domingo, 24 de abril de 2011

Poutegas en Prior

¡Temos un achádego! Berraron chamando por min dous amigos cos que andaba a pasear as pandas asuradas de Cabo Prior. Daquela eu estaba pillando imaxes do Portiño da Cova e eles andaban algo por riba. Fun calmadamente subindo e ao chegar onda eles, apuntaron co dedo a escuridade dun ribazo e repetiron: ¡Temos un achádego!

Alí, seguindo a liña imperiosa do dedo, debaixo duns toxos, a ollada rebrincou de ledicia ao contemplar un alustre de cor, unha metáfora floral do lume, que coma un gromo de lava inesperado xurdía da faciana preta e pechada do ribazo para aledarnos definitivamente a tarde.
Un gromo de Cytinus hypocistis, de poutega, alumbraba na negra rebordela dando calor, luz e ledicia ás horas grises e húmidas dunha tarde de abril co nubeiro baixo. Era a primeira vez na miña vida que podía ver cos meus ollos esta rara planta, cada día máis escasa.
A poutega é unha planta parasita das carpazas, Cystus sp., que vive oculta, sobterrada, a expensas das raiceiras da súa planta nutricia, deixándose ver á luz do día tan só nos días da floración, nos que asoma unhas cabeciñas apretadas de flores que poden ser totalmente amarelas, esbrancuxadas ou coma as dos santos da entrada, intensamente vermellas e marelas. Xa que logo é unha planta que non procesa clorofila.
Outras dúas cabeciñas, tiñan xa localizadas os meus amigos, asomando aínda timidamente, por entre as follas da carpaza. Rebuscamos un pouco máis no arredor por se houbera algunha outra e atopamos entre as herbas e as follas, sempre rodeadas de cystus, outros tres gromos florais de poutega. En total, seis chamas de quentura entre o verdor escuro. Seis ledicias de cor nunha tarde gris. Seis sorrisos de lume vexetal. Seis mercedes das horas.
As poutegas pertencen á familia das raflesiaceas, a mesma a que pertence a Rafflesia arnoldii, da Illa de Sumatra, moi coñecida do público pola súa extraordinaria flor fedorentea e enorme, de máis dun metro de diámetro  que pasa por ser a  máis grande do mundo e que ten numerosas referencias documentais nos medios de comunicación de masas.

As poutegas andaron moi buscadas, en tempos que foron, pola rapacería  para chucharlles os zumes azucrados que disque deixan un certo regusto ao mel. Deron en ser chamadas, por iso, "mel do raposo". Pro non serían a úneca expresión que a lingua galega ten para tan extraña planta.

O eminente filólogo e cadeirádego José Luis Pensado Tomé,-Negreira (1924), Salamanca (2000)- adicoulle xa unhas verbas  na súa obra: "Opúsculos lingüísticos gallegos del S.XVIII"  estudando preferentemente os traballos do Padre J.Sobreira e os do  imprescindible Padre Sarmiento, en rigor un fervoroso e apaixonado naturalista namorado da botánica.

O primeiro que cómpre explicar é que baixo o xenérico nome de carpaza e queiroga agáchanse na lingua galega,  e segundo as bisbarras, a práctica totalidade dos membros da familia das cistáceas, particularmente os xéneros cystus e helianthemun,  e tamén varias especies de ericas, uces, e aínda as plantas do xénero lithodora, a carpaza azul.

Definíronse  no correr dos anos nomes propios para chamar á carpaza na que se crían as poutegas ou hipocistos, e o Padre Sarmiento nas notas Sobre el vegetable seixebra, que cita Pensado Tomé, escribiu: "En tierras de Caldelas llaman también carpaza al urce rastrero y para distinguirla de la carpaza que da el hipocisto, llaman a esta carpaza molar"
Na obra xa citada de Pensado Tomé descúbresenos que a chamada no século XVIII queiroa melga, non outra é senon un sinónimo da carpaza molar, e que ambas as dúas definen a mesma planta criadora dos hipocistos, referindo que a palabra melga, debe ser entendida coma unha referencia a calidade melífera da poutega.

