O próximo día 9 de Marzo o Día do Naturalismo Galego vai estar de aniversario; vai cumplir un aniño. Un recén nacido, como aquel que dí. Que cumpla moitos máis e que vostedes os conten. Nacer é fácil, máis difícil é cumplir cen anos. Pero pra chegar a cen hai que ir de un en un. Niso andamos.
Cónstame que son varias as actividades que unhas ou outras asociacións eco-naturalistas, e algunha ca outra institución, andan armando pra concelebrar con ledicia e vindicación data tan senlleira como noviña: terá por iso andares calmosos e prudentes. Non son eu quen pra adiantar o que sei que cada quen anda pensando: na súa hora xa o anunciará e presentará quen deba de facelo.
Si podo adiantar, e fágoio con moito gusto, que a Editorial Embora, pra celebrar a efeméride, anda preparando en formato de libro clásico a edición dun texto, de quen me fago autor responsable e cuxa portada vai enriba destas verbas que leva por título: "Martín Sarmiento o primeiro naturalista, introdutor do amorodo en España e breve historia da domesticación do careixón, Fragaria vesca chamado" Longo titular inspirado adrede no estilo discursivo do Padre Sarmiento. Sáibase.
O texto entralla tres argumentos que se van enrocando entre si ao longo das algo máis de cento trinta páxinas do libro. A sabermos: unha vindicación de Martín Sarmiento como autor naturalista e como o primeiro intelectual que máis e mellor defendeu a necesidade dos estudios de Historia Natural en España; unha demostración de cómo Sarmiento vai ser o introdutor do cultivo do amorodo moderno: aspecto este da súa biografía que ata o presente non se sinalara de modo algún; e ao tempo, e ao longo do texto vaise ofrecendo o que o título promete: unha biografía histórica de como se chega dende o careixón do monte ao amorodo comercial moderno.
A coidada edición que está a preparar Embora Edicións, pequena editorial ferrolana independente de multinacional algunha, opa, vaise acompañando dalgunha ca outra ilustración de época: manuscritos caligráficos de Sarmiento, retratos deste e de Joseph Quer, debuxos de Le Voyage au Mer du Sud de Frézier, outros de Gómez Ortega, de Ramón de la Sagra ou de Celso de la Riega... Santos que alén aledar o ollo satisfan ao espíritu degustador de cultura. É de agradecer e agradécese.
Malia que o texto está escrito no infausto ano de 2020 (e por iso puido servir de fundamento en 2023 á argumentación da comenencia de adicar como Día do Naturalismo Galego o natalicio de Sarmiento) recolle as máis novedosas aportacións á historiografía -edición completa da Obra de 660 pregos ou a edición de Henrique Monteagudo Conjetura sobre las orcas y otros cetáceos - e ao tempo, como non podía ser doutra maneira, presenta xa a recepción por parte da cultura e da sociedade galega do Día do Naturalismo Galego; asunción que puido oficializarse con todas as honras na sede do Consello da Cultura Galega o día 1 de marzo do ano pasado.Vosoutras e vosoutros, miña ben querida e pouca xente, axentes primordiais, sabedes mellor ca ninguén como é que foi posible.
Así é que no meu pequeno mundo andamos moi atarefados. Non so cos labores de edición e revisión do texto, senón coas componendas e amaños que inevitablemente cada ano hai que encarar no tarreo ao pasar o inverno: acomodar as herbas, ouciñar, queimar as vellumes, cambiar macetas, listar alcoubes, defender algunha planta que non quero que me desapareza, un supoñer as euforbias dulcis, os tártagos, os careixós... e repoñer os obxectos esbandallados polo tempo e os temporais.
Os días xa se veñen arriba e as primeiras flores alumbran primorosas anunciando primaveras: violetas, allicas, prímulas, acedas... e ao seu redor xa se ve a nacente bichería do ano: algún escarabello -unha Chrysolina americana chuchaba este día no romeu- os brucos atacaban o último capullo da roseira da tempada pasada, mosquitos e mosquitas pequenicos e pequenicas van e veñen, un paporroibo anda todo o día vixiando o meu labor que lle levanta miñocas gorentosas. Ao fin, a vida que volve sen terse ido nunca, non sendo pra mandarse durmir na invernía.
E eu voulles facendo algunha ca outra foto que de momento fican gardadas nos soños da memoria dixital. A xentiña que me acompaña neste discorrer de hoxe, que só quixeran advertirvos da prósima arribada do Día do Naturalismo, 9 de marzo, está fotografada en anos pasados ao tempo que estudaban comigo a obra de Martín Sarmiento. As dúas orquídeas son do morouzo de Cedeira, coma a barbantesa é do monte de San Antonio de Corveiro. Non van sair só os privilexiados do meu pequeno mundo!!.
E hoxe vaise quedando acó este discorrer anunciador e lembrador. Anunciador dun libro na honra do padriño Martín Sarmiento que se os trasnos da imprenta non se poñen á contra estará á luz do día e a ollo de lectoras ao fin deste mes de febreiro. E lembrador de que pra primeiros do mes que vén o naturalismo galego vai poder festexar o primeiro aniversario da xornada anual que exalta a súa existencia e vindica o seu labor xeneroso. Sexa por moitos anos.
Tenras apertiñas, miña pouca e benquerida xente. Seguir a ser bós que guapas xa sodes. A mandare.
PAZ E PALABRAS
👌 un abrazo Don Rafael
ResponderEliminarEsa aperta vai de volta doctor, quédolle ben agradecido!!
EliminarSarmiento, Calel e careixóns… conto os días.
EliminarA min tamén de tarda ver ese texto en formato libro. Apertiñas.
EliminarParabens Calel. Estaremos atentos o libriño
EliminarOpa Loli...pois eu tamén a verdade...xa me tarda telo nas maos
EliminarXa desde a portada, ben bonita, ten moi, moi boa pinta ese libro. Impaciente quedo. Unha aperta.
ResponderEliminarOpa Álvaro! Pois impaciente estou eu tamén de poder telo por fin nas maos. Levo moito tempo con el na cabeza! Vémonos no Condado. Unha aperta.
ResponderEliminar