XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 28 de febreiro de 2016

O lixeiro canto do tuí



Hai días de ceo azul e vento encalmado nos que o aire trae unha bris de rosa e limón e pensas que nada pode mellorar ese instante... mais sen máis, chégache  un tremor suave do aire, unha caricia no pelo coma o pouso do soplo dun anxo e sintes ao pé da orella o lixeiro canto dun tuí, quen acaba de asentarse na túa cabeza e coa suavidade da amistade peteira gratamente na cimeira da túa caluga un momentiño,  liscando en nada pra as polas do limoeiro onde se deixa ver durante tres intres, e ti miralo, e ves que leva no bico algo de ti, un fío branco, unha caña túa, un pelo teu  que unha vez foi preto e escuro e sabes, por primeira vez, que o tempo, esa lexivia das cousas,  branqueouno ata volvelo unha clara testemuña  de que as illas da xuventude íanse voando no bico mínimo dun rebuliceiro tuí, que brinca do limoeiro ás roseiras pra desaparecer nunha sebe de biouteiros e silveiras coa certeza do pasar do meu tempo explicada na súa bicada.

Os mestres alquimistas advirtíranme, fa molto tempo, que a lingua dos paxaros é a metáfora perfecta da sabiduría hermética, aberta a todos, pechada a moitos.



Velaí a un fermosísimo e malencarado paxariño a quen o deseño da faciana dalle, a ollo de humanos, un aspecto de ser enfurruñado, de paxariño avinagrado, que vive en permanente conflicto cos sete ceos, consigo mesmo,  e con todo canto o rodea: un deses descontentos permanentes co universo a quen  nada, nunca, o poderá satisfacer o máis mínimo. Un tuí. 


Un tuí, que así lle chamamos en Cedeira a esta linda paxariña que noutrures corre por folosiña, carriza branca, picafollas, furafollas, papuxa, chichí e aínda chischís e  pra estandarización da lingua escolleuse, concordando co portugués, o cariñoso termo de estreliña riscada, e a quen científicamente chaman Regulus ignicapilla, non moi diferente pero facilmente diferenciable de Regulus regulus, estreliña do norde, quen só nos visita nos invernos e de quen non teño imaxe nengunha, nen boa, nen mala, nen sen queixa.



Tuí, por certo, non se recolle en nengunha das ceifas de nomes de aves e paxaros da lingua galega que se manexan a diario. No Dicionario de Dicionarios, si aparece esta voz, recollida por Eligio Rivas Quintas en Cerreda de Nogueira de Ramuin, Ourense, con esta explicación: "Pájaro, su nombre, tuí, imita el canto". Dende Cedeira a Nogueira de Ramuín, hai espazo suficiente pra supoñer que esta voz, nalgún tempo, debeu ter máis ampla difusión .



Confundido coas sombras dunha das casetas de observación das lamas de Cospeito, mentres descansaba os ollos deixándoios ir indo pola faz tranquila das augas, unha parella de tuís revoaba de vez en cando por entre  as  pólas das salgueiras e a  ramallada de silveira que contorna o observatorio. Tal cal eles son: sen parar, indo e vindo; pousar, ollar e largar. Non tendo nada mellor que facer, tentei atrapar en imaxes dixitais algunha mostra de tan inquedos persoeiros. Houbo sorte, e con aquela fortuna se iluminan estas verbas.


Por veces aparecía o macho, e abofé que a cor de lume novo que alcende a plumaxe da súa cabeza, daí ignicapilla, daba vida e calor a toda a ramallada; outras era a femia, un punto máis discreta de cor, a que se deixaba ver;  os dous xuntos raramente aparecían na escea e nas poucas quendas en que andaron á vez, non souben facerlles unha foto en parella. A ver si hai mellor ocasión.



Amigo do hábitat forestal, é un habitual dos bosques de ribeira, non sendo difícil observalo no seu trafegar continuo de póla en póla na rebusca de calisquer diminuto artrópodo que lle sirva pra ir enchendo o papo. Residente durante todo o ano, sempre será mellor de mirar nos meses en que as árbores anden espidas de follas. No resto do ano a mestura da vexetación ha facer difícil distinguilo; e poder facerlle unha foto vai ser cousa de saber rezar  un rosario con moita pacencia.



Ao parecer as poboaciós de tuí andan a medrar ao compás da rearborización do territorio. Paxariño de ampla distribución europea, gusta dos climas húmidos e temperados, e acredítase  a súa expansión cara o norde acompañando á suavización das temperaturas que pouco á pouco van certificando indubitablemente o Cambio Climático do que andamos a ser testemuñas.



No inverno pódense recibir poboaciós migrantes  que baixan a latitudes máis temperadas e conviven nas nosas arboredas á canda os residentes habituais e os continxentes da outra especie do xénero, Regulus regulus, que baixan ate nós dende súas áreas de crianza no norde europeo. No mes de abril do ano 2013 un ignicapilla anelado en Madrid no mes de febreiro do ano anterior, foi recuperado na República de Chequia, a 1683 km. de onde fora anelado. Diminuto gran viaxeiro, o noso benquerido tuí.



Diminuto, moi diminuto; tanto que os tuís, pasan por ser os paxariños máis pequerrechos de entre todas as aves europeas, con só entre 5 e 6 gramos de peso, raramente 7. Regulus regulus, o tuí do norde, pasa por ser un chisquirrichín máis pequeno ca Regulus ignicapilla, o noso protagonista, e por iso leva con honra o calificativo da máis pequena ave europea.



Tamaño tan raquítico, non lle houbo de impedir conquerir o tíduo de o Rei das Aves e os Paxaros, daí regulus, reisiño, e o seu nome castelán de reyezuelo. De como a máis cativa das aves conseguíu o outo honor de se asentar na cadeira real aviar haberá que falar nun prósimo discorrer que nos fará pasear de vagariño por lendas, contos e sucedidos, dende as  tradiciós célticas e indoeuropeas ata a súa pervivencia na Galicia de non hai tantos anos.

Ata daquela, miña querida xente, quedar con todo o meu agradecemento, pola vosa fiel querencia a dar unha volta polo noroeste do Noroeste. 

Apertiñas.

A mandare.



Notas marxinais: a excepción da imaxe do tuí entre a follaxe verde dos salgueiros que está tomada no areal da Frouseira, todas as outras son  das lamas de Cospeito e do mesmo día.

Achegos:

1) Ficha de Vertebrados Ibéricos. Premer.

2) Ficha de SEO Bird Life. Entrar.


PAZ   E   PALABRAS



Ningún comentario:

Publicar un comentario