O noroeste do Noroeste é unha das mellores zonas da Galizia para poder apreciar a beleza xenuina e orixinal das orquídeas salvaxes. Ata 15 especies diferentes, polo momento, se teñen atopado na nosa bisbarra. Algunhas delas andan na hora a florear e ao mellor non perdemos o tempo amosando a súa fermosa fasquía enxebre: por se houbese alguén interesado en recoñecelas, caso de tropezar con elas.
E saibase, son tan galegas coma os grelos, e dabondo máis ca os eucolitos.
Imos con elas.
Escomenzaremos co xenero dactylorhiza (do grego: raíz con forma de dedo), que ten por estes cómaros dúas representantes: elata e maculata. Elata da unhas varas, unhas veces outas, outras curtas, moi fermosa e abondosamente floreadas en tonos que van do rosa pálido ao púrpura pleno. Posúe, por iso, numerosas subespecies de moi difícil catalogación e descriminación mesmamente para os especialistas máis requintados. Coñécese co nome galego de satirión corpudo. Neste bló non pretenderemos ser quen de determinar cada unha das formas que se podan atopar por estes lares. Conformaremonos con presentarvos algúns rexistros gráficos que amosen a variabilidade da especie. Aí vai o lote:
Parecido caso de variabilidade de subespecies presenta Dactylorhiza maculata, e parecido tratamento daremos nesta entrada, sen atrevernos a diferenciar unhas de outras. Corre en galego polo nome de satirión apincarado. Seguramente a variedade ericetorum será a máis abondosa, se non a propia, desta bisbarra. Maculata ten uns talos floríferos bastante máis pequenos ca elata, con flores brancas ou lixeiramente rosadas, estando sempre lixugadas, daí o nome, cun fermoso salferido violeta. Ao noroeste do Noroeste, non esaxero, hainas por miles. Botádelles un ollo.
Xénero menos confuso é o das serapias, ( de Sárapis, deus grecoexipcio da menciña e a fertilidade) que na nosa bisbarra presenta tres especies que con un pouco de sorte e interés, poderedes ollar nestes días. En galego tradicional este xénero ten nomes de seu: cresta de galo, lengüeira, longoeira ou estrangurria. que se lles soen aplicar indistintamente as diversas especies do xénero.
Serapias cordigera, pola forma do epiquilio que semella un corazón tanto na forma canto na cor, é a máis grande de todas elas e a que presenta formas máis contundentes: é moi difícil de confundir con calquera outra planta. O seu aspecto extraño e dalgún xeito exótico fana recoñecible de inmediato. Propiamente é a cresta do galo. Ollala eiqui:
Serapias linguae, a que mellor lle cadra o galego lengüeira, obviamente pola forma do epiquilo que sempre avanza cara adiante buscando a horizontal, é planta máis grácil e lixeira, máis aérea e frecuente. Aparece polo monte baixo non lonxe da costá e aínda que non tan abondosa coma no sur da Galizia, no monte de Lobadiz ou nos arredores do Baleo poderedes atopalas sen maior problema. Se non así, botarlles un ollo acolá.
Serapias parviflora, pola flor pequeniña, e a que convirá aplicarlle o diferencial estrangurria, aparece en case todos os areeiros da bisbarra, aínda que nos últimos anos parece andar perdendo efectivos, cando menos en lugares que anos atrás aparecía en bó número, hoxe rarea. Efectivamente a súa flor é a máis cativa do xénero e o epiquilo, piloso ao contrario que o da lengüeira, tende a baixar e recollerse cara adentro. Esta é:
O xénero ophrys ( que en grego siñifica cella, polo peludo do seu labelo) posúe na nosa bisbarra dúas especies (sphegodes e apifera) das tres que están presentes na Galizia e das trece na Península Ibérica. Ao noroeste do Noroeste aparecen sempre nas dunas fixas ou na trasduna dos sistemas dunares mellor conservados, onde van quedando restos calcáreos das cunchas. Xénero de flores moi pequenas e e orixinais, posuidoras dun espéculo no lóbulo central, atractivas e moi fotoxénicas coas que se adoita ilustrar, case que sempre, o tema das orquídeas: son por iso das máis vistas nos libros e das menos vistas no monte.
