XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 20 de marzo de 2025

MARÍA DA FONTE , 22 de marzo, das BRAVAS GALAICAS seu día.

    Corre o ano 1846. O goberno lisboeta de María II, edicta unha lei sanitaria do ministro Costa Cabral que obriga soterrar aos mortos lonxe dos vilares e das igrexas, nos apartados e modernos cemiterios recén construídos. Esta lei, que vén acompañada dunha xeira de taxas e requisitos burocráticos antes inexistentes na Gallaecia do Sur vai ser considerada un ataque frontal aos seus costumes e dereitos relixiosos  por canto, nas súas crenzas galaicas, os defuntos, as almiñas, a parroquia de mortos, sempre presente, de non repousaren no campo santo que abraza á igrexa matriz, estarían  indefensos, isolados, perdidos nos alonxados cemiterios. 
    O 22 de marzo, ha ser soterrada Custodia Tareixa, vicinha do lugar de Simaês, freguesía de Fonte Arcada, concelho de Póvoa de Lanhoso. As normas novas obrigan  a ter que usar o  cemiterio. Alí estarán presentes o Comisario de Saúde que certificará o óbito e o párroco que cobrará o "Billete de enterramento" e as taxas "de covato". Custodia vai ter que ser soterrada polo imperativo da lei e coa forza do estado contra as tradiciós e as crenzas da vella Gallaecia. O imperativo da Lusitania lisboeta.

    Mal souberon todo isto, as mulheres da freguesía,  fornecidas de chantós, fouces e ferramentas, uteis de   guerra, botáronse aos camiños dispostas a non consentir, fora como fora, o enterro de Custodia no cemiterio moderno. O médico, o padre párroco e os catro coveiros enterradores diloíronse en nada diante daquela avalancha femenina de decisión inapelable que inundou o camposanto. Desapareceron. Catro mulheres, decididas, colleron o cadaleito e con todas as outras ao rabo viñéronse vindo de volta ao mosteiro, onde, en terra santa e sen esperar polos servizos relixiosos do párroco, non fora ser o demo, elas mesmas por elas mesmas lhe deron sepultura á súa vicinha. Non sen rezarlle un responso.


    Custodia Tareixa foi soterrada como é debido.

    Vestida coa saia vermella tradicional, portando unha cruz na mao e unha pistola ao cinto, á fronte do enterro marchaba María Angelina, irmá do zapateiro de Simaês, a única daquelas  revolteiras que leva un arma de fogo. De 20 anos, e aparenza robusta, falan crónicas, ía coma todas as outras dando vivas á Raiña e morras aos Cabrais e as Leises Novas.

    O 24 de marzo, as modernizadoras autoridades, amoladas pola insurreción das mulheres dispuxéronse a impoñer a lei polas bravas e a demostrar quen era quen mandaba. Apareceron correxidores e gardas para castigar ás cabecilhas da revolta. Hai redadas polas aldeias. Prenden a Joaquina Carneira, a María Custodia, a María Motas e a María Vidas. As autoridades, pretenden, por riba, ir  exumar o cadvre de Custodia e carretalo pola freguesía adiante para volvelo entullar no cemiterio.


    As campás das igrexas dobran os sinos repenicando con forza. Están chamando ás mulheres da contorna a defender o repouso eterno de Custodia. Centos de mulheres atouradas, "armadas de fío e roca" poetizarán  as cantigas, en menos do que canta un galo, escorrentan aos correxidores e espantan aos catro ou cinco coveiros desenterradores presentes.


        Custodia Teresa seguirá a durmir no camposanto.

    O día 27 de marzo, a Joaquina Carneira, a  María Custodia, a  María Motas e a María Vidas, van ser levadas diante do xuíz. Coa concencia exaltada polo éxito recente córrese a voz polas freguesías: hai que ir liberar ás companheiras apresadas. Na manhá dese novo día, e outra vez ao aviso dos sinos, xúntanse as mulheres no Cruceiro: as memorias din que por milheiros. Todas xuntas, un exército temible. Sen medo nin temor de ninguén atacan o edificio da prisión. Destragan e derruban as portas, toman o mando, e liberan ás súas compaheiras. Joana María, mulher nova de entre 18 e 20 anos, figura na Historia por dar as  machetadas primordias contra as portas da cadea.


   Coas bravas galaicas non hai lei de fóra que poida.

    As mulheres, para concelebrar a súa victoria absoluta xúntanse en xira maior no largo da Fonte. Alí, a María Luiza Balaio taberneira e hospedeira, tén cantina e convida a beber por garrafas, xerros ou copos a quen quixer. A festa das mulheres é festa rachada. As agudas gorxas aturuxantes das mulheres minhotas celebran con ledicia eufórica a liberación das presas, disfrutando con bailas, cantos, ughos e berros de... Morte aos Cabrais!!!! Viva a Raíña..!!! e tamén, e aínda moito máis repetido... Vivaa Maríaaa da Fonteeee!!!... obrigándose con educación coa taberneira... que convidaba ao viño.


   Dende aquela, o nome da taberneira ecoa nas lendas.


   Os periódicos das cidades dan noticia que unha tal María da Fonte é a capitana a quen todas vitorean. Vai ser así coma este nome pasará a designar, estimulada pola iñorancia amarelada e confusa da lonxana prensa lisboeta, a lideresa inexistente da espóntanea revolta de mulheres. En pouco tempo, aventado pola fama mediática, acadará cumios míticos e  fantásticos. María da Fonte tornarase un ser ideal, unha pantasma invisible e inaprensible. Inalcanzable para as autoridades. Han ser moitas as mulheres que nun caso ou noutro van ser acusadas, ás veces autoacusadas, de seren cada unha delas a  capitana  María da Fonte.


