, son 800 páxinas!!!. Non escoitei a ninguén decirme que  lera e estudara con atención o tal informe do "Proyecto constructivo y estudio de impacto ambiental de "Actuaciones en la morfología en la playa de la Magdalena en Cedeira (A Coruña) (15-0810).

    Un amigo a quen estimo e aprecio, máis se coubera pola súa anxélica inocencia, houbo de invitarme a un café e pasarme o enlace ao famoso informe, recoñecéndome que el non tiña moita idea do que alí se decía pois non tiña tempo a leelo e dalgúns apartados moi pouco coñecemento. Sinceridade que enternece e se agradece. Pedíame tamén que lle botara unha lectura (non sei porqué imaxinaba que estou máis desocupado e son máis coñecedor ca el) e que lle dera a miña opinión. Prometinlle facelo. 

    Aí che vai ela meu amigo.

    1) Seguramente por descuido na primeira liña do informe existe unha confesión alarmante. Xa digo: na primeira liña. Di así: "Las sucesivas ampliaciones del puerto de Cedeira PARECEN HABER CAUSADO un basculamiento de la playa de la Magdalena" (Páxina 6 do informe). Como que PARECE??? Non está contrastado ese basculamento, sexa o que sexa ese bascular??? Todo o informe vai a xirar en torno a un PARECER??? Pois parece ser que si.

    2) Agradécese a sinceridade de informar que donde fose necesario se aplicará GLIFOSATO. "En el caso de ser necesaria la aplicación de herbicida, este se aplicará con pincel y sellado con cera y la sustancia activa será el Glifosato"  (Páxina 16 do informe). Así, nunha plaia arrimada a unha reserva mariña van usar un herbicida polémico, sospeitoso de ser canceríxeno e sobre o que o grupo parlamentario Sumar en data 05/09/2024 presentou unha Proposición no de Ley sobre la prohibición del glifosato (162/000299).  Haberá por este concello quen ande encantado con usar glifosato?. Se teño que xuzgar polo uso anual de herbicidas na miña rúa, diría que si.

    3) Meu querido amigo, aquel espigón que me decías tería 70 centímetros de alto e calculabas coa palma da mao a ollo máis ou menos a súa ridiculez e decías que sería invisible ou case, no informe axigantouse de modo que non vexas ti o monstro que se criou, son 77,70 metros de longo e copipego do informe: "La cota de la base del espigón será la +0,5 m y la cota de coronación variará entre la +5,5 m y la +4,45 m (cota de la pleamar). Para alcanzar dichas cotas se llevará a cabo el dragado o excavación necesarioEl ancho de la coronación será de 3,5 m y el de la base variará entre los 18,6 m y los 11,72 m." Que me leve o demo se vexo os 70 centímetros por lado algún. O impacto paisaxístico de marea baixa vai ser definitivo; de marea alta o mar ha de esconder algo a fealdade da escolleira.  Pode que nas mareas vivas só queden 70 centímetros á vista.  Aí non che digo que non... pero de tres metros e medio de ancho!!!!

     Como é posible que nos tempos que corren en que o cativo máis inexperto é capaz de facer unha imaxe moi aproximada por intelixencia artificial, estes expertos informantes non nos ofrezan  unha representación vívida de como vai quedar??? Non lles interesa ou é que non saben ou é un proxecto tan vello que non tiñan as habilidades???  Sendo por outro lado que no estudo hai información gráfica abondosísima, tirada en boa parte de google e do libro dun tal López, que supoño será o benquerido Willi, qepd. E supoño que con permiso ou coñecemento dos herdeiros, naturalmente 

    4) O volume de area que se vai transportar dende "el Puerto Exterior de Langosteira de A Coruña" a Cedeira  é de.... 46. 723, 99 !!! metros cúbicos. Realmente unha barbaridade de area. Volve a pensar a cifra. Mira unha cousa; é verdade que no informe hai un exhaustivo estudio de granulometría, e se se elixe a da Langosteira é porque a súa medida, de todas cantas se analisan, é a máis parecida en tamaño á da ría de Cedeira e a máis doada de transportar por mar. Ben está, pero eu esperaba que en 800 páxinas poidera entrar tamén un estudo comparativo da composición química e mineralóxica das areas para poder elexir aquela que máis parecido tivese coas da nosa ría. Ao meu entender sería o criterio máis razoable dende un punto de vista ecolóxico. Os minerais como as plantas e os gobernantes son susceptibles de posuír aloctonía. 

