XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 14 de febreiro de 2012

Festa de xofres e ouros


Na altura das horas que pasaron demos en andar mansiño polas costás baixas de Aguiño e Corrubedo. Diversos asuntos particulares que non son da incumbencia do obxecto deste bló leváronnos a poder volver mirar as fermosas areas graíñas do Parque Natural de Corrubedo e o Vilar; e ao tempo na extraordinaria Punta de Couso, inzada de instalaciós piscícolas, esnaquizada a desfeitas, tivemos o privilexio de poder contemplar o futuro: ese que a señora Rosa Quintana, na sazón Conselleira do Mar, vén de inaugurar ao entregar toda a costá galega, Parques Nacionais tamén, á logrona cobiza do capitalismo piscifactor. Estábamos advertidos: a saída da crise deseñaríase a cargo de diminuír o capital das xentes humildes -soldos, dereitos e propiedades do común- para aumentar ad infinitum o capital dos modernos aventureiros especuladores: os mesmos, logrón máis logrón menos, que nos meteron neste arruinado senvivir. Na hora, quen non está indignado está corrupto, paréceme. Ou debería.

O Parque Natural dos moderróns de Corrubedo e a lagoa de Vixán, esa patria da luz azul e as cores enxebres, recibiunos estes días coa luminosa frialdade invernal dos aires limpos, os ceos claros e a mar espida de escumas. O eterno índigo atlántico enchendo o ollo.

O vilar de Corrubedo, aberto ao sur, esténdese  pola  lingua de terra que dá remate  ao Barbanza e  ao seu pé recríase, branco e relocente, un areal inmenso no que se ergue a grande formación areosa que chaman os modernos a Gran Duna, porque ao mellor non saiben que cabedelo é a palabra galega pra nomear aos "pequeños montes de arena que se forman en las costas", Leandro Carré Alvarellos, díxoio. O  Cabedelo de Corrubedo.



Praias feitas coas arechas pequerrechiñas do graíño esnaquizado que encinta, que sostén e conforma a costá toda, e   nesta beiramar de Anquieiro amósase arruallado da  súa íspida fermosura de cores ben acordados: pardos, roxos, vermellos e marelos: e aló onde o salseiro non chega a ouricela viste  aos pelouros con maxencia e,  para completar a harmonía, rebenta de cores en toda a gama do safrán e o xofre. Festa da cor en Corrubedo.


Máis alá das pedras, na primeira liña de terra, quere dicirse de area, érguense fortes e seguros os alelís, Matthiola sinuata, dos que presentimos seus recendos futuros e entrevemos  as primeiras flores no cabezal da pranta. Vén a primaveira, sen présa e sen pausa, como andamos nós os  camiños, con modo e con tento.




Deitando os corpos nas areas á rebusca de diminutas cunchas, (esas  extraordinarias Spirula spirula e Lacuna pallidula que nos regala o día); esbarando lenemente a ollada polas herbas (sabemos que este ano non miraremos a Barlia robertiana, esa marabilla de  orquídea que apareceu por acolá); camiñando de coma de quen polos camiños que bordexan a ribeira, deixándonos ir co día e coa mañá no abalar dunha brisa, botámoslle un ollo ás primeiras flores da eiruga mariña, Cakile maritima sp. interglifolia, de follas especialmente carnosas e escuras nesta beiramar de Aguiño.



Ímola indo cara a barra de area da lagoa de Vixán.  Seguimos o circular dun chasco ao noso arredor. Parécenos  moi colorido e xardado. Está realmente fermoso no alto dun torvisco, Daphne gnidium; onde por fin lle poidemos facer un rexistro non moi indecente.



Seguimos a camiñar cara a barra da lagoa, que na hora cega a saída da auga: xa abrirá cando ela queira, non cando as présas naturalistas  queiran. Miráramos, ao irmos chegándonos, dende  a feísima chafullada  do Mirador da Rá,  unha enorme concentración de gaivotas nese punto da costá. Un espectáculo ao lonxe que queríamos confirmar de perto.


