Agachada das perigosas olladas humanas, sobrevivindo entre as regañas das pedras do chao e dos muros, resiste milagrosamente en San Andrés de Teixido unha, cada día máis escasa, colonia de Erodium maritimun, unha agulliña, unha xeraniácea, unha humildísima herba pequerrechiña que quixo Deus criala ao pé da hermida do santo.
A agulliña mareira, este Erodium maritimun pois, é unha planta escasísima e cunha historia triste de maltrato e desidia ao seu redor. Ata hai poucos anos coñecíanse en España, só tres colonias: unha en Sá Dragonera, nas Illas Baleares, outra ao redor do Faro das Illas Cíes, e estoutra de San Andrés de Teixido, da que hoxe falamos.
Sabíase da existencia histórica dalgunhas outras pola banda da Guarda, nas beiras do Miño, ena plaia de Cesantes, en Redondela, pero constatárase a súa desaparición e extinción. Perda valiosa e irreparable, coma toda vida perdida. Máis a valorar, se coubera, polo feito de sere a agulliña mareira escasa asimesmo a nivel europeo, aparecendo as colonias veciñas máis prósimas, e sempre de poucos individuos, na Bretaña francesa e na Irlanda. Especie rarificante, de poboaciós ailladas entre sí e de non moitos exemplares, exténdese por contadas localidades mediterráneas e outras poucas atlánticas.
No ano 2005 a colonia existente nas Illas Cíes, todo un Parque Nacional, co seu sistema de xestión, tan caro coma ao parecer pouco eficaz, veuse afectada gravisimamente polas obras de acondicionamento do enlousado dos arredores do faro á conta da Autoridade Portuaria de Vigo de quen depende, e alí quedou sepultada para sempre e considerouse definitivamente perdida. Quedaba só a resistente poboación de agulliñas do mar de San Andrés de Teixido: unha reliquia. A verdadeira reliquia de San Andrés.
Non extrañará a ninguén, con estes antecedentes explicados, que a agulliña mareira teña todas as consideracións protectoras legais en regla ao ser considerada Especie en Perigo Crítico de Extinción. Tanto na lexislación europea, coma na española ou na galega. En todas.
Afortunadamente para a especie, no ano 2007, ao se gañar para o dominio público á propiedade da Illa de Sálvora e facer nela a catalogación de especies presentes, apareceu unha numerosísima colonia de miles de exemplares, se os meus datos son concordantes co real. Toda unha grata sorpresa. E igoalmente, en rebuscas posteriores á desaparición da colonia das Cíes, Jaime B. Blanco-Dios, dá a coñecer a presenza de 16 exemplares nos cantís do propio faro. Algo é algo.
Tan agradables novas non deberían facernos pensar que as agulliñas de Teixido son agora menos dinas de protección e seguranza. Ao contrario. Nos últimos anos a agulliña mareira tivo un descenso notable no número de exemplares. Habitando no limbo do descoñecemento e da iñorancia pública, (sen merecer xamais un comentario nas abondosas publicaciós "máxicas", turísticas ou históricas sobre Teixido que na bisbarra se teñen publicado), anda arestora esmorrendo aos poucos, perdendo ano a ano algúns exemplares.Igoalmente neste pasado ano de 2010 realizáronse obras de acondicionamento arredor da hermida co fin de evitar as humidades que entraban pola parte de atrás da capela e poñían en perigo a conservación, (de por si e polas intervenciós eclesiásticas xa moi deteriorada), das pinturas do século XVI que se atopan ocultas ao público detrás do retábulo.
As fotos das agulliñas que ilustran estes comentarios van tiradas en anos diversos e todas en San Andrés de Teixido. Acredito que cada ano vexo como van desaparecendo exemplares. Sei que ao mellor esta entrada non vai tan entretenidamente ilustrada coma outras, e ao mellor tanta repetición de agulliñas aburre. Pero leva un obxectivo: dalas a coñecer para ver se axudan a nacer na conciencia da cidadanía, na do cura tamén, a posibilidade da súa protección mor do seu coñecemento. Dio-lo queira.
A mandare.
Nota marxinal: Quixera poder achegarvos algúns enlaces e referencias bibliográficas que teño arquivadas, pro hai tempo que blogger non me deixa pegar aquilo que windows me deixa copiar, e así é que lamentablemente vai esta entrada coma outras moitas xa, orfa de referencias. Ben que o sinto. Madialeva, quen estivese interesado en ampliar coñecementos só ten que escribir en Google o nome de Erodium maritimun. Un mundo de achegos aparecerán de inmediato.
O que non aparecerá será un coñecedor, ameno e aleccionador artigo asinado polos eminentes botánicos Roi Carbajal, Miguel Serrano e Santiago Ortiz na revista Quercus relatando polo miudo o triste caso da desaparición da agulliña mareira nas Illas Cíes. Toda unha lección de botánica en dúas páxinas que eu recibín no meu correo gracias á amabilidade dos autores. Mil gracias mil, Miguel.
Despós de data: Veño de observar, ao revisar a edición, que hai dúas imaxes, a terceira e cuarta foto, que aínda que os meus arquivos dan diferenciadas son exactamente a mesma ou tanto se amitan que son igoais, para máis a terceira vai sen virar. Pura pranghana. Desculpas prego.
Despós de data: Veño de observar, ao revisar a edición, que hai dúas imaxes, a terceira e cuarta foto, que aínda que os meus arquivos dan diferenciadas son exactamente a mesma ou tanto se amitan que son igoais, para máis a terceira vai sen virar. Pura pranghana. Desculpas prego.