Recurre para a demostración  á definición que para a voz mielga dera o Padre Sarmiento: "Llaman así en el mismo sitio, hacia Leitariegos, a las poutegas o hipocistis. No de medica, sino de miel, como en Galicia llaman ameleiras" Velaí pois outras dúas voces  para a poutega: mielga e ameleiras.


E amosa outras acepciós para esta mesma fermosa e rara planta, onde o compoñente mel está asemesmo presente, tomadas tamén do anchuroso canle farturento do sabio bieito: "amoleyras en Portonovo", "mel de raposo en el Bierzo","mel do cuco en Lugo" e ainda chuchamelos tamén pola banda de Portonovo.


Fala Sarmiento: "...por el mes de mayo nacen o salen de las raices de la carpaza de flor amarilla o del cisto, unas como flores de granado, o como cabezuelas de la bisnaga, y las cuales se separan con facilidad de las dichas raíces; los pastores y los niños salen por el dicho mes a los montes a coger aquellas que ellos llaman poutegas; para chuparlas un género de azúcar o miel blanco que tienen en el fondo". (Origen de las voces Poutega, Puga y Pua, tirado de Pensado Tomé na edición citada).

E no punto vai rematando esta entrada, expresando a miña rendida admiración, tantas veces confesada, polo caz de sabedoría infindo, tamén naturalista, do Padre Sarmiento e pola vosa incomprensible fidelidade a este bló dun aprendiz de naturas que non deixará nunca de agradecervos a vosa presencia.

Moi boas horas, miñas e meus.

A mandare.


(Coa espranza de que esta entrada lles alive, un algo, do doloso castigo vital de ter que respirar lonxe do noroeste do Noroeste, e co  permiso de todos vostedes, adico esta entradiña aos meus queridos amigos   Oscar e Dora, que   me desvelan achádegos impensados)

    VideosMínimosdoNoroeste
 Poutegas en Cabo Prior

video

Achegos:
a) Todas as fotos do mundo google en premendo acó.
b) A páxina de Anthos, con todos os nomes tradicionais acolá.


Fe de erros: Non sendo os latines, nen a excesiva atención, os louros que me aduvían, dei en escribir no video hipocistis no canto de hypocistis. E para máis escribin póutegas, esdrúxula, cando a verba é chá poutegas, como se escribe ao longo do artigo. No video non ten amaño. Aí ficará para maldizer do autor. De seguro non han ser os máis cativos dos erros. Escusádeme, prego.

martes, 12 de abril de 2011

No corazón da escura verdescencia...

