martes, 1 de marzo de 2011

Fratercula arctica, morta, en Vilarrube.

Non son eu moi amigo de facer deste bló unha extensión das páxinas necrolóxicas. Tan só noutra ocasión, o lobo da Faladoira, dei en amosar acó  xente fenecida. Quedan no fondo do disco duro unha boa xeira de cadáveres ocasionalmente atopados. Pro a Fratercula arctica ,a freiriña, é ave que sempre me chamou a atención e a quen nunca tiven ocasión de botarlle un ollo. Mágoa que a primeira ollada fose nestas tristes condiciós. Pro ao mellor é un agoiro de prósimos coñecementos.

 
Dei co cadavre a última hora do día no enorme praión en que se converteu a praia de Vilarrube, que se unha milagre non o remedia, e non o creo, está condenada a desaparecer prosimamente. Non sei moito eu desta paxarada, pro teño entendido que son xente de mar aberto, da outamar, que crían nas lonxanas costás do Norte Ártico e que perante o inverno (precisamente cando o seu rechamante peteiro ten os tons máis mornecidos) pode verse na prosimidade das nosas costás.
 Seica hai tres subespecies deste curioso e rechamante alcidae, parente logo dos cada día máis escasos aros (Uriae algeae) e carociñas (Alca torda). Na miña infinita, ou case, inorancia non podería determiñar a cales das ditas subespecies pertence este galo do mar: arctica, grebae ou naumanni. Nen ao mellor ten moito interés saber diferencialos, non sendo para os especialistas.
É xente moi curiosa no seu comportamento, vivindo practicamente todo o ano en alta mar e non chegando a costá case nada máis que para aniñar. O que fai nun niño que esfuraca co seu característico peteiro nas pedras e rochas da beiramar onde cría, xeralmente en colonias moi numerosas. Cóntase que por veces a acción conxunta de tantos  furados e a de fortes agaceiros pode ocasionar corrimentos de terras catastróficos para as poboaciós de fratercula, de freiriña digo.
Mantense exclusivamente de peixes e crustáceos, (arao do patelo chámanlle por iso os mariñeiros de Cariño) que apaña polos mares, dándose a circunstancia de ire sostendo entre o seu peteiro numerosos peixes, ata vinte, para levarlle a cría que agarda no niño. Pon un só ovo e defende a súa crianza con paixón e fiereza. Ave moi mal voadora, cría por iso en outos descantís dende os que pode zouparse á marea cunha certa eficacia; pola contra é unha magnífica mergulladora, coma case todos os alcidae, por outra banda.
Nalgunhas localidades da súa area de cría é (ou era, non sei eu) considerada un obxectivo gastronómico e existe unha caza tradicional, unhas veces á mao (deixándose picar  que seica o fai con tanta forza e interés que xa non arrea) e outras, teño entendido,  con unha especie de longa lanza. Non entrarei en máis detalles desagradables.
Pesia a sere na Galizia un visitante tan só da invernía, e non tanto da costá canto dos mares, María do Carme Ríos Panisse, recolleu unha boa colección de voces e nomes cos que se lle chama polos diversos portos galegos: arao romo en  Ogrove, aro en Foz, aro da altura e inverniso en Camariñas, ave inverniza en Malpica, invernice en Espasante, galo do mar en Miño, Corme e Bares, galo mariño na Abelleira, galo monteiro en Sada e Malpica e aínda pixoteiro en Marín. Inexplicablemente Ríos Panisse non se explica o por que deste último nome. Arao do patelo, que escoitou servidor aos mariñeiros de Cariño, non aparece no listado.

E isto é todo, miñas e meus.
Co meu agradecemento máis sentido por andardes  aí detrás, despídome ate outra mellorada.
A mandare.
Despós de data: Veño de ler no diario El País (12 de abril do 2011) a nova de que durante o mes de marzo apareceron mortos polas costás cantábricas centos de galos de mar (Fratercula arctica) Non sei se o que aparece nesta páxina figura nesas estadísticas. En todo caso agora sabemos que non foi un caso aillado se non un outro dun  andazo do que de momento non temos unha explicación coherente. Só miles de víctimas inocentes. Ollo ao piollo. Podedes ler a noticia do periódico madrileño  acolá.


Aí van os arrimes:
O primeiro achego unha páxina, grande testemuño, do extraordinario paso de galos do mar en decembro do 2007 fronte a Estaca de Bares, contado por José Miguel Pumar e recontados  ao alimón con Ricardo Hevia,  premendo acó.

Estoutro é a ficha correspondente do Ministerio do Medio Ambiente, premendo eiquí.

Aí  vai a referencia do Dicionario de Dicionarios do estudio de Maria do Carmo Panisse correspondente a Fratercula arctica, premede acolá.

Accederes a referencia de Asturnatura en premendo.

O inevitable da Wiki, acó.


VideosMinimosdoNoroeste
video
Pentumeiros fronte á Illa de San Vicente

(Con todo o tremor e a emoción habituais).

4 comentarios:

  1. Bueno, o teu primeiro contacto cun destes non foi moito mellor que o meu.
    A verdade éra que nunca me dera por fixarme nas aves mariñas ata daquela, distinguía a gaivota chorona das outras e pouco máis, pero veu o Prestige e encheu todo de merda, e a min coincideume de facerlle as necropsias a uns cantos destes bichos, pasaron polas miñas maos, e abrinos para que plasmaran nun informe que efectivamente morreran polo chapapote, uns poucos destes frailecillos (perdón por non aprender os nomes en galego, aínda), algún arao, bastantes alcas, algún alcatraz (inmenso e precioso), e cormoráns e gaivotas varias. Aquilo quedoume gravado, e do bon que se pode sacar na miña experiencia foi que me empecei a interesar algo por eles, polo menos para saber o que son, que tampouco moto máis.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Boas Juanma... certamente o do Prestige deixou baldadas as poboaciós de aves mariñas e as de alcidae, polo que se dí, tocadas da ala.

    Só un desexo e un berro: ¡NUNCA MÁIS!

    (Pro, ao que parece e se sabe, os "sentinazos" non dan rematado, agora coma sempre, aparecen restos de chapapote frescos por toda a costa, e paxarada mariña petroleada; non hai máis que ver a cantidade de referencias nas páxinas dos paxareiros de gaivotas e outras aves totalmente petroleadas)

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Que perto o tiven. Estou a aforrar para visitar Escocia e velos alí. Fascínanme.
    Creo que se o atopo cando paseo por esa praia me dá un aire! Non me disgustaría ver un de perto, aínda nesas condicións, pero tamén que tristura velo mortiño ainssssss
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. Ese ano houbo unha grande mortandade polo Cantábrico (e penso que non se acabaron averiguando as causas)aparecendo un elevado número de freiriñas mortas polas praias. A de Vilarrube outra máis. Baixar baixan todos os anos, pro son xente moi de mar adiante e non se deixan ver polas ribeiras. A min tamén me cadran. Unha viaxe a Escocia pra botarlles un ollo é unnha excelente inversión: xa contarás.

    Apertiñas.

    ResponderEliminar