Gosto de subir ao Pico Sacro. Alá as amplas paisaxes, que trazan unha diagonal da patria galega de Ancares ao Mar de Arousa, séntense diminuidas e entran todas na aperta dunha ollada. Pousados nos graíños de grao groso, de brancos cristais de seixo á vista, séntese pasar, a canda o aire que marmuría lendas, a Historia de Galizia, cando non brisa, vento firme, senon vendabal. Sempre, o misterio non desvelado do Pico Sacro, déixame un recendo de saber intuído. Por iso gosto de subir alá. Para aprender do aire que pasa.
Esta mañá de domingo preguiceiro, fomos indo amodo, unha outravolta, á cimeira dos cumes de Lestedo. Unha limpa mañá do último vrao do ano. Quentiña. Briseira. Alumbrando os campos as merendiñas, Merendera pyrenaica, e adubiándoas a elas a eclosión setembrina das volvoretas: licénidos e lasionmatas, por ducias, algunhas brassicas, tres fermosísimas e aqueloutradas macaóns e de repente...quen é esa extraña fermosura que se acaba de pousar nas pedras?
¡Mi madriña! ¡Unha erbedeira! ¡Unha Charaxes jasius! Unha desas alfaias naturais que todo afeccionado ao naturalismo quixera atoparse algunha vez na súa vida. Unha desas ilusiós que nos move a saír a diario ao monte coa espranza de que, aparte as marabillas cotiáns, se desvele esa figuración extraordinaria, antes nunca vista, que nos reconcilie, poñéndoio en valor, co monótono discurrir dos días. ¡Unha erbedeira! ¡Mi madriña! ¡No Pico Sacro!
A erbedeira é un ninfálido de terras cálidas que habita os paises mediterráns alí por onde se desenvolva a súa planta nutricia: o érbedo, Arbutus unedo. Xa que logo a súa aparición virá regulada tanto por unhas temperaturas cálidas, canto pola existencia da principal fonte de alimentación das súas eirugas: as follas tenras e vizosas do érbedo. Na Galizia que eu soubera, só se tiña citado no sur das provincias de Ourense e Pontevedra. Como corresponde.
Daí a miña sorpresa de ver as erbedeiras pola cabeza do Pico Sacro. E digo as erbedeiras, pois con seguridade ollamos dúas, ambas con diferentes niveis de deterioro alar, e posiblemente unha terceira revoou pola parte de baixo do monte, xa perto do aparcadoiro. De que eu saiba a abundancia de esvedros (...si e tamén madroñeira, borrachín, fartabellacos, cómaro, borta, albedro, alolicos, erbado, sérvado, lolica, carajeta, irbideira, erbedeira, amoreleiro, borrachiños, caraxiqueiro e aínda morogueira), máis prósimos dase polo bosque de ribeira da fervenza do Toxa. Ao mellor aí hai agora un outro niño de Charaxes jasius. Convirá determiñalo pra poñer un pouco máis en valor eses montes. Quede acó a idea pra quen poda poñela a andar; e a cita pra quen lle intrese.
Ao noroeste do Noroeste nunca a mirei, e non foron poucas as horas que pasei pola Fraga dos Casás, abondosa en érbedos, perante os días do vrao de tantos anos, mirando para o alto das vizosas e amplas árbores, tentando descubrir contra do ceo as fermosas e rechamantes cores desta lindura. Pro ou non se da, ou nunca souben mirala. Nen eu nen meu amigo Xosé Manuel Pita, que tanto ilusionamos ambos os dous por vela revoar nas nosas leiras que hobemos de prantar esvedros a eito por onde cadrou. Agora medrounos a espranza.
Así é que poder mirar durante horas dando voos moi curtos, (andaba moi mansiña e cansa seguro que por vella), cando non pousada ao noso pe, a esta singular e extraordinaria volainiña, e moito máis ao norde de onde pensaba algún día poder mirala, foi un presente das horas que servidor só pode intuir coma un outro dos misterios revelados na cimeira do Pico Sacro. Onde senon?
