XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 6 de agosto de 2025

SOMBRAS QUE BUSCAN LUZ.

    

    Vai revellida polo tempo aquela unidade didáctica que se dicía“ Siluetas para un teatro de sombras”

    Nacera no colexio d´As Somozas no ano 1994 coma unha outra daquelas actividades das clases de lingua refrendada polo Seminario Permanente “Residuo Park” que conformábamos o meu estimado e lembrado compañeiro Xosé Antonio Iglesias Calviño e un servidor, Rafael López Loureiro. Editáramos, mor dos bos servizos do Centro de Formación do Profesorado de Ferrol que dirixía Pepe Ramos, 200 exemplares numerados dun cartafol artesán preñado cos deseños daquelas siluetas para un teatro de sombras. Unidade que fixemos chegar de modo gratuito a todos os colexios de Ferrolterra. Ao cabo de dous anos esa unidade didáctica habería de ser republicada en Santiago de Compostela polo Seminario Permanente de Educación pola Paz, que inspiraba Manolo Dios, líder en aulas, amigo no tempo.



As siluetas non só serviran para facer teatro, case que sempre improvisado, axudando a unha cabal utilización da lingua falada, máis aínda tamén foran utilizadas nas clases de plástica para recortar ou argallar. Certo día, antes de tirar á barredura os moitos restos de figuriñas recortadas, de tamaños variados, que adormecían dende había tempo nunha caixica de cartón, decidín ilas pegando nun din-A3: as máis pequenas no alto e asegún baixaba as que ían resultando máis grandiñas. Ao rematar, diante de min, non só había unha simpática moitedume de siluetas amitando unha greada algareira vindicativa, senón que alí vislumbrei a posibilidade dunha linguaxe plástica persoal. Chameille por iso, O primeiro barboldo inquedo dun lixeiro tremor de sombras. 

    Aquel revellido din A-3, logo de sobrevivir a traslados, colexios, inundacións, esquezos e mudanzas, aínda hoxe vive, resiste e acompáñame nas horas, sen outros achaques que as enrugas e os marelos que o tempo e a humidade lle dan ao papel… e a todos.



A non tardar  encetei a dar fundamento material a esa avisión intuída dunha plástica propia, autodidacta, coherente, nacida en aulas e armada cos mesmos materias escolares de a diario. Tesouriñas, lápices, goma, papel, fotocopias e pegamento pritt en barra. Arte povero. Arte efímero. Arte escolar.


    Pouco a pouco, mes a mes, un ano con outro, armado de tesouras, fotocopias, pegamentos e paciencia, fun elaborando ao tempo que a técnica necesaria, varias ducias de ilustracións. Chegou un momento en que entendín que querían amosarse e exporse a contemplación, sempre crítica, da opinión pública. Estreáronse no Palacete de Cedeira, viaxaron até Sargadelos Ferrol e a Fundación Artabria, Portas Ártabras d´A Coruña, ao Claustro de Ortigueira e á Fundación Ortegalia e até ao Castro de Cerdido. Un día deitáronse a durmir no meu estudio e non quixeron volver a deixarse ver. Caprichos e rarezas de obras extrañas. 


    

    Díxomo un amigo: “Meu home, tes razón, estes debuxos son ao que tal para corear… eu véxolles unha oportunidade ao ocio enviciado nas pantallitas dixitais, unha alternativa de arte galega á invasión de mandalas hinduístas…isto que tes ti, vale tanto para as avoas e os avós coma para os netos… ata se me apuras son espazos familiares que poden corear varias persoas á vez…eu vexo a mais e fillos, avós e netas, debruzados sobre as túas láminas, ou cada un no seu sillento, razoando sobre as liñas e as formas escondidas… pasando un tempo grato e divertido de paz familiar” 



    O meu amigo é un home moi imaxinativo e bondadoso. A el máis ca a ninguén lle deben estas siluetas acordar hoxe do sono de poeiras no que adormecían; cal nas caixas do estudo, cal no profundo do disco duro do ordenador, xeografías onde aínda agora seguen a durmir ducias, senon centos, de láminas posibles. Se andando o tempo estes cartafois que hoxe son tres chegan a ser familia ben numerosa, que todo pode ser, hei ver de facerlles unha caixiña xeitosa, un berce de sombras á medida, onde poidan apousarse e durmir un soño de anos. Se diolo quer.



En verdade, estas láminas, que chamo encolados por non dicir en francés collages, esixen  para a súa cabal iluminación estar preparados para observar, discriminar e ser quen de percibir formas. Son, seino por experiencia, unha eficaz ferrramenta para entrenar a atención e a concentración prolongada, enseñan a calma no traballo e o labor amodo e permiten manter o sistema neuronal activo e ocupado, que amáis será recompensado coa gratificante sensación de contemplar un labor final meritorio, artístico,  de seguro ben femoso, que non quereremos tirar ao contedor do papel, antes gardalos na biblioteca da casa cultivándose no lento oficio de irse facendo lembranza feliz de nós e dos nosos. 

    

O vindeiro dia 8 de agosto, venres as 8 do serán hei ter o pracer, a honra e a responsabilidade de presentar no moderno e funcional Centro Cívico Social e Cultural d´As Somozas tres carpetas cartafois artelladas con deseños  que  naceran nas aulas do Ceip Igrexa As Somozas; o mesmo que no ano 1991  por primeira vez na historia moderna da educación galega vindicou as caliveras de melón, como material educativo dino de ser  valorado e elemento cultural tradicional a resgatar e puxo en pé unha unidade didáctica global, "As caveiras de cabaza" que ao ano seguinte publicaría en Compostela a Asociación "Martín Sarmiento" para a renovación pedagóxica.


    

    Agradezo ao concello d´As Somozas, a oportunidade que me regala de poder volver a ver a  alumnos e alumnas, rapazada galega do melloriño, seino ben, aos que xa por adiantado, se se dese o caso de iren á presentación, lles pido comprensión por que me vai ser ser moi difícil recoñecer a súa cara infantil nas facianas de homes feitos e mulleres dereitas con que a vida pouco a pouco os iría retallando como nos foi labrando a todos. Que remedio!!

 

    

    Ao colectivo cultural Rampla que difundirá estes cartafois dende o seu posto de venda no paseo do Pinzón, agradezo que acolla esta nova proposta artística cultural co agarimo e a deferencia con que habitualmente  recibe as miñas proposicións, dende aquelas vellas Luminarias, aos meus libros  e a difusión da riqueza natural da nosa bisbarra que contra bárbaros ignorantes e cínicos desgobernadores insensibles, con teimuda resistencia, segue a sobrevivir; iso si, malamente e dando as últimas boqueadas.




    E a  vos miña ben querida e pouca xente, graciñas por seguires aí e ter chegado até acó.

 

Seguir a ser bos que guapas xa sodes. 


Bicos a feixes.


PAZ E PALABRAS