XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 26 de outubro de 2009

Brantas berniclas en Cedeira

Na mañá seguidora á maretada nocturna do mércores ao xoves, (que levou cenmil euros de area, levantou un escano de cen centímetros e deixou cenmil quilos de xebra), apareceron nadando e pacendo tranquilas, e coma o que non quere á cousa, tres exemplares de Branta bernicla da subespecie hrota.

Branta bernicla, a barnacla da cara escura, é un anseriforme (da familia das ocas para nos entender), e é a máis pequena do xénero branta. Aniña máis ao norde que nengunha outra branta. Mesmamente no Círculo Polar.
Existen duas subespecies: bernicla bernicla que aniña nas últimas tundras siberiáns, inverna no Báltico e posúe o ventre escuro e bernicla hrota que cría no outo nordés de Groenlandia e nas Illas Spitzberg, inverna no Mar do Norde e posúe o ventre claro. Destas son as que arribaron a Ría de Cedeira. Tres brantas de Groenlandia.



As brantas da cara escura, pesia a ter uhna presencia practicamente anual nas costás cantábricas, son uhna verdadeira rareza. Cítase a súa presencia en varias localidades costeiras do norde, pero sempre con moi poucos exemplares e rareando a súa aparición de leste á vendabal. Guipúzcoa sería o territorio cantábrico onde sería menos rara.

Chegan mesmamente a invernar no enorme esteiro do Río Teixo, nos humidais de Lisboa. Cítanse ás costas do Noroeste, Ría de Ortigueira sobranceiramente, como espazo natural establecido de invernada dun pequeno número de exemplares.

Estes tres exemplares, todos co borrón branco do colo que sinala o seu estado adulto, son uhna novidade para a Praia da Madalena, -non sei si tanto para a Ría de Cedeira, xa que supoño que de cando en ves terán andado de recalada por Vilarrube e Esteiro- e ofrecen uhna oportunidade única de contemplalos amodo e a gusto.
Branta bernicla adoita achegarse as ribeiras das costás para pacer herbas, raiceiras e xebras. Na hora presente andan a darse uhna farta de leitugas mariñas, vindo a pacer de cotío as augas de pouco calado da marea.

Non teñen reparo dos paseantes da plaia e non pasando coidados por cousa deles, seguen mansiñas ao delas, petiscar xebras, sen se amilagrar do paseo mediciñal dos humanos, que ao mellor nonos ven: tan mansas e quedas nadan que parecen ausentes.
Se te ven coa cámara, alí parado, apuntando tal enorme ollo escuro cara a eles, amosan a intelixencia suficiente para separarse, de vagariño iso sí, algúns poucos metros do incordiante humano e do seu artefacto. ¡Qué se aínda nos sacase guapas!
Veremos cantos días quedan con nós. Mentres anden por acó teremos uhna magnífica oportunidade de coñocer e disfrutar coa contemplación, ao pé da Plaza, duhnas fermosas aves salvaxes, raras por estas latitudes, e arribadas a nós coa mensaxe de paz dunha extraordinaria confianza nos seres humanos.
Paguémoslles coa mesma fianza.

Agradecido, miñas e meus.



Deixo este achego: é uhna cousa moi sinxela, pero paréceme un resumo moi axeitado.

xoves, 15 de outubro de 2009

2º CONCURSO "OLLAR DE SEOANE"

Destemidamente, este bló ven de convocar o 2ºConcurso "Ollar de Seoane".

 
Como ben sabedes e co debido respeto pretende ser tanto uhna homenaxe ao insigne naturalista ferrolán López Seoane -xoia do naturalismo científico galego e devanceiro do coñecemento no século XIX-, coma un estímulo e premio a observación amodada e atenta da Natureza, (e mete tamén o seu aquel de agradecemento por seguirdes a ler este bló ).

Para os que non o saiban a idea e moi sinxela: a primeira persoa que identifique correctamente a especie que máis abaixo vai fotografada, e mande o correspondente comentario non anónimo, será agasallado, ao igoal que na 1ª edición, cun exemplar de "Colores Cooperativos" uhna unidade didáctica de edición artesanal e numerada, da que é responsable un servidor, e que naturalmente irá convenientemente adicada con todo o meu agradecemento por participar neste inocente pasatempo, que dei en chamar " Ollar de Seoane", e que non quere senon que veña xogando ata nós o reino da Natureza.

E se uhna palabra pode suxerir máis de mil imaxes vexamos cantas palabras han de nacer desta imaxe:

E ben..., quen son eu ?
Non darei máis endereito que datar a captura no medio do vrao, o 8 do Agosto deste ano, e cumplir coa obligación de informarvos que está xirada 180º.
Vin a foto inmediatamente e inmediatamente penseina coma ilustración perfecta para iluminar o 2º Concurso "Ollar de Seoane" que habería de convocarse, como así se fai, nas bisagras dos días do Tempo das Caliveras, avisadoras da morte prósima do duradeiro vrao e da nacencia escura e certa do longo inverno.
Ciclo natural de orde polar, mai e pai de cosmogonías.
Saúde e sorte para todos vós, miñas e meus.
Despós de data: Aínda que alguén non saiba de que especie se trata, este tecleador de letras agradecería a morrer calquer comentario, pasaxeiro ou pousado, sobor do que ocurrentemente se vos ocurra, ao esconxuro instantáneo da contemplación da sorprendente calivera.
A min dende logo paréceme dificilísima de acertar. Con esa espranza vai editada. O anterior concurso tuvo o dudoso mérito de ser o concurso de menor duración da historia dos concursos breves.
A ver se desta volta hai sorte e ten un pouco máis de enteireza.
Despós de data: Decátome de que aumentaron o número de visitas a páxina do concurso; lamentablemente o número de comentarios segue a ser menor ca unidade. Algunha leitora do bló suxiriume que desta volta a foto, ben que orixinal, é un pouco difícil de máis, e que debería amosarme algo caritativo dando algún endereito que permita irse achegando o seu revelo. Seguramente terá razón. Vai pois esta outra toma lateral e ampliada da mesma especie. Agora penso que para os que coñecen a natureza ártabra a cousa xa vai moi fácil.