E irei deixando xear polo de agora, que este artigo, escribido coa présa dun revoar escorrentado, non tiña outro aquel que poder compartir canto antes con todos vós, miñas e meus, a aparición extraordinaria de dúas erbedeiras, senon tres, polos cumes de graíño do Pico Sacro de Lestedo, terra de lestas: esa herba recendente que se estraba nas igrexas para lor de deuses e virxes.
E acó vén a despedida, que chegan as horas da retirada e ben sabedes que, en sendo de Cedeira, na praza hai papel de estraza e vai sendo hora de que cada quen se retire pra súa casa; que sexa con saúde, paz e felicidade e o que eu vos desexo .
Mil gracias mil, por tanto.
A mandare,
VideosMínimosDoNoroeste TV
Erbedeira, Charaxes jasius, no Pico Sacro.
Algúns achegos para andar mellor informados:
1) A páxina de ANABAM, naturalistas e ecoloxistas do Baixo Miño e o seu fermoso proxecto dun bosque pra unha volvoreta, premer acó.
2) Unha cita de valor naturalista: a chirimoia como pranta nutricia da erbedeira, acolá.
3) Unha cita e dúas boas fotos, de agosto deste ano na arraiana Oímbra, por Amadeo Pombo Eirin, premer
Que preciosidade, e aquí á beira da miña casa.
ResponderEliminarParabéns pola entrada e polo luxo de vela... verei se teño eu sorte e tamén poido vela.
Sefa
Anímate a subir ao Pico, se non a ves a ela, sempre verás a Galizia polo eixe...outra preciosidade, ti.
ResponderEliminarSaúdos.
Rafael
Menudo modo de inmortalizar á Charades! Vaia fotazas!!
ResponderEliminarSobrevoei o pico sacro varias veces dende o helicóptero, asi como o monte pindo, o certo é que é unha chulada..
Un saúdo!
Olá Rafa aquí Miguel:
ResponderEliminarA miña envexosa noraboa por ter visto esta alfaia do reino das volvoretas. Eu dende logo non é que nunca a vira, é que cando folleo as guías de volvoretas que teño na casa paso por ela coa idea de que se trata dun animal que nunca verei na miña vida (así de pesimista son eu).
Noraboa tamén polas fotos, moi logradas.
Supoño que gozaríades tamén coas vistas, que dende alí son magníficas.
Apertas.
Boas meus amigos...moi agradecido polas vosas verbas, pro o certo é que as fotos poideron ser mellores...algúns primeiros planos do lateral, ersa fermosura, quedaronme fora de foco...o extraordinario penso eu que de distribución de lepis sei pouco e que aparezan tan ao norde: ou ben anuncian un outono seco e quente, ou ben veñen das colonias do sur, ou xa criaron nos esvedrais dos arredores. Esta última posibilidade é a que máis me gustaría, pois acercaias ao noroeste do Noroeste.Claro que tal, só poderia siñificar unha outra proba da evolución climática.
ResponderEliminarIdeas ao vento.
Saúdos, meus, moito obrigado.
Rafa
Parabéns Rafael, dende logo das bolboretas máis fermosas de Galicia, lástima que non se acerque por acó.
ResponderEliminarCerto que está ben o Norte, poden ser que sexan exemplares divagantes peeero, non sei, como dis tamén pode ser unha colonia establecida na zona. De todas maneiras un fermosísimo achádego parabéns, un saúdo Rafael.
(Toñito)
Olá Toñito...pois a hipótese máis pausible e certamente a de que sexan individuos divagantes que fosen axudados no seu deambular polos ventos asurados que andaron a empurrar dende días atrás. Pro deixa a ver. Dende logo a cita en latitude tan nortada non debe de ser moi común. Paréceme que debe de ser a primeira para a`provincia da Coruña, pro non sei eu. Deixa a ver se hai expertos que se animen a dar unha opinión fundada.
ResponderEliminarSaúdos.