A prosimidade da visión de miles de gaivotas, a grandísima maioría claras,  repousando ao sol da mañá na brancura refulxente da area da Praia do Vilar, acompañábase da presencia de centos de gaivotas revoando e pousando de cando en vez, coma nun xogo, polas campeiras valadas á beira do piñeiral; e algún ca outro millar delas libraban   do salseiro ás súas plumas nas augas quedas da Lagoa de Vixán. Un festival  de ledicias. Un espectáculo asombroso. Parecería que a poboación completa das gaivotas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Cíes, Ons, Onceta e Sálvora, concelebraba naquela tardiña  soleada, fría e limpa algun ritual de relixiosidade natural. A ver: 




                                          

Vaia vostede a saber porqué nesa ocasión se botaron a revoar. Noutras dúas, unha delas   gravei, a presencia estúpida de  perrumanos e o seu esclavo bípedo  provocou a espantada xeral de tan ampla congregación. Ao mellor foi por pasare, non moi polo alto e sen eu  me decatare,   este miñato que posteriormente poiden ver revoar pola lagoa espantando paxarada e gaivotada. Vaia vostede a saber.


O caso é que demos volta e coa mesma cachazuda parsimonia, agora un pé, dentro dun pouco o outro, viñémonos vindo amodo, aledados pola visión asombrosa de tan magno festival de gaivotas. Certamente, na vida. Así é que agora arrimámonos a un con, ao mellor cun deixado languecer pensativo, e botamos un ollo á indiferencia que a chíscala e a gaivota consumían no desprezo das chapuzadas da marea, que mansa e todo, sempre daba en batuxar con sabencia un fermoso salferido de escumas.

E fornecidos de sal e sol pensamos que sen querer ía xa  sendo hora de pensar en volver. Metímonos un pouco máis pra dentro do moderrón por ver de ollar, co detalle e a demora que merecía,  a requintada elaboración das muradas do Castro do Porto que algunha excavación inconclusa deixou ao aire pra desfrute de todos os que pasen; se aprezan a malfadada riqueza patrimonial arqueolóxica galega, mel nas filloas.


E acó  íase rematando a xornada, a lediciosa tardiña sabatina do febreiro refriado, sen esperar moito máis do día, non sendo unha conversa sabedora ao agarimo dun bar caldeado e arrimados a un cafeíño fumegante. O día ía de sobras cumprido.
 Pro olla ti o que: algo dá en levantar do chan e logo dun aletexo torna a se pousar detrás dunhas penas revestidas de ouricelas. Imos ver que é, dixémonos. Con lentitude e sixilo fomos asomando pouco a pouco a cabeciña tras da pena e a pouco máis ou menos trinta metros, unha bandada de cholritos dourados, repousaba nas herbas co pico aproado ao vento.


Non eran máis de doce. Unha ducia tan só de fermosos e inesperados Pluvialis apricaria. Tan só doce paxaricos, si, pro lindos cada un deles coma un solpor de agosto. E alí mesmiño, ao carón das herbas, ao noso pé, deixándose acariñar pola ollada que non se fartaba de ollar. ¡Que hora esa hora!


Unha hora deitados nas herbas, encartados entre as penas, sen sentir as arestas das rochas, as esquinas do graíño, o frío do serán ou o xeo da brisa. Só as luces de ouro do froixel dos cholritos era. Unha caloriña certa mananciábase da súa plumaxe, entraba polos ollos, requencía o corpo e eisalaba pola pel desfacendo a xeada que quería xa caer e cubrirnos.



Miráramos non hai tanto unha bandada xeitosa de 26 individuos polas campas da Espiñeira, alá polas terras de Cospeito e outros moitos pola rasa cantábrica de Rinlo hai tanto máis. Pro nada que ver coa fartura de ouro e luz que nos regalaron as horas no moderrón de Anquieiro. Mansos e quedos, sabendo de nós pro confiados en nós, esa bandadiña de cholritos foi unha leción de xenerosidade e confianza.


