XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 19 de xuño de 2010

A Flor de San Xoán

Velaí, para asombro de todos, a espectacular fasquía da Iris latifolia, esa rareza de outa montaña, unha outra máis, que florea a finais do mes de xuño polos cantís da Capelada.

Iris latifolia, campea nas outas pradas pirenaicas e cantábricas, tamén do Sistema Central, estendendo as súas poboaciós ata os máis soerguidos campeiros das montañas galegas orientais e achégase sen medo as terras capeladas para establecer eiquí o límite de distribución occidental.




A Flor de San Xoán é o nome, non recollido ata o de agora na literatura botánica, co que as xentes, e moi especialmente os cativos e as cativas de Teixidelo, lle daban cando ían recollelo no solpor da noite de San Xoán.

Terían que apañalo logo do solpor do sol, pois era cando a flor collia a virtú: a virtude de protexer as súas casas dos perigos meigos cós que esa noite sagra estaba misteriosamente preñada.



Baixaban a brincos dende o seu pequeno rueiro de antigas e vellas casas de pedra ata as campeiras vizosas, agachadas polo cantil, onde andaban certos que haberían de dar con elas. Collían catro ou cinco flores cada quen e volvían decamiño, denantes a noite caer, para as súas casas.
Poñíanas nos ocos que sempre habería entre as pedras das casas, arredor da porta principalmente, e para logo farían o borrallo e nas brasas asarían, coma todo o mundo, patacas, e brincarían o lume e dirían: "Fora meigas da miña casa" ou aqueloutro de "Para que non me trabe nen cadela nen can" ou calisquer outro esconxuro da noite esa, a do San Xoán do solsticio.
Sei estes contos por boca da Señora Socorro, de Teixidelo, a quen agradezo moito as paroladas que mantemos arrimados ao muro, unhas veces cando vou para baixo, outras cando veño para arriba, e que veñen así a amplar o catálogo das tradiciós da noite de San Xoán incluíndo entre as herbas a utilizar esta rara e fermosa flor do cantil capelado.


Que noutrures chaman lirio azul, sendo certamente do mesmo xénero iris ca espadana marela de cada regueiro noso de cada día, o Iris pseudacorus, pero non convirá chamarlle espadana azul, pois a Flor de San Xoán, ten a folla ben diferente, non plana, coma unha espada, se non revirada cara adentro, coma unha corda.

Mirara eu esta fermosa planta por primeira ves, amilagrado e sorprendido, por encima do peirao da Masilla, baixando para o Cadro e daquela, xa van anos, fixéralle un par de fotos en película analóxica o meu amigo Domingo. Tan amilagrado e sorprendido coma min.

Dende aquela primeira e virxinal aparición poucas veces máis tiven ocasión de tropezar con ela: polos altos do Limo, un pouco a nordés da Lagoa e nalgún outro curruncho, sempre con poboaciós coreñas e diminuidas, e sempre sorprendéndome e amilagrándome a rexia fermosura anil desta nosa flor de lis.
Non coñezo ningún outro cantil ou territorio onde a Flor de San Xoán se dea coa xenerosidade con que alumbra polas peadas abas de Teixidelo: un espectaculo de luces azuis parolando co mar e co ceo.


Desprotexidas, descoñecidas, abandoadas e deixadas da mao dos eufóricos trazadores de pistas e carreiros. Non é coña: non hai tantos anos fixeron unha pista por encima delas. E non me refiro á vella para o desguaze do barco, senón a outra. Para que, non se me alcanza.
Imos agardar que o furor municipal pola construción de sendeiros de sendeirismo (¡que praga, señor, que praga!) non as chimpe ata a enxebre costá de Teixidelo, pero ao mellor é moito imaxinar. Teño entendido que están dispostos a axudar a desbrozar un carreiro por todo o alto do cantil. Dende Cabo San Vicente ata Escandinavia. Falo en serio.