 ...das selvas macaronésicas do noroeste do Noroeste. Velaí, no santo de cima, agrisallada pola brétema poirenta do serán e atacada pola praga eucaliteira,  un dos últimos currunchos de mato enxebre da bisbarra.
A el nos encamiñamos estoutro día para comprobar a pervivencia nas súas beiras de dous felgos macaronésicos extraordinarios: Culcita macrocarpa e Hymenophyllum tunbrigense, respectivamente o de frondes máis longas e poderosas e o máis diminuto de todos, non máis ca un brión dos que recobren as penas.
E ao tempo avaliar o grao de conservación dos seus habitats: tíñamos tristes noticias de que afeccionados ao trial ou enduro ou algo así, deran en andar facendo  "deporte" polo monte arriba.
Nas augas do val do río, nas beiras húmidas dunha cuneta da pista, andaba esta rá vermella...
...revoando, releando por unha branquiverdosa femia, andaban dous fermosos machos limón...
...pousada na punta dunha póla dunha árbore, estaba esta Nymphallis antiope, unha fermosa barboleta con poboaciós moi escasas, un verdadeiro achádego, unha sorpresa, unha ledicia...
 ...e as anemones, mapoulas do río, aínda alumbraban as beiras, esta pareceume unha trifolia, pro deixa a ver, tres follas tiñas...
Afortunadamente non encontramos restos recientes de práctica de "deportes" destrutores máis alá da zona de pistas e camiños, e pouco á pouco fumos indo rego adiante e arriba, amodo e con coidado esquisito, mirando moi ben onde poñíamos os pés, entrando con reverencia relixiosa na escura tebra verdescente, dun dos últimos templos das selvas macaronésicas do noroeste do Noroeste...
 ...que neste rego cría importantísimas colonias de Allium victorialis, na hora aínda sen a flor floreada...
 ...e tamén de Polygonatum odoratum e  Luzula silvática, dúas fermosas herbas cada día máis raras de ver.
Algunhas das súas ribeiras andan recubertas de Woodwardia radicans, ese espectacular felgo da Era Terciaria, que sobrevive na nosa terra dende que, hai centos de millós de anos, esta era un mesto bosco tropical.
Grupos de trombós brancos, Narcissus triandus, adornan as beiras, por acó e por aló...
 ...e suaves molidos de brión recrean ironías sobre arte moderna nos vellos toros das árbores abatidas,  coroadas de sarandiños frolidos...
 ...e festucas, anemones, narcissus, violas, luzulas, aliums, xacintos bravos, saxífragas, brións, felgos, sarandiños,  van conformando, nun acordo perfecto, a verdescente escuridade...
... á sombra dos loureiros, carballos, acibros, pradios, salgueiros, abelairas, ameneiros, freixos, albedros... que  medran vizosos ao compás do rego  continuo da humidade,  que ascende dende a auga escumante das fervenzas bruantes, ledas, de seguidas...
...que non han de deixarnos en todo o camiño, enchendo  os nosos ouvidos dun baldordo remuiñante e húmido, pracenteiro e grato, madialeva non ser o maino marmurío dun regato, se non o  fero ruxir dun dragón sinuoso, destemido de voráxines bravas...
...que só se amansan nas ribeiras frolidas, de dondas penas refeitas, as molladas escuridades das que, se alfómbran cun tapete de verdescuros campiños do diminuto felgo que buscamos: Hymenophyllun tunbrigense, ao fin.
Non son poucas as penas, e as cortizas vellas dulgunhas árbores, nas que aparece este diminuto e valiosísimo felguiño tropical, protexido, incluído na Lista Vermella coa categoría de Vulnerable; de presenza rara ou moi escasa en toda a súa área de difusión, dende os Trópicos e  as Illas da Macaronesia ata algúns puntos do oeste da Irlanda e da Gran Bretaña, recibindo  o seu nome da localidade inglesa de Tunbrigde Wells, onde se debeu de citar por primeira vez.
Este felguiño require uns condicionamentos biolóxicos moi estritos, de humidade permanente e temperaturas suaves no inverno, acompañado de rochas acedas nas que poder desenvolverse e enraizar, e con carencia particular de nitróxeno. Na nosa bisbarra  con numerosos nichos biolóxicos nos que poderen medrar críase asemesmo, no Río Seixo da Capelada, o Hymenophyllum wilsonnii, sendo a única localización coñecida para a Península Ibérica. Todo un arruallo do noroeste do Noroeste que deberíamos de coidar e preservar defendendo os seus hábitats: as escuras selvas dos regos esgrevios.
Os hymenophyllum son un amplo grupo de pequenos felguiños que reciben este nome mor da  composición de  hymen, lámina, membrana ou maimiña, con phyllon, folla, o que nos refire á extrema delgadez das súas frondes que con toda facilidade deixan traslucir a luz, ainda a moi pouca dos escuros currunchos que ocupan. Mirade e vede.
O Hymenophyllum tunbrigense cría os soros que conteñen as esporas en inclusios (esporanxios) que se dan no arranque das frondes e andan protexidos por unhas valvas dentadas e características, como se pode apreciar nas imaxes que a seguir van, conqueridas con máis fortuna que talento.


