XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 2 de maio de 2025

800 páxinas, e unha máis para un amigo

    Xa non estou preocupado polo que poda pasar co marouzón, a paisaxe ou a praia de Cedeira.

Agora estou triste, moi triste, profundamente triste. O ruxerruxe da maquinaria biocida tumbando as árbores da praia invade sen dar repouso o aire de Cedeira. Cruel veleno sonoro.

    Cando hai poucos días escribín a entrada titulada Van desfacer Cedeira????!!! non supoñía que habería de remexer un avispeiro de velutinas dispostas a sair fungando a picar con ansias degoadas na miña persoa. Eliminar ao informante, un clásico.

    Non esperaba o elevado número de lecturas que tivo en Cedeira esa entrada (máis de 1900 no momento presente) cando habitualmente son moitas, moitas menos, e de Cedeira aínda menos. (Esta que estás a ler pasa agora mesmo das 3150).  Sei de sempre que os lectores e lectoras deste blogue sodes maioritariamente de fóra de portas. Pero nesta ocasión os de Cedeira volcáronse: puiden así apreciar que non era o único desinformado, puiden así aquilatar que a campaña de información que se sigueu dende as entidades implicadas foi un fracaso; non sendo que en realidade se levase con tal grao de discreción que cumplira o éxito buscado: que non se nos entere ninguén que non sexa dos nosos.

    Tampouco esperaba que as dirixencias políticas aceptasen o razoable plan, sigo pensando o mesmo, de parar o inicio da desfeita, darse un tempo de reflexión e información e convocar un referendo para decidir entre todos que é o máis conveniente. Non o esperaba. Son demócratas al borbónico modo. Ese fardel non poden soltalo.

    Tampouco esperaba acertar tan de camiño nas présas que levaban: aceleraron o biocidio das especies vexetais e animais do marouzón  e  a seguir irán a esfuracar  para facer o  espigón ou escolleira. 

    Tampouco errei ao informar que a area de recheo habería de traerse dende as obras da Langosteira no porto exterior da Coruña.

    Tampouco esperaba acertar tan de pleno cando supuxen que se vislumbraban intereses inmobiliarios turísticos. Agora xa non se vislumbran: anúncianse.  O Sanjenjito do norte está servido. Madriles vide vindo.

    Non tiña moita esperanza en que os cedeireses e cedeiresas e as institucións e asociacións locais me fixeran caso e esixiran paralización, información e votación. Sei ben o que hai. Unha sociedade subsidiada. 

    Para máis si xa nin tan siquiera se chaman cedeireses, senon cedeirenses, parecerá razoable que non queiran vivir na vella Cedeira e prefiran unha nova Cedeiren que os represente. 

    Tampouco esperaba o elevado nivel de alporización dos membros do consistorio e dos militantes de cada causa. Uns para poñerme a parir, outros para xustificarse, outros para lavarse as maos e outros para decirme que eles tampouco están dacordo. Até un  membro do PP, con moita sorna, houbo de vir a decirme: No esperes nada del PP actual, son el PSOE azul. Agradecín o chiste, un sorriso sempre vén ben.

    Case todos eles me argumentaban o mesmo: hai un informe oficial avalado por expertos...  de 800 páxinas!!! e cando pronunciaban esta cifra, en todos eles apreciaba que ma botaban encima como unha proba irrefutable do seu alto valor científico... ben se sabe, cabalo grande ande ou non ande. Asimesmo todos me confesaron que non perderan o tempo en lelas... Calel, son 800 páxinas!!!. Non escoitei a ninguén decirme que  lera e estudara con atención o tal informe do "Proyecto constructivo y estudio de impacto ambiental de "Actuaciones en la morfología en la playa de la Magdalena en Cedeira (A Coruña) (15-0810).

    Un amigo a quen estimo e aprecio, máis se coubera pola súa anxélica inocencia, houbo de invitarme a un café e pasarme o enlace ao famoso informe, recoñecéndome que el non tiña moita idea do que alí se decía pois non tiña tempo a leelo e dalgúns apartados moi pouco coñecemento. Sinceridade que enternece e se agradece. Pedíame tamén que lle botara unha lectura (non sei porqué imaxinaba que estou máis desocupado e son máis coñecedor ca el) e que lle dera a miña opinión. Prometinlle facelo. 

    Aí che vai ela meu amigo.

