XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 10 de xuño de 2010

Víbora de Seoane en Ladrido. Retrato duns retratos.

Son as 9 da mañá solares do 2 de abril do 2006. Un amigo urbanita e servidor estamos a camiñar dende o Piñeiral de Morouzos cara á Ría de Ladrido. A mañá, fresca e limpa, promete sol. As herbas recolleran algo de orballo. Imos camiñando entretidos coa conversa e co disfrute da fermosura inexplicable do herbazal de Morouzos.

Imos botando de paso un ollo ao principiar do rebulir da vida na primeira primavera. O meu amigo dime: -Mira aí¡ Unha cobra¡. E queda parado como se vise a estantigua.


- ¡Miña madriña! -case berro eu de ledicia- !É unha víbora!. De ledicia si, pois as oportunidades de botarlle un ollo á seoane non son moi moitas. Habela haina, pero en toda a miña vida de andariego polo monte só noutra ocasión dera con ela viviña e feiticeira. E para máis a Vipera seoanei de sempre, dende cando de cativo rebuscaba crías de culebras debaixo das pedras da plaia da Arealonga durante o mes de setembro, que por alí baixaban a se quencer, foi unha teima garimosamente excitante.



-¿Estás seguro de que é unha víbora? Preguntoume meu amigo coa espranza de atopar nas miñas dúbidas a tranquilidade da mañanciña que lle desaparecera coa súa visión e o meu berro. ¿Por que o sabes? Inquiriu de remate, un aquel xa aqueloutrado e con todos os ollos vixiantes e chantados no corpo revirado da cobra. (Sei que pensaba que a seoane podería dar un brinco e chantárselle no pescozo). O meu amigo dos campos que entende, son dos campos de fútbol. E pouco.
Armei a cámara e funme achegando moi amodo o animaliño. Míralle derriba da cabeza, -tentei explicarlle ao meu prudente amigo que se mantiña sabiamente alonxado- non ten as dúas placas cefálicas grandes das culebras, o rabo acaba bastante decamiño, e para máis leva a V, de víbora, ben marcada na cabeza, aínda que a isto último non se lle debe de facer moito caso. A seoane despreguizábase lentamente, atemorizada da presencia inesperada e xigantesca daquelas dúas cousas humanas e escomenzaba a fuxir de nós entre as longas herbas de Morouzos.


Se quería conservar algún rexistro fotográfico daquel encontro debería darme présa, maña e o seu aquel de arriscamento. O amplo ocular da miña cámara por diante ofrecido como primeiro obxecto a atacar, os dedos gardados na manga da sudadeira, e todo o zum que me permitía o modo macro eran todas as prevencións que podía tomar naquelas circunstancias. A simple vista distinguía a pupila vertical do ollo, santo e seña definitivo de ser víbora e non culebra. ¿Pero non lle tes medo? -oín tres metros detrás de min a voz preocupada do meu caritativo amigo- A min danme un noxo bárbaro.

Noxo non me dan ningún, contesteille, en voz máis ben baixa para non axocar nen alebrar máis á seoane. Do medo que me daba, non me considerei obrigado a darlle resposta. Na lidia, se se ten medo ou non, non importa, o caso é que non se note. Nen polo público nen polo animal.

Temple, calma e lentitude de xesto, esas foron as ferramentas coas que traballei estas fotos: que as présas son para os ladrós e os malos toureiros.
E coñecer o encaste tamén axuda: sabía que na fresca da mañá, dunha mañá de abril, para máis, ao mellor recién saída da invernación, pouca enerxía e ganas de atacar habería de ter. Se se amosaba ao sol primeiro era precisamente para irse fortalecendo cara a caza probable que tentaría ao mediodía ou a tardiña. Esas imaxinaciós fortalecían a miña confianza: e o meu valor presumido.
E tamén coma en todas as cousas desta vida, hai que ter sorte.

Iso mesmo, e moita saúde, é o que desexo para todos vós, miñas e meus.

E dándovos as gracias na ialma por seguirdes acompañándome no meu andar polos vieiros do noroeste do Noroeste, despídome por hoxe ata unha mellor ocasión.

A mandare.

Nota marxinal; quen siga habitualmente os comentarios deste bló comprenderá que lle adique esta entrada o destemido fotógrafo de víboras Xabi Prieto, de quen teño as mellores referencias coma naturalista e boa xente. Unha aperta Xabi. E moito ollo.
Que o 3ª Ollar de Seoane está a caer.