De frente e por dereito direi xa que coincido con toda exactitude coa demanda -axustadísima a razón natural- dos promotores, e non vexo mellor causa para retomar o manexo deste bló, demasiado esquecido para o meu gusto, que sumar as miñas intenciós ás das devanditas asociaciós ecoloxistas e ao tempo ofrecer aos posibles lectores, ou miradores, unhas febles imaxes que poidan dar unha idea, que por forza sempre ha de ser diminuida, das razós que poidesen avalar tal petición. Monte do Pindo, Parque Natural. Digo.
A pouco se chega o que se deu en chamar, non sei se oportunamente, Olimpo Celta: uns primeiros rochedos nos que a imaxinación máis aburrida e achairada pode dar en entreterse coa interpretación das infinitas, sen esaxeración, formas que a erosión retallou nos graíños.
Chégase ao pouco ao Penedo do Casteliño, ou do Pedregullo, onde se poden ver os restos, coma unha fervenza de pedras, dunha antiga fortaleza medieval, seguramente para refuxiarense dos invasores normandos, posiblemente o Castelum de San Jurgium, do que xa falara o grande Padre Sarmiento, e que a maxinación popular deu en considerar o Castelo da Raiña Lupa. Todo pode ser nesta Galizia, na que todo está iñorado.
Perto de alí están as rochas do que chaman "O Sitio onde se Adora" lugar que ao misterio indubidable de tan suxerente nome, xungue a contemplación de fermosas vistas sobre a primeira Costa da Morte, o Chan das Lamas e a rasa costeira de Quilmas e Caldebarcos, onde só a tremenda presenza da desmedrada piscifactoría cría na faciana as enrrugas de desagrado que provoca a fealdade.
Incontables penedos configurados por centomiles de enormes pelouros conforman a xeografía única do Monte Pindo. Para irse chegando á Moa deberemos traspasalos por entre os confurcos e as valgadas, seguindo un camiñico estreito e recoñecible, sempre que o temido neboeiro non apareza. Unha especial xeografía de carn e cairns, vellas palabras da lingua céltica que siñifican pedra e a súa dureza, tanto coma os amoreamentos de pedras que sinalando os camiños sagrados que conducían aos lugares de adoración, coutaban os roteiros do antigo mundo indoeuropeo e que andando o tempo deron en ser chamados co deturpador nome de milladoiros e amilladoiros, do latín humillatiore, sacrificio.
O recendo da antiga lingua céltica chegou ate nós rexistrado na notaría da toponimia. Carnota, que antes de ser o nome propio do Concello que se extende ao redor do Pindo foi nome común, defínese no dicionario Cuveiro Piñol (1864) co sentido, dise que xa daquela antigo, de "amontonamiento" e no Porto Rey (1900) "cosas en montón, sin orden ni regla" e carnoedo ven definido no Piñol coma "peñasco" e tamén como "montón de piedras" . Carnochos, na máis enxebre fala coruñesa son os habitantes do rueiro de Monte Alto, conformado todo el por grandes penedos de graiño. Velaí.
As vistas que se divisan dende este enorme carnoedo de carnoedos que é o Monte Pindo son abraiantes e célebres. Non de balde acádanse máis de seiscentos metros sobor do nivel do mar. O enorme areal de Carnota, o mar de Lira, hoxe a primeira reserva mariña galega, a Terra do Xallas, o mítico Cabo Finis Terrae e as vilas de Corcubión, Cee, Ézaro e Fisterra caiben na cunca dos ollos.
Un espazo natural privilexiado e orixinal, habitado por unha singular moitedume de formas erosivas fermosísimas e entretenidísimas nas que, a maneira dun test de manchas, cadaquén dá en descubrir, baixo das curvas e as diaclasas do graíño, aquelas obsesiós e delirios que conforman o seu mundo imaxinativo e fantasioso de a diario.
Territorio histórico no que ás pegadas que deixou a historia, (a lembranza das tres Aras Sextianas adicadas o emperador Augusto polo xeneral Sextio, a pedra labrada do Pico Peñafiel na que se leu: Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomuñaron eiquí este castelo, ou os restos aínda visibles da vella minería do wolfran) hai que xunguir a abondosa riqueza etnográfica que nos fala do Furado da Xoana (ao mellor da xana, propón con tino Felipe Senén), da Cama do Peñafiel onde se ían deitar as parellas para mellor fecundar, da tradición lendaria que afirma que a Raiña Lupa está enterrada baixo a Moa, con sete millós en ouro aos pés e outros tantos á cabeza; e aínda tamén das marabillosas propiedades da herba destes cotos de podere medrare nunha noite, no que noutrures nun mes.
Sen dúbida os valores xeolóxicos e paisaxísticos serían determinantes para protexer definitivamente este marabilloso mundo natural, cada día máis coñecido e recoñecido. O feito de arestora sere un espazo deixado da mao de deus é un clamor de incivilización que lixuga co estigma da barbarie ás autoridades, que deberían de seren as primeiras preocupadas en conservar este tesouro único e impedir a presenza de canteiras, hai unha ao pé da marea, de pistas, que cada vez parecen ser máis e con máis quads, ou das alevosas pintadas gamberras que emporcallan a cimeira da Moa cos textos máis lamentables da estúpida presunción humana.
Non direi máis. Paisaxe, xeoloxía e bioloxía, ao tempo que tradición e historia, xunguidos todos nun espazo natural moi ben delimitado, cinguido pola fermosa Enseada de Ézaro, a malpocada fervenza do Xallas, e o formidable areal de Carnota deberían de estar defendidos, protexidos e ben coidados por seren un dos requintados tesouros naturais e económicos que a nación galega posúe no seu territorio. Estar deixado, deitado no abandono, á destrución dos cobizosos e dos iñorantes, é un borrón de lixo no ser quen somos. Discutir os méritos que avalan a necesaria consideración legal de Parque Natural é un exercicio de ociosidade dolosa. Digo.
Estimado Rafael.
ResponderEliminarEn nome da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural, queríache transmitir o agrademento polo apoio a esta causa.
Tamén che queríamos pedir permiso para reseñar este artigo a xeito de opinión na nosa web www.montepindo.org, obviamente sinalando o autor e ligando co teu orixinal.
Rogámosche nos des a resposta no enderezo info(arroba)montepindo.org.
Sen máis, recibe un saúdo cordial.