Xentes habitantes das máis nortadas e alonxadas estepas eurosiberianas, baixan ate nós todos os inverno en número certamente apreciable e non son moi malos de ver. Prefiren as chairas do interior peninsular, facéndose máis raros  pola beiramar. Adoitan quedarse quedos e inmoveis, e pesia a súa fermosa e colorida farda pasan perfectamente encriptados entre as sombras e as herbas das campas. Dou fe.


Alí deitado entre pedras, mofos e herbas poidera pasar as horas da vida,  entretenido en poder facer, por fin, algunha foto decente de tan fermosos paisanos volandeiros.
A seguir van algúns, non son os  peores, dos rexistros fotográficos que lles tirei. Ogallá os desfrutedes, mais que sexa unha mínima parte  do que eu gocei facéndoios; iredes servidos de satisfacción, abofé.






E alá, acartonado nas pedras, con risco certo de lumbalxia grave e hernia eivadora, andaría ao mellor outra media hora, cando un grupo de perrumanos, e os seus esclavos, pasan polo camiño de abaixo e os cholritos, visto o que, deciden cambiar de posición e subirse ao alto da pedra, por mellor enterarse de todo, non sexa que o demo colla formulación perrumana. Prudencia, señores: velaí unha sabia ciencia.


Ocasión que aproveitou un servidor pra, lenta, moi lentamente e agachado sempre entre as penas cambiar de posición, poñerme a vendabal dos pluvialis, gañar o sol a favor e agora si, vivir a delicia da cor natural, regalarme un traxe de luces e desfrutar cunha festa de ouros e xofres bailando ao sol, na sá de festas azul da luz do mar de Aguiño.

Pasai, estades convidados.

















E deixemos a cousa por hoxe acó. Ogallá a tardanza en anovar as entradas do bló, poda ser compensada coa ledicia da luz e a cor das terras máis occidentais do Barbanza, esa patria na que se criou a miña filla e a quen, co permiso de todos vós, adico hoxe esta entradiña coa espranza de que estas raiolas de sol barbanciño alumeen na súa memoria as quenturas da terra, da nosa terra.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.


Nota marxinal: Efectivamente moderrón é unha palabra descoñecida non sendo que sexas de Aguiño, do Vilar ou de Corrubedo, onde se emprega, sen pensar, polos galegomamantes pra desinar as formaciós de "dunas grises", nun senso moi parecido a como os de Cedeira empregamos marouzós ou en Ortigueira deron en chamarlle o seu grande areeiro, morouzos. Con toda a intención do mundo naturalmente se emprega nesta entrada. E pra que se saiba se di.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
                                                
                             Cholritos dourados nos moderróns da Praia do Anquieiro, Aguiño, Ribeira

2 comentarios:

  1. Boas Rafael.
    Semella que foi proveitosa a viaxe, os chorlitos preciosos, un luxo de fotos. o das gaivotas...que pasada...pedazo imaxe... para poñerse a miralas unha a unha.
    Un saúdo Rafa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Certo que foi proveitosa, (sempre o é o Parque NAtural e os seus arredores)...o caso é que teño un corazón barbanciño, aí vivín anos, e sempre aproveita botarlle un ollo, pra máis hoxe a autovía deixate ao pé do Parque...o malo é que na zona de Aguiño e Couso os proxectos industriais previstos son demoledores e de momneto os inmobiliarios andan retidos, pro xa hai moitas voces, dos depredadores de sempre, que esixen a urbanización dos arredores do Parque, por parecerlles zonas con facilidade de venta, dados os recursos naturais que poden abarcar coa mao. En fin, moi recomendable menos nos dous meses centrais do vrao, onde Corrubedo, as plaias, reciben centomiles de plaieros e sempre hai moitos que se desmandan polo moderrón, pesia a vixianza de seis gardas a turno completo e das fortes multas que se impoñen, de 600 a 6000 euros, se non non hai maneira de que se entenda.
      (Certo que a luz, máis que servidor ou a miña compacta, deume boas imaxes dos pluvialis. Gracias polas verbas)
      A mandare.

      Eliminar