XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 7 de marzo de 2023

Imos indo pouco a pouco; e non é pouco.

Seguen a sumarse adhesións ao Día do Naturalismo, nestas datas previas ao seu nacemento, O Centro de Estudios Ramón Piñeiro, faro de galeguidade, vén de comunicarnos que eles tamén como non podía ser menos se adhiren a considerar a data natalicia de Martín Sarmiento, como ben acaída pra ser considerada Día do Naturalismo Galego; e notablemente o conxunto das institucións que conforman o CSIC, a saber: Delegación Institucional, Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), Misión Biolóxica de Galicia (MBG), Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), Centro Oceanográfico de Vigo (IEO Vigo) e Centro Oceanográfico de A Coruña (IEO A Coruña) o que nos enche de fonda ledicia e satisfacción como non habería de ser doutra maneira, sede benvidos!!;  e igualmente damos a benvida ao CEMMA,  coordinadora pra o estudo dos mamíferos mariños, o que nos dá unha alegría; Luisa Martínez ilustradora de libros infantís que está a mover a idea e batallar por ela; a devanceira páxina de estudo naturalista Biodiversidade. eu, por voz de Miguel Serrano, investigador botánico de primeira línea, vén de amosarnos o seu arrimo; e o de Marta Josa Lens tampouco nos falta... e a túa a de chegar cando queiras. Non hai présa: se non te adhires este ano, sempre o poderás facer o ano que vén.

La Voz de Galicia adiantouse cunha reportaxe inesperada; ao igual que Radio Voz Coruña e o seu café da mañá; o programa de divulgación científica da radio galega EfervesCIENCIA ha darnos audiencia e resonancia, ao igual ca o programa da RTVG Atmosfera que dará cabida se todo vai como debera ir á divulgación do Día do Naturalismo Galego; o diario Nós deu unha exacta reseña do acontecido na rolda de prensa ofrecida na sede do Consello da Cultura Galega; igualmente a revista dixital Galicia Ciencia difundiu a noticia e o programa Vivir Galicia da cadena Ser que pilota Luis Iglesias deunos acobillo e trato amistoso, ao igual que a cadena Cope onde falaron Cosme e Andrés por Hábitat e seguramente algún outro medio do que non teño noticia: escúsome daquela por non poder citalo e agradecelo publicamente. 

Pero sáibase que para todos cantos, publicamente ou en privado, nos medios, nas redes, nos centros de traballo, nas reunións de familia de amigos ou nas conversas de bar e terraza, apoiaron, difundiron ou comentaron o vindeiro nacemento do Día do Naturalismo Galego desexo pra eles mil mercedes e milagres xenerosos.

Non foi a menor das alegrias que estas días se me ofreceron apreciar a comunidade de unión na acción concreta que amosaron as asociacións eco-naturalistas. Nun país que por tradición e cultura social as leiriñas privadas de cada quen son unha patria parroquial irrenunciable, sentir a cohesión, todos a una, do movimento eco-naturalista a este escribidor, galego vello a quen non lle morren as espranzas, remexeuselle a encaldada onde leva toda a vida facendo no caldo, esa raíz do corpo que mantén con vida e en pé á nosa nación. 

E non só por ter a ledicia, callada de orgullo propio, de sentir como o naturalismo galego, da exemplo de confianza e valor no propio ao recoñecer coma seu padriño a un dos máis sobranceiros xenios da Galicia, ese devanceiro asombroso que foi Martín Sarmiento; máis tamén por ser quen, todos a una, de firmar un documento de denuncia, oposición, acusación e rexeitamento desa oprobiosa invasión de andarabillas eólicas, que, si nun alustre nos roubaron os horizontes, nunha chiscadela pretenden inzar os mares do noroeste do Noroeste da Galicia, cun destemido desparrame de miles e miles de aspas xiratorias, situadas con precisión quirúrxica nunha das rutas de paso de aves migratorias máis importantes de Europa.

Quen nos pediu opinión? 

Quen votou esta malfeita?

Democracia? 

Pensaio ti. 

Eu xa hai tempo que sei o que sei. 

Xa hai vinte anos que escribín, e catorce que publiquei neste mesmo blogue aquel hoxe clásico Maquiabélicas Andarabillas, que se daquela desprezaron moitos, leeron poucos e entenderon menos, pode que hoxe ao ler o pasado cos ollos do presente, comprendades  algún porqué do acedo desespero que me acompaña. Velaí aquel artigo Maquiavélicas Andarabillas por se houbera quen quixera presentir o que hoxe sinto.

(Pra recibir ao Día do Naturalismo Galego, publicarei íntegro, se todo vai como debera ir,  o documento de denuncia do conxunto das asociacións eco-naturalistas do esbandalle eólico de ceos, terras e mares da Galicia. En coherencia continuista co que deixei escrito; iso si, daquela eu estaba soliño e hoxe xa somos moitos; isto tamén:  todo foi a peor do que pensei).


Sede bós que guapas xa sodes.


PAZ  E  PALABRAS

5 comentarios:

  1. Fermosísimo, mestre Calel! Mañá é o día!!! Apertas, Damián

    ResponderEliminar
  2. Opa Damián!!!! Moito me aleda que che preste. Pouco tempo vai durar: Mañá outra nova co manifesto de todas as asociacións eco-naturalistas. Opa!!!!

    ResponderEliminar
  3. Ahí vai o meu apoio.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Benvida Marta... xa estás alistada...opa!!!

      Eliminar