XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 31 de outubro de 2021

A orquídea de cristal.




        Pesia as linguas botadas á pasear, non son  fotógrafo, nen escritor, nen ecoloxista, nen moito menos filósofo, nen tan siquera un simple pensador de sobremesa. Non me viña ben ser calquera cousa desas!! Pra nada diso teño condicións e talento. As fotos saen soas, unha entre cen, as palabras escritas corren case ceibes polos renglóns, de cotío conformando pensamentos febles, mal coordinados e peor explicados, axugándose entre si cunha sintaxe elemental e apoiándose nunha ortolexia que ten na memoria familiar, da casa e do rueiro, e nos dicionarios de Galego, os seus únicos fundamentos. E de ecoloxista... mellor calar. Tampouco son artista, etnógrafo, historiador ou poeta. De todo fun alcumado e ás veces alcumeime; e con todo vou apandando. Sáibase, non son nada, aparte unha vontade de non ter queixa de si, que sobrevive tranquila, acorazada dentro dun xubiloso xubilado que vive retirado e agradecido. 

    Nas cada vez máis raras ocasións en que  abandoo o meu pequeno mundo e vou dar unha volta ao redor de min, non deixo de rebuscar coa ollada cousas vivas entre as herbas e as campeiras onde se me perden os ollos e se me escapa a alma ao recreo, gozando da   natureza espida de adubíos, librada de chafulladas artificiais, de pestíferas presenzas da sociedade megaurbana que por terra mar e aire acosan, lixugan, entupen, adoenzan, aferrollan e matan á vida silvestre.

     Cada vez que saio  do meu pequeno mundo percibo que un ano con outro, aparecen novas trabadas na terra dando fe da continua destrucción de xentes, terras e paisaxes.

    Requiescat in pace, a inocencia moral da vida salvaxe. 

    O último alento do paraíso, está a ser consumido sen compasión pola Grande Dragona, a bicha des almada, a Megaurbe Mutante. 

    
        Unha desas raras saídas de excursión interparroquial aconteceu por cousa duns amigos, e amigas, moi simpáticos, boa xente, creativos, argalleiros e pra máis moi bos músicos. Son rapaces novos que están a vivir gozando a súa primeira xuventude pre-adulta e ordenaron de crear un grupo de música ao que lle puxeron o despistador  nome de "P rayada" e crearon un logotipo  que é unha P maiúscula, anchiña, ben feitiña e... chea de raias. Claro está, todo o mundo -eles os primeiros- din "perrallada". Xa dixen que eran moi argalleiros. Os seus concertos son seguidos por unha boa cantidade de amigos e amigas da súa idade e non poucos adultos de todas as idades. Nos momentos nos que a emoción reverte o corazón, os fans máis fanáticos, deliran e sen control das emocións nen sentido da vergoña, aturuxan diante do Universo un berro de risa galeguista...  Perrallada Calidade!!.
 
    (Deberíades de escoitalos. Harmonía, gusto, ritmo, cadencia, swing e sentimento. Escoitalos é escoitar o futuro.  Orellas adiante e ouvidos atentos que non sei se non andarán a gravar unha maqueta). 


    Estes meus amigos, tamén eles abducidos pola superstición de que eu son fotógrafo e coa confianza que dá o ter pasados anos xuntos na escola pública, eles de escolinos eu de escolante, pedíronme o favor destemido de lles facer unha reportaxe gráfica que lles poidera servir de posible book publicitario. Nen dicir ten que aceptei ao pé, orgulloso, agradecido e feliz, pero sen deixar de advertirlles que  contrataban a un mal fotógrafo de persoas, que eu era de bicherías e florerías, un desafeito aos humáns. 


    Pra segunda sesión de fotos  eleximos a vella canteira de Purrido, que nun tempo foi o varredureiro de toda Cedeira, e hoxe aínda o usa algún incívico. Habería de ser ao remate da sesión, cando, sen querer, só polo vicio que teño de andar mirando sempre pra as herbas, descubrín erguéndose, firmes e ben dereitos, uns talos floreados de varios pés de Spiranthes spiralis, a pequerrecha orquídea de outono que ata ese intre eu nunca localizara dentro das lindes do concello de Cedeira. Albaricias!! Unha nova orquídea pra o meu catálogo de flora local.

    
    Spiranthes spiralis, a orquídea de outono, a última en alumbrar cada ano, posúe unha tímida beleza discreta, ordenada arredor dun talo elegante, estreito, lixeiro -máis firme- que ofrece unha densa escolanía de flores ordeadas con precisión xeométrica nunha helicoide perfecta. Sempre dá gusto dar con ela.  Desta volta tamén os músicos poiderona degustar. Non só con lindas melodías se embalsaman os aires.

    As orquídeas de outono non son raras pero non son abondosas. Son iso si pequeneiras e non moi boas de ver. Aínda sabendo que teñen que estar por aí porque as vin hai sete días convén non mover os pés e resbalar moi amodo o ollo pola toneira de herbas, pra poder dar con elas. No estío de  setembro moitas herbas, resecas e pallizas, amarelando, crean o aire perfecto no que  pasan desapercibidos o talo verdegris e a reviravolta de floricas  da Spiranthes spiralis, a orquídea de outono, a orquídea de cristal. 


    Orquídea de crital digo, pois se poideramos irmos achegando o ollo ás súas flores poderíamos ir vendo que aquilo que supoñíamos unha corolación exclusivamente branca posúe realmente unha transparencia cristalina. 




    Poidera ser que esta límpida circunstancia non chame a atención de vosoutros por ser cousa  corrente, sabida de todos menos dun servidor. Non sería de extrañar; nen sería a primeira vez que saberes populares, ben estendidos e espaleados, nunca entraran a formar parte dos meus entenderes. Por exemplo, as prerrogativas sumisas ao turismo. 

     Non me preguntedes porques. Nada sei do porque as cousas son como son. Non sei porque se ven brancas. Porque se ven verdes. Porque se ven auga. Non me preguntedes porques. Só sei que nada sei, se algo sei.
    
      Mais si sei que a min prestoume ollar por primeira vez nesta pequena flor de outono que mal retratei en Purrido, unha esencia de xeo e seixo que ata daquela non coñecía, unha seda de pedricas de cristal  entrallando un manto de estreliñas de auga fría, frescas,  xuvenís, venturadas, amigándose por lei de vida pra ser unha puntilla de luz na linde dunha flor futura. 

    Vaia, viñéronseme a cabeza os amigos da P rayada. Si, teñen algo desa candidez natural das nosas orquídeas salvaxes, discreción, elegancia, fermosura, alma, cadencia, swing... e si, teñen algo, algo propio do seu tempo e lugar, propio do noroeste do Noroeste: a ledicia nacente dun endemismo  en flor. Son da nosa xente. Dos nosos montes. Son dos nosos. Unha especie a protexer.
    
    Dos que se dan nesta terra de coma de quen, pero que levan detrás moitos montes rozados no lombo.

    Que sexan felices e biquen perdices. 

    Impensadas transparencias.


     Apertiñas miñas xentes. Sede boas que guapos xa sodes.


    A mandare.




PAZ  E  PALABRAS




     





2 comentarios:

  1. Pois non serás ningunha desas cousas que dis que non eres, pero ben que o pareces, ha, ha,... Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Quen me dera!!! ...(calquera mañá destas do San Martiño falamos en Ortigueira). Apertas.

    ResponderEliminar