E satisfeita a  teima e a obriga de rexistrar cumpridamente aos felgos fílmicos, polo delgado da fronde digo, seguimos o noso recoñecemento da bravía canle do rego, que non deixaba a cada pouco de amilagrarnos con algunha deliciosa aparición.
Velaí cima de texto ao Carabus gallicianus, un endemismo galego que pouco á pouco ve restrinxidos os seus territorios, pro que neste rego amosábase de cada pouco, dándonos a entender que ten que ter poboaciós activas e abondosas. Outro motivo máis pra defender as singulares selvas macarónésicas do noroeste do Noroeste.

Un couto da enxebreza. Un territorio singular e único. Unha xeografía da exuberancia e a vizosía. Un espazo de valores bioxeográficos extraordinarios. Unha matria da beleza que se abría ao noso paso sen deixar nunca de ofrecernos o galano xeneroso da contemplación do paradiso perdido.
Un paseniño de cadencias antigas, de recendos vellos que ulían á máis necesaria modernidade: a de salvagardar estes mínimos currunchos de pureza para dende eles, e das súas sementes de vida, facer agromar un mundo novo que coute ao esmagante e empobrecedor eucalital nos seus xustos termos:  que sen deixar de dar economía aos humanos, permita tamén  darlle vida á xente.
Paréceme a min que se ao eucalital se lle impide o enraizamento en determinados ambientes, se se deixan determinadas zonas para o desenvolvemento do bosque propio -a sen par selva macaronésica-, se somos quen de rexenerar determinadas concas fluviais e tornalas en todo o esplendor do ser quen foron, (que as imaxes que acompañan esta entrada permiten aventurar) outro niño económico haberíamos de crear: o do turismo ecolóxico de calidade. Ese mesmo que anda a criar negocios sostibles e de futuro en tantas outras comunidades: que ofrecerían o que non teñen por poder ter o que nós temos: unha natureza única, orixinal, de biodiversidade requintada,  extra-ordinaria e por iso mesmo privilexiada.
Librar á nosa terra do liberalismo economicista que anda a permitir a salvaxe e incivilizada invasión eucaliteira de todos cantos eidos (bosques fluviais, regadíos, beiramares, ouzais...) poidan ser prantados e asoballados, ofreceranos unha oportunidade de intelixencia e haberanos de dar posibilidades futuras de desenvolvemento que, de seguir coa actual política liberaloide, veríamos toradas,  ao facermos desaparecer   unha das máis requintadas herdanzas de riqueza natural que se poideran concebir. Sentidiño: iso que tanto se demanda. Ao mellor por escaso.

E entre laios do espíritu e bruídos dos rego, entre brincos de auga e chanzos de brión, apareceron diante dos nosos ollos, revelados na escura verdescencia, os primeiros pés de Culcita macrocarpa e a  brilante claridade das súas frondes inmensas.
Encostados a unha fervenza escumante para poderen ser regados pola humidade permanente, que tanta falla lle fai a esta felga, os poucos pés desta ameazada, e moi protexida especie, (endemismo iberico macaronésico), extendían as súas amplas frondes polos aires do bosque, destemidos da altura e temerosos da directa luz solar, da que non gostan: dánse por iso mellor nos regos que miran a norde.

Cerca de  coarenta pés deste xigantesco felgo  poidemos recontar, algúns deles co correspondente laciño rosa luminiscente dos botánicos universitarios que os andan a estudar. Na hora, as culcitas, están a levantar as novas frondas. Unha espiral de espranza. É un espectáculo natural único contemplar o tamaño, a densidade e  a fortaleza anovada destas pólas novas, vizosas e punxentes. Que o sexa por moitos anos.