    1) Seguramente por descuido na primeira liña do informe existe unha confesión alarmante. Xa digo: na primeira liña. Di así: "Las sucesivas ampliaciones del puerto de Cedeira PARECEN HABER CAUSADO un basculamiento de la playa de la Magdalena" (Páxina 6 do informe). Como que PARECE??? Non está contrastado ese basculamento, sexa o que sexa ese bascular??? Todo o informe vai a xirar en torno a un PARECER??? Pois parece ser que si.

    2) Agradécese a sinceridade de informar que donde fose necesario se aplicará GLIFOSATO. "En el caso de ser necesaria la aplicación de herbicida, este se aplicará con pincel y sellado con cera y la sustancia activa será el Glifosato"  (Páxina 16 do informe). Así, nunha plaia arrimada a unha reserva mariña van usar un herbicida polémico, sospeitoso de ser canceríxeno e sobre o que o grupo parlamentario Sumar en data 05/09/2024 presentou unha Proposición no de Ley sobre la prohibición del glifosato (162/000299).  Haberá por este concello quen ande encantado con usar glifosato?. Se teño que xuzgar polo uso anual de herbicidas na miña rúa, diría que si.

    3) Meu querido amigo, aquel espigón que me decías tería 70 centímetros de alto e calculabas coa palma da mao a ollo máis ou menos a súa ridiculez e decías que sería invisible ou case, no informe axigantouse de modo que non vexas ti o monstro que se criou, son 77,70 metros de longo e copipego do informe: "La cota de la base del espigón será la +0,5 m y la cota de coronación variará entre la +5,5 m y la +4,45 m (cota de la pleamar). Para alcanzar dichas cotas se llevará a cabo el dragado o excavación necesarioEl ancho de la coronación será de 3,5 m y el de la base variará entre los 18,6 m y los 11,72 m." Que me leve o demo se vexo os 70 centímetros por lado algún. O impacto paisaxístico de marea baixa vai ser definitivo; de marea alta o mar ha de esconder algo a fealdade da escolleira.  Pode que nas mareas vivas só queden 70 centímetros á vista.  Aí non che digo que non... pero de tres metros e medio de ancho!!!!

     Como é posible que nos tempos que corren en que o cativo máis inexperto é capaz de facer unha imaxe moi aproximada por intelixencia artificial, estes expertos informantes non nos ofrezan  unha representación vívida de como vai quedar??? Non lles interesa ou é que non saben ou é un proxecto tan vello que non tiñan as habilidades???  Sendo por outro lado que no estudo hai información gráfica abondosísima, tirada en boa parte de google e do libro dun tal López, que supoño será o benquerido Willi, qepd. E supoño que con permiso ou coñecemento dos herdeiros, naturalmente 

    4) O volume de area que se vai transportar dende "el Puerto Exterior de Langosteira de A Coruña" a Cedeira  é de.... 46. 723, 99 !!! metros cúbicos. Realmente unha barbaridade de area. Volve a pensar a cifra. Mira unha cousa; é verdade que no informe hai un exhaustivo estudio de granulometría, e se se elixe a da Langosteira é porque a súa medida, de todas cantas se analisan, é a máis parecida en tamaño á da ría de Cedeira e a máis doada de transportar por mar. Ben está, pero eu esperaba que en 800 páxinas poidera entrar tamén un estudo comparativo da composición química e mineralóxica das areas para poder elexir aquela que máis parecido tivese coas da nosa ría. Ao meu entender sería o criterio máis razoable dende un punto de vista ecolóxico. Os minerais como as plantas e os gobernantes son susceptibles de posuír aloctonía. 

5) É realmente notable e ben interesante, o estudo de mareas e ondas. Moi completo ao meu pouco saber na materia. Abundante en gráficos a toda cor, moi didácticos e explicativos e doados de entender; acompañados de fórmulas e ecuacións matemáticas bastante máis complexas que sen eu comprendelas de todo,  asumo como correctas; faltaría máis. O que me deixa confuso e pensativo son as conclusións finais: 

    "Tras la realización de los estudios de dinámica, las principales conclusiones obtenidas son que, en base a los resultados obtenidos del estudio de dinámica litoral realizado, se puede considerar que no existe repercusión significativa en las corrientes que se producen en la playa de la Magdalena ni en la playa de San Isidro. De los resultados gráficos obtenidos, se deduce que la no afección del encauzamiento al patrón de corrientes de dichas playas parece ser debido al avance diseñado para la nueva línea de costa en la playa de la Magdalena". (Páxinas 78 e 134 do informe,  por duplicado) 

Coma pouco, sorprendentes. Despois de todo, da desfeita natural e paisaxística e do gasto público... esta obra... non vai supoñer un cambio significativo nas correntes da plaia????. Como????  Daquela... para que se fai??? E seguen as conclusións:

"Por otro lado, respecto a los oleajes, tampoco se aprecian variaciones significativas tras la actuación proyectada y cabe destacar las zonas de concentración generadas en la zona de estudio debido a la reflexión del oleaje en los contornos de la ría, generando aumentos locales de altura de ola(Páxinas 78 e 134 do informe, o mesmo texto  por duplicado) 

Efectivamente as alentías amontoadas que observamos cada ano no adentro da ría que tanto nos amilagran e nos dán que mirar  e que na nosa infancia non se criaban... pois van a seguir existindo!!!!. Este proxecto el mismo o confesa, non soluciona este asunto.

6) Sendo a análise de mareas e oleaxe, detallada e ampla o informe ten unha ausencia só explicable por que  o fixera un experto alóctono, quero dicir de fóra de portas. Ese baleiro, que eu entendo grave e se me apurases invalidante, é a non presenza dun estudo dos ventos dominantes e o seu comportamento anual. Explícome: é de primeiro de xeografía básica universitaria, que a conformación dos desertos e os marouzóns, ou se prefires sistemas dunares, non pode ser cabalmente explicada nin comprendida se non se fai unha análise dos ventos dominantes e da súa dirección de empuxe. De sentido común primario: as areas en terra son movidas, e trasladadas, moito máis que pola mareas,  polos ventos. Na nosa ría a formación do marouzón dependeu dende sempre do xogo entre o nordés do vrao que empuxaba as areas ao mar, todos as sufrimos na infancia, e o vendaval de inverno que as empurraba para terra. A circulación xeral dos ventos non cambiou, pero agora, dende hai moitos anos o nordeste ten dous freos importantísimos de causa antrópica: a) A grande murada de eucalitos que rodea toda a ría, de 30 metros de alto e kilómetros de lonxitude e anchura. b) O formidable muro de edificios de cinco pisos da estrada a Sansidro que actualmente encinta case todo o marouzón. Así é que dende hai tempo, moitos anos, o nordeste non pode  traballar tan a rás de chao como traballou durante toda a historia. Imposible.  Polo contrario o vendaval non sufríu alteración algunha na altura da súa circulación nen atopa un freo á súa forza de empuxe. Traballa sobre o marouzón coa forza de sempre, senón máis. Así se poden entender as causas, sinxelas e mecánicas,  de  como foi posible que se formara ese muradón  na primeira liña da plaia: por acumulación das areas, freadas ao tropezar coa Ammophila arenaria; planta que era moi rara no areeiro e da que, ben me lembro, plantáronse adrede centos de pés para reter por simple choque ás areíñas que arrastraría o vendaval. Así é como se foron acumiando no alto da "duna" que medrou lentamente ano a ano.  Éxito total da idea do enxeñeiro de Costas, teño que recoñecer. Este teu amigo, alumno especial de don Francisco Río Barja, qepd, nunca deixou de  observar en vivo as leccións do mestre, dende a xornada aquela do ano 1973 na que, en aulas de Compostela, lle dixo: "La ría de Cedeira está ya practicamente colmatada, Rafael. No deje de observarla usted con atención".  

7) Unhas poucas palabras sobre a análise naturalista do informe. Concordo, non pode ser doutra maneira en que o marouzón que queda está profundamente alterado. De feito o ensanche de  Cedeira está edificado encima do seu sistema dunar. A presenza actual de especies impropias, Populus sp., Tamarix sp., e Robinias pseudoacacias é consecuencia da plantación recomendada hai cerca de oitenta anos polos expertos de Costas daquela hora. Hai fotos documentais. Esas especies co paso das décadas acabaron naturalizándose, adquirindo porte arbóreo e conformando por si mesmas un biotopo particular con importantes valores medioambientais e de beleza singular. Un orixinal parque ao natural con carácter urbano que a min, e a moitos cedeireses e cedeiresas, parecíanos ben fermoso.  