5) É realmente notable e ben interesante, o estudo de mareas e ondas. Moi completo ao meu pouco saber na materia. Abundante en gráficos a toda cor, moi didácticos e explicativos e doados de entender; acompañados de fórmulas e ecuacións matemáticas bastante máis complexas que sen eu comprendelas de todo,  asumo como correctas; faltaría máis. O que me deixa confuso e pensativo son as conclusións finais: 

    "Tras la realización de los estudios de dinámica, las principales conclusiones obtenidas son que, en base a los resultados obtenidos del estudio de dinámica litoral realizado, se puede considerar que no existe repercusión significativa en las corrientes que se producen en la playa de la Magdalena ni en la playa de San Isidro. De los resultados gráficos obtenidos, se deduce que la no afección del encauzamiento al patrón de corrientes de dichas playas parece ser debido al avance diseñado para la nueva línea de costa en la playa de la Magdalena". (Páxinas 78 e 134 do informe,  por duplicado) 

Coma pouco, sorprendentes. Despois de todo, da desfeita natural e paisaxística e do gasto público... esta obra... non vai supoñer un cambio significativo nas correntes da plaia????. Como????  Daquela... para que se fai??? E seguen as conclusións:

"Por otro lado, respecto a los oleajes, tampoco se aprecian variaciones significativas tras la actuación proyectada y cabe destacar las zonas de concentración generadas en la zona de estudio debido a la reflexión del oleaje en los contornos de la ría, generando aumentos locales de altura de ola(Páxinas 78 e 134 do informe, o mesmo texto  por duplicado) 

Efectivamente as alentías amontoadas que observamos cada ano no adentro da ría que tanto nos amilagran e nos dán que mirar  e que na nosa infancia non se criaban... pois van a seguir existindo!!!!. Este proxecto el mismo o confesa, non soluciona este asunto.

6) Sendo a análise de mareas e oleaxe, detallada e ampla o informe ten unha ausencia só explicable por que  o fixera un experto alóctono, quero dicir de fóra de portas. Ese baleiro, que eu entendo grave e se me apurases invalidante, é a non presenza dun estudo dos ventos dominantes e o seu comportamento anual. Explícome: é de primeiro de xeografía básica universitaria, que a conformación dos desertos e os marouzóns, ou se prefires sistemas dunares, non pode ser cabalmente explicada nin comprendida se non se fai unha análise dos ventos dominantes e da súa dirección de empuxe. De sentido común primario: as areas en terra son movidas, e trasladadas, moito máis que pola mareas,  polos ventos. Na nosa ría a formación do marouzón dependeu dende sempre do xogo entre o nordés do vrao que empuxaba as areas ao mar, todos as sufrimos na infancia, e o vendaval de inverno que as empurraba para terra. A circulación xeral dos ventos non cambiou, pero agora, dende hai moitos anos o nordeste ten dous freos importantísimos de causa antrópica: a) A grande murada de eucalitos que rodea toda a ría, de 30 metros de alto e kilómetros de lonxitude e anchura. b) O formidable muro de edificios de cinco pisos da estrada a Sansidro que actualmente encinta case todo o marouzón. Así é que dende hai tempo, moitos anos, o nordeste non pode  traballar tan a rás de chao como traballou durante toda a historia. Imposible.  Polo contrario o vendaval non sufríu alteración algunha na altura da súa circulación nen atopa un freo á súa forza de empuxe. Traballa sobre o marouzón coa forza de sempre, senón máis. Así se poden entender as causas, sinxelas e mecánicas,  de  como foi posible que se formara ese muradón  na primeira liña da plaia: por acumulación das areas, freadas ao tropezar coa Ammophila arenaria; planta que era moi rara no areeiro e da que, ben me lembro, plantáronse adrede centos de pés para reter por simple choque ás areíñas que arrastraría o vendaval. Así é como se foron acumiando no alto da "duna" que medrou lentamente ano a ano.  Éxito total da idea do enxeñeiro de Costas, teño que recoñecer. Este teu amigo, alumno especial de don Francisco Río Barja, qepd, nunca deixou de  observar en vivo as leccións do mestre, dende a xornada aquela do ano 1973 na que, en aulas de Compostela, lle dixo: "La ría de Cedeira está ya practicamente colmatada, Rafael. No deje de observarla usted con atención".  