Con eles enchendo o ánimo, repousamos ao carón dos felgos, pousados nas follas vellas dos carballos, merendando algo nós e merendándonos a nós as carrachas. Ulindo de cerca á pequerrechiña flor do sarandiño, que enchía o chan todo canto a vista daba, fomos deixando pasar, cos ollos entrepechados e os sentidos abertos,  a luz escura do mato de fóra adentro, enchoupándonos a ialma de verdescentes lembranzas e a memoria de recendos de humus umbroso, froitador e antergo.
Intres  nun paradiso, nunha illa da felicidade, nunha macaronesia.
Era a hora de virse vindo.


Amodo e coa mesma calma respectuosa e relixiosa coa que subíramos, retomando a observación deste mundo perdido pola face do revés, outro é sempre o camiño de volta, sen présas, que o mundo ha seguir xirando tolo, fúmonos despedindo, con bicos de palabras faladas en voz baixa, deste curruncho de xeva coa ilusión de sabermos que todo aínda non está perdido e reconfortados coa espranza optimista de agora sermos quen de imaxinar unha resurrección de todos nun paradiso  verdeluz.

Onde nós pasáramos uns intres que poideran ser eternos.

E ao chegar abaixo todo acabou onde empezou: unha maneira coma outra calquera de rematar a andaina e esta entrada, co agradecemento de sempre por me acompañar, e tamén me acompasar, nos meus paseniños macaronésicos.
Mil gracias mil, miñas donas, meus señores.
A mandare.


Despós de data: Debe saberse que estou moi obrigado con Miguel Fernández, galego das Alpujarras, por me ensinar este fermoso curruncho da miña terra que eu descoñecía. E en débeda permanente por tantas outras cousas, que el sabe e ninguén máis ten por que saber. Unha forte aperta, meu amigo.

Despós de data: obrigado a unha ensinanza de Juan Manuel Tojeiro que me aprendeu, nun comentario que podedes ler, a palabra sarandiño coma a da fala tradicional capelada aplicada ao Vaccinum myrtillus, (arando noutrures), dei en cambear, e sobrancear en cor azul, arandeira  por sarandiño. Que se saiba: a nosa fala sempre por diante. Mil gracias mil Juanma, nada máis fora por esta verba este bló xa estaría xustificado.

VídeosMínimosdoNoroeste
video
Culcitas e hymenophyllums

Achegos:
a) Para ampliar algo máis do hymenophyllum premer acó.
b) Todo o mundo das imaxes de Google sobor do hymenophyllun en premendo.
c) A ficha do Libro Rojo de la Flora vascular amenazada para a culcita eiquí.
d) Todo o mundo de imaxes de Google para a culcita si premes.
e) Con perdón, dous achegos a entradas deste mesmo bló acó e acolá.


Nota marxinal: Veño de ler no diario El País a noticia de que durante o mes de marzo apareceron mortos polas costás cantábricas centos de galos de mar (Fratercula arctica). Non sei se o que apareceu en Vilarrube  figura nesas estatísticas. En todo caso agora sabemos que non foi un caso illado, se non un outro dun  andazo do que de momento non temos unha explicación coherente. Só miles de vítimas inocentes. Ollo ao piollo. Podedes ler a noticia do xornal madrileño  acolá.

luns, 4 de abril de 2011

Choias ártabras.

Andamos este día as fermosas plaias e costás ferrolás (xa  moi humanizadas, algunhas ate a desfeita, caso de Doniños e agora Esmelle, e deixa que xa, que logo irán todas as demais) co obxectivo de poder ver de novo, agora que é o tempo do seu florear, a diminuta e valiosa Omphalodes gallaecica, ese raro taxon galego que ten na costá ferrolá as mellores colonias, e ver como andan as súas poboaciós: andan coma sempre, poucas, rareadas  e non en moi bon estado.
Pro deixaremos a omphalodes pra unha próxima entrada e aledaremos os ollos, agardo,  cunha xeira de imaxes de choias, Pyrrhocorax pyrrhocorax, esa  alada alfaia ártabra, ao mellor non moi coñecida do grande público, que nas esgrevias ribeiras da nosa costá posúe unha poboación estable e da que ese día puiden  observar amodo a unha parella e mesmo facerlle uns rexistros videográficos, dos que non me queixo, e dos que van extraídas algunhas das imaxes desta entradiña.