A análese naturalista do proxecto, por escribir unha palabra amable, é penosa. Recoñece unha soa visita!!!  un 25 de xuño. "Para ello, se realizó una visita el 25 de junio a la zona de estudio y se caracterizaron los hábitats presentes en la zona de actuación". Así podemos entender porqué as biólogas firmantes, de seu nome non quero acordarme, non foron capaces de discernir a presenza dunha rica variedade de orquídeas. Neste blogue tense informado e presentado fotos da presenza de Ophrys bicolor (moi rara por noutrures), Ophrys apífera, Serapias parviflora, e Dactylorriza elata (orgullo do norte galego). Ningunha delas se cita no informe como existentes no areeiro cedeirés. Esta ausencia, por si mesma, invalida o informe de todo puntoComo non detectaron as colonias de orquídeas??? Pero non son as únicas ausencias graves: tampouco aprezan as Orobanche hederácea, valioso e espectacular taxon, propio do norte da Galicia que enorgullecía os céspedes de hedra, probando que cos anos o noso marouzón estaba a criar, tiña criado xa, un mundo botánico, orixinal e de seu. Tampouco detectaron nesa "visita" as Linarias aguillonensis presentes, ben que raras, valioso endemismo PROTEXIDO, nen detectaron a fermosa Romulea clusiana, claro que esta sae entre marzo e abril, e a única visita foi un 25 de xuño. Iso sí, con cinismo redoblado no informe dise: "Linaria polygalifolia subsp. aguillonensis (En peligro de extinción): Planta perenne que vive en acantilados y arenales costeros. En la población de Cedeira vive en acantilados serpentiníticos y peridotíticos. También puede estar presente en playas en dunas semifijas. En las playas la construcción de paseos y acondicionamiento representan una amenaza potencial muy importante. Otra posible amenaza potencial es la hibridación con Linaria polygalifolia". Pero non souberon ou non quixeron vela. No seu descargo dicir que non todos os anos se deixa ver. Vai e vén. Así é que nas conclusións  afirman que as obras non representan perigo algún para a biodiversidade botánica. Non hai cego máis cego que o non quere ver.

Non existe no informe ningún catálogo de especies vexetais existentes observadas, e no noso marouzón hainas a ducias, sirva de botón a fermosa Bellardia trixago. No informe preséntanse, iso si, unha lista de especies que consideran non propias dos sistemas dunares. Entre elas Rumex bucephalophorus, Salsola kalli, Lagurus ovatus ou Laurus nobilis. En Galicia non coñezo ningún sistema dunar que non as crie. No caso do rumex, as redactoras deberían saber  que se chama labaza das areas. E area, en galego, significa por  plaia. No caso dos loureiros,  aparecen na trasduna de todos os marouzóns prósimos, vai a Vilarrube ou a Ortigueira. E en Cedeira están a recriarse espontánea e naturalmente, como corresponde. Non sei onde aprenderían as redactoras do informe que Salsola kalli non é planta dos sistemas dunares, cando é natural da primeira línea dos esteiros, propia de ambentes salinos intensos e sempre hai algún pé que aparece de modo natural e ventureiro entre os primieros cabedelos do marouzón. 

Un exemplo da pobrísima calidade naturalista do informe é que na única "visita" a zona de estudio, asómbrate meu amigo... só detectaron tres artrópodos!!!!!!! Só tres insectos!!!! De broma de mal gusto en estado puro. Nin tan siquera unha perdida bolboreta ou os cascudos, esa especie tan pegada os xogos da infancia no marouzón, escarabajos sanjuaneros, en castelán, que por iso nesa data andarían revoando!!!!. 

E de paxariños que  peteirasen polo marouzón, non apreciaron ningún!!!. Cero pataqueiro. Que che parece?? Nivelazo naturalista. Nivelazo.

E para que finalmente te podas facer unha idea cabal do nivel de coñecementos que exhibe  este informe  direiche que das dúas especies  alóctonas, invasoras e, o que é peor, inzadoras e perigosas para o mantemento da biodiversidade Carpobrotus edulis, uña de gato, e Arctotheca calendula que están ambas a desmedrar de modo abusivo,  (no caso da última aínda invadindo o céspede da plaza Roxa e de Pénjamo), pois ben, ningunha delas, pásmate meu amigo, ningunha delas... figura no informe!!!!!!! 

