XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 3 de marzo de 2024

Ortigueiriña bonita, co Día do Naturalismo Galego

Non habería ser doutra maneira. Ortigueira, a cidadanía e o Concello, non deixarían pasar a oportunidade de honrar tanto aos naturalistas do país, quere decirse aos de dentro de portas e arredores, canto ao seu insigne padriño Frei Martín Sarmiento, ao que no aniversario do seu natalicio, Galicia, os seus naturalistas e as Institucións Culturais, asumiron nomear cada 9 de Marzo, coma día do Naturalismo Galego.

A asociación  Terras de Ortegal, referente dinámico  da difusión cultural na nosa bisbarra, e a empresa Roteiros, dende hai anos divulgando o coñecemento natural da nosa terra, orgaizan para o vindeiro Día do Naturalismo Galego, sábado día 9, un entretenido roteiro polo intermareal de Ladrido, con saída as 9:15 da mañá en horario obligado por quen manda: a hora da marea seca. Compre decilo porque nos tempos que corren non é cousa menor: a actividade faise de balde pra quen queira acompañar.

A lección explicativa correrá a cargo de Loli Rubido, cuxa xenerosidade e paralela ao seu don de palabra, co que garántase coñecemento, amenidade e ausencia de aburridas pausas. (O que non poden garantir os orgaizadores e sol e calor, iso xa é cousa do numen do clima, que por acó poucas veces está polo labor, pero todos nos conformamos con que non chova moito). Unha actividade de sábado para non a perder. Abofé.

Tamén ese mismo día, pero pola tarde para non coincidir, a asociación cultural Sociedad de Instrucción e Recreo La Devesana, herdeira espiritual e nominal do vello talante cultural, republicano e dinamizador dos veciños de Devesos,  dan en poñer en pé,  un programa activo e interxeneracional que comeza as 15:30 cuns "Obradoiros de xogos tradicionais" o que non deixa de ser un acerto naturalista, pois como nos mostrou Antón Cortizas na súa fabulosa e nunca ben recoñecida como merece "TASTARABÁS Enciclopedia dos Brinquedos Tradicionais" estes, fundamentalmente teñen procedencia en materiais aproveitados de obxectos naturais: cascas, follas, polas...etc.

En rematando estes obradoiros, as 17:30 novos e non tan novos, han poder disfrutar do parladoiro e das magníficas fotografías que lles ofrecerá Antonio Pernas, técnico superior en xestión de recursos naturais e paisaxísticos, o noso amigo Toñito do Barqueiro, admirado artista, excelente fotógrafo naturalista e percusionista exactísimo e elegante do grupo de Os Carecos, baúl de tradición, artesa de futuros. Coñezo ben a Toñito: sei que pode garantir sabiduría naturalista, amenidade e unhas fotografías de natureza ao alcance de moi, moi poucos: un espectáculo visual garantido. Abofé. (Non facer caso da foto: é miña, as de Toñito son moito mellores. Seguro.)

O Concello pola súa parte pra honrar ao Día do Naturalismo Galego colabora coa cesión do Teatro da Beneficencia para podermos presentar o sábado día 16 as 12: 30 da mañá, o libro do que é autor este servidor "Martín Sarmiento, o  primeiro naturalista, introdutor do amorodo en España e breve biografía do careixón Fragaria vesca chamado" longo título colocado adrede no estilo discursivo de Martín Sarmiento. Álvaro Polo, ben querido amigo e admirado fotógrafo, ornitólogo e artista total, vaime acompañar. Quedo moi grato e en débeda. As doce e media da mañá, para presentacr un libro é unha hora moi ao que tal pois ao remate, como se dunha misa laica se tratara, os chiquitos, cañas ou augas do aperitivo aproveiten mellor. Abofé.

Apertiñas a feixes, miña ben querida e pouca xente.

Seguir a ser bós que guapas xa sodes.

A mandare.


    PAZ   E    PALABRAS




 










Ningún comentario:

Publicar un comentario