XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 29 de decembro de 2023

Xentiña de pouca parola

Pido perdón, pero aínda estamos vivos. Seguimos a ser. E sexa por moitos anos e vostedes os conten.  A xente miúda do meu pequeno mundo  segue a estar. Nos tempos do inverno acobilladas no esquezo dos currunchos, no adenro dos tarreos, gardadas nos faiados ou  nos soños da memoria dos arcanos matemáticos dun disco duro agardamos por un Tempo Novo onde acordar felices a unha vida futura onde poder rir en paz con vosoutros, miña ben querida e pouca xente. O Movimento Vitalista das Terras do Mundo, respira, alenta e vive. Sáibase. Pido perdón, pero aínda estamos vivos.


Moito me presta repasar os cartafois de imaxes da bichería fotografada anos atrás. Ben sabedes que os enviciados no clicliclic da cámara, dende que existe memoria bital non nos cortamos un pelo en premer sen medo o botón... e fáiganse as fotos que soni queira!!! E tamén sabedes, que xa que no mundo bital tanto dá oito que oitenta...pois mellor oitenta polo que poda pasar!!! Así é que dispoñer dunha tarde de  auga e luz de decembro pra que discurran as horas entre leceres intrascendentes, tal o de revivir retratos das xentiñas do meu pequeno mundo na pantalla do ordenador, e disfrutar de non sentir o lento discorrer do tempo, opiado polo  gozo dos ollos, absortos os dous cos extraños seres familiares, artellados de formas, cores e deseños ocultos que nos revelan detalles impensados, indetectables ao natural, sorprendentes, que transforman o descubrir no pracer de aprender.



Este discorrer da ocasión presente vai saíndo un pouco así, aos poucos, imaxe a imaxe, en cuantos de luz gardados en nubes de bites invisibles no profundo segredo dunha memoria dixital. E non sei moi ben se eu ou  eles vanse arrimando os uns aos outros por familiaridade intrínseca, de ser ou especie. 


 




E así é, que aí arriba van quedando algunhas poucas que elexín entre as ducias que teño dos Rhinacoris iracundus. Especie moi fotoxénica, que este ano veu con regularidade a conversar ao tarreo. A humanidade, de seu iñorante de asuntos naturais, dá en falar moi mal deste percebella, espantando espíritus puros infantís coa amenaza terible do seu groso e corvo ferrollo, encarnado, aguzado e afiado co que disque pode meterche un veneno doloroso e paralizante. Eu non digo que non o teñan, de algo se terán que valer, pero a min nunca me picou ningún. E tratar trato con eles cada ano. Malos non son.





Sorprenderá que só arrime tres imaxes de arañas sendo como son dos meus parentes favoritos. Pero xa dixen, van aparecendo asegún se van acordando do profundo soño en que durmen no adentro do ordenador. Non descartedes por iso, que estes mesmos, ou algún seu meu curmán apareza de repente nesta ou noutro discorrer. Caprichos aleatorios de Fortuna. 




As formiguiñas van e veñen por onde queren. Este ano apareceu unha nova especie de formigas, moi pequena, rebuliceira, incansable, numerosísimas, que daba en andar por todas partes e se nas vivendas máis. A parte vella de Cedeira, o rueiro do alto no que vivo, veuse invadido dunha praga delas: unha verdadeira praga: estaban por todas partes e pequerrechicas como son cóanse pola regaña máis cativa e invadían os buguíos máis agachados e escondidos. Demos en pensar que chegaría o inverno e deixaríamos de velas: que va; seguen a andar por onde queren. Chegaron pra se quedar. Serán outras alóctonas.






Mosquiñas, dio-las conserve, moitas e moi diversas hai no meu pequeno mundo. Estas tres que arriban van son unha mostra, mínima e coreña mostra, das moitas e moi variadas que van e veñen, fungan e pasan, ascenden e baixan, pousan ou liscan polos aires, as follas, as polas ou as pedras do meu pequeno mundo. Hai moitos anos que desistín de saber seus nomes. Tantas son. Abonda con recoñecernos dun ano pra outro ou sabernos amigos novos, antes nunca vistos. Non me fai tan feliz clasificalas nun listado de alcumes latinos como percibir que viven, son e están comigo. Diolas conserve: os humanos non pensan facelo: cada ano afinan máis os venenos biocidas. O Demo os leve. A todos.









A bichería artrópoda un ano con outro aparece nunha mais rica diversidade. E dende logo os saltaretes son os amos das herbas: hainos a centos, gloria do meu tarreo. Pero este ano chinchas e escarabellos deron lustre de vida e diversión ao meu curruncho mínimo onde todos resistimos sen deixarnos ver, polo que poidera pasar, lonxe de herbicidas, segadoras e biocidas humanoides que destrozan unha hora con outra o mundo escusándose en coartadas de covardes mintireiros: que si hai que limpar, que si hai que saber, que si hai que poñer en valor. Diolos confunda e o demo os leve as profundidades dos infernos máis escuros. Ogallá, así la marmecoma!!!. 





Estas tres imaxes que anteceden van arrimadiñas entre si por teren en común seren orquídeas. Vaia, das dúas parvifloras de talo ergueito e presumido non fai falla dicir nada. Ben se ve quen son. A do medio é tamén unha orquídea, a abelleira, Oprys apifera, unha das que tantas criou este ano o morouzón de Ortigueira e Ladrido. Ben entendéstedes que se aparece tan disimulada é por darlle protagonismo e presenza a ese lindo chinche verdello de ollos atentos que pasou a tarde enteira observando o mundo dende a rousada alcándara do pétalo da flor. Que facía alí? Que ou a quen agardaba? Eu non teño nin idea, sei si que non estaba só. Noutras flores había outras chinchas. Todas das mesma especie. Caprichos da natureza, por non dicir iñorancias de naturalista.


E vai quedando a cousa por hoxe acó varada. Dende o noso pequeno mundo as xentiñas que nel vivimos, comanda resistente do Movimento Vitalista das Terras do Mundo, desexaríamos que nas datas que veñen, se son dun Ano Vello como se son dun Ano Novo, veñan  preñadas de paz e  sáude.

Do resto xa nos iremos apañando. 






PAZ   E   PALABRAS








8 comentarios:

  1. Precioso Mestre
    Paz, Paz, Paz, e Saúde

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas meu amigo. Resistencia Vital. Apertiñas.

      Eliminar
  2. Marabilla de veciñanza que tes. Pidamos con eles que nos deixen en paz. Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa Álvaro... oremos pola paz, oremus pro nobis. A cousa non pinta ben: agora Venezuela quere media Guyana. E vai ir por ela. Todo se pode poñer patas arriba. Oremus. Non sei se podemos facer algo máis. Apertiñas.

      Eliminar