XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 9 de xaneiro de 2024

Bolechos plásticos, esa merda vella de rabiosa actualidade.

Dende logo  miña ben querida e pouca xente os medios de desinformación -as redes sociais á cabeza e sendo primeiras- non deixan de amilagrarme cada día se coubera un pouco máis. De repente, da noite á mañá, todos os espazos mediáticos, inmediáticos e merdamediáticos, rebentaron xubilosos ao dar cun novo tema que lles facía medrar a audiencia: os plastipellés. Por fin podían sorpasar ao monigote de Pedro Sánchez.

Sabido é que a linguaxe das redes desinformativas, públicas, privadas ou sociais -sexan estas o que queiran ser-  afilladas das comenecias políticas, fosen estas as que fosen, está pensado pra desubicar, deslocalizar, desenfocar, confundir e engañar: pra mintir con primor e sen roibor as masas deseducadas que criou a democracia, ese artiluxio das élites pra controlar á xente: a ver se me entendes.

Nunca soubera eu, ata estas xornadas de risa apodrecida, que os pellets eran nada diferente a aserrín de madeira prensada- pregunta ti con que pegamento- pra ver de substituir os toros de madeira que os primitivos usábamos pra darnos unha pouca de caloriña en chegando as friaxes do inverno. Pra churrasco, aínda non se inventaron; ou si, e eu non me enterei.

Pero estes días ao parecer e por orden dos medios de confusión e desinformación, (públicos, privados ou sociais), os pellets agora transmudáronse nunhas pequenas particulas esféricas plásticas de cor branco ou traslucido -dalgúns milímetros de diámetro-  que ao parecer da noite pra mañá apareceron por moreas por toda a costá galega, provocando o comprensible interés de todos: da prensa, das radios, das televisións, das redes sociais e claro está dos dos partidos políticos que cheiran no aire o vicioso período electoral. De todos menos ao parecer da Xunta de Galicia que, rueda sobre mojado, van deixando que o tema arrole por si mesmo a ver si, a forza de iren arrolando, os plastipellés se enrolan entre as areas e ao paso de poucos días deixan de verse e daquela non sendo visibles, deixarán de ser noticia de interés.

A vosoutros, miña ben querida e pouca xente sei que este tema, presentado polos medios e as redes como de auténtica novidade, de rabiosa actualidade dicíase, sóavos a tema vello, recéndevos ao fenicado propiamente, por ser ben coñecido e denunciado neste o voso blogue. 

A vosa memoria non vos engaña. O 29 de decembro do ano 2008, si, si do 2008, este o voso blogue recén saído a luz pública nese mes, denunciaba e presentaba probas fotográficas da presenza de infinitas boliñas de plástico brancas e traslúdicas que estraban os areeiros da bisbarra e concretamente, na area do Baleo e Pantín. Premede pra lembrar e comprobar, facer o favor.

Aínda non tiñan nome de seu: non eran noticia mediática nin tema de interés político. E si, si, o Prestige e o -por algúns- añorado Nunca Máis eran xa historia da Historia. Pero aquelas  esferiñas plásticas non eran noticia pra ninguén, non sendo vosoutros miña pouca e ben querida xente, que naquel mes do ano 2008 no que nacía este blogue eramos case os mesmos que somos hoxe pero coa voz e a palabra máis feble. Hoxe dezaseis anos van a  voz e as palabras seguen a ser as mesmas pero  posuidas do ronco son cascado que o pasar dos anos vai deixando en herdanza de desmemorias e desenganos.



Pois boa verdade é que dende ese ano de 2008 no que dei pra miña conscencia coas esferucas plásticas,  e con preferenza nos meses de inverno, raro foi o ano no que non poidera ver as areas do noroeste do Noroeste inzadas desta varredura noxenta e claro está perigosa. Se non sabemos de que andan a morrer tantas aves mariñas, sabemos tamén que non morren por comer estas boliñas que tanto se parecen a bagas ou sementes? 