7) Unhas poucas palabras sobre a análise naturalista do informe. Concordo, non pode ser doutra maneira en que o marouzón que queda está profundamente alterado. De feito o ensanche de  Cedeira está edificado encima do seu sistema dunar. A presenza actual de especies impropias, Populus sp., Tamarix sp., e Robinias pseudoacacias é consecuencia da plantación recomendada hai cerca de oitenta anos polos expertos de Costas daquela hora. Hai fotos documentais. Esas especies co paso das décadas acabaron naturalizándose, adquirindo porte arbóreo e conformando por si mesmas un biotopo particular con importantes valores medioambientais e de beleza singular. Un orixinal parque ao natural con carácter urbano que a min, e a moitos cedeireses e cedeiresas, parecíanos ben fermoso.  

A análese naturalista do proxecto, por escribir unha palabra amable, é penosa. Recoñece unha soa visita!!!  un 25 de xuño. "Para ello, se realizó una visita el 25 de junio a la zona de estudio y se caracterizaron los hábitats presentes en la zona de actuación". Así podemos entender porqué as biólogas firmantes, de seu nome non quero acordarme, non foron capaces de discernir a presenza dunha rica variedade de orquídeas. Neste blogue tense informado e presentado fotos da presenza de Ophrys bicolor (moi rara por noutrures), Ophrys apífera, Serapias parviflora, e Dactylorriza elata (orgullo do norte galego). Ningunha delas se cita no informe como existentes no areeiro cedeirés. Esta ausencia, por si mesma, invalida o informe de todo puntoComo non detectaron as colonias de orquídeas??? Pero non son as únicas ausencias graves: tampouco aprezan as Orobanche hederácea, valioso e espectacular taxon, propio do norte da Galicia que enorgullecía os céspedes de hedra, probando que cos anos o noso marouzón estaba a criar, tiña criado xa, un mundo botánico, orixinal e de seu. Tampouco detectaron nesa "visita" as Linarias aguillonensis presentes, ben que raras, valioso endemismo PROTEXIDO, nen detectaron a fermosa Romulea clusiana, claro que esta sae entre marzo e abril, e a única visita foi un 25 de xuño. Iso sí, con cinismo redoblado no informe dise: "Linaria polygalifolia subsp. aguillonensis (En peligro de extinción): Planta perenne que vive en acantilados y arenales costeros. En la población de Cedeira vive en acantilados serpentiníticos y peridotíticos. También puede estar presente en playas en dunas semifijas. En las playas la construcción de paseos y acondicionamiento representan una amenaza potencial muy importante. Otra posible amenaza potencial es la hibridación con Linaria polygalifolia". Pero non souberon ou non quixeron vela. No seu descargo dicir que non todos os anos se deixa ver. Vai e vén. Así é que nas conclusións  afirman que as obras non representan perigo algún para a biodiversidade botánica. Non hai cego máis cego que o non quere ver.

Non existe no informe ningún catálogo de especies vexetais existentes observadas, e no noso marouzón hainas a ducias, sirva de botón a fermosa Bellardia trixago. No informe preséntanse, iso si, unha lista de especies que consideran non propias dos sistemas dunares. Entre elas Rumex bucephalophorus, Salsola kalli, Lagurus ovatus ou Laurus nobilis. En Galicia non coñezo ningún sistema dunar que non as crie. No caso do rumex, as redactoras deberían saber  que se chama labaza das areas. E area, en galego, significa por  plaia. No caso dos loureiros,  aparecen na trasduna de todos os marouzóns prósimos, vai a Vilarrube ou a Ortigueira. E en Cedeira están a recriarse espontánea e naturalmente, como corresponde. Non sei onde aprenderían as redactoras do informe que Salsola kalli non é planta dos sistemas dunares, cando é natural da primeira línea dos esteiros, propia de ambentes salinos intensos e sempre hai algún pé que aparece de modo natural e ventureiro entre os primieros cabedelos do marouzón. 

Un exemplo da pobrísima calidade naturalista do informe é que na única "visita" a zona de estudio, asómbrate meu amigo... só detectaron tres artrópodos!!!!!!! Só tres insectos!!!! De broma de mal gusto en estado puro. Nin tan siquera unha perdida bolboreta ou os cascudos, esa especie tan pegada os xogos da infancia no marouzón, escarabajos sanjuaneros, en castelán, que por iso nesa data andarían revoando!!!!. 