As choias adoitan formar parellas estables e chegado o tempo da crianza volven a xuntarse para sacar adiante a súa rolada. Crían pois en parella solitaria, sen formar  colonias, cada unha na súa furna costeira, lugar habitualmente elexido na nosa bisbarra para facer o niño. Lonxe, a poder ser, de gatos, raposos, gaivotas ou buxatos, que non dubidarían en pillarlles os ovos, ou as noviñas, á menor oportunidade.
As choias gostan por iso dos cantís e das penedías  montuosas con prados abondosos e ben surtidos de bichería variada, núcleo principal da súa alimentación, e que rebusca con afán, peteirando   a tona da terrra, da que levantan pequenos turrós  para descubrir as larvas ou vermes escondidos. Tense documentado tamén o consumo de sementes.


Na Galizia distribúese, pois, pola costá, especialmente Costá Ártabra, Cantís da Capelada e Costá da Morte, e polas Serras Orientais de Lugo e Ourense e as bravías e esgrevias penedas do Xurés. No que respecta á Península,  dáse principalmente pola metade norde, sendo menos frecuente en Portugal, e faltando nas Baleares. Nas Canarias, Illa da Palma, críase a subespecie barbarus, con moi poucos efectivos de cría e considerada en perigo de extinción

No Outono dá en formar bandadas e para daquela é máis doado miralas polas campas da Capelada, polo medio das vacas, rebuscando calquera bichería que poida andar agachada ou invernando nas herbeiras terras do ouzal. Hai anos, uns vinte por iso, mirei unha grande banda, de algo máis de coarenta individuos, indo e vindo pola Punta do Bico, choiando ledas e berrallonas e aledando os intres co seu voar requintado e destemido, abrindo e recollendo as súas amplas alas e sendo quen  de revirarse no aire.
Outra boa observación fíxena na compaña de dous amigos baixando  á Punta da Meda.
A poucos pasos de nós, na beira mesma do descantil, unha parella de choias botouse a voar. Un   chío angurioso     oeuse  saír de entre as herbas. Alí quedaba,   soa, unha crianza. Chamando anguriada        polos seus pais. Estes daban voltas polo coto chamando por ela, urxíndoa a botarse a voar. A pobriña non se atrevía: debía de ter máis medo do abismo que de nós, que nos alonxábamos e deixábamola decidir. Os pais pousáronse na punta dunhas penas. Nos parámonos nun requeixo de herbas, ben alonxados, pro coa escea á vista. Os pais voaban de cando en vez e animábana dende o alto. A noviña choiaba e chiaba, pro non se atrevía. Ao cabo dunha boa media hora de voces  e   voos     continuos a malpocada cría atreveuse a zouparse ao abismo e empezou a travesar os aires cos seus pais.
Non por lonxe de onde nós estábamos, pasaron as tres voando, olláronnos, e foro indo cara a San Antón do Corveiro. De vez en cando, os tres amigos, rememoramos a escea.



E aínda lembro a primeira vez que souben delas, hai xa tanto. Aburrido, nun serán de inverno no que non tiña nada que mirar, os meus ollos iñorantes fixaron os primáticos nunha bandada de corvos que andaba á    rebusca de algo entre as vacas,    nalgunha escondida campeira da Capelada. ¡Miña madriña! ¡Choias! ¡Na Capelada! ¡Que fermosura salvaxe! ¡Os vídeos de Félix diante dos ollos! E así ate hoxe, unha percura continua, unha ilusión.

