mércores, 2 de decembro de 2009

Carozas do mar: pingüiniños nosos.

Chegan os temporais de inverno e chegan a canda a eles as xentes do mar de fóra. Van vindo a pasar os meses feros do ano en territorios máis mansos e de mellor acomodo. Xa andan algúns deles entre nós. As simpáticas carozas, Alca torda, a cousiña máis parecida a un pingüín que podemos mirar ao noroeste do Noroeste, xa anda pescando nas augas das nosas rías.
Vraneantes e aniñadoras nos lonxanos territorios do Norde, (Islandia, Escocia, Escandinavia... e algunhas na Bretaña) dan en baixar cara o sur para invernar en terras máis tépedas. Mesmamente varios milleiros pasan o estreito de Xibraltar, (as antigas columnas non do clásico Hércules senón do máis vello e céltico Berobreo, como deixou explicado Atistóteles) e acobíllanse no inverno polas costás mediterráns.

Entran daquela polas nosas rías, e é a ocasión de poder botarlles un ollo, se un ten a sorte de tropezarse con elas. As fotos que ilustran esta entrada son do ano 2006 no que esta noviña andou a pescar polo medio e medio da vila, entrepontes, senón de que habería eu de poderlle chiscar o ollo da cámara e facerme con esta media ducia mal contada de fotos.
De cotío andan polo medio da ría (en Cariño son mellores de ver ao pé do malecó) e se un non anda fornecido cuns bos prismáticos ou un telescopio terrestre, xa se lle pode botar unha area de sal, que non se che deixan ver.


A palabra caroza coa que se coñece a Alca torda en Cedeira debe de facer referencia ao seu aspecto compacto e recollido coma unha caroza dos piñeiros, nome xa propio de todo o noroeste do Noroeste, chegando ata Viveiro cando menos, para designar ao froito dos piñeiros.

Non se recolle este nome no excelente traballo de M. do Carme Ríos Panisse (1983) "Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Universidade de Santiago, Verba anexo 19" onde si se recolle o moito máis orixinal de aro ñopo. (E hai tamén onde e quen lle chama aro romeiro. Será por que vai e ven).


Aro, efectivamente é o nome máis habitual con que por estas terras se coñece, non a Alca torda, senon ao Arao común, Uria aalge. Aro ñopo non sei que senso poda ter. No Eladio Rodríguez recóllese o adxectivo ñopeiro, facéndoio sinónimo de arroubón, " raterillo que hurta cosas de poco valor". Non sei: como non roube o peixe das redes non imaxino de onde lle virá o alcume.

Recolle o traballo de Mª do Carmo Ríos outras denominacións para a caroza, chamándolle aro do patexo ou aro do patelo, referenciandoio así a un dos seus manxares predilectos: aquel crustáceo (Polybius henslowi, seguramente) que na nosa infancia tanto se usaba como abono e que tantas veces temos carretado para o tarreo para aproveitarlle as súas altas concentracións en cal, sosa e potasa, así como as súas poderosas cualidades desinfectantes, "por eso nunca produjo infecciones ni epidemias, a pesar del mal olor que despide al descomponerse al aire libre": o mestre Eladio dixit.

A caroziña non é unha ave mariña moi grande, 41-48 cm aprox., e coma todos os da súa xente é unha excelente mergulladora, podendo pasar máis de dous minutos e medio debaixo da auga, cousa que fai sempre que se sinte ameazada ou necesita pescar. É quen de baixar moi ao fondo, empurrándose coas alas que as manexa coma se fosen aletas de mergullador.


Voa moi ben e rápido con batidos fortes, con moita fogaxe, arrequecéndolle, e en terra camiñan balanzando as ás coma os pingüíns: daí que os franceses non dubiden en nomealo, e eu tampouco, como Pingouin torda.

Aniña nos cantís, en regañas, furanchicos ou peitorís e en solitario, non en grandes grupos coma os aros; e pon un só ovo. Disque ata os anos setenta deu en aniñar polas costás cantábricas, pero arestora a zona de cría máis achegada a nós son os territorios da Bretaña francesa.


O desastroso desastre do Prestige, de imposible esquezo, supuxo a morte de miles delas (2861 petroleadas, das que só 45 poideron ser liberadas), aínda que non tantas coma de seus primos os aros (Uria algeae), dos que se recolleron 4492 e só se poideron ceibar 112. E o aro para Galicia é unha especie en perigo de extinción da que só se censan 15 parellas nidificantes. Os humanos, ese virus.