E de paxariños que  peteirasen polo marouzón, non apreciaron ningún!!!. Cero pataqueiro. Que che parece?? Nivelazo naturalista. Nivelazo.

E para que finalmente te podas facer unha idea cabal do nivel de coñecementos que exhibe  este informe  direiche que das dúas especies  alóctonas, invasoras e, o que é peor, inzadoras e perigosas para o mantemento da biodiversidade Carpobrotus edulis, uña de gato, e Arctotheca calendula que están ambas a desmedrar de modo abusivo,  (no caso da última aínda invadindo o céspede da plaza Roxa e de Pénjamo), pois ben, ningunha delas, pásmate meu amigo, ningunha delas... figura no informe!!!!!!! 

Vou abreviar que xa logo é hora. O marouzón de Cedeira, cos anos, foi criando un mundo biológico propio, en absoluto despreciable, ben ao contrario, onde se foron asentando unha biodiversa mistura de especies vivas que lle conferiron unha singularidade propia. Non é un "sistema dunar" modélico, propiamente non existe ningún por Galicia adiante, pero si era, escribo en pasado e doe, un sistema biolóxico rico, orixinal e con valores de seu que só unha mentalidade iñorante, amiga de arrasar a vida,  amante do biocidio, unha mente que por cerebro ten cemento, pode considerar que a súa eliminación é un adianto modernizador progresista. Imos de ceacú. Meu amigo, non me busques entre eses progresistas. Hai tempo que abandoei as filas relixiosas dos adoradores do Progreso e camiño case en solitario os carreiros que me levan de Regreso.

    Promover o exterminio  biocida do marouzón e dun grado tal de falta de educación e respeto á memoria colectiva, insensibilidade natural e barbarie cultural, que  tal vez só se poda entender se imaxinamos que un consistorio de tolos promovese talar o piñeiral dos morouzos de Ortigueira ou o de Cabanas, seren, que o son, especies alóctonas, impropias dun sistema dunar e ter sido plantados hai cen anos por  progresistas daquela hora. Pensar que só os sistemas dunares prístinos e inmarcesibles  teñen dereito a existir obligaría a eliminar todos os existentes. Nun grado ou noutro todos teñen as súas particularidades propias que a historia persoal de cada un lles foi concedendo. Creer que existe unha paisaxe natural pura, é dun idealismo celestial propio de quen vive nas nubes e non entende nin entenderá nunca que a paisaxe é sempre cultural.  O que quedaba do noso areeiro era como a historia o foi criando, e non como lle gustaría que fose a un dogmático experto burocrático de gabinete e biblioteca. Xa a tala dos fermosos eucalitos mozarróns  foi un despropósito  nunca ben explicado nen entendido non sendo polo precio da rolla. 

 8) Preocúpase o informe das 800 páxinas polo impacto paisaxístico e avalíao en varios momentos (é unha característica das 800 páxinas, repítense as análises por repetilas, parece ser que para encher por encher: cabalo grande) tendo a destemida osadía de afirmar: "En rasgos generales, estos recursos paisajísticos se verán afectados de manera beneficiosa"Pero quéresme creer que en 800 páxinas non existe un só comentario sobre a desaparición da atractiva frente arbórea e a súa suplantación pola aparición dunha paisaxe de edificacións urbanas?? Nin ningunha opinión sobre a alteración que na imaxe paisaxística de Cedeira vai provocar o espigón escolleira que tapará por forza a visión da plaia dende a vila??? "estos recursos paisajísticos se verán afectados de manera beneficiosa". (Páxina 35 do informe) A min os enxeñeiros de Costas ás veces parécenme soberbios Luzbeles pretendendo mellorar a obra de Deus. A serio.

9) As 800 páxinas son moitas, verdade é, e moitas delas, como as adicadas ao estudio dos áridos da Langosteira moi coñecedoras e interesantes, entre outros aspectos, polas análises de metais pesados que conteñen, (cadmio, cobre, arsénico, chumbo, mercurio, níquel... etc) e que serán deitadas na ría, pero non nos asustemos,  se lle habemos facer caso o informe, todos os niveis están por baixo do legalmente permitido. Tamén é verdade que ducias de páxinas son de recheo, obrigadas a seguir un protocolo establecido, tirando para diante por tirar, aplicables a calquer informe de calquera sitio con moi leves modificacións; tal, as que estudian... os perigos dun maremoto en Cedeira!!!. 

