XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 19 de novembro de 2012

Entre marzo e abril, aberiotas no cantil.


Os visitantes persistentes do noroeste do Noroeste, apreciarán coma un costume habitual deste bló a presenza de entradas referidas á primaveira ou ao vrao que se editan no medio do outono ou do inverno. Non merece moita aclaración este feito repetido, pro as ocupaciós, ou folganzas, das horas, obríganme a ir deixando atrás algunhas teimas, coas súas correspondentes ceifas de imaxes, que sería didacticamente máis prudente publicar  cunha certa sincronía coa realidade. En compensación (agora que o mundo vaise botando a durmir e toda cor de floración vaise esvaíndo no sono do inverno) a posibilidade de mornear a ollada coa quentura dunha luz tépeda de primaveira, non deixa de ser un galano que aleda  as lembranzas e as fai sorrir.

Escúsenme, logo, por traer ao outono do agora estas flores de aberiota dende a doce primaveira que pasou.


Aberiota, velaí o único nome galego pra o xénero Romulea que na Galicia comprende tres especies, Romulea clussiana, R. bulbocodium e R. columnae;  as dúas primeiras alumbran entre as herbas da nosas penedías e veñen hoxe a adozar este o voso bló. A  outra terceira, ao mellor tamén se dá, pro servidor non tivo a fortuna de mirala, nen por acó nen por aló. Entre marzo e abril, aberiotas no cantil, poderíamos refranear, lembrando ao cuco que cada ano vén menos, ou xa non vén.




As aberiotas son unha fermosa flor da familia das iridáceas, parente de crocos, (Crocus sp.) e  espadanas, (Iris sp.) que non pasan sen ser percibidas por quen visite as ribeiras entre marzo e abril. Areas dos marouzós, seidós do cantil, ribeiras de ríos e campeiras do ouzal adubíanse coas fermosas cores azuliñas e marelos das aberiotas. Florea pouco despois dos amarelles, Narcissus sp, e deles toma o relevo pra anunciar ao universo que as campas da Galicia, chegando a primavera, han competir en beleza coa fermosura emocionante das noites estreladas.


Romulea clussiana, planta que se dá con preferencia nas proximidades das ribeiras mariñas (a aberiota do mar, por sinalar), é, ao mellor, máis abondosa polo sul do país  pro na nosa bisbarra posúe excelentes colonias en cada recuncho da ribeira. Xa sexan entre os marouzós fósiles e ben consolidados de calquera dos nosos areeiros, ou os beiriles do descantil -tal estes da Punta do Sarridal en Cedeira- no mes de marzo, entre as herbas aínda frías, despunta a gloria de luz e cor  do florear das lindas aberiotas. A caloriña da primeira  primaveira. A ledicia do final da invernía expresada nun aturuxo de flores: unha campa callada de aberiotas.


Velaí vén a descrición botánica que fai do xénero Romulea Xosé Ramón García, na Guía de Plantas de Galicia: "Tuberobulbo algo asimétrico con túnica coriácea acastañada. As follas basais (normalmente 2) son envaiñadoras, filiformes e aparecen antes da floración, as caulinas semellantes pero máis curtas. As flores nacen no remate, con 2 brácteas. O perianto consta de 6 tépalos iguais que se unen en tubo corto. Estames, 3, e estilete filiforme con 3 estigmas bífidos. Froito en cápsula oblonga ou globosa, con sementes numerosas. É xénero que precisa de estudo máis polo miúdo".





Moi semellante a Romulea clusiana, a aberiota da beiramar, é Romulea bulbocodium, a aberiota da serra, e aínda que por veces poden aparecer non moi lonxe unha da outra,  aberiota da serra ten por preferencia alumbrar nas zonas do interior e presenta claramente tendencias máis montesías. Virán  logo agora algunhas imaxes da aberiota da serra e unhas poucas de palabras adicadas.



Algo máis pequerrecha ca aberiota da beiramar, a serrana pode diferenciarse claramente se observamos a liña amarela verdosa que divide os seus tépalos en dous. As súas brácteas son asimesmo máis agulladas cas da abeirota da beiramar e a zona dos tépalos que porta a cor amarela, na serrana, non é tan clara e oscurece con presenza de tons lilas e acastañados.


Na nosa bisbarra a aberiota da serra é por iso tamén moito menos frecuente. Dei con ela polo outo do Río da Braxe, no cimo da Punta do Sarridal, un par de pés, pola Chaira do Limo e nas peadas e súpetas ribeiras das Alcaias da Ribeira Chá, nas beiras mesmo do estreito camiño de cabuxas que travesa de parte a parte tan esgrevio coma vertixinoso cantil. Pro nunca ao nivel de mar nen nos areeiros e marouzós da nosa costá. Sempre no montoxo e no montuz capelado. 



Falla por atopar na bisbarra  Romulea columnae, que disque se ten trabucado en casos coa aberiota da serra. Non sei se aparecerá, pro esa ilusión move sempre as miñas andainas polos ouzais capelado e faladoiro. Por se se dese o caso de tropezar con ela, adestro á ollada coa contemplación das numerosas referencias gráficas que ofrece Google. Se queredes facer vós o mesmo premer acó.


Mil gracias mil, miñas e meus por permitirme que entre no voso ollo estas linduras nosas. Sei que son floriñas de a diario, cousa corrente, nada extraordinarias e felizmente abondosas, pro ao mellor por iso, con máis razós ca os raros endemismos, proclaman a quen queira sabelo que un mundo de fermosura vai sempre engranzado  entre  as herbas de primaveira, nas que, díxeno noutra, hai máis beleza nun metro cadrado de campeira brava en flor ca en toda a Historia da Historia da Arte.

Apertiñas, miñas e meus.

A mandare.



Nota marxinal: seidón, que se usa no artigo é unha palabra capelada pra chamar a unha herba, gramínea, de folla  longa, delgada e de talo circular, verdazulada, suave e esbarante que se dá polo cantil. Ten un tacto agradable e ofrece un chan molido e esponxoso no que dá gosto apousarse. Descoñezo o nome científico, así é que queda tan só co nome que aprendín andando pola ribeira: seidón.

Achegos:
a) A voz aberiota no Dicionario de Dicionarios. Entrade.
b) A páxina de BIGA (Biodiversidade Galega) cumha boa colleita de imaxes das Rías Baixas. (Premer)




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
Euplagia quadripunctaria nas Ribeiras do Río Lambre


2 comentarios:

  1. Agora que me dixeche que a flor pola que che preguntaba debía ser unha aberiota, concretamente a Romulea bulbocodium, fun dar con esta entrada do bló. Sí, efectivamente era esa! Graciñas de novo! :)
    Apertas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. ...si é que xa me parecía a min que non deras con esta entrada! O agradecido son eu pola túa teima e seguimento do noroeste do Noroeste. Apertiñas.

      Eliminar