XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 9 de marzo de 2025

Excm. Sr. Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia:

Estimado Sr. Román Rodríguez González: 

    Escúseme o inusual vehículo de comunicación  que intento establecer con vostede. Son consciente das poucas posibilidades que tén este tan raro como pouco usado método de poder chegar a contactalo. Tanto por producirse ao traverso dun blogue minoritario residente nun espazo bital arredado ao noroeste do Noroeste de Galicia, canto pola seguridade de que as súas preocupacións, non lle permiten o lecer de vagamundear polos espazos da internet. 

    Aínda así, que podo perder con intentalo?

O tempo que tarde en redactar as sintaxis dos meus desexos. 

Estimado señor:


Eu, Rafael López Loureiro, mestre xubilado teño a honra de me dirixir a vostede ao traverso deste escrito para instar da súa consideración esta outra suxerencia:


Que a Consellería de Educación e Cultura que vostede dirixe e coordina teña por ben ordear que o Día do Naturalismo Galego, 9 de marzo, natalicio de fr. Martín Sarmiento, se integre dentro dos contidos curriculares educativos do ensino galego a todos os niveis.



Non descoñece vostede que dende o ano 2023 as asociacións naturalistas e ecoloxistas de Galicia (SGHN, Habitat, Adega, Verdegaia, Feg, Amigos da Terra) e as máis prestixiosas institucións culturais de Galicia (Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Academia das Ciencias de Galicia e Centro Superior Investigacións Científicas) ao mesmo tempo que numerosas outras asociacións sociais e culturais, a canda personalidades académicas, artísticas e profesionais do noso país entenderon como oportuno e ben acaído adicar un día anual de recoñecemento ao escuro labor de estudo e protección da biodiversidade de Galicia que realizan os anónimos pero realmente existentes naturalistas do noso pais.



Tampouco iñora vostede que as institucións, asociacións e asinantes, en acto solemne celebrado o día 1 de marzo do 2023 na sede do Consello da Cultura Galega, presidido por dona Rosario Álvarez, acordaron  sinalar ao día 9 de marzo, día do natalicio do pai Sarmiento, galego grande,  coma Día do Naturalismo Galego. Así  ao recoñecer ao naturalismo de Galicia en data tan acaída queríase vindicar e exaltar a figura senlleira de fr. Martín Sarmiento, galego xenial,  devanceiro dos estudos naturalistas e adaíl primordio na petición de estudos regrados de Historia Natural,  si primarios tamén universitarios.



Sabe vostede mellor ca este destemido servidor, que o coñecemento da Historia Natural é parte alicerzal da Cultura dun país. Xa o dicía o noso padriño Martín Sarmiento: “Sin un más que mediano conocimiento de la historia natural y sin saber mas que la mayor parte de los nombres de sus mixtos, sus especies, diferencias, y algunas propiedades, ninguno me persuadirá que es erudito ni que sabe lengua alguna"



Sendo así non se entenderá como suxerencia inadecuada ou destemida que o coñecemento do traballo sabio dos naturalistas galegos, o labor primordial de Martín Sarmiento e a extraordinaria riqueza en biodiversidade de Galicia, poidan chegar ás aulas do país, resaltados co prestixio que confire unha data oficial recoñecida no curriculum escolar. Até parecería consecuencia da orde natural dos sucesos que se integrase dentro do proceso educativo.



De acollerse esta data senlleira entre as ensinanzas, estou seguro que a educación en Galicia camiñará un outro paso adiante, tranquilo e firme, na percura dos fins de modernidade, galeguidade, e recoñecemento da nosa biodiversidade. Obxectivos que con certeza tampouco son alleos aos intereses da Consellería de Educación.



É por tanto, polo que teño a confianza de que este petitorio ha de atopar un espazo garimoso  nas  súas reflexións e na súa sensibilidade e ao seu tempo, ha florear nunha senlleira data educativa que situada ás portas da primavera acompañará á lingua e á natureza  outras mil máis.



Escusándome polas molestias que lle poidera ter ocasionado  e agradecéndolle a súa liberal atención despídome de vostede, quedando este blogue e a miña persoa ao seu dispoñer.


Atentamente.


Rafael López Loureiro.


Miña ben querida e pouca xente, aí vos deixo esta instancia para que cada quen faga o que entenda oportuno. Se alguén tén a maneira de facerlla chegar ao señor Conselleiro e lle parece oportuna, saiba con anticipo que tén os meus agradecementos expresados.

Se outro alguén quere copiar e pegar e facela instancia persoal ou colectiva ten non só o meu permiso, maís aínda o recoñecemento admirativo e agradecido pola disposta resolución que unicamente esixiría trocar o meu nome polo pertinente.

Se algún alguén máis quixera republicala, espaleala e multiplicala dos xeitos e maneiras que entenda conveninentes, de  tal modo que co debido respeto se aumenten as posibilidades de acadar  audiencia co señor conselleiro, benvidas sexan todas e cada unha das iniciativas.

Miña ben querida e pouca xente que pasedes un bon Día do Naturalismo, vivindo en paz acaroados ao corazón da xente que vos quere; o que non é pouco.

Seguir a ser bos que guapas xa sodes.

A mandare.

PAZ E  PALABRAS





Mil primaveiras máis
 para a paz, a lingua e a natureza.





4 comentarios:

  1. Sirva o meu apoyo a esta proposta coma pequena arrotiña dunha onda mais grande que cheque ata a praia do Sr. Conselleiro.
    Bo día do Naturalismo Galego !!

    ResponderEliminar
  2. Sexa benvida en boa hora!!Moi bo día do Naturalismo !! Longa memoria ao xenio de SArmiento!!

    ResponderEliminar
  3. Bravo,Profesor,lo vas a conseguir

    ResponderEliminar
  4. Ogallá..se hai sensibilidade debería entrar no curriculum!!

    ResponderEliminar