Vou abreviar que xa logo é hora. O marouzón de Cedeira, cos anos, foi criando un mundo biológico propio, en absoluto despreciable, ben ao contrario, onde se foron asentando unha biodiversa mistura de especies vivas que lle conferiron unha singularidade propia. Non é un "sistema dunar" modélico, propiamente non existe ningún por Galicia adiante, pero si era, escribo en pasado e doe, un sistema biolóxico rico, orixinal e con valores de seu que só unha mentalidade iñorante, amiga de arrasar a vida,  amante do biocidio, unha mente que por cerebro ten cemento, pode considerar que a súa eliminación é un adianto modernizador progresista. Imos de ceacú. Meu amigo, non me busques entre eses progresistas. Hai tempo que abandoei as filas relixiosas dos adoradores do Progreso e camiño case en solitario os carreiros que me levan de Regreso.

    Promover o exterminio  biocida do marouzón e dun grado tal de falta de educación e respeto á memoria colectiva, insensibilidade natural e barbarie cultural, que  tal vez só se poda entender se imaxinamos que un consistorio de tolos promovese talar o piñeiral dos morouzos de Ortigueira ou o de Cabanas, seren, que o son, especies alóctonas, impropias dun sistema dunar e ter sido plantados hai cen anos por  progresistas daquela hora. Pensar que só os sistemas dunares prístinos e inmarcesibles  teñen dereito a existir obligaría a eliminar todos os existentes. Nun grado ou noutro todos teñen as súas particularidades propias que a historia persoal de cada un lles foi concedendo. Creer que existe unha paisaxe natural pura, é dun idealismo celestial propio de quen vive nas nubes e non entende nin entenderá nunca que a paisaxe é sempre cultural.  O que quedaba do noso areeiro era como a historia o foi criando, e non como lle gustaría que fose a un dogmático experto burocrático de gabinete e biblioteca. Xa a tala dos fermosos eucalitos mozarróns  foi un despropósito  nunca ben explicado nen entendido non sendo polo precio da rolla. 

 8) Preocúpase o informe das 800 páxinas polo impacto paisaxístico e avalíao en varios momentos (é unha característica das 800 páxinas, repítense as análises por repetilas, parece ser que para encher por encher: cabalo grande) tendo a destemida osadía de afirmar: "En rasgos generales, estos recursos paisajísticos se verán afectados de manera beneficiosa"Pero quéresme creer que en 800 páxinas non existe un só comentario sobre a desaparición da atractiva frente arbórea e a súa suplantación pola aparición dunha paisaxe de edificacións urbanas?? Nin ningunha opinión sobre a alteración que na imaxe paisaxística de Cedeira vai provocar o espigón escolleira que tapará por forza a visión da plaia dende a vila??? "estos recursos paisajísticos se verán afectados de manera beneficiosa". (Páxina 35 do informe) A min os enxeñeiros de Costas ás veces parécenme soberbios Luzbeles pretendendo mellorar a obra de Deus. A serio.

9) As 800 páxinas son moitas, verdade é, e moitas delas, como as adicadas ao estudio dos áridos da Langosteira moi coñecedoras e interesantes, entre outros aspectos, polas análises de metais pesados que conteñen, (cadmio, cobre, arsénico, chumbo, mercurio, níquel... etc) e que serán deitadas na ría, pero non nos asustemos,  se lle habemos facer caso o informe, todos os niveis están por baixo do legalmente permitido. Tamén é verdade que ducias de páxinas son de recheo, obrigadas a seguir un protocolo establecido, tirando para diante por tirar, aplicables a calquer informe de calquera sitio con moi leves modificacións; tal, as que estudian... os perigos dun maremoto en Cedeira!!!. 

E para máis, redactadas (por incapacidade ou adrede?) nunha linguaxe vacua e asignificante, do estilo desta que che copio, para que si tes un momento de lecer  te entreteñas con ela e entendas da que te libraches ao non lelas: "Aplicación de multimedidas genérica (sic)  para atenuar en lo posible el deterior (sic) del confort ambiental del entorno de la actuación" (Páxina 223 do informe).A linguaxe como ferramenta para o adormecemento da intelixencia. Puro opio infumable. Gharambaina de mal camello.

10) Nada se dí dos restos das paredes que todavía se conservan e se poden ver das antigas fábricas de conservas, neta arqueoloxía industrial, a pesar de gastar páxinas e páxinas en analisar, moi por riba iso si, os restos arqueolóxicos do concello (Castillo, Sarridal, castro das Croas, casco medieval...etc) solo para demostrar que se atopan tan lonxe que non van ser afectados polas obras.  Os expertos informantes nin se enteraron  dos restos das paredes da vella fábrica. 

