domingo, 23 de xaneiro de 2011

A reliquia de San Andrés

Agachada das perigosas olladas humanas, sobrevivindo entre as regañas das pedras do chao e dos muros, resiste milagrosamente en San Andrés de Teixido unha, cada día máis escasa, colonia de Erodium maritimun, unha agulliña, unha xeraniácea, unha humildísima herba pequerrechiña que quixo Deus criala ao pé da hermida do santo.
A agulliña mareira, este Erodium maritimun pois, é unha planta escasísima e cunha historia triste de maltrato e desidia ao seu redor. Ata hai poucos anos coñecíanse en España, só tres colonias: unha en Sá Dragonera, nas Illas Baleares, outra ao redor do Faro das Illas Cíes, e estoutra de San Andrés de Teixido, da que hoxe falamos.

Sabíase da existencia histórica dalgunhas outras pola banda da Guarda, nas beiras do Miño, ena plaia de Cesantes, en Redondela, pero constatárase a súa desaparición e extinción. Perda valiosa e irreparable, coma toda vida perdida. Máis a valorar, se coubera, polo feito de sere a agulliña mareira escasa asimesmo a nivel europeo, aparecendo as colonias veciñas máis prósimas, e sempre de poucos individuos, na Bretaña francesa e na Irlanda. Especie rarificante, de poboaciós ailladas entre sí e de non moitos exemplares, exténdese por contadas localidades mediterráneas e outras poucas atlánticas.
No ano 2005 a colonia existente nas Illas Cíes, todo un Parque Nacional, co seu sistema de xestión, tan caro coma ao parecer pouco eficaz, veuse afectada gravisimamente polas obras de acondicionamento do enlousado dos arredores do faro á conta da Autoridade Portuaria de Vigo de quen depende, e alí quedou sepultada para sempre e considerouse definitivamente perdida. Quedaba só a resistente poboación de agulliñas do mar de San Andrés de Teixido: unha reliquia. A verdadeira reliquia de San Andrés.
Non extrañará a ninguén, con estes antecedentes explicados, que a agulliña mareira teña todas as consideracións protectoras legais en regla ao ser considerada Especie en Perigo Crítico de Extinción. Tanto na lexislación europea, coma na española ou na galega. En todas.

Afortunadamente para a especie, no ano 2007, ao se gañar para o dominio público á propiedade da Illa de Sálvora e facer nela a catalogación de especies presentes, apareceu unha numerosísima colonia de miles de exemplares, se os meus datos son concordantes co real. Toda unha grata sorpresa. E igoalmente, en rebuscas posteriores á desaparición da colonia das Cíes, Jaime B. Blanco-Dios, dá a coñecer a presenza de 16 exemplares nos cantís do propio faro. Algo é algo.


Tan agradables novas non deberían facernos pensar que as agulliñas de Teixido son agora menos dinas de protección e seguranza. Ao contrario. Nos últimos anos a agulliña mareira tivo un descenso notable no número de exemplares. Habitando no limbo do descoñecemento e da iñorancia pública, (sen merecer xamais un comentario nas abondosas publicaciós "máxicas", turísticas ou históricas sobre Teixido que na bisbarra se teñen publicado), anda arestora esmorrendo aos poucos, perdendo ano a ano algúns exemplares.

As obras de acondiconamento urbano acometidas en Teixido no ano 2005, cambeando todo o empedrado tradicional (nas regañas do que sobrevivían un bo número de exemplares), por outro de pedra foránea asentada en cemento, e realizadas sen un estudo previo das poboaciós de agulliña, supuxeron unha perda elevada de efectivos.

Igoalmente neste pasado ano de 2010 realizáronse obras de acondicionamento arredor da hermida co fin de evitar as humidades que entraban pola parte de atrás da capela e poñían en perigo a conservación, (de por si e polas intervenciós eclesiásticas xa moi deteriorada), das pinturas do século XVI que se atopan ocultas ao público detrás do retábulo.



Deixadas estas pequenas agulliñas da mao de Deus nas maos dos humanos, entre eles a do señor cura que anda posuido da teimosía anual de remendar a obra do Creador a base de fumigar con herbicidas os muros de arredor da eirexa (costume tan pouco caritativa coa biodiversidade, como coa saúde pública), arestora veñen perder efectivos ano tras ano sen que autoridades e veciños saiban, ou queiran, conservar e protexer tan valioso legado natural.

No Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, auténtica biblia do estado da cuestión, e publicado polo Ministerio do Medio Ambiente, relaciónanse xa estes problemas que vimos de citar como as máis graves ameazas para a supervivencia da especie no entorno de San Andrés de Teixido. Textualmente dise o seguinte: "La población de San Andrés de Teixido -refírese a poboación de agulliñas- está en el seno de la localidad y su entorno, la elevada afluencia de visitantes, así como las labores de acondicionamiento de caminos y muros (desbroces y aplicación de herbicidas) afectan a la especie". Non o digo eu, dío o Ministerio.