E para máis, redactadas (por incapacidade ou adrede?) nunha linguaxe vacua e asignificante, do estilo desta que che copio, para que si tes un momento de lecer  te entreteñas con ela e entendas da que te libraches ao non lelas: "Aplicación de multimedidas genérica (sic)  para atenuar en lo posible el deterior (sic) del confort ambiental del entorno de la actuación" (Páxina 223 do informe).A linguaxe como ferramenta para o adormecemento da intelixencia. Puro opio infumable. Gharambaina de mal camello.

10) Nada se dí dos restos das paredes que todavía se conservan e se poden ver das antigas fábricas de conservas, neta arqueoloxía industrial, a pesar de gastar páxinas e páxinas en analisar, moi por riba iso si, os restos arqueolóxicos do concello (Castillo, Sarridal, castro das Croas, casco medieval...etc) solo para demostrar que se atopan tan lonxe que non van ser afectados polas obras.  Os expertos informantes nin se enteraron  dos restos das paredes da vella fábrica. 

11) Asegúrase que se lle pediron informes a ADEGA e a AMIGOS DA TERRA e afírmase que esas respostas das asociacións ecoloxistas están incluídas como apéndice ao informe. Deberían estar: pero entre as 800 páxinas non aparecen. Estarán saberán os informantes onde. E bon interés que tiña eu en lelas. E teño. Abofé que si. 

Con brevidade heiche dicir a miña opinión: o proxecto é exclusivamente playero. Sen dúbida algunha. Confésase o obxectivo sen rubor varias veces ao longo do proxecto: trátase de aumentar a líña de playa seca, así lle chama en castelán choído (como está todo o proxecto por outra parte), baleirando case 50.000 metros cúbicos de area diante da praza Roxa para maior groria do pousadoiro de toallas e exhibición pública de músculos e micheliños. E tamén sen roibor confesa que se vai desfacer o marouzón para aumentar 55 metros (Páx. 16) o espazo de playa seca. Así os promotores inmobiliarios poderán publicitarse a pié de playa.  Desarrollismo turístico nun mediterráneo franquista. Calcado.

Resumindo. Non se vai modificar o rexime de movimento das ondas do mar que ano a ano seguirán tendo o mesmo comportamento dinámico que teñen hoxe;  por iso, pénsase ir controlando como vai evoluíndo o retroceso da playa seca, inevitable asegúrase, para ir tomando as medidas correctoras que houbera que tomar. Non existe ningunha idea rexeneradora dun sistema dunar. É unha escusa de mal pagador. Un falso aparente para consumo de desinformados desleídos. As cinco especies vexetais que din que van plantar (no pouco areeiro que deixan) é outro chiste de mala risa. Tremenda biodiversidade!!! Cinco especies!!! En algo máis de tres ferrados!!! A idea única que sostén este proxecto é facer un espazo de playa seca a maior groria de atoallados, gozo de turistas e disimuladas risas inmobiliarias.

Meu amigo para a vella clase senatorial cedeiresa, aqueles que fumos xuntos aos escolares e xogamos nas Cataratas, a destrución a matarrasa do último alento do noso marouzón só podemos sentila coma unha morte traicioneira. De difícil perdón e imposible esquezo. Unha patria aniquilada. Morta de morte matada. Outra máis. Que duro é vivir en Galicia ás veces, ti ben o sabes. Aquí parece que sempre gobernan os mesmos.

No punto remato meu amigo, xa non che quito máis tempo. Aí queda a palabra empeñada e agardo que non cumprida de máis. As 800 páxinas xa non ten sentido que as leas. Ningún. Ler esta outra páxina ao mellor tampouco. Lendo ou sin ler, o biocidio xa está en marcha e presente a cada instante dun modo burlón, despreciativo e incesante, invadindo o aire de Cedeira cun constante ruxir de risas renxentes, de maquinaria destrozadora, que nos recordan que están torando a existencia dalgunhas das cedeiresas máis vedrañas e indefensas e de paso arrasando o edén de vidas miúdas que medraba ao seu pé. 

Manda descanso, meu amigo, que xa o vas merecendo.

 Forte aperta. 


