Este blogue hai días que se sente feliz por existir. As cousas como son. Hoxe é un deses días.
A mediados de febreiro, este blogue, comidíralle ao Concello de Cedeira, na figura do seu dinámico concelleiro de cultura, Jose de Vigo, meu estimado conveciño, a comenencia de facer unha actividade educativa e didáctica conxunta en complicidade co novo e xove equipo directivo femenino do Ceip Nicolás del Río; o colexio de Cedeira, vaia.
O blogue Ao noroeste do Noroeste donaría os plantóns de acivros suficientes, provintes do sementeiro ventureiro do seu pequeno mundo. O concello aportaría o gasto en macetas de barro e mantillo necesario. O colexio asumiría que as aulas da escola os coidasen e mantivesen vizosos ata o vindeiro mes de xuño no que en connivencia coas autoridades do Concello, transplantaríanse a unha terra municipal, para encetar a criar, a crear, o acivral da infancia.
Para daquela, se os aires rolan a favor de obra, deberíase orgaizar unha outra día da árbore, na vella tradición didáctica de Cedeira que xa explicara don Antonio Castro Maseda nos anos 20, que ben podería chamarse 1ª Xornada das Árbores Nosas.
Porque árbores hai moitas, pero nosas hai menos.
Así é que hoxe día 6 de marzo, pra concelebrar a próxima efemérede do Día do Naturalismo Galego, fun convidado a asistir ao acto de entrega, e mesmo entregar, algunha das macetas co seu vizoso gromo de acivro verdescendo. Nin que dicir ten que aceptei encantado e agradecido.
A esperable emoción e o remexe mexe de lembranzas e recordos, pousadoiros de felicidades, andaron en danza ao pé do meu corazón arrítmico, que mellor lle conviña absterse de vez do gustoso alagamento por endorfinas axitadas. Debería, pero non hai caso: vivir de verdade é emocionarse. Alagarse de endorfina.
A este feliz maestro de escola xubilado, que foi feliz maestro de escola en activo, retomar por unhas horas o contacto coas aulas, as paredes, os espazos e a infancia do Nicolás pareceulle un deses galanos gratos e sorrintes cos que a vida parece querer que non esquezas que no presente que vives, reside todo o pasado que viviches.
Graciñas a todos. Á infancia, por seguir sendo tan inocente, asombrada e agradecida en sorrisos coma a recordaba; á dirección e as compañeiras da escola que xa é outra pero aínda sabe acoller didácticas eternas; ao Concello e aos seus concelleiros pola atención e dispoñibilidade: as cousas como son; e aos acivros do meu pequeno mundo, por ser, e aínda por ser coma a min de Fernando Lago.
Advírtenme, e eu agradezo o aviso, que Mares de Cedeira Museo para celebrar o Día do Naturalismo Galego declara que o prósimo sábado día 9 de marzo, será considerado Día de Portas Abertas e por tanto con acceso de balde as coleccións do museo; entre as que, a de cunchas de Manuel Suárez, é un tesouro naturalista de verdadera categoría científica. Un orgullo do Museo. Aí estará este sábado día 9 ofrecendo na súa contemplación a a máis acaída maneira de honrar o Día do Naturalismo Galego: deixar que os ollos, sen présas nin ansias amilagren a alma admirándose da fermosura salvaxe, natural, da colección de cunchas de Manuel Suárez. Afillada da ampla recolleita de despojos e cunchas da costa galega que conservaba Martín Sarmiento, o noso padriño, na súa cela de San Martín en Madrid. Un legado de cultura naturalista para Cedeira. A colección de cunchas de Manuel Suárez.
Entérome tamén que naturalistas particulares deron en iniciar un envío diario ás súas redes sociais, dunha foto ou imaxe, acompañada do texto 9 de Marzo. Día do Naturalismo Galego. Sinxelo e por iso mismo suficientemente expresivo.
Os amigos de Verdegaia, enviáronme un cartel, e eu síntome grato, donde se anuncia un próximo roteiro de coñecemento e divulgación dos valeres naturais dos cantís de Monteferro, no Pantón de Nigrán. Han facer o paseo cultural didáctico-naturalista o vindeiro domingo día 10, en vindicación do Día do Naturalimo Galego e de Martín Sarmiento.
Este blogue hai días que se sinte feliz de existir. Hoxe é un deles. Porqué o habería de ocultar?
Apertiñas, miña ben querida e pouca xente.
Seguir a ser bós que guapas xa sodes.
A mandare.
PAZ E PALABRAS
Explicación protocolaria: A escola de hoxe en día é outra. Os requisitos, as burocracias, os protocolos poden coa lóxica común do sentidiño. Velaí o porqué non se publica imaxe algunha de infancias encantadas de recibir e dar palabra de coidar ás arboriñas: porque os protocolos modernos o prohiben. De porqué non se publican imaxes dos adultos asisitentes, ben claro está que é por non facerlle un feo discriminativo á cativería. Senón sae a párvula cativería tampouco a adulta vellumada. A ver se me entendes. Escusas, prego.
Fermosa iniciativa a dos acivros. Parabens a tod@s
ResponderEliminarOpa Loli!...moi agradecido..agora esperar que medren!! E cheguen a vellos!! Apertiñas
EliminarMagnífico, Rafa ❤️ Muitos ánimos 👍Martinho Montero
ResponderEliminarBen grato me deixan as túas verbas, Martinho. Unha forte aperta.
Eliminar👌
ResponderEliminarOpa!!
EliminarEstupenda e fermosa iniciativa. Parabéns!!!!
ResponderEliminarMoi agradecido. Dá azos pra seguir. A mandare
Eliminar