XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 7 de novembro de 2010

Mezquita, xilbarda, azoutacristos...

... e aínda tamén picanceira, picantel, xarda, xardeira, xilbaldeira, xenxibardeira e por mal nome rascacús, son algúns dos nomes que veu recibindo o Ruscus aculeatus ao longo da pequena, pro fecunda, xeografía galega.
En Cedeira corrían co nome de xestas e con elas, ao igoal que no Concello da Coruña e outros, facían os varrendeiros municipais as vasoiras para varrer as rúas.
Itálico

A xilbarda é planta da familia das liliáceas, parente logo dos allos, dos espargos, (Asparagus officinalis) dos xacintos e das soldaconsoldas (Polygonatum sp.). De flores normalmente dioicas que alumbran mesmo no vrao, sendo así fácil velas froitadas polo inverno: razón pola que modernamente dáse en recollelas para a decoración do Natal, e pouco á pouco vanse vendo menos.


As flores son extraordinariamente pequerrechiñas e críanse no medio e medio dos cladodios, esas formaciós anchurosas do tallo, dos que se vale a planta para facer a fotosíntese e semellan follas; e con elas as confundimos. Son por iso madeirados e moi resistentes e van rematados nunha punta aguda e espiñenta: razós polas que se usou á xilbarda para varrer as rúas e déronlle a maioría dos nomes populares galegos.

Os gromos das pólas novas medran dun xeito parecido aos dos seus parentes os espargos e coma eles, din, eu non os probei nen penso, son asimesmo comestibles e aínda saborosos.

O nome de xarda e xardeira que se lle veu dando, refírese en galego ao aspecto de pencas que o seu froito lle confire á planta. Xarda en galego ven sendo sinónimo de penca e marxa, manchas dunha cor diferente e de seu arredondadas. Díselle cara xarabeada a aquela que ten moitas pencas. A xilbardeira debeu coller este nome de xarda pola similitude co acibo, árbore que en moitos lugares, especialmente nos Ancares e Cebreiro, anda polo nome de xardón ou sardón.


Menos sabido é o nome de mezquita. De seu, na opinión do grande Martín Sarmiento (e logo recollida polos demás dicionarios), é o primeiro e máis antigo apelativo en galego para esta arboriña, que nos deixou uns poucos topónimos referidos á súa abundancia. O máis coñecido, sen dúbida, o concello ourensán da Mezquita, que ren ten que ver con mouriscadas e sí con esta curiosa e fermosa herba.


Conta o sabio bieito que se ten atopado co nome de Met-quita en "dos instrumentos latinos muy antiguos" e especula o Padre Sarmiento coa posibilidade de que en sendo plantas espiñentas, ao igoal que abruño ven de "abre o puño" e "abrojo" de "abro el ojo", met-quita poidera xurdir de "mete e quita": naturalmente a mao en canto a cerraras sobre os feros cladodios.

E noutro texto especula coa posibilidade de provir de "mures quita" ou "musquita", (espanta-ratos, vaia) á maneira, di, da denominación italiana de pungitopi, "contra ratones, pues con la planta tan espinosa se cubren los tocinos"


Refire que xa no seu tempo é palabra que se ven vindo a menos e só atopa o seu uso en Soutelo de Montes, en Cerdedo, na "Puebla do Deán", en Noia e "en las montañas de Pontevedra" e deixando constancia de que o topónimo non deriva de "mezquita de moros" como moitos cren, "lo cual es necedad", se non da abundancia do "vegetable".

E aquí queda a cousa, agardando deixar aclarado un topónimo que o outro día moveu unha agradable e entretida conversa entre amigos que imaxinaban un asentamento musulmán no sur de Ourense.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.

Nota marxinal: para a redacción desta entradica dei en consultar, coma sempre, o Dicionario de dicionarios e coma a tantas veces a Guías das plantas de Galicia de Xosé Ramón García, de onde tirei os nomes rascacús e azoutacristos. Saibase. As fotos van tiradas na macaronésica Fraga dos Casás, á que, a cada pouco, lle van comendo algo. E todos imos perdendo moito.