XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 4 de decembro de 2015

A azulenta das cimeiras


Días de sol e gloria pola outa Herbeira. Extraños días de decembro con agradables temperaturas e tempo de nordés. 

A xenerosidade dos amigos fornecérame co coñecemento de que unha bandada de chorlitos dourados andaba a refolgar entre o extraño territorio do petoural de peridotitas, esa paisaxe de ningún mundo.  Alá fun, a ver se lles botaba un ollo. Botar boteillo, pero, sen que eu soubera o por que, deron en mandarse mudar de aires, colleron vento e liscaron todos eles en coordinada bandada voadora. Antes e cos axustes da cámara fóra de lugar, empanada de gaseosa, dei en facer algunha toma moi lonxana que non cubreu expectativas. Nen de lonxe. Velaí elas.


Polo bordo mesmo do descantil dúas familiares siluetas humanas, que recoñecín ao instante, camiñaban cos acenos certos de quen anda á rebusca do que non se quere deixar ver. Chegueime a eles. Con máis señas ca palabras, advirtíronme: Andan por acó as azulentas alpinas. Vente vindo.


As azulentas dos outos cimbros!!. O corpo deume unha volta. As azulentas alpinas, Prunella collaris, eran unha débeda pendente que tiña eu comigo e alí mesmo soupen que tería a oportunidade, por fin, de sere saldada. Hai un pequeno grupo familiar que anda petiscando sen folgar. Ven botarlles un ollo, intuía que me decían, mentres apuntaban co brazo extendido na direción que sinalaba o dedo, índice naturalmente.


Bendiciós da inmensa Herbeira. Por alí andaba un grupo de sete azulentas, atarefadas sen descanso no incesante labor de búsqueda de mantenza. Imparables, incansables. Movéndose sen cesar na percura de calquera petisco que lle ofrecera o ouzal capelado. Non paraban quedas nen un só intre.


Repasaban cada esfuracada, e hainas por centomiles, levantaban a tona buscando bichería agachada, agulleaban as bostas resecas, subían ás pedras, baixaban, desaparecían entre os turrós de herba, reaparecían máis adiante, daban un voo pequeneiro, pousaban e seguían a andar, traballando sen folgos: xa non sei eu se empuxados por unha adicción fiel ao boreo ou por unha fame de degoados que os mantiña en constante ferveduría laboral. Confeso que acabaron estresándome a ollada.



As azulentas papudas son confianzudas. Non teñen reparo en achegarse a poucos metros. Non lles pidas repouso, pero aproximar aproximan. Déixanse ver a gusto. Aínda que aparecendo e desaparecendo entre os croios e as herbas. Para min era a primeira oportunidade de botarlles un ollo atento, demorado... tranquilo. E abofé que mirei moito mellor ca fotografei.



Das azulentas papudas, ou alpinas, haberá que dicir que corren co nome de azulentas, pola linda cor azulina dos seus ovos e non, claro está, polas tonalidades do seu froixel. O apelido de papudas co que moitos adoitan chamalas, vai directamente entresacado do gracioso babeiro esbrancuxado, cun salferido de puntualidades negras, que adorna a súa gorxa.



O máis corrente apelido de alpina, explícase pola súa condición de páxaro residente nas máis outas cimeiras europeas: cría e vive entre os 1800  e os 3400 metros de altitude. Aí é nada. Na Península Ibérica súas meirandes poboaciós danse nos Pirineos e Picos de Europa, pero calquera requintado sistema montañoso (Sistema Central, Serra Nevada, Macizo Ibérico...) conta con poboaciós estables de cría. 


As únicas colonias galegas aniñan  no Macizo de Pena Trevinca, pero no inverno pequenas poboaciós, grupos ao mellor familiares ou case, aparecen por algús cumios do país. Na Serra do Galiñeiro e na Serra Capelada son invernantes regulares. Non fallan. No Cabo Ortegal son fáciles de ver, se un anda con tento, xa que  por veces andan a poucos metros de nosoutros, desocupados e desinformados visitantes, que chegándonos pra vermos natureza enxebre non somos quen nen tendoia diante dos ollos. O que non sabe é coma o que non ve. Ben cho sei.



