Na miña vida, por razóns que non son do caso, cheguei tarde a moitas cousas felices. Unha delas saber apreciar a poderosa beleza animal que se esconde baixo a rara fasquía intimidadora das arañas. Ao igual que coas moscas, das que vivín anoxado ata que os sírfidos me desengañaron, as arañas eran xente nas que nunca advertíra máis beleza da que se poidera atopar no cú do demo. De adolescente, nas longas, aburridas, torturantes, demorantes e obrigadas horas de estudo forzado, a presenza dalgunha arañeira naquel soto alfunil dormitorio que non tanto tempo atrás fora a corte dos porcos, ofrecíame algún ca outro interesante entretenimento matinando nas intelixentes e invencibles armas guerreiras que debían posuir as arañas que sempre ou case, case sempre, saían victoriosas en todas cantas liortadas se metían; si chegadas na casualidade dunha mosca despistada, si provocadas polo meu aburrimento que enmallaba nas súas redes, sen caridade nen piedade, moscós grosos, nigritellos e adoecidamente zunzunantes.
Houben de ter que agardar a ter ollos con macro pra poder achegarme silandeiro ao pé dos seus rostros pra tocar coas retinas os finos pelos das súas patiñas artelladas ou apampar cos seus chavellos afiados, enghanzúados, ate sentirme tan pertiño da luz dos seus ollos que poiden apreciar neles un brilo mineral, si esmeralda, tamén granate, acibeche ou obsidiana. Daquela, as extrañas anatomías dun mundo prósimo e familiar, pero invisible e descoñecido, de cores e formas insospeitadas, dunha beleza natural espida, engaiolaron a miña desarmada sensibilidade quen rendida de fascinación pola inesperada beleza, case ao instante se sentiu docemente enganchada nunha arañeira de gustiños zoolóxicos, de deligas gratas, da que nen sabe, nen quere, nen pensa desenlorarse, encantada como está de saborear a súa recén adquirida adicción aracnomaníaca.
Aracnómano gostoso, cada vez que distingo a unha araña, en calquer buguío do meu pequeno mundo, ou pasando entre as herbas con coidado de non enfadar ás quisquillosas e incordiantes formigas, abofé que por moi pequerrecha que sexa dame unha alegría. Nace a ledicia ao pensar en enfocar e poder ver nidiamente as galanuras desa existencia diminuta, imperceptible, disimulada entre o seu pouco ser e as cores crípticas, que só miradas de moi cerca, con olladas de macro, revelan a súa variada e elegante riqueza cromática, inaccesible na distancia aos nosos ollos de xigantes relativos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario