XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 2 de decembro de 2021

Bremanzas do bosque gris


O último outono, o primeiro inverno. Unha brétema xeada, un neboeiro de xeos pequenicos envolvía o día, os aires, os montes e o alento que caía  trasmudado nun vafo de felepas que descendía lene e lentamente á carón dos nosos pés, testigos andaregos.

    A pouca luz da altura do ano diminuida pola extraña neboeira de xeos aboiantes que anagaba as follas, a terra, as herbas e os mofos das carballas, tornaba ao mundo nun espazo gris, escuro, no que raramente as luzadas de cor das últimas follas das últimas árbores despertas se deixaban ver.

    As pólas, espidas de follas e vestidas só coa felpa protectora dos mofos que as defende  das xeas e as garda das neves, amosábanos toda a beleza minimalista da infinita gradación de grises con que o bosque das montañas orientais da Galicia elegantiza a fermosura natural do mundo. 

    O día era frío, moi frío. Nos cumes felepaba demodo.  O sol e as nubes xogaban ao curne. Agora me ves, agora non me ves. Deixáramonos caer polos montes da bremanza: lonxe do mundo dos megaurbanitos. Sentíramos rosmores de que estes andaban todos no Courel e debía ser verdade: no bosque gris das bremanzas estábamos sós

    Un coche pasou en todo o día polas estreitas e reviradas pistas que se acomodaban con suavidade as reviravoltas da xeografía da montaña. Pimpíns en bandadas xenerosas, corvos, merlos, tordos, rebordás e un raposo cativeiro, esfameado e morto de frío que traspasou a pista sen moito coidado e con pouca presa, andaron a nos acompañar durante a mañá.

    Están a medrar os fraguíos. Non teño dúbidas. Os lugares do bosque cada día parecen menos habitados. Verdade que tamén se aprecian algúns tellados anovados e casas melloradas e acondicionadas. Pero non hai terras de labor, nen se escoitan as voces das xentes. Un silenzo coberta ao mundo. O vento que ouza, a rebordá que fala, as pólas que rosman roces, convídannos a escoitar polo baixiño.

    Hai poucos lugares humanos, moi poucos. E alonxados os uns dos outros, inda por riba. Nestes montes deixados da agricultura, onde sobrevive algún prado de gandeiría, o fraguío de carballeira e o monte bravo de urces e queirogas pouco a pouco foi medrando e estendéndose polas abas da serra, criando un ano con outro, aos poucos máis aos firmes, un renacer da autoctonía arbórea, un revivir do monte de ouzal, unha comunidade viva que se apreta consigo pra acobillarse e defenderse solidariamente de ventos, friaxes e xeas. A nación vexetal. Feliz coa soidade de homes.




    
    


Principou a felepar. Estábamos ben avisados. Meteogalicia non engaña. Pouco á pouco aquel neboeiro de auga xeada foi tornándose unha orvallada de felepas miúdas que se nos pousaban nas roupas e nos aledaba a mañá, retornando a sermos, viaxando na pluma dunha felepa, inocentes cativiños gozando da primeira neve da vida. Neves que chegaron no primeiro teso, na encrucelada de pistas do alto.


    Nos cimbros, a neve; no fondo do val as augas dos ríos: non moitas neste outono máis ben reseco. Ao redor o bosque andaba botándose a durmir no sono da invernía. A felpa de lique, ese xersei de mofo claro cobertor de frieiras, halle quencer seus soños de futuras primaveras.


     Nesta última hora do mes do Sanandrés das Luces Abaixadas, o sol, que desaparecera afogado en neves nos cumes, polos camiños decendentes era unha ánima desfalecida sen sombras nen cores. Aires de lousas e louselas loídas. De Lóuzaras e Louzarelas. O sol un alma sen laimo. Gris. Pouco a pouco unha terra nova  íanos entrando polos ollos. Qué montes son estos onde o bosque de montaña está arroutando de vitalidade creativa? Quedan aínda territorios sen casas rurais?



    Non sei se nos creerá que non se escoitaba máis ca o roce das pólas e os falares dos paxaros que buscaban nas pistas as faragullas das castañas aplastadas por algún coche. Levántanse en bandadas xeitosas ao nos ir achegando a eles. Antes, nas campas gandeiras dos arredores da serra, revoaran xílgaros pero agora,  no adentro do bosque os pimpíns mandan, moito máis cós corvos, rebordás, tordos ou merlos. Vai frío. Moito. 

        
                Parécenos sentir no adentro do mundo un rourrou do aire, a voz dunha bremanza levedada nas avesías da alma dun poeta muiñeiro:

"Arreda follaxe verde 

deixa clarexar o sol

 estamos soios no monte

 non vemos xentes nin dios"


   
 Paisaxe de marabillas, este magosto de laranxas no país dos ouros grises. Eu nada sabía desta terra. Orfo de ti en terra adentro. Agora sei pouco máis. Desta volta, os eidos da bremanza non nos deixaron andalos amodo. Lonxe do mundo, tentando agallopar pola serra pra volvermos ao val, destemidos, unha nevarada doente, que callou unha cuarta en poucos minutos aconsellounos con algún esbaramento dar volta e volver por onde viñéramos, pisando ao xusto na rodeira que debuxáramos ao subirmos.








    Volver ás partes baixas da serra e saire o sol da clareeira, todo nun, convirtiu ao mundo e a mañá nunha delicia de cor presumindo de sí ao sollío. Que bonito é vivir. Que bonito é ver vivir.








    Si poidera ser volvería a estas terrras. Escollería pra iso os calados días de xaneiro; pois daquela podería disfrutar dos soños de verdor que o bosque crea pra si mesmo na adurmiñada, pra  acordar neles: alá nos días en que nace a  primavera prometida cada invernía. Eses soños da arboreda vense na punta das súas pólas, e teñen a cor da púrpura virxinal. Por  eles iría en xaneiro. 









    Apertiñas totus meus. 

    Sede boas que guapos xa sodes. 

    A mandare.



(Sei que non necesitarei xurar pra que me creades que tamén nestes cumios o negocio capitalista de servizo enerxético ás megaurbanidades ten proxectado un calvario de maquiavélicas andarabillas eólicas, esa peste destructora de mundos travestida de necesidade medioambiental. O demo os leve).

 

O poeta non pode ser ninguén mais ca Fiz Vergara Vilariño artífice adoecido dos Eidos da bremanza, e á súa memoria van enfiadas estas letras.




PAZ E PALABRAS




2 comentarios:

  1. Isto é un maxestuoso "big bang" que expande polas pantallas a poesía e cor que concentrabas no teu "pequeno mundo".
    E comentando o paréntese final: Ti pensas que o demo se atreve a levar consigo esa "gente de la que me hablas"? Non, ho! En catro días déixano sen negocio.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Ola Alvaro: Eu teño pra min que en chegando ao inferno montábanlle ao demo unha Central Térmica Infernal e cos tratos políticos que deixaron feitos na Terra negociaban a venta ganancial dos excedentes,tras do correspondente pago celestial de taxas e peaxes divinos por dereito inmemorial de usufructo e condominio compartido do Outromundo entre Deus e o Demo. Ao fin tódolos poderes se entenden. (Eu das fotos salvo catro ou cinco que impresas ao seu tamaño poden dar o pego). Gratia plena, meu amigo.

    ResponderEliminar