Hai que decir en  descargo que pesia a fermosura e colorido que amosan estes paxariños, (se son ollados de perto  ou cos alongavistas ou contemplados en foto) no campo, coma case todo o mundo, son tremendamente discretos, nada rechamantes e facilmente se funden coas cores das pedras. Pra máis o seu carácter laborioso, inquedo, de camiñador a ras de terra non fai que sexan doados de percibir se un non presta atención. E aínda así. Ben que o sei!


Xente fundamentalmente das outas cimeiras de  terra adentro, fanse raras e extraordinarias de ver á beira do mar. Velaí outro aceno de orixinalidade da nosa serra. Son moi de apreciar as imaxes, (que os que saben conquiren) das azulentas das cimeiras petiscando entre as pedras e tendo ao fero Mar de Ortegal por decorado, escumando bruador ao escacharse contra as pedras escuras da costá. Eu non fun quen: entre serpentiniñas e uces e xa me conformo.



Mantéñense fundamentalmente de pequena bichería que son quen de atopar en pleno inverno entre as herbas e as regañas, pero non desprezan algunhas sementes de gramíneas que completan e amplían a súa dieta. Mesmamente tense documentado e observado o aproveitamento dos restos alimenticios de montañeiros.


As azulentas das cimeiras, en estando a traballar, dan voos moi curtos, de poucos metros, permitíndolle así  ao aprendiz de naturalista seguilos facilmente polo monte, sen fatiga maior das súas cada día máis escaralladas xogas, e desfrutar demodo dos seus indovindos cotiás invernantes na rebusca incesante da necesaria mantenza.



Raramente se pousaron en alcándaras outas e cando o fixeron, sempre por pouco tempo, ollaron pra min con máis curiosidade que temor. Daquela aproveitei pra tentar facerlles unhos retratos nos que me saíran ben guapiñas. Non me queixo, pero poido ser mellor. Bastante mellor.


De que eu saiba ninguén poido facer pola Capelada unha foto-documento dunha azulenta alpina anelada. Mágoa. Se algún día aparece algunha poderemos ter unha interesante noticia da área de orixe das Prunella vulgaris que visitan, un inverno si, o outro tamén, as cimieras dos cantís capelados. A ver se algún día.


Han quedar por acolá todo o inverno. Ao mellor alá para abril ou maio dan en marchar as súas zonas de aniñamento, que adoita ser no máis serodio da tempada, cando a neve foi derretendo. Ata daquela haberedes de ter algunha oportunidade de observalas. Comprirá que andedes atentos. 



Se tal facedes, unha das  xoias invernantes ao noroeste do Noroeste haberá de relocirvos no adentro do ollo e  unha raiola de beleza viva hase imprimir nos arquivos da memoria neuronal, pra facervos soñar, nas noites de quentura, coa frescura das cimeiras nevaradas, onde as azulentas capeladas andarán gozando o ardor do amor namorado, ese que rebenta cos saloucos dos gustiños nas noites do vrao calladas de estrelas.

Natureza pura.



Vai  rematando hoxe o conto.

Non sei se entre os lectores habituais, fóra paxareiros fóra naturalistas, habería alguén que soubera desta lindísima paxariña que todos os anos vén pasar o inverno a Capelada. Se así fose, gracias por permitirme aventar o neboeiro dese iñoro. Se non houbese caso, gracias por acompañarme ata acó e mil escusas pola mellorable calidade dos santos, que o feito de perder ese día as gafas no monte non xustifica. Hoxe non fun máis lonxe. 

Apertiñas, totus meus.

Mil gracias mil.

A mandare





Achegos:

1) A ficha de SEO Bird Life. Acó.
2)  PDF de dúas páxinas do MAGRAMA. Entrar.



PAZ E PALABRAS

Ningún comentario:

Publicar un comentario