O lamentable caso da actuación nas Illas Cíes, coa conseguinte eliminación en días ou horas da única colonia alí coñecida, debería servirnos de exemplo e lección na que aprender con que extrema facilidade se elimina un tesouro biolóxico, vital xa que logo, e debería de advertirnos do exquisito coidado que deberemos poñer todos, pero as autoridades as primeiras, en calisquer actuación que acometamos que implique destrución de vida: xa sexa camiñar polo monte, desbrozar territorio ou construir paseiños.
As fotos das agulliñas que ilustran estes comentarios van tiradas en anos diversos e todas en San Andrés de Teixido. Acredito que cada ano vexo como van desaparecendo exemplares. Sei que ao mellor esta entrada non vai tan entretenidamente ilustrada coma outras, e ao mellor tanta repetición de agulliñas aburre. Pero leva un obxectivo: dalas a coñecer para ver se axudan a nacer na conciencia da cidadanía, na do cura tamén, a posibilidade da súa protección mor do seu coñecemento. Dio-lo queira.

E levan tamén outro obxectivo un pouco máis temerario e aloucado: ao mellor alguén coñece outra localidade, non moi lonxe de por acó, onde as agulliñas se dean con total naturalidade e poida darse o caso de que en mirando estas fotos exclame: "¡Vaia polas ánimas, tanto mérito e destas hai cantas se queira nas lousas do adro da miña parroquia!"

Atrévome a zoupar esta mensaxe no adentro da entrada, e ao océano bital do noroeste do Noroeste, pois hai tres anos andando eu en San Andrés a facer algunhas das fotos que ilustran este artigo, unha muller amilagróuseme toda e díxome: "Con esas plantas facíame meu avó un xogo cando eu era nena, alá en San Román"
E así, coa ilusión esperanzada do naúfrago, vai hoxe deixándose rematar esta entrada. Ogallá sirva de algo. Se algunha autoridade civil toma nota, algunha eclesiástica estende a súa caridade e algunha cidadanía amplía ideas, marabilla de marabillas. E se por riba de todo, alguén da conta dunha nova poboación, por pequerrechiña que sexa, desta humildísima agulliña mareira, este servidor de todos vostedes quedaravos eternamente agradecido, miñas e meus. E se non tamén.
A mandare.


Nota marxinal: Quixera poder achegarvos algúns enlaces e referencias bibliográficas que teño arquivadas, pro hai tempo que blogger non me deixa pegar aquilo que windows me deixa copiar, e así é que lamentablemente vai esta entrada coma outras moitas xa, orfa de referencias. Ben que o sinto. Madialeva, quen estivese interesado en ampliar coñecementos só ten que escribir en Google o nome de Erodium maritimun. Un mundo de achegos aparecerán de inmediato.
O que non aparecerá será un coñecedor, ameno e aleccionador artigo asinado polos eminentes botánicos Roi Carbajal, Miguel Serrano e Santiago Ortiz na revista Quercus relatando polo miudo o triste caso da desaparición da agulliña mareira nas Illas Cíes. Toda unha lección de botánica en dúas páxinas que eu recibín no meu correo gracias á amabilidade dos autores. Mil gracias mil, Miguel.

Despós de data: Veño de observar, ao revisar a edición, que hai dúas imaxes, a terceira e cuarta foto, que aínda que os meus arquivos dan diferenciadas son exactamente a mesma ou tanto se amitan que son igoais, para máis a terceira vai sen virar. Pura pranghana. Desculpas prego.

13 comentarios:

  1. Impresióname o que aí sabes das herbas ventureiras. Que bochorno o das Illas Cíes,en canto os mandamáis urbanícolas meten a pezuña en algo, hai que botar a correr.
    E xa en positivo, non hai catalogadas colonias na Costa da Morte? Dígoo porque eu por alí topei plantas para min insólitas entre as pedras, dunha beleza exquisita. Claro que eu non son botánica pero fíxome moito, pero a min as agullas sóame de velas na costa de Carnota. Hai outras plantas que tamén as teñen non si?
    Estas facendo un labor marabiloso neste caderno, grazas por abrirnos os ollos á Terra.

    ResponderEliminar
  2. Ola Rafael,

    Estupenda entrada, o certo é que teño estado veces e veces en San Andrés pero nunca reparei no Erodium aínda sabendo que estaba alí, andaba a outras cousas...

    Descoñecía o suceso de Cíes e as cousas que contas dan que pensar sobre a nosa forma de actuar como sociedade e sobre a maneira tan triste e ignorante que temos de desaproveitar o noso propio patrimonio, incluso dende un punto de vista egoísta... co sinxelo que sería en casos como este...

    Un saudiño e noraboa novamente pola entrada e polo blog

    ResponderEliminar
  3. Boas, moi agradecido a ambos e unha ledicia ver que esta entrada da que falar.
    Eu pensaba que o das Illas Cíes polo sonado que foi no seu momento, certo que nos ámbetos de sempre, era de dominio público...para daquela (aínda non se descubrira a poboación de Sálvora)o mesmo director do PArque dixera que non había moito do que preocuparse, pois en Teixido quedaban exemplares e poderían levarse as Cíes...pola rede andará a referencia.