11) Asegúrase que se lle pediron informes a ADEGA e a AMIGOS DA TERRA e afírmase que esas respostas das asociacións ecoloxistas están incluídas como apéndice ao informe. Deberían estar: pero entre as 800 páxinas non aparecen. Estarán saberán os informantes onde. E bon interés que tiña eu en lelas. E teño. Abofé que si. 

Con brevidade heiche dicir a miña opinión: o proxecto é exclusivamente playero. Sen dúbida algunha. Confésase o obxectivo sen rubor varias veces ao longo do proxecto: trátase de aumentar a líña de playa seca, así lle chama en castelán choído (como está todo o proxecto por outra parte), baleirando case 50.000 metros cúbicos de area diante da praza Roxa para maior groria do pousadoiro de toallas e exhibición pública de músculos e micheliños. E tamén sen roibor confesa que se vai desfacer o marouzón para aumentar 55 metros (Páx. 16) o espazo de playa seca. Así os promotores inmobiliarios poderán publicitarse a pié de playa.  Desarrollismo turístico nun mediterráneo franquista. Calcado.

Resumindo. Non se vai modificar o rexime de movimento das ondas do mar que ano a ano seguirán tendo o mesmo comportamento dinámico que teñen hoxe;  por iso, pénsase ir controlando como vai evoluíndo o retroceso da playa seca, inevitable asegúrase, para ir tomando as medidas correctoras que houbera que tomar. Non existe ningunha idea rexeneradora dun sistema dunar. É unha escusa de mal pagador. Un falso aparente para consumo de desinformados desleídos. As cinco especies vexetais que din que van plantar (no pouco areeiro que deixan) é outro chiste de mala risa. Tremenda biodiversidade!!! Cinco especies!!! En algo máis de tres ferrados!!! A idea única que sostén este proxecto é facer un espazo de playa seca a maior groria de atoallados, gozo de turistas e disimuladas risas inmobiliarias.

Meu amigo para a vella clase senatorial cedeiresa, aqueles que fumos xuntos aos escolares e xogamos nas Cataratas, a destrución a matarrasa do último alento do noso marouzón só podemos sentila coma unha morte traicioneira. De difícil perdón e imposible esquezo. Unha patria aniquilada. Morta de morte matada. Outra máis. Que duro é vivir en Galicia ás veces, ti ben o sabes. Aquí parece que sempre gobernan os mesmos.

No punto remato meu amigo, xa non che quito máis tempo. Aí queda a palabra empeñada e agardo que non cumprida de máis. As 800 páxinas xa non ten sentido que as leas. Ningún. Ler esta outra páxina ao mellor tampouco. Lendo ou sin ler, o biocidio xa está en marcha e presente a cada instante dun modo burlón, despreciativo e incesante, invadindo o aire de Cedeira cun constante ruxir de risas renxentes, de maquinaria destrozadora, que nos recordan que están torando a existencia dalgunhas das cedeiresas máis vedrañas e indefensas e de paso arrasando o edén de vidas miúdas que medraba ao seu pé. 

Manda descanso, meu amigo, que xa o vas merecendo.

 Forte aperta. 


(O Movemento Vitalista das Terras do Mundo, comunícame que para non deixar perder a memoria de tan infausta data de eliminación e exterminio biocida do marouzón da Madalena declara, de hoxe e para sempre, ao  día 29 de abril,  Día Imbécil e Escuro de Cedeira

Apertiñas miña pouca e ben querida xente.

Sei que saberedes disculpar que este discorrer, por primeira vez na historia do blogue vaia fundido en negro. Ben sei que o entendedes. 

O voso loito é o meu loito. 

A mandare. 

PAZ  E  PALABRAS.

Despós de Data (11-05-25). Escusádeme pero nesta ocasión tomei a decisión de non publicar comentarios que non vaian ben identificados e se presenten de frente e por dereito. Graciñas a Anxo, Marta e Marina pola súa sinatura e aos lectores que figuraban como anónimos ou descoñecidos prégolles que non o tomen a  desconsideración a eliminación dos seus comentarios. Non pode ser, ben se entende, nada persoal. Agradecido pola comprensión. Unha aperta Xabi. A mandare.

Despós de Data (12-05-25). Quedo obrigado con cantas persoas me están a envíar comentarios anónimos agradecéndome a información. De nada, non hai porqué:  obriga de conciencia dun cedeirés vello. Cada un que actúe como o seu corazón lle dicte. Lamento que teña que ser un blogue case sen lectores quen ofrecese á veciñanza a información que deberon dar, clara, aberta e sen eufemismos lingüísticos, as autoridades promotores desta retolada sin sentido algún. Graciñas pola comprensión. A mandare.

Despós de Data (13-05-25). Sinto unha profunda admiración e envexa pola capacidade da clase política para saber o que pide o pobo. Entre os meus poucos talentos non figura esa sabiduría. Non sei como hai quen sabe que o pobo "pide explicacións". As únicas palabras das que son conscente que expresan a opinión de parte do pobo, tampouco de todo, é o texto da campaña SALVEMOS as dunas, CONSERVEMOS os nosos marouzós que a admirable muller da vila, María de Ángeles de Catalina puxo a disposición libre de quen quixera avalalo coa súa sinatura. Eu son un máis entre os 1330 que na hora presente refrendou a súa iniciativa. Esa parte afirmante do pobo, non pide explicacións: pide SALVAR OS MAROUZÓS. Non sei ao resto dos asinantes, pero servidor habería de escoitar con respeto e atención á clase política cedeiresa despois de que detiveran esta barrabasada contranatura. Para daquela encantado e feliz de escoitar as explicacións de TODA a clase política responsable: uns por acción, outros por inacción.

Despós de Data (16- 05- 25). Fe de despistes. Debería ter achegado na primeira escrita as referencias ás páxinas pertinentes do informe para poder dar fe de veracidade do que acó se escribe. Achéganse agora, para facer máis azosa a rebusca das citas aos agora si numerosos consultores do Informe das 800 páxinas. 

Logo dun novo repaso ao enrevesado e labiríntico informe, buscando erros, imprecisións ou inexactitudes que se poideran ter acobillado nesta entrada dei en modificar tamén o número de especies a plantar: de 3 a 5. E acó preciso cales son: Cakile marítima, Ammophila arenaria, Elymus  farctus,  Crucianella maritima e Calystegia soldanella que popularmente chamamos cadrifollo. Desgraciadamente seguen a perder por goleada diante da diversidade que existía. 

Igualmente advirto que non son 30 os metros de playa seca que se pretenden crear... senón 55 !!!. Ambas dúas inexactitudes están xa rectificadas

Ao tempo engado unha imaxe da alternativa 3 que debería ser a que se está a executar, imaxe que aparece  nas páxinas 17, 38 e 237 do informe.



Apreciades como aprecio eu, que se deben deixar un bó número de árbores sen torar e duna sen alterar?????? Xusto na faixa fora das lindes remarcadas que está arrimada ao paseo, dende o colexio até a Revolta. 

E xa que preguntar de momento non é delito: quen vai mercar ou xa mercou a madeira torada? Quen mercou as rollas de eucalito da zona do camping? Foi un emprendedor local?? Unha promotora da celulosa de ALTRI?? Fíxose en subasta pública?? En convenio privado??? 

Eu non teño respostas. Eu, que so sei que nada sei, únicamente teño preguntas e unha certeza: a escuridade informativa e a estimulante mai dos díxome díxomes. 


10 comentarios:

  1. Ben querido Rafael,

    Cuánto desacougo comparto contigo diante desta desfeita que vai levar por diante un patrimonio natural singular de seu, e que botará a perder este pequeno bioma cedeirés ben singular e intacto, que acolleu durante xeneracións o mellor das nosas biografías.

    Da salvación e non pouco consolo leer a túa impecable argumentación, que deixa espidos as reviradas claves dunha intervención infernal e a devastacion dun proxecto que xa está amosando os seus efectos, xusto na estouría desta primavera, cando os tarais encetan a vestir de rosa os marouzós e os ramallos botan as suas primeiras follas tenras.

    Toda esa ringleira de incoherencias biocidas que identificas no proxecto de intervención son as mismas sobre as que amigos e coñecidos meus, i eu mesmo, vimos debatindo alporizados nos derradeiros meses, sin éxito, polo que se ve. No meu caso particular, estar lonxe da Vila é un motivo engadido de impotencia. O que non sei é o que ten feito Cedeira para ir sumando, dende os anos 70 hasta ahora, un desastre derriba doutro na nosa paixase e no patrimonio natural común herdado dos nosos devanceiros.