E por hoxe aquí se queda a cousa.
Quedamos con vos agradecidos a linda caroziña e un servidor.
Saúde e sorte.
Despós de data: Ogallá este inverno teñades a sorte de poder botarlle un ollo a simpática caroziña. E levedes con vós unha cámara calquera: haberedes de poder facerlle moito mellores fotos das que eu fun quen de facerlle. Para máis o agresivo tratamento do fotoxó sei que non as mellorou nen pouco nen moito. Desculpas, prego.

10 comentarios:

  1. Hola Rafael:
    Unha palabra nova que non coñecía, bueno, a palabra si, pois de toda a vida oínlle chamar carozos ao que queda do maínzo despois de sacarlle o grao, pero non sabía que se lle chamara así ás alcas.
    Desas 2861 que foron víctimas do chapapote algunhas pasaron polas miñas mans, fíxenlles a necropsia para certificar a causa da morte, tamén abrín bastantes araos, gaivotas varias, algún mascato, frailecillos, etc, etc
    Unha catástrofe que esperemos non se repita.
    Hoxe levaba un mercante todo o día parado diante de San Andrés, e un barco de salvamento marítimo cerca del, esperemos que non arrime demáis.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Boas...inquietante a presenza do mercante co barco de salvamento ao pé... a sombra do Prestige non nos abandonará nunca...
    Carozos chamamoslles tamén aos centros das mazás, logo de seren comidos...unha das ocurrencias dos cativos dalgún tempo era pedirnoslos carozos os uns aos outros...deixasme o carozo?
    Agardemos que o do barco se quede en nada.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  3. Noraboa pola visita da "caroza" e agradecer que nola achegues a quen non podemos disfrutala en directo mais, por esta vez, as fotos... certo que asi enténdese mellor o mérito de cando son certemente boas.
    Para a xente profana e preguiceira como eu son, viríanos ben un algo de descrición porque... por que se sabe que é unha "noviña?"

    ResponderEliminar
  4. As fotos efectivamente non poden ser peores...paréceme que xa o escribín... e non sei se me aledo de ter razón por unha vez...e en canto o de ser "noviña" eu tamén teño dúbidas...ao mellor é unha "velliña".
    Gratia plena.

    ResponderEliminar
  5. Vendo estas fotos dan ganas de coller os prismáticos e visitar as rías, para gozar e ver estes paxaros. Moi amena a nota informativa

    ResponderEliminar
  6. Na hora as rías son o mellor espazo de diversión para o afeccionado/a...O espazo intermareal Ladrido-Ortigueira está impresionante con centos ou miles, eu non me dedico ao conteo,de aves de todas as especies...sen dúbida a Doñana do norde...anímate e disfrutarás...para máis sempre te atopas con xente afeccionada a observación.
    Saudiñas

    ResponderEliminar
  7. Olá Rafa, vexo que estás moi produtivo esta temporada. Noraboa.
    Como sabes este ano tivemos a esta simpática ave moitos días pola ría de Cedeira, incluso perto da praia, aínda que como ben dis, sen telescopio "rien de rien". Eu incluso diría que tivemos algo máis que alcas, probablemente gavia immer e gavia stellata, pero non o podo afirmar porque os días eran de pouca luz e os bichos estaban moi lonxe. Ademais como ti ben sabes eu levo pouco tempo nisto do naturalismo, apenas 20 anos, e aínda estou en fase de aprendizaxe.
    Respecto ao do Prestige, sen dúbida foi un pao creo que case irreparable para algunhas especies, pero xa sabes que por Cedeira algúns dicían "a ver cando vén outro Prestige".
    E é que estar na casa cobrando sen traballar a calquera lle gusta.
    Unha aperta,
    Miguel.

    ResponderEliminar
  8. Boas Miguel...en fase de aprendizaxe andamos moitos... pero vindo dos teus ollos podemos asegurar que as gavias andan por acó...

    ... en canto poda intentarei miralas, no canto aí está o intermareal de Ladrido e Ortigueira, para disfrutar e aprender co catálogo case completo de parrulería e xente de augaire...

    Saúde e sorte.

    ResponderEliminar
  9. Felicitote polas tuas fotos Rafaaaaaaa¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡
    segue asiiiii o teu alumno Hector perez fernandez.
    O noso profe

    ResponderEliminar
  10. Moitas gracias, Héctor... aprende a poñer as tildes no teclado... xa ves profe sempre.
    Alédame saber que che da por mirar as fotos do bló.
    Saúdos.

    ResponderEliminar