XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 19 de xullo de 2012

Avetardos cativos (II)

Velaí vén unha entradiña pra darlles  outra volta aos avetardos cativos da Terra Chá. Non foron poucas as veces que poiden voltar a tentar botarlles un ollo. Nalgunha das campas xa non se lles oe, non sei se por teren emparellado, e andaren  noutros trafegos, ou por ter desaparecido por cousa das segas aceleradas das inmensas e velocísimas tractoras coas que hoxendía se traballan os tarreos da Chá. Nalgún campeiro de Goá aínda se escoita a súa voz, pro a herba moi medrada e a  discreta condición dos avetardos cativos non me deixan ollalos.

Vaianse con vós estas imaxes de hai un tempo, (ben se ve que daquela o mainzo  aínda andaba despuntando; arestora xa ergue media vara) dun macho reclamante nalgunha campeira da Veiga do Pumar, na que hoxendía tampouco se lle escoita. Dende dentro do coche, apoiando no caurel da ventaíña e aproveitando que saeu uns minutiños das herbas da dereita pra facerse ver ou sentir máis lonxe, fíxenlle medio cento de fotos apuradas, das que as menos malas son as que teño o atrevemento de amosarvos.

Cando menos, aparentan  algo mellores cás que poiden rexistrar na entrada que pasou. (Por se queredes reollar).

Sen outras verbas, velaí van elas:












E desta volta nada máis. Non atopando argumento que me fixera desdicir da oportunidade de nomear aos Tetrax tetrax coma avetardos cativos, manteño esta miña teimosía. A oportuna aclaración de X. Otero sobor de lles chamaren por algures sisois, non fun quen de dar atopado confirmación, pesia a ter preguntado a variadas persoas pola Chá adiante. Seguirase  á percura.

A hipótese de se o nome da parroquia de Santalla de Sisoi, poidera ter  relación coa ave que nos ocupa, pode descartarse de todo punto. Meu ben querido amigo Alvaro Porto Dapena, cadeirádego emérito da Universidade da Coruña, con quen teño a honra de compartir paseos e lerias, pronúnciase por un antropónimo xermánico dos que poderíamos atopar tantos e tantos exemplos por Galicia adiante e se pola Chá, aínda máis. Na mesma líña é a opinión de Cossue, pseudónimo do mantedor do bló de estudos semánticos, Flor na area que o supón un xenitivo do nome propio xermánico Sesoi e aporta, en achego que a baixo vai, varios extractos de documentos medievais que o confirman.

Mil de mil mercedes enchan as vosas horas, miñas donas, meus señores; que todo vaia moito ben.

A mandare.



Nota marxinal: esta é unha entrada que tiña programada pra se editar o domingo no medio do día. Pra daquela se todo ía ben andaría fóra de portas. Ao parecer as consecuencias inevitables da analfabetez dixital dun servidor dispuxeron que a entrada non se editase. Imos ver se agora, xa intramuros, son quen de publicar esta case reliquia.


Achegos:
a) Un estudo da posible orixe toponímica de todas e cada unha das freguesías da Terra Chá, no que, xa que logo, estúdase Santalla de Sisoi; do magnífico bló de estudos lingüísticos Flor na area.

Ningún comentario:

Publicar un comentario