    Agradézoche no moito que vale a transparencia da túa denuncia valente, a minuciosidade e coñocemento que amosas en canto analizas, e, por derriba de todo, a vocación de independencia de criterio e ideoloxias que mantés a despeito das descalificacións de cantos non queren ver as consecuencias terribles de tanta destrucción.

    Desfacerán os marouzós, pero non se decatan de que si non se intervén na orixe dos problemas do areal (a construcción do espigón hai logo medio século) abondarán poucos anos para que a natureza volva a impoñer a súa lei. É decir, perderemos os marouzós e a vista do areal dende a parte vella da Vila, e dentro de dez anos seguiremos nas mismas. Mellor dito, estaremos moito peor. Despois, como se di, a reclamare ó que veña detráis, coma sempre. ¡Malpocada Cedeira!

    ResponderEliminar
  2. Rafa, la primera vez que siento una pena tan grande en el alma leyendo un artículo tuyo. Muchísimas gracias por resumir esas 800 páginas!!!!!

    ResponderEliminar
  3. Totalmente de acordó contigo
    Dende o día que me enterei xa dixen a desfeita que isto sería
    Douche as grazas por expoñelo tal e coma e
    Marina Pérez

    ResponderEliminar
  4. Semella que nesta actuación non se estudaron certas cousas. Máis ben isto non parece unha recuperación ambiental (cómo reverter unha desfeita?) senón un paso adiante para maquillar problemas que van a continuar. Xa hai tempo que esta vila está perdida e falta de conciencia crítica. É o ocaso acelerado do " sálvese quén poida ". Manda a decadencia en aras da ignorancia.

    ResponderEliminar
  5. Graciñas pola entrada!. Moi interesante e crítica.
    Recoñezo que tiña pendente leer o informe completo. Son máis de 800 páxinas e quedei no resumo.
    Son dos que sempre confiaron nos expertos de cada materia, sexa a que sexa e daba por suposto que semellante actuación estaría respaldada unánimente polos estudos feitos.
    Pero tamén sei que moitas veces, máis das desexadas, os estudos pódense virar cara os intereses que nos favorezcan (e non estou dicindo que este sexa o caso). Na miña ignoracia do tema quixen documentarme e quedei só co resumo, onde finalmente dinse as actuacións a levar a cabo. Pero ante o teu análise non me queda outra que reconsiderar a miña opinión e voltar a ler o dichoso informe.
    O que máis me preocupa e que os dous espingóns non sexan garantes de modificar as correntes da ría e nun futuro inmediato sigamos co mesmo problema.
    De calquer maneira, reiterar as grazas e a ver si o desacougo que teño se corrixe conforme vaian saíndo mais novas, porque creo que alguén debería documentar as dúbidas que plantexas e que son compartidas por moitísima xente de Cedeira (dos que viven a diario e dos que non).

    ResponderEliminar
  6. A codicia mora na humanidade. Dobregar á natureza é o seu principal obxectivo. A natureza cando se expresa atopa xente cós sentidos atrofiados. Deixanse levar pola corriente sen loitar, sen sentir, adormecidos coma pedras.

    ResponderEliminar
  7. Si, mucha codicia, que sumada con la ignorancia nos avocan a otro desastre más (y ya van unos cuantos) en Cedeira. Es la única playa que tenemos para el pueblo, la Area Longa no es ni la mitad de lo que fue. Duele ver todas las barbaridades que se han hecho.

    ResponderEliminar
  8. Gracias Rafael, nacimos aquí, coñecemos o medio e isto é unha aberración inesperada...temo que os culpabes nunca lerán a túa informada e interesante exposición coa que meu pai estaría dacordo, o que me temo, xa non o verei é que o segiinte será especulación...

    ResponderEliminar
  9. Hai un ano , como cada maio sen faltar á cita, estabas fotografiando orquídeas e eu gardando esa imaxe túa no meu móbil. Fun conocendo esas lindísimas flores porque me enseñaches a velas; esas e tantas outras. Eu intento enseñarlles aos pequenos a ver o mundo, para que non cheguen a adultos cos ollos pechados e as mentes adormecidas . De paseo por ese espacio non os poderei levar más, pero que non sea por quedar muda e inmóbil ante o que vexo cada día desde a ventana dos escolares . Unha aperta, Rafa…dunha muller criada na area

    ResponderEliminar