E dicir plásticas, por certo, é non dicir nada: que plástico con que composición entre os milleiros existentes? E si están nas areas...de onde sairon? Quen os perdeu ou os verteu? Quen debe ser responsable? Quen debe controlar o seu tráfico? Santiago? Madrid? Bruxelas? 

Non é nigunha novidade, lamentablemente. Esta peste leva anos aparecendo puntualmente nas nosas areas e sendo denunciado publicamente por unha ínfima minoría de naturalistas. Con caso cero. De todos, miñas donas, meus señores. De todos: de partidos, de institucións ou de redes sociais. De todos. A ver agora canto lles dura o tema. Confirmo: ate o prosimo monifate.

Apertiñas miña pouca xente. 

Seguir a ser bós que guapas xa sodes.

A mandare.




PAZ   E   PALABRAS


Despos de Data: Plastipellés, voz que usei na primeira versión, claro está era voz de urxencia que  ela mesma se recoñecía insuficiente pois asumía a forma pellets. Voz esta ao parecer de orixe inglesa, derivada do francés pelote (bola). Compre buscar voz propia. Anda a pensarse na palabra granza, voz  usada en castelá e ao parecer en portugués, pra denominar aos refugallos reciclados do plástico con forma esférica, con orixe nos refugallos do cereal, sobranceiramente arroz, e usada asimesmo pra os refugallos das minas. Asumindo que pellets, leva xa en si o siñificado de esfericidade de pelotiña da orixe francesa da voz pelote, poucas voces galegas poderían adecuarse mellor que a voz bolecha. Bolechas plásticas de merda química empreñadas. Ou se o feminino non gustase usemos bolechos, e así deixaríamos á marxe aos nosos simpáticos e xa patrimonias Os Bolechas do admirado Pepe Carreiro. Bolechos é a miña opción final. Bolechos plásticos empreñados de quimicallada. Sáibase.



Despás de Data: Efectivamente todas as imaxes deste discorrer non son de "rabiosa actualidade" senón que son documentos gráficos tomados no ano 2008 nas areas de Pantín e o Baleo. Os bolechos plásticos levan décadas aparecendo puntualmente, se no inverno máis e mellor, polos areeiros de Galicia. Velaí a verdadeira gravidade.



2 comentarios:

  1. Pois en efecto, como ben dis, a contaminación plástica non é nada novo, sexa do tipo que sexa. Pero parece que se é provocada por un verquido accidental dun barco, a cousa ten máis tirón mediático (tan efímero como desproporcionado será, supoño). E por suposto, xa está liada a liorta política, coitelos voando en todas direccións, nomeadamente entre Santiago e Madrid.
    E xa apareceu o parvo de turno (neste caso, parva), para dicir que non pasa nada, que non é tóxico nin perigoso. Claro, dende logo nun gran despacho ben quentiño de Santiago, non supón un gran risco. Non sendo que a señora comera por accidente unha robaliza chea de plastipellés, chegada dende algún rincón da costa galega. Que todo pode ser.
    Ao mellor se lles preguntaran aos milleiros de aves que morren envelenadas cos buches cheos de plásticos por todo o mundo, tiñan outra opinión. Pero que se saiba, ata a data, ningunha delas deixou unha nota, nin escrita nin de voz, denunciando a morte plástica en todo o planeta.
    Así que, tranquilidade, non pasa nada, todo controlado. Xunta dixit.
    Miguel A. Fernández

    ResponderEliminar
  2. Tema vello e recurrente..a única diferencia é que esa maretada de bolechos plásticos, ou plastipelles se prefires, dá moito zume político mediático e haino que exprimir ben que hai moito voto a gañar...ou perder. Pero cada día os areeiros están cheos de plasticalladas de todas as cores e tamaños. En fin o plástico noxo de cada día. O mesmo que gastamos a diario: aí quen pon a lei que o controle? Santiago? Madrid?.....Bruxelas? Quen lle pon o axóuxere ao logreiro negociante? Apertiñas Migueliño. Vémonos. Cuídate.

    ResponderEliminar