(O Movemento Vitalista das Terras do Mundo, comunícame que para non deixar perder a memoria de tan infausta data de eliminación e exterminio biocida do marouzón da Madalena declara, de hoxe e para sempre, ao  día 29 de abril,  Día Imbécil e Escuro de Cedeira

Apertiñas miña pouca e ben querida xente.

Sei que saberedes disculpar que este discorrer, por primeira vez na historia do blogue vaia fundido en negro. Ben sei que o entendedes. 

O voso loito é o meu loito. 

A mandare. 

PAZ  E  PALABRAS.

Despós de Data (11-05-25). Escusádeme pero nesta ocasión tomei a decisión de non publicar comentarios que non vaian ben identificados e se presenten de frente e por dereito. Graciñas a Anxo, Marta e Marina pola súa sinatura e aos lectores que figuraban como anónimos ou descoñecidos prégolles que non o tomen a  desconsideración a eliminación dos seus comentarios. Non pode ser, ben se entende, nada persoal. Agradecido pola comprensión. Unha aperta Xabi. A mandare.

Despós de Data (12-05-25). Quedo obrigado con cantas persoas me están a envíar comentarios anónimos agradecéndome a información. De nada, non hai porqué:  obriga de conciencia dun cedeirés vello. Cada un que actúe como o seu corazón lle dicte. Lamento que teña que ser un blogue case sen lectores quen ofrecese á veciñanza a información que deberon dar, clara, aberta e sen eufemismos lingüísticos, as autoridades promotores desta retolada sin sentido algún. Graciñas pola comprensión. A mandare.

Despós de Data (13-05-25). Sinto unha profunda admiración e envexa pola capacidade da clase política para saber o que pide o pobo. Entre os meus poucos talentos non figura esa sabiduría. Non sei como hai quen sabe que o pobo "pide explicacións". As únicas palabras das que son conscente que expresan a opinión de parte do pobo, tampouco de todo, é o texto da campaña SALVEMOS as dunas, CONSERVEMOS os nosos marouzós que a admirable muller da vila, María de Ángeles de Catalina puxo a disposición libre de quen quixera avalalo coa súa sinatura. Eu son un máis entre os 1330 que na hora presente refrendou a súa iniciativa. Esa parte afirmante do pobo, non pide explicacións: pide SALVAR OS MAROUZÓS. Non sei ao resto dos asinantes, pero servidor habería de escoitar con respeto e atención á clase política cedeiresa despois de que detiveran esta barrabasada contranatura. Para daquela encantado e feliz de escoitar as explicacións de TODA a clase política responsable: uns por acción, outros por inacción.

Despós de Data (16- 05- 25). Fe de despistes. Debería ter achegado na primeira escrita as referencias ás páxinas pertinentes do informe para poder dar fe de veracidade do que acó se escribe. Achéganse agora, para facer máis azosa a rebusca das citas aos agora si numerosos consultores do Informe das 800 páxinas. 

Logo dun novo repaso ao enrevesado e labiríntico informe, buscando erros, imprecisións ou inexactitudes que se poideran ter acobillado nesta entrada dei en modificar tamén o número de especies a plantar: de 3 a 5. E acó preciso cales son: Cakile marítima, Ammophila arenaria, Elymus  farctus,  Crucianella maritima e Calystegia soldanella que popularmente chamamos cadrifollo. Desgraciadamente seguen a perder por goleada diante da diversidade que existía. 

Igualmente advirto que non son 30 os metros de playa seca que se pretenden crear... senón 55 !!!. Ambas dúas inexactitudes están xa rectificadas

Ao tempo engado unha imaxe da alternativa 3 que debería ser a que se está a executar, imaxe que aparece  nas páxinas 17, 38 e 237 do informe.



Apreciades como aprecio eu, que se deben deixar un bó número de árbores sen torar e duna sen alterar?????? Xusto na faixa fora das lindes remarcadas que está arrimada ao paseo, dende o colexio até a Revolta. 

E xa que preguntar de momento non é delito: quen vai mercar ou xa mercou a madeira torada? Quen mercou as rollas de eucalito da zona do camping? Foi un emprendedor local?? Unha promotora da celulosa de ALTRI?? Fíxose en subasta pública?? En convenio privado??? 

Eu non teño respostas. Eu, que so sei que nada sei, únicamente teño preguntas e unha certeza: a escuridade informativa e a estimulante mai dos díxome díxomes.