Ophrys sphegodes, a flor de abella escura galega, é planta xeralmente moi pequerrecha, que na costá ártabra florea no mes de abril nas dunas fósiles dos areeiros mellor conservados. Os seus sépalos son verdes e os pétalos máis longos ca os de apifera, dando ao conxunto un aspecto estrelado. O labelo é pardo púrpura moi escuro e posúe un espéculo con tons metalizados que adoita formas diversas. Considéranse varias subespecies: passionis, atrata, litigiosa... que non fan se non confirmar a dificultade e interés da familia das orquidáceas, con numerosos híbridos intermedios. Aí van algunhas poucas das moitas que teño rexistrado:
Ophrys apifera, a flor de abella, dase asemesmo nos marouzós consolidados dos nosos areeiros e é planta de maior porte, aínda que de flor pequena e aspecto delicado. Os sépalos son rosados cun nervo verde, fácil de diferenciar así de sphegodes, e os seus pétalos moi pequenos e discretos. É a única ophrys capacitada para autopolinizarse. Das poboaciós ártabras chaman a atención as residentes no Areal de Morouzos, pois presentan dúas manchas amarelas no lóbulo central do labelo que mesmo as veces xúntanse para formar unha liña irregular que lles confire un aspecto orixinal e moi atractivo. Lembran por iso a Ophrys scolopax, especie non citada e nunca vista por estas terras. Mirádeas a seguir:
Arestora, agardando pola caloriña do vrao, anda a despuntar polas outuras da Capelada Gymnadenia conopsea ( de conops, mosca ou mosquito por parecerlles as flores semellantes a eses insectos). Nas abas raponas e espidas da Herbeira, ventadas, neboeiras e coreñas de chan, o lumbrín, que tal é o nome galego da conopsea, acada tamaños reducidísimos, raramente acadando os 15cm, que como mínimo lle confiren as guías en noutrures a esta flor. Antes de que chegue o verán podedes velas acó:
E pouco máis. Sego a rebuscar Listera ovata e Cephalantera longifolia, citadas para a bisbarra pero por min ninca vistas e tantarei tamén este ano dar polas fragas máis escuras con Epipactis helleborine, esa espranza.
E mentras non chega o adentro do verán e con el as pradas cheas, sei onde, de Epipactis palustris, esa xoia única que compartimos con Corrubedo, e regresan a locirse nas areas as retorneadas polas de spiranthes iremos deixando xear, que parece ser que vai sendo hora.
Agradecidísino, totus meus.
A mandare.
Nota marxinal: Debo a
Guía das orquídeas de Galicia, de Elvira Sahuquillo e Carlos Cortizo a maioría dos coñecementos teóricos que teño sobre o tema das orquídeas e remireina de continuo para precisar esta entrada. O mesmo que fixen, e fago continuamente, coa
Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. Repasei tamén con atención a
Guía das plantas bulbosas de Europa de Cristopher Grey-Wilson e Brian Mathew. Naturalmente as imprecisiós e posible erros do texto non deberán ser adxudicadas a tan sabios e doctos autores, se non que deberán ser adxudicadas con todo merecimento, ao arrouzo que nace da iñorancia de servidor. Obrigado.
Preciosas fotografías e moi interesante a aportación dos nomes galegos.
ResponderEliminarObrigado, caro anónimo.
ResponderEliminarMoi chulas as fotos, Rafa. Contáranme hai pouco o bonito efecto que as gotas da chuvia/rocío fan nunha foto con macro e puiden apreciar ese detalle nunha das orquídeas.
ResponderEliminarOgallá os répteis fosen tan doados de fotografar como as flores, os insectos, ou mesmo os anfibios, que tamén che son tranquilos.
Este ano estámolo dedicando a sacar fotos de réptiles para publicar no Atlas de Hérpetos da SGHN, e non vexas o complicado que é ás veces (depende da sp, claro) Xa non falo daqueles que aínda por riba te poden case matar se te achegas demasiado (as 2 Víboras)
Unha aperta
Xabi Prieto
Hola Maestro:
ResponderEliminarSolo he podido verla a toda prisa. Un millón de gracias. Mañana le dedicaré el tiempo que requiere.
Un saludo y gracias de nuevo.
Mestre Antonio, as gracias débochas dar eu a ti que por cousa do teu "teletubi" dei na comenencia de facer unha entradiña coas orquídeas da tempada( máis ou menos) Por certo a entrada da gaivota caza-angúías moi divertida e fantástica,,sí que parece a mesma das fotos do ano pasado...hai que ver que listas que son as gaivotas..un tío meu, cando era el un neno, criou unha, xa hai moitísimos anos, e íao esperar todos os días a saída da escola e volvía con el andando por Cedeira adiante coma se fose un canciño. Nos portos de mar seguro que hai moitas historias de gaivotas..agora mesmo acórdaseme a gaivota coxiña de Ramón de Amando, todo un clásico da miña infancia...o conto será para outro día.
ResponderEliminarSaudiñas.
Olá Xabi..da gusto contarte entre os comentaristas do bló...dádesclle moito invel...¡canta razón tes na dificultade de fotografar según que xente! Para minos máis complicados son os mamíferos, logo os páxaros, e para logo os reptis...totalmente dacordo: as víboras teñen a ´súa emoción...teño unhas fotos dunha seoane retratada en Ortigueira, viviña e con movimentos...pode ser un bó tema para unha entrada...se as fotos do meu archivo de hérpetos poden ser do interés da Sghn contade con elas desinteresadamente... para min será unha honra poder colaborar con vós. Apertiñas e a non perder as mañas, meu.
ResponderEliminar