Pero ate que tal pesadelo se vaia facendo realidade terán que pasar moitas eleciós e mentres tal monstruosidade non arriba, sigamos desfrutando da pouca costá enxebre que nos vai quedando e sigamos a soñar con que poidamos deixar un mundo vivible e non somentes paseable.


Rematarei esta entradiña, xa ao mellor un poco costa abaixo, con tres rexistros gráficos de primeiros de xuño dunhas Iris latifolia sorprendentes. Sorprendentes por atopárense na Illa do Río Mera, ao nivel do mar: nunha outra demostración da extraordinaria orixinalidade botánica do noroeste do Noroeste, esa Macaronesia perdida.

E así se queda a cousa por hoxe, miñas e meus, cun recendo de selva e un alento de espranza, de azul e verde vestida.


Moi obrigado con vós.

A mandare.

5 comentarios:

  1. O ano pasado estiven por Somiedo cuns colegas, e me chamara moito atención esta pranta. Saqueille unhas fotos e logo na casa identifiqueina.
    Pero descoñecía que a houbera tan abaixo e tan perto de Ferrol. E que tivera tantas historias detrás.

    Fermosa como poucas, abofé.

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Boas...veño do monte de buscar outros pes da flor de San Xoan...afortunadamente seguen a florear, pesia a que o porco bravo levantou duas ou tres cebolas...non son moi abondosas pero pódese dar con elas, estas estaban no álto do cantil, mirando ao mar de Cabo Ortegal... Iris latifolia xa está citado en toda a literatura botánica na Capelada o que certamente é unha novidade e o nome de Flor de San Xoan e a súa utilización máxica como planta protectora e avogosa...certamente unha das máis fermosas flores do cantil... ata fin de mes poderanse ver florear e algúns pes, según vin o estado de floración poderanse ver mesmo a primeiros de xullo...Aproveirade.
    Saudiñas

    ResponderEliminar
  3. Hola Rafael:
    Sabía algo desas tradicións do San Xoan (que por certo nunca oín decir así, sempre lles oín decir San Juan, pero iso son outros temas). Algúns deses cativos de Teixidelo eran o meu avó e os seus irmaos, e algo teño oído falar destas cousas, pero non sabía que esta era a pranta en concreto. Tomemos nota das ensinanzas de Socorro.
    Polo San Juan sempre me coincidía estar nos Casás, e a nai da miña nai collía pétalos de rosas para botar nunha tina con auga, que pasaba a noite fora para pola mañá lavar a cara con esa auga, pero tampouco me acordo ben dos detalles.

    Saúdos dun estudiante en malas épocas, jeje.

    ResponderEliminar
  4. Boas Juanma... tes toda a razón, a señora Socorro tamén lles chamou "a flor de San Juan"... o de "xoán" é unha licencia que eu me tomei que ben está que gracias o teu comentario se poida precisar agora... o de lavar a cara con augas de rosas e recendos de reinaluisa é algo que se fixo de sempre, e se fai, na miña casa...nos non a deixamos afora se non que a temos toda a noite a refacerse...

    Andei estes días polos cantís de Teixidelo, antes da Mina, do cadro e da Lagoa no Limo...me parece que non che vai facer falla ceibar cabuxas, hai dabondo.

    Dalle duro o estudo, non hai outra.

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  5. Alberto Rivero, autor do interesante,e tan ameno como ben informado bló Fauna Vertebrada de Ourense, que figura entre os amigos do noroeste do Noroeste,ven de mandar un amable e cariñoso comentario que por cousas das meigas de Blogger non aparece ( ao mellor aparece cando lle pete, non sería a primeira ves)O caso é que ofrecía un interesante achego sobre flora desaparecida do Macizo Galego-Leonés que moito lamento non ter copiado para poder ofrecérvolo agora.
    Moi agradecido por tanto a Alberto e as miñas disculpas e laios polos errores de Blogger.
    Se non fose abusar da súa amabilidade pregaríalle que en caso de non aparecer a súa mensaxe tivese a xentileza de nos referir de novo o devandito achego.
    Mil gracias mil, Alberto.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar