Corema album (a camariña si es de Camariñas, a caramiña si es do Caramiñal, a camarina se es de Cádiz, a marmea se es de Marnela), ten na nosa bisbarra, de que eu saiba, uhna soa poboación de moi poucos exemplares no Areal do Rodo, Pantín. Coñecida de todos os naturalistas e descoñecida pola xente, sobrevive malamente case asfixiada pola vexetación circundante, (toxos, tamus, silveiras), nunhas precarias condiciós medioambientais que, si non se toman medidas de protección e melloramento, aseguran a súa desaparición.
Album é a única especie do xénero corema, pertencente a familia das empetráceas, e ten as súas poboacións repartidas exclusivamente nas costas ibéricas atlánticas e nas Illas Azores. Só nas plaias andaluzas e no sur de Portugal ocupa espacios continuados; asegún sube ao norte vaise rareando e as colonias aparecen cada vez máis ailladas e mínimas. (No SO de Francia hai uhna poboación naturalizada, non autóctona). Así esta ducia, ao mellor escasa, de pés de camariñas que sobrevive en Pantín sería a colonia de coremas que representaría o seu límite norte natural de distribución mundial. Uhna reliquia. Outro tesouro ártabro.
A camariña é un arborico pequeneiro de non máis de 1,5 m de alto, dioico, ( quere dicir que ten pés masculinos e fimininos), con polas moi ramallentas de cortiza enrrugada e pardosa. Seméllase moito no porte a uhna uz.
O froito é uhna drupa pequerrecha, comestible, de sabor acedo que sen madurar é parda e madurecida vólvese branca. Marmeos chámanlles os nativos de Pantín e con el facíase licor, con tarraxe ou caña. Mellor que non se faga.
As extremas dificultades de reproducción desta planta de crecemento lentísimo, ( ¡ só 4cm en 4 anos ! ) fan que necesite de todas as sementes posibles para que os seus axentes dispersadores naturais ( gaivotas, páxaros, lagartixas...) conquiran os espazos de enraizamento suficientemente aillados que lles asegure a mellor protección contra os perigos que a amenazan nos dez primeiros anos de vida: as secas, os herbívoros e ...as pisadas humanas.
Esta resistente familia de marmeas pantinesas, un legado biolóxico dando as últimas boqueadas, espera da nosa especie a sabiduría natural que lles devolva o alento e lles asegure o respeto do dereito a seguir vivindo na súa terra : a Plaia do Rodo. Ao fin e ao cabo elas estaban antes que nós, pero ao mellor esperan moito: somos humanos.
(Homo sapiens, chamouse o soberbio a si mesmo. Homo ignorens, si soubera.)
Gratia plena a todos vós,
( miña posible media ducia de lectores e outra media de miradores)
Despós de data: Visitei, logo de ter publicados estes comentarios sobre as marmelas, a colonia da Plaia do Rodo, o sábado día 14 de febreiro. Afortunadamente ao seu redor non vin tanta silveira como lembraba pero sí moito máis Smilax aspera. Desgraciadamente, un pequeno pé de corema que tiña xa unha cuarta de altura e que medraba un pouco apartado do grupo principal, encetando a formar uhna nova colonia, desapareceu. Seguramente roubado e transterrado por un humano ( ¿ quen se non? ) que de seguro o ten nalgún chalet coa vaga disculpa naturalista de " a ver se se me da no meu xardín". Imaxinoio eu, que por vello algo vou sabendo de bestas.
Despós de data: Antón Cortizas ven de sinalarme cun correo electrónico de data de 18 de febreiro que o nome correcto que se lles da en Pantín é marmeas e non marmelas. El, que é residente en Pantín e de quen eu teño aprendido o nome, ben se ve que sen moita atención, sabeo ben. O caso é que marmelas é o nome que se recolle na páxina especializada ANTHOS, como sinónimo de Corema album. Iso levoume a confusión. Marmelas e marmeas son nomes ambolos dous correctos, pero en xusticia marmeas é o nome que se lles da en Pantín e por iso a día de hoxe cámbeo, agradecéndolle a Antón a súa exacta corrección, que non fai máis que ir na liña deste bló: sempre, antes que outras, as nosas voces do noroeste do Noroeste
Gustoume moito o teu blogue.
ResponderEliminarNon sei se sabes delas pero hai outras tres matas de corema na praia da Fragata-Vilar, na trasduna entreo o pinar. A latitude sería pouco mais ou menos a mesma.
Tamén teño citas antigas desta especie na trasduna da Praia da Cristina na zona da desembocadura do Río Mano (Lago-Valdoviño, pero nunca puiden dara con elas. Imaxino que acabarían afogadas polo macropinar plantado a finais dos anos 80.