Pro nunca coma este día en Punta Penencia puiden miralas tan a gusto, deixándose tanto, eu deitado tras dunhas penas, iso sí, e cadrándome por primeira vez  poder facerlles unhas fotos e aínda uns vídeos nos que cando menos poden recoñecerse.

E rexistrei o seu repenicado peteirar entre as herbas, e a maneira de desbrozar a toneira, non cravando o peteiro, senon usandoio á maneira de tenaza ou pinza para sacar pequenos turronciños de terra, e aínda como, de vez en cando, volvían a asentar no seu sitio os pedaciños de terra que levantaran. E de cada pouco, limpaban o pico, cando contra unhas penas, movendo a cabeza dun lado ao outro, cando contra as herbas, co mesmo ir e vir firme e seguro do pescozo.

Decateime de que aproveitaban as desfeitas do porco (¡como ten de esbandallado Lobadiz!... ¡e aínda hai quen defende esta praga!) para mellor escarabellar na terra; pro tamén, no tempo que os mirei, as boas bicadas levantáronas en terreos virxes de  herba ben asentada.

E de como, ao meu parecer, a parella defendía o seu territorio de rebusca diante doutra que apareceu revoando, e macho e femia subiron ao alto das penas e berráronlles, ao noso entender, para indicarlles que aquela punta e os seus bichos esa tarde xa tiñan dono e que se foran indo  buscar merenda a outros cómaros. Vese no videomínimo.
E aínda poidemos deleitarnos coa danza  que o choio lle adicou á choia: todo un rebulir e tremor de plumas namoradas que malamente puiden gravar en video, só uns breves segundos, e dos que van entresacadas as imaxes que anteceden, e tamén estoutra:

 Conquerin estas dúas imaxes, de macho e femia de perfil, onde se ilustran moi ben as diferencias sutís, inapreciables por separado, de dimorfismo sexual:
O macho é máis grande e robusto, ten o peteiro algo máis ancho e  fortote, e asegúrase que os tarsos máis longos. Na miña opinión é o da dereita. Por certo que coxeaba apreciablemente. Observado con atención nos vídeos non souben dar coa causa.

E nada máis por hoxe, imos rematando esta entrada  que veu  cumprir un anceio vello que levaba comigo: a posibilidade de rexistrar unhas imaxes das choias que se poidesen ensinar sen morrer de vergoña. Ben sei que non son nengunha marabilla fotográfica, nen por aproximación, pro a min deume moito gusto o facelas, e tamén poder observar a esta tan fermosa coma escondidiza xente e poder así partillalas con vós, miñas e meus queridiños, aos que tan agradecidos  estou por seguirdes aí enchendo este bló de intelixencias compartidas.

Moi boas horas para todos.

A mandare




VideosMínimosdoNoroeste


video

Choias en Punta Penencia

(Menos os trece segundos iniciais de presentación,  o videomínimo é un longo plano secuencia sen engadidos nen cortes. Tres minutos da vida salvaxe, ao natural, na Costá Artabra)
,

Despós de data: recomendo unha ollada ao último achego, un bló monográfico da Universidade de Tras-os-Montes: Projecto Bico-Vermelho todo un exemplo da implicación das instituciós na conservación e o estudo dunha especie emblemática: acó deixámolas morrer, desfacendo cada día un pouco máis os seus hábitats e sen darlles a importancia que realmente teñen. Non somos conscientes do extraordinario capital de biodiversidade que estamos desprezando e destruindo.

Para  completar coñecementos:

Un  achego co son do seu choiar acó

Un estudio aproximativo de Amadeo Pombo, á situación da choia no ano 2007 con só premer

Todo un mundo de imaxes e achegos acolá
Un artigo sobor da situación en España editado polo MMA, eiquí

O artigo do Museo Nacional de Ciencias Naturais, en premendo

E estoutro un achego a un bló monográfico sobre a choia en  Portugal, (gralha do bico vermello chamanlle), premede. (Este é o achego da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, recomendado máis arriba).