XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 4 de setembro de 2021

No meu pequeno mundo(III)



O meu pequeno mundo é unha aula  de trasgos rebuldeiros sen a súa Doloriñas acougadora, unha academia adolescente de avisións en flor, unha desorgaizada escolanía de pantasmas simpáticos, unha anárquica confraría de pequenos deusiños argalleiros, aliados a numes enredantes,  divertidísimos,  puros soplos  de vida silvestre, seres que pode que vivan tras das sombras do aire, nas lorbagas do loureiro, no covillo dos felgos, no abrigo máis escuro e choído  ou  nas rosas das roseiras.




Toda unha estadea de espíritus, pacíficos e benéficos, hospédase no noso tarreo que está chufón de ser casa de acollida  desta gratísima santa compaña de risoñas avisións que cohabitan comigo,  esta estantigua de almas en gozo a quen agradezo  ser a miña inspiración, as miñas risas, o  exemplo que me guía, a compaña dos meus días, o consello grave, a voz  prudente, a mestreza no vivir. 



Hai unha avisión, por exemplo, que ten unha voz profunda, e poética e recita fermosamente poemas perfectos, equilibrados de fondo e forma, e divírtese inventando zoonetos ou xogando ledo cun tastarabás que ao dar voltas sementa enredos, pero ela mesma outras veces é ebanista e ata por veces é xastre ou costureira, asegún lle dea. Os  merlos e merlas do meu rueiro, e de moitos outros rueiros, non faltan nunca a nengún  dos seus recitados poéticos. Unha tarde dun día dun  ano de non hai tanto, varias centos de merlos e varios miles de estorninos  estivérona escoitando, con arroubo místico, ate o intre de encendérese na noitiña o luceiro; daquela a ánima calou e as aves rebentaron a voar aplausos sen fin. Cousa nunca vista e digna de ver, abofé.



 Préstame moito unha outra ánima regordechona, boíña, moi calmada, de falar longo e mal pronunciado,  que coñece toda canta historia, asunto, conto, dato ou suceso, acontecese algunha vez ao redor do meu pequeno mundo nos últimos cinco mil millóns de anos.  Moitas veces dá moito gusto oila. Así vaste enteirando do que houbo, ou deixou de haber, ou  do que puido haber e non houbo, pero outras veces non se lle entende nada, fala de cousas vellas de máis, das que so  ela sabe do que fala. Esta espiritiña era a favorita de Cris o gato, que apampaba cos seus discursos eruditos e ao pouco  botábase a durmir nun gratísimo sono enciclopédico que lle duraba horas.



 Hai dúas almas xemeas, visionarias, que parecen ser dous freires medievais. Un é  regrosiño, de cara ancha, franca, aguda e retranqueira o outro é máis desgraxado, sorrinte, de ollada viva, precisa, e nariz adiantada. Non vai a unha sen a outra. Andan día e noite preguntando nomes de todas cantas  cousas hai ou houbera. De plantas moito, pero tamén  de caricolas, de árbores, de lamachas, de cunchas, de montes, de besbellos, de ríos, de froitas, de peixes… a poder ser, sempre de cousas sensibles; e en galego, quérenas en galego, non lles valen doutros falares. Xa ves ti que cousas. Con mimeza e agarimo, as outras avisións chámanlles... Palabriñas. 



Outro trasgo, rebuldeiro, anda a bailar muiñeiras todo o día e a todas horas -tenche un corazón moi grande- áxil coma un esquío,  vital coma un rebulir de andarabilla, ao compás dunha gaita que só el escoita, vai calcetando puntos cos pés bicando sen dano nas herbas do campo. Espiritual de Canido. Non mo vai creer nenguén pero eu vin bailar ao seu redor unha nube de engaioladas bolboretas azuliñas.



 Rolda asimesmo unha compaña de músicos, unha orquestiña de diañiños musiqueiros -algún días son cen, outros tres ou catro-  que ás veces, ao quererme lembrar dunha melodía ou canción, interprétanma ao pé do oído e daquela xa se me vén enteiriña á cabeza. Meigas da Cadencia, ese é o nome polo que corren artísticamente. No meu pequeno mundo teñen moita sona e grande número de ceareiros. 


O sábado pasado estiveron tocando entre as espadanas. Orballaba e tiveron un abarrote de caricolas. Foi un exitazo. Disque prosimamente van ir tocar a eira, baixo os farois dos  limóns e as laranxas. E seica a grande Carme de Lupe vai ir cantar rancheiras con elas! Se podedes, non as perdades. Son do melloriño. As avelaíñas xa reservaron  e as sacabeiras deron palabra de ir. Vagalumes e lucencús han ir alumear; e haberá velliñas, co seu pote no lume facendo caldo pra todos, e oín que un merlín de Barrantes vai ter preparado espadeiro fervido con zucre, canela e  rodeliñas de limón. 



No meu pequeño mundo. Nunha noite calquera destas. Concerto. Aberto a todos, pechado a moitos. 



E  igual que estes seis ou sete espíritus meigos hai  varios centos máis, contados polo baixo, espaleados polo meu pequeno mundo. Debuxan, pintan, adormecen, cantan, pasean, leen, debaten, fan fereixós, asan patacas, contan contos, dan pinchocarneiros,  xogan  o sienso, ás bolas, a facer torres de paporreta… que sei eu cantas cousas argallan!...  e gústalles especialmente, moi especialmente,  vir dictarme moi baixiño ao pé do oído estas verbas que escribo. E eu moito llelo agradezo. Andan por todas partes e por onde queren e fan o que queren e cando queren. Son, coma min e coma ti, imprevisibles. Son numes.  Son a miña santa compaña de a diario, unha familia de cariñosas avisións, unha meiguería de almas en gozo. Habelas hainas. O caso é haber con elas.



(Velaí fica a realidade diaria do meu pequeno mundo nunha  ben cativa representación da meiguería que me asiste, pois nada  dixen de tres trasgos moi longos, moi longos, moi longos. Un  toca de marabilla o contrabaixo e baila o pasodoble con moito "salero"; outro  é un virtuoso do acordeonciño e fai saborosos xeados de mentas...xeniais!. O terceiro toca a gaita con dozura e afinación perfecta, pero só toca no mes de maio, el dí que pra axudarlle a medrar ás flores, todos por iso lle chaman Maiolongo; e tampouco falei dunha ánima moi seria que  conta moi ben os contos; nen doutra, case invisible, que se confunde co tarreo e xa se deu o caso de a pisar, e aínda de me deitar riba dela; hai unha trasga, que se pasa o día cantando toda canta canción algunha voz soou na radio e  aínda nunca  repetiu nengunha, e non canta mal, pero ti, se non a queres oir, non a oes, so a oes se ti queres, chámalle cantar en silandeiro; e tamén hai unha greada de espiritiñas sabedoras, as bieiteiras, que se pasan días e noites aprendendo todo canto se poda aprender de toda canta cousa poda existir, non paran quedas, todo o día indo e vindo, estudiando e preguntando; o que máis as excita e a Astronomía do Universo Profundo. Nestes días, andan moi entretenidas en atoparlle posibilidades prácticas inmediatas ao enlazamento cuántico e a superposición de estados das partículas elementais, cara a consecución dun Organistrum Universalis que entrelace por todo o universo, nun mesmo intre, unha marabillosa melodía balsámica que calme os corazóns de iras e violencias e abra as almas á paz e á palabra). 


Miñas xoias.




(Efectivamente tamén todas as xentiñas animais e vexetais que me acompañan nesta escrita, son parte da miúda xente do meu pequeno mundo, ese non xardín entre xardíns, onde as xentes ceives teñen unha república viva na que protexerse das ansias biocidas dos humanos, ese virus, esa peste insaciable de recursos ecolóxicos. Doloriñas, claro está, existe, aínda que xa non en vida, e ben que loce a súa humanidade poderosa no Museo Provincial de Lugo, inmortalizada na obra sen par da extraordinaria, Julia Minguillón, a grandísima pintora galega de Lourenzá que, como non poderia ser doutra maneira, é aprezada por poucos, desprezada por algúns e iñorada de casi todos. Se non queredes ir ao Museo de Lugo sempre poderedes gustar a moi boa copia que, a partir dunha foto diminuta, pintou Fernando Villoslada por encargo de Don Anxo e que preside a saída do Nicolás del Río, nos anos aqueles en que xente leída, culta, e que sabía latín, dirixía con prudencia e liberalidade os destinos educativos da infancia cedeiresa).



PAZ  E  PALABRAS




2 comentarios:

  1. Don Rafael, un pracer para a vista e o corazón o teu xardín, mundos máis grandes sonche ben máis pequenos.

    ResponderEliminar
  2. Meu señor Don Bugallo, gratia plena. Non perda os rumos e chéguese de vez en cando a este pequeno mundo sito ao noroeste do Noroeste: ás xentes miúdas que o habitamos prácenos terlle abertas as cancelas. A mandare.

    ResponderEliminar