XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 27 de febreiro de 2011

Aquilegia vulgaris, paxariñas... ¡¡en febreiro!!

Sorprendente dato de fenoloxía, na miña modesta e iñorante opinión o feito de aparecere unha paxariñasAquilegia vulgaris, plenamente floreada e vizosa a 24 do mes de febreiro. Dei con ela nos marouzós de Vilarrube, en tarreos abertos e areeiros, rodeada de herbas secas. É  a máis ceda observación da paxariños que fixen na bisbarra. Da súa aparencia plenamente desenvolvida deberíamos concluir que iniciou a súa floración, cando menos unha semán atrás: a mediados de mes, en pleno inverno. Sorprendente, ao meu parecer.
A paxariñas é herba fermosa, lanzal, de grande porte e ben plantada que chama da atención e recolle as olladas de quen pasa. Adoita  alumbrar nos campos a primeiros de abril, ou coma moi cedo a finais de marzo. Esta tempada polo que se ve, todo vai un aquel adiantado: as eirugas da procesonaria, que inzaran os piñeiros da Plaia de Cedeira, abandoaron os niños ¡a mediados de xaneiro!, cando adoitan facelo ao remate do inverno.Teño video e fotografías rexistradas.

Herba que gusta de deixarse ver en moitos habitats, pro parece amosar unha preferencia especial polos prosimidades das augas, sendo fácil vela medrar nas mesmas beiras dos ríos, dende os primeiros días de abril, ata ben entrado  o vrao.


De flor fermosa e orixinal, con cinco sépalos petaloideos e cinco pétalos que se xuntan formando unha corola tubular, posuíndo cadanseu esporón, revirado pra riba e recurvado pra dentro, conferíndolle un aspecto característico.
Planta que foi de antigo moi usada en menciña tradicional polas suas propiedades diuréticas, sudoríficas e desecantes tanto pra facilitar os partos canto para baixar as febres ou sandar do ardor de gorxa, entre outros moitos usos; veu perdendo a súa utilidade polas propiedades tóxicas que posúe, desaconsellándose totalmente o seu uso doméstico.

Na Galizia danse dúas subespecies (vulgaris e dichroa) diferenciadas fundamentalmente polo tamaño da flor, pro servidor non deu nunca diferenciado unha da outra. Recolectada pra xardinería os floristas obtuveron dela numerosas variedades de cor, entre elas a de cor rosa, que o mellor saltou de novo ao campo e anda hoxe aparecendo polas beiras dos camiños. A de abaixo é de Moeche, pro mireina tamén en Vilanova dos Infantes, en Ourense. No Xurés dánse  dun escuro azul nazareno.

Aínda que o seu nome máis corrido é paxariños, eu prefiro chamarlle paxariñas, por telo sentido e para deixar os paxariños para recoñecer as flores do xénero linaria, co que asemesmo corren, e evitármonos confusiós; pro se alguén quere darlle calquera dos nomes que se recolleron, aí van os que aparecen na Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, de E. Losada, J. Castro e E. Niño: bonetes, enxertina, escornacabras, fardillos, fidalguiños, herba dos pitos, herba pombiña e soldados. Non hai queixa. Onde escoller tedes: o voso gosto, o meu contento.


E acó remata a xogada.
Desexando que desfrutásedes destas fermosas flores, todo un espectáculo floral, e que cando chegue o tempo da súa floración  lembredes que xa a mediados de febreiro deran en alumbrar nas canas resecas das herbas do marouzón de Vilarrube, voume despedindo de todos e todas lembrándovos aquela despedida da cativeiría cedeiresa que dicía: ¿Que hai na praza? ¡Papel de estraza!... Que cada quen se retire pra a súa casa. Pois iso.
Moi agradecido. 
A mandare

E van estes achegos:
O primeiro da páxina de Biodiversidade en Galicia, coma sempre unha xeira de boas fotos,   acolá
O segundo de  Asturnatura,  acó
Estoutro do Herbario Virtual do Mediterráneo da Universitat des Illes Balears, eiquí


VideosMínimosdoNoroeste
Actitis hipoleucos no Río Condomiñas

2 comentarios: