Imos aduvar esta salada de hoxe coma sempre, con productos xenuinos do noroeste do Noroeste obtidos polos paseos amodos destes días que, a canda á vida, foron pasando.
Encetamos o aliño cunha fermosa bolboreta, unha Pontia diaplidice, retratada no areal de Vilarrube. Faltaba na miña colección de Piéridos, esa familia que inclúe as brancas das berzas, as auroriñas, as limoeiras e algunha outra, e deume moita ledicia facerlle unhas cuantas fotos, aínda que iso si sempre de perfil, non se me abreu nunca de alas. A felicidade, xa se sabe, non se debe esixir completa: non duraría nada.
Florean arestora amodiño, coma con medo, os lindísimos pés da telladiños, Hockenya peploides, en case que todos os areeiros da bisbarra. Gostan de medrar valentemente na primeira liña da plaia, destemidas dos arrumbos das mareas e das máis perigosas chanclas e toallas turísticas, que un ano sí e outro tamén pisan nelas con inmisericorde iñorancia. En Pantín non me explico como sobreviven as tropas do Classic Surf, sempre acompasadas do paso ledo e despreocupado dos novos.
Velaiquí a fermosa Gymnadenia conopsea, unha escasa orquídea que xa medra, xullo é o seu mes, polos ouzais capelados. O santo é das penedías do Limo, moi arrimado á beira do cantil. Rebuscara nela o ano pasado e non fora quen. Esta tempada en troques sáltame á vista por todos lados. O outro día baixando polo Campo das Vacas, rumbo á Punta do Cadro, vin catro ou cinco moi lindiñas. Sae tamén no Ouzal e nas abas cedeiresas da Herbeira: por ducias nos anos bos.
Moitedumes de Centaurea borjae adobíaban eses mesmos territorios. Non parece ser pesia a súa catalogación unha especie en perigo de extinción. Unha ledicia. Pero mellor que siga con esa consideración. Na imaxe un Bombus sp. ( ao mellor pascuorum) poliniza a unha delas. Non era o único, outros moitos andaban pacendo en outras tantas flores.
Non son moitos os capaces de recoñecer nesta enorme herba que en galego corre co apropiado nome de herba xiganta, ao Acanthus molli, o acanto da linguaxe culta e estudiada, que aprendimos na xuventude bachillera como decoración propia da orde corintia, nos estilos clásicos gregos da arquitectura. A da foto ao pe dunha casa das Pontigas, en Regoa, na beira da carretera.
Baixei a mirar de perto a plaia de pedras e bolas de Teixidelo. No camiño a sorpresa desta linda e moi pouco frecuente leguminosa, un Lathyrus clymenum, un outro entre as máis de mil especies do xénero que se atopan polo mundo.
Rebuscaba eu os Iris latifolia , entre nós herba de San Xoán, dos que xa dei conta nunha entrada anterior, cando discernín montado sobre unha das súas follas a este extraordinario e rarísimo lucánido, parente xa que logo do alicornio ou vacaloura, nada menos ca un Platycerus sp. ( separar entre spinifer e caraboides, non está ao alcance dos meus coñecementos: agradécense comentarios ao respecto). Ata o presente só os mirara e fotografara na fraga dos Casais. E non tantos: só dous.
Ese mesmo día e nun tarreo ao pe das casas do lugar de Teixidelo, brilaba esta alba abeluria, que noutrures din estralote, e nos libros Digitalis purpurea, que ven así a aumentar a miña colección de albinismos botánicos que pouco á pouco vai acrecendo. Xa hai material para unha entrada curiosa.
Iris foetissima é o máis discreto dos tres lirios que se dan na nosa bisbarra. Á espadana amarela dos regos, Iris pesudacorus, é imposible non a coñecer; a herba de san Xoán, Iris latifolia, é unha rareza para todo o mundo, menos para os seguidores deste bló que tiveron novas dela nunha entrada anterior. Algunha vez haberá que poñer a todas as iridáceas xuntas, nun álbum de cromos.
Esta rara planta, sen clorofila, ten a virtude de poder ser confundida, polos pouco andados, cunha orquídea. Nada que ver. É unha orobanchacea, unha familia de plantas parásitas con dous xéneros ( cistanche nunca o mirei por acolá; sí este ano no intermareal do Grove) e variadas especies de non moi fácil clasificación se non atendemos á planta da que se nutre. A da foto é Orobanche hederacea, parásita da hedra, e na opinión de Xosé Ramón García, con moi poucas citas en Galizia. Serán todas do noroeste do Noroeste, pois acó é moi común.A lebre aniña no monte e a papuxa na silveira e chegado o tempo os noviños saen do niño e andan sós a buscarse á vida. Así o facía esta críanza de Sylvia atricapilla, a papuxa das amoras para nos entender, que miraba destemidamente prósima ao ocular da miña cámara, espreitándome por entre as follas dos matos do Castro de Cerdido.
E con este tenro aderezo final vai quedando rematada a ensalada, non desexando outra cousa máis que fose do voso gosto e vos dese moi bó proveito, e agradecendo na ialma que escollésedes esta taberna, perdida no noroeste do Noroeste, para degustar, entre petiscos de alas e flores, una entradiña natural condimentada sen conservantes nen colorantes.
A ver se non se nos acaban os ingredientes: para que os netos e fillos poidan seguir sabendo de sabores.
Apertiñas, totus meus.
A mandare.


A 


+de+19-xun+027.jpg)
