Despós de data: Vai un novo endereito, para vos axudar a atopar o carreiro que vos leve dereitiños ao corazón do misterio...



Despòs de data: ... pois sí, este 2º Ollar de Seoane ten algo máis de enteireza...vai, xa que logo, outro santo para vos deixar endereitados ao peíño dela...si aínda así...




Despós de data:.. xa vai tendo enteireza de máis, non sí?... aí vai a foto da flor...é un endemismo ártabro e dase nos marouzós...se aínda así...

¡ Aleluia! ¡ Albarizias ! ¡ Xa temos gañador do "2º Ollar de Seoane" ! Miguel A. Fernández, contestou correctamente o inquérito do concurso. Antirrhinum majus linkianum, un fermoso e espectacular endemismo das costas galegas que nos areeiros artabros amosa poboacións estables e consolidadas que convén gardar e saber valorar, foi o protagonista do concurso. No areeiro de Vilarrube hai un pequeno grupo que paréceme representa o límite norte de distribución mndial. Os meus parabéns e noraboas ao gañador. Quedade cunha foto do porte e o fardar deste atractivo taxón, incluido no "Libro Rojo de la Flora vascular de España."

Graciñas, miñas e meus.



E rematamos este enredo, coa publicación da foto do feliz gañador e o premio recibido, a quen agradecemos a súa lectura continuada do bló e a súa disposición para se deixar fotografar e poder deixar constancia pública da entrega do premio prometido. Co que, non tendo máis que dicir, damos por rematado este "2º Ollar de Seoane", que agardamos non sexa o derradeiro.
Obrigado.

luns, 5 de outubro de 2009

Regreso ao outono

Xa entrou o outono...veu a canda a primeira surada, maina e pousada. Entrou amodo, calmo, tépedo e abafante anagando cun orballo callado ás fontes secas do setembro e enchendo o aire da tardiña de recendos habaneros. Ulide o vento, que ven de lonxe, do sur quente do trópico. Hai nel un nonseique de tabaiba e guaiaba..., de palmeiral de Borinquen. Sexan benvidas as borrascas caribeñas se con esta dozura entran. Mansas ou bravas, lembrade ao Hortensia, anuncian ciclicamente a arrivada do outono ao noroeste do Noroeste.

Para daquela as poucas fragas que nos quedan hanse adoviar cun cobertor de filigranas laranxas. Novembro, aí á porta, será o mes no que, aquel que co debido respeto se achegue a velas, ulilas e respiralas, será agasallado coa visión marabillosa dunha fraga atlántica nos seus intres máis fermosos: aqueles dos días dos Defuntos nos que da en rebentar nun fervorón de cores luminosos e quentes, que anuncian a vontade de protexer á Terra, mai e señora, co manto molido dunha folada abondosa.
As poucas fragas que nos quedan. Coreñas e esbandalladas as da Capelada, esmorrendo diante dos nosos ollos o grandísimo tesouro botánico macaronésico das concas do Casón e do Seixo. Resiste mal que ben, perdendo ano a ano extensión, a magnífica fraga que foi dos Casares, nas ribeiras do Mera no concello de Cerdido. Espenicadas e arcolitizadas van xa case todas as das Ribeiras do Xuvia, mesmamente a dos Miquelares ou do Rego de Maríaqueira. Desapareceu de todo a fraga de Seixas nas Somozas, onde sobrevive malamente a de Camparado nas peadísimas ribeiras cara a Pena dos Ladrós. Aguántanse moi ben, mellorando, as do alto Mera, no concello das Pontes, nos cotos de enfrente á Panda de Ada. A fraga do Pereiro, nas ribeiras profundas do río Sor, nas Grañas, parece ter recuperado espazos e conserva uhna extensión estimable.
A fraga do encoro da Ribeira, nas Pontes, que ilustra esta entradiña que escribo, xurdida e consolidada dende a creación do encoro, é a proba evidente de que o mellor labor ecolóxico é deixar ao mundo en paz.
El con el ben se apaña.
Mirádea nesta imaxe ao completo.

Obrigado, totus meus.

Despós de data: A imaxe da cabeceira é da fraga dos Casás, a outra como se dixo, é do encoro da Ribeira. Hai na súa orela un sendeiriño natural, (nada deses terribles e modernos de pedregullo de seixo branco que con tanta frecuencia aparecen ultimamente polos montes máis enxebres, traicioneiramente autoalcumándose de "proxectos de ordenación medioambiental" ) moi azoso e mansiño, propio para nenos que levados das maos, da voz e do corazón de seus pais poderán coñecer a verdad da beleza emocionante da fraga atlántica, coa sua sobrecolledora escuridade verde e inevitablemente irán conformando, na súa alma enxebre e por encher, uhna patria anterga e xa que logo verdadeira, de carballos e loureiros, de freixos e queirugas, de érbedos e acivros, dos recendos de mel da puxeta e do aviso agre das rebordás nás portas do monte.
Uhna fermosa patria esmorrente.
Eu vin a eses pais e a eses nenos. Non me arrepentin, por uhna vez, de ter publicitado un sendeiro. E por uhna vez non me amolou atopar humanos nos montes.