  Non moitos días a seguir, na vicinha freguesía de Galegos, as mulheres tiran adiante, firmes, coa súa revolta cultural. Contra das advertencias do correxidor, enterran "en chao debido" a Francisco Lage. As autoridades, alarmadas pola persistencia, continuidade e extensión da rebelión, ordean deter as cabecilhas. Buscan con particular énfase a unha tal María da Fonte, ao parecer capitana. Só prenderán a Josefa Caetana quen, pesia a ser unha coñecida  de toda a vida, mesmo das autoridades, declarará que ela é...  María da Fonte.  No punto vai ser conducida ao cárcere. Arreada polos camiños da serra por seis gardas con uniforme oficial, Josefa Caetana vai prisioneira para a cadea da Pôvoa do Lanhoso.


   Onde lle chaman a serra do Carvalho centos de paisanas, boas coñecedoras dos camiños do monte, armadas con paos, fouces, ouciños, coitelos, machadas, galletas e  algunha arma de fogo, téndenlhe o paso á comitiva militar que conduce á Josefa Caetana. Saíndo de súpeto do monte ao camiño, unha greada desafalazada de mulleres, ughando e erguendo armas,  rodea  á sorprendida comitiva militar. Que non pode dar un  paso. Os seis gardas non son nada  diante da agresiva vontade armada daquela moitedume aturuxante. Liberdade ou masacre, non hai outra.


    Josefa Caetana, "María da Fonte", é liberada.


    Estes desacatos serán só o xermolo. A revolta das mulheres da Gallaecia bracarense, non fixo máis que encetar. Continuará e medrará ate chegar a ser un fenómeno social e histórico. A raíña María vai ter que destituir ao ministro Costa Cabral. Para daquela a revolta  vai ser manipulada a comenencia dos poderes políticos de moito lonxe, ocupados na confrontación entre as ideas conservadoras do antigo réxime e as liberais modernidades republicanas do século XIX. Unha delas os cemiterios arredados. 

    

     Pero esa xa non é a historia de María da Fonte.


     Joana María Esteves, Joaquina Carneira, Josefa Caetana, María Angelina, María Custodia Milagreta, María da Fonte do Vido, María da Mota, María Luiza Balaio, María Vidas...velaí  encarnada en calquera delas á mítica capitana María da Fonte. Avisión invisible e inaprensible, espíritu inspirador, alento mítico. María da Fonte non foi unha mulher precisa. Foi unha moitedume avoltada de mulheres rurais, aldeanas, labregas, que lle puxeron a proa ao mundo e a Historia,  en defensa do seu sentir cultural e en rebeldía contra a malcriada modernidade de progreso, ofensiva coa tradición, que non respeta nin tan siquera o sagrado dereito ao repouso  en camposanto.


     María da Fonte. Nese nome de mulher acobillouse o moderno e persistente lendario minhoto da heroína feminina liberadora de vilas e cidades, verbo a Inés Negra de Melgaço,  a Deu-la-deu Martin de Monçao ou as bravas mulheres de Castro Laboreiro que un día fixeran ceacuar as tropas españolas.


    María da Fonte eran todas e non era ningunha.


    Mater Galaecia,  acorda  da Ausencia de Ti.



Miña ben querida e pouca xente, seguer a ser bos que guapas xa sodes. Apertiñas. A mandare.



PAZ E PALABRAS






As sete mulheres do Miño. O Zeca Afonso. Non se diga máis.




O Vitorino, o Luis Pastor e a música do Zeca.
 Irmandade na televisión da Galicia.

BiBa a Ramboia!!!Con esas dúas Bes galegas, orgulho do pobo e da fala minhota. Aí están os nosos.


A Ramboia Galega, a alma revertendo de unidade popular galaica. 

Chega a hora

As paisaxes son raianas case todas elas.
 Non se diferencian terras. 
Mater Gallaecia, a Nosa.

12 comentarios:

  1. Fermoso relato. Moitas Grazas x compartilo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa!! Graciñas a ti Loli! Unha historia real como Galicia mesma. Mater Gallaecia, a nosa. Apertiñas.

      Eliminar
  2. Gracias por compartir, la HISTORIA que lo es.

    ResponderEliminar
  3. Pracer meu. Graciñas a ti por andar de visita polo noroeste do Noroeste. Se gusta difunde. Mañá é o día. Saúdos cordiais.

    ResponderEliminar
  4. Respostas
    1. Graciñas a ti. Alédame que guste. Difunde e faina arrolar. Saúdos cordiais.

      Eliminar
  5. Interesante y bonita historia
    Gracias

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, de corazón. Alédame que fora do seu interes . Saúdos cordiais.

      Eliminar
  6. Texto portentoso e evocación á María da Fonte e á unidade luso-galaica.
    Coñezo ben a aldea de Pitões das Júnias e toda a Serra do Xurés, de ambos lados da fronteira ficticia. O Xurés sinto coma se fose a miña terra, o meu pobo.
    Vou compartir e seguirei este blog.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas meu señor, quedo obrigado con vostede. Todo Portugal é casa galega, pero o norte onde naceu, é Gallaecia materna. Sempre en Portugal. O Gêrez e a Peneda son tamén miñas terras da alma de preferenza. Adoro as terras barrosás, inda por riba. Saudiñas deste portulego. Mire esta entrada por se fose do seu interés. https://costaartabra.blogspot.com/2015/12/a-peneda-mina.html

      Eliminar
  7. Intereresantísimo, grazas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alédame que fora do teu interés. GRaciñas a ti por andares de visita polo noroeste do Noroeste. Saúdos cordiais.

      Eliminar