    ...certamente Orola, hai todo un palleiro cheo de agullas, como me escribiu M. Serrano...a familia xeraniacea da moitas agulliñas e mesmo o xénero erodium é abondoso...eu tampouco son botánico, tan só un aprendiz de naturalista que pica un pouco en todo para aprender a diario, ese grande placer.
    Seguro que por Carnota hai varias especies de agulliñas, e ao mellor algunha delas é a mareira...Galizia sufre de ausencia de sí e acó anda case todo por estudar. Nas Ciencias Naturais, pese ao esforzo dos grandes científicos que temos, máis que noutros campos, paréceme a min.
    Saúdiñas para ambos, moi obrigado.

    ResponderEliminar
  4. Rafael, ineteresante entrada, eu xa coñecía desta pranta (ata pode que gracias ti, nalgunha conversa).
    Dos defectos do señor cura non vou falar, porque se empezo...pero alguén debería tomar medidas algún día.
    Non aporto ningún dato, xa me gustaría, pero me nego a pensar que en toda a volta non teñamos máis exemplares desta pranta. A Capelada ten zonas moi inaccesibles, nas que pasan décadas sen que pase unha persoa, e iso implica botánicos e demáis, polo que teño a esperanza que que non todas sexan tan devotas como para non saír do adro...
    Cambiando de tema, teño fotos dun caracol "novo" (para min), acompañante dos Elona quimperana e da Chioglossa, mirei en varios sitios e non o din identificado, a ver se cho podo mandar e ti sabes...
    Saúdos

    ResponderEliminar
  5. Boas Juanma...unha ledicia sentirte de novo por acó...a agulliña require uns espazos físicos moi concretos de tarreos calizos por tso na Capelada e emn San Abdrés de rocas ultrabásicas é unha verdadeira milagre dise que ao mellor polos depósitos diferenciados nas regañas das lousas e entrepedras dos muros, pero aínda tendo requerimentos ten requintados e espefícicos gardo espranzas de aparecere algunha outra poboación, se o fixo a Centaurea borjae...

    Dos defectos do señor cura eu non falo que non os coñezo nen viría ao caso... tan só presento os efectos dos seus excesos.

    Manda a foto da caricola e veremos de mirar se a podemos clasificar, aínda que eu de moluscos ando, como de case todo, moi frouxo.

    UNha aperta.

    ResponderEliminar
  6. Interesante entrada Rafael, gracias a ela tanto eu como outros máis coñeceremos a esta plantiña é ogallá serva para a súa protección real. Un saúdo

    ResponderEliminar
  7. Olá José Ramón...pois con esa intención se edita esa entrada, en verdade ao noroeste do Noroeste, todos os concellos e instituciós públicas, Costas os primeiros, deberían de facer unha política proteccionista intensa e racional, máis mirando pola Naturaleza que pola Turisteza, no convenio de que nun futuro prósimo, natureza enxebre e orixinal será o que mellor se poida ofrecer, e o que demandarán, os visitantes.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  8. Ìnteresantísimo post, so podo felicitarte e máis nada, pois quedei sen palabras.

    Parabéns!

    ResponderEliminar
  9. Moi obrigado Alberto, son palabras máis que suficientes e expresivas. Dan azos.
    Unha aperta.
    (Calquera día vémonos por esa Limia ou calquera outra zona do sur de Ourense;non só aires do noroeste respira este bló)

    ResponderEliminar
  10. Olá Rafa,
    Parabéns polo grande êxito da entrada da agulhinha, que batizache de mareira. Valha, logo, o nome. :-)
    Como se comenta mais enriba, não seria tão raro que houvesse algum núcleo na Costa da Morte. A primeira vez que se citou esta espécie na Galiza foi em Fisterra (vai 110 anos), de onde parece ter desaparecido.

    ResponderEliminar
  11. Olá Miguel,
    Moi obrigado polas túas palabras canto pola carta na que me ofreciches o resumo, magnífico por certo, do artigo voso no Quercus.
    Xa me gustaría poder ter citado os nomes de todos os investigadores e investigadoras que participástedes na grandísima descuberta das agulliñas mareiras (mais obrigaciós por aceptar o nome) na Illa de Sálvora, pro non din coa relación completa en ningures e por preguiza, e non abusar da túa amabilidade, non cho inquerin. Desculpas a todos.

    Ogallá que aparecese por algún curruncho algunha nova colonia.Da de Fisterra tiña noticias polo voso artigo, pero pareceume entender que era unha cita sen confirmar.

    O verdadeiro éxito do artigo sería que o cura deixara as fumigaciós, as autoridades se remangasen e a cidadanía se decidira a defender a Terra, pero claro, non se lle poden pedir ao ameneiro cereixas.

    Unha aperta. (Non esquezas a idea de darte unha volta por acolá: aínda non se extinguiron os percebes)

    ResponderEliminar
  12. Felicidades polo artigo,e polo blog,moi bo e interesante, do mellor sen dúbida.Co teu permiso súmome os teus seguidores,saúdos dende O Barqueiro.

    ResponderEliminar
  13. Obrigado por todo e a miña noraboa pola iniciativa do teu bló, Cousas do Norte, ao que lle desexo o mellor do mellor.
    Moito ánimo e.. a facer Terra.

    ResponderEliminar