domingo, 14 de febreiro de 2010

Ensalada fría

Ano de neves, de friaxes, de xeadas e de agaceiros. Andaban estas imaxes -do mes de xaneiro, que xa vai aló- escondidas entre os archivos e pensei que xa non as poñería no bló. Pero tornaron os fríos felepeiros de febreiro e maxinei que poderían ter unha entrada para lembrarnos de que tamén ao nororeste do Noroeste chegan as neves.
Estas son imaxes da Serra Faladoira, nos altos de Grañas do Sor e nas proximidades do Monte Caxado, (outo arruallo da bisbarra, máxima elevación da Provincia da Coruña). Están tomadas días despois da grande felepada, cando xa podía andar polas pistas sen maior risco de quedar chantado na neve.

Víanse aínda numerosos grupos de humanos facendo risas á conta de caerse sen trécola pola neve adiante, esbarando con paipos ou simples sacos de plástico, creando unha nova diversión anual nos altos do Monte Caxado: xogar coa neve, ir á neve a se divertir. O nunca visto.


Na hora, cando chegan os días da neve, os altos da Faladoira e da Capelada, son un ferveferve de humanos, en grupos xeralmente familiares ou de amigos, que aproveitan as novas vías de comunicación (esa carretera nova e boa que vai de Ortigueira ate As Pontes) e os modernos vehículos todotarreo, para achegarse sen medo maior os cumes felepados e brancos da Serra.

E alí xogan e rinse, aproveitan a oportunidade para darlles a coñecer a neve aos fillos e á parentela miúda, e poucos son os que non fan un bonequiño ou unha grande bóla. É a moderna diversión invernal ao noroeste do Noroeste: cada día son máis os que devecen por ver chegar a neve.


Conxeadas debían de andar, aínda que o disimulaban moi ben, estas gavitas polas plaias da Concha en Cariño, indo e vindo pola liña da marea, traballando sen folgar na percura da bichería nosa de cada día.


No Cubilote do areal do esteiro do Río das Mestas, gardábase do frío unha boa bandada de parrulos, alavancos maiormente e algunha chíscala maior, abeirados do norde, ofrecendo o peito ás mornas raiolas do sol invernal.



Nas areas dos Sistemas dunares, a diminuta e fermosísima Centaurium ochlodes, é unha das raras plantas que deixan ver a súa floración en pleno inverno. Especie escasa e de distribución mundial moi restrinxida ten nos nosos areeiros un dos mellores acobillos. Unha chufa.



A bandada de choias (córvidos non moi coñecidos polo público, coas patas e o peteiro dun fermosísimo cor de brasa encendida), que de cotío anda pola Punta do Faro de Meirás e que pace polos marouzós da Frouseira dá sempre ocasiós de ledicia, en sentindo a súa presencia, mais que sexa choiando polos aires ou ao poder botarlles un ollo, máis que sexa ao pasar.



A Señora Manuela (ao mellor o Señor Manuel, que non sei eu) anda coma todos os invernos repousando mansamente no seu curruncho favorito, nas herbeiras do Río Condomiñas, acompañada polo reimartín e o paso silandeiro da londra; tesouros que o río de Cedeira garda a plena luz dos ollos de quen polo día queira ir miralos. Un tesouro natural cedeirés, ao que os cedeireses miran con indiferencia ou iñorancia. Mágoa.




Este Melasoma populii, diría eu, un crisomélido espectacular de cor, deixouse ver en plenas friaxes xaneiras polas beiras do carrizal do Rodo na parroquia de Pantín. Non era a primeira vez que en pleno inverno miraba a esta especie. Un dos escasísismos coleópteros que se deixan ver no corazón das xeadas.

Smilax áspera, (bigorda ou silvamar en galego, zarzaparrilla en castelá) é unha especie de distribución escasa en Galizia, exclusiva dos areeiros do norde. No areal do Rodo anda a estenderse a unha grande velocidade, sendo arbusto presenta pólas gabeadoras e dun rápido crecemento que andan asoballando e afogando a toda a vexetación circundante: as marmeas, as valiosas camariñas do Rodo, límite mundial norde de distribución, andan a ser afogadas por ela.
Os Tolostoma brumale, penso, asoman a súa diminuta cabeciña furada por entre o suave e molido cobertor de brión dos sistemas dunares. Aparecen en todos eles. Para se decatar da súa presencia só hai que mirar onde se poñen os pés.
E no Esteiro do Puntal pasou unha boa tempada o ciño canoro, sempre unha rareza a nivel ibérico, do que xa falamos neste bló e que pasaba o tempo no Lago de Lanzós. Coincidindo coas insoportables obras anuais de desecado, que algún día conseguirán enxoitalo de ves, colleu rumo norde e veuse para a Ría de Cedeira.

No esteiro do Río das Mestas pasou máis dun mes regalándose coas moles herbas e raiceiras do fondo e repousando tranquilo nas areas folosas das beiras do río. Un placer para os ollos que se poido degustar mais que fose de lonxe, denantes marcharse, saberá quen para onde.

E desta volta nada máis. Escusándome por esta refriada ensalada de fotos que xa un mes de distancia fan resesas e agardando que non por iso se vos conxele a ollada ímos deixando xear que volve a nós o reino das horas frías e vai sendo hora de irse ao abrigo tépedo dos acobillos quentes.
Bó Antroido para todos e que as fríaxes febreiras desta ensalada en frío non vos fagan perder as mañas de visitar este o voso bló
Apertiñas, miñas e meus.
Agradecido.

3 comentarios:

  1. Hola Rafael:
    Ensalada fría pero moi variada, que non se diga.
    Como sempre, tomo nota para recoller parte da túa sabiduría nos asuntos de flores e bichiños miúdos.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Boas horas Juan Manuel...moitas mercedes polas túas palabras, pero de sabencia nada. O único que sei e que nada sei. Asimesmo é.
    Alédame que te entretivera. O tema da silvamar (Smilax aspera)afogando a importantísima colonia de marmeas (Corema album)do areal do Rodo é un tema que merece unha entrada. Mirarei de facela.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  3. Fríos os días... agora de auga e vento, melloran ao ver que este blog segue vivo para pasear na casa e observar o florear da pequena centaurium e a cor intensa do melasoma populii (mágoa non poder aprender desta vez os nomes en galego como si a silvamar) sen ter que meterse na inmensa e escura nube que invade esta Compostela.

    ResponderEliminar