Ao noroeste do Noroeste, cando dá en chover non se acorda de alivar. Pasan as horas, os días, as semás, os meses (e se quere os trimestres) e veña chover agaceiros, orballar sen fin, volver a chover... e a seguir chovendo... sen ter memoria de ter que escampar. A alma e a ollada collen daquela mofo e verdullo; e algunha anada hai que recrían briós e ouricelas.
Vanse as horas amodas na lectura, no repaso, na escritura, que se fai nostalxia dos soles e das luces de colores. A saudade das ñáñaras garimosas das xentes do monte alenta no curruncho da alma donde enceta a inspiración a respirar. Mírase o mundo tras dos vidros vafarados. Andamos gardados na secura do fogar. Un día si, outro tamén.
Aí meus ollos buscan, tras das fiestras, a conversa veciñal coas xentes do meu rueiro: os tordos, que xa non veñen aos acibros ao estaren estopelados, os merlos, as papuxas e os papuxos, os gorriós, o paporroibo, as cincentas, algunha lavandeira que en Cedeira chamamos laberca; ao lonxe déixanse caer estorniños, corvos e pegas e naturalmente mesmo ao pé andan as monxas que lles dicimos nosoutros e as que Galicia chama, ferreirolo, carboeiro, mazanzuco, bacachís, patachín, xaxapím, chincola... etcétera, etcétera, etcétera... e o mundo coñece por Parus major.
E de cando en vez algunha sorpresa...
No tellado da caseta, ao pé da casa, medra por si mesmo, eu deixoio, un xardín de felgas que cada ano vaise facendo máis fermoso. Nel, adoito deixar faragullas de pan, algun kigüi, maínzo que me regalaron, arroz se sobrou... en fin, unha miscelánea de sabores que son do proveito da xente salvaxe que, polo interés quérote Andrés, anda revoando, falando e cantando ao redor do meu pequeno mundo.
Entremedias dos trafegos do fregar e do guisar, gozoia ollando o ir e vir da paxarada entre as tellas e a selva de felgos. Desaparecendo rebulicieros detrás dalgunha fronda. Releando por un déixame aí esa faragulla. Peteirando ou esculcando o aire e os seus perigos: as formas humanas e felinas, abondosas todas. Liscando ao primeiro movimento dalguén, ao ruído de abrir algunha porta ou ao toque inesperado das badaladas da torre, que estando tan perto sempre parecen pasadas de decibelios.
Teño a cámara na mesa da cociña e a galla arrimada á parede. Dende a escuridade protectora do adentro, coa lámina de vidro das fiestras ben lustrada, tento poder fotografar algunha imaxe das xentes das leiras sen moverme do pé da caldeirada, que está encetando a ferver e xa recende. Fóra orballa e, de miragre, vai e escampa un pedaciño.
Faise, algo, a luz.

Á súa deliga suave, as xentes do meu rueiro vanse vindo ao tellado a repoñer as forzas e enerxías que lles dean unha oportunidade de sobrevivir nun mundo que día a día se torna máis hostil, desavegoso e incerto. No pequeno tellado de felgas adoita haber mesa farturenta e misericordiosa pra socorro de famentos e necesitados.
Pesia a pouca luz de inverno, aos vidros por medio ou a humidade de vafos e aire, o aprendiz de naturalista está moi contento do seu estudo de fotografía ao natural. Parécelle que conquire imaxes gratas e sinxelas que trasladan a idea de que aínda no cotiá tellado da caseta da súa casa, pode revelarse a beleza da vida natural e libre, esa nostalxia do paraíso perdido que lle conforma o sentimento máis persistente da súa sensibilidade humana.
Parécelle, xa dixen. E tontamente feliz no seu parecer pasa as horas escuras dos días mollados e fríos do inverno observando o tellado de felgas e o seu entorno de roseiras podadas, nas que alumbra o borrón carmín da última rosa da anada pasada e se apousan tantas veces as paxariñas, denantes brincar confíadas pra o tellado da caseta a petiscaren defamadas nos saborosos froitos do bon carnaval.
E hoxe non voa máis lonxe este discorrer íntimo. Se non foi máis alá do tellado da caseta, foi por non se atrever a sair da cociña da casa, ao acovardarse de orballos e agaceiros. Imos pra vellos, meu rei.
Apertiñas coa calor do lar.
Gratia plena, totus meus.
A mandare.
Notas marxinais: estopelar, que se usa arriba, era verba que usábamos de cativos pra indicar que perdéramos no xogo toda, ou case que toda, a provisión de material que utilizásemos, sobranceiramente utilizado ao xogar ás bolas. Estabamos estopelados, cando perdíamos todas ou casi, as bolas coas que encetaramos a xogar. Non xogo máis que estou estopelado. No Dicionario de Dicionarios aparece este termo no Eladio Rodriguez, pero cun sentido moito diferente: "Rebosar uno vida, salud y vigor". Nada que ver.
Monxas, e o étimo local cedeirés pra desinar a Parus major. Efectivamente tampouco aparece en nengunha das esculcas de étimos que se efectuaron por Galicia adiante. Quede acó recollido.
Saborosos froitos do bon carnaval, que vai resaltada no texto é unha tradución calcada dun verso cantadísimo en Cedeira, da antiga comparsa Os Eléctricos, que no ano 1917, ano en que chega a luz eléctrica á vila, argallaron unhas cantigas eufóricas que exaltaban, sen recato e innecesariamente, o localismo cedeirés asegurando que..."vamos hacer de Cedeira la capital y en San Andrés de Teixido, parque central."
As felgas do tellado, como xa sabedes son Polypodium vulgare, unha felga que no meu tellado amosa a súa máis cumprida vizosía no inverno, murchando e resecándose no vrao.
O papagaio, Platicercus eximius apoñería eu, andou polo rueiro no verán do 2014. Sabía amitar o son dos gatos se non era a súa fala, e tiña ás corvexas do rueiro, Corvus corone, amilagradas e preocupadísimas pola súa arribada. Valente e agresivo, o papagaio mantíñaias á raia, e xa ten mérito tratándose de corvexas que fan fuxir as rapinas máis fortes, máis aínda se pensamos que, ás veces, ate cinco delas andábano guipando dende as pólas máis outas das árbores da contorna. De onde saiu este papagaio e a onde se foi aos poucos días é algo que nunca puiden saber.
As pequenas e incipientes floricas brancas que van retratadas, máis como experimento a distancia ca outra cousa, pertencen a Cerastium diffusum, diría eu, unha cariofilácea que se da présa en florear. Como todas as outras, menos as do papagaio, están feitas dende o interior da cociña e cos vidros da fiestra por medio. Un par delas, ollar perspectiva, van feitas dende a ventá do piso. Xa digo un experimento, todas elas.

PAZ E PALABRAS
De San Andrés de Teixido Parque Central.
ResponderEliminarE interessante que naquele tempo a vision de Cedeira fosse Nova York, e não El Retiro ou Casa de Campó