XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 20 de febreiro de 2010

Cripse: A arte da ocultación.


Coñécese polo nome de cripse (do grego kryptos, o oculto; daí criptografía, críptico e a palabra galega cris: eclipse, ocultación dun astro...un cris de sol) ao fenómeno, tan extendido no mundo natural, de presentar adaptaciós para conquerir pasar desapercibido na paisaxe. De feito a maoría dos animais, dun xeito ou doutro, presentan capacidades crípticas adaptadas ao medio que frecuentan.
Sería o contrario do aposematismo, que busca chamar a atención dos outros, avisando sobre as propias condiciós velenosas, perigosas ou noxentas. É o que fai esta scaeva, que para máis practica o mimetismo batesiano, ao se disfrazar de avéspora sendo unha inofensiva e fermosa mosca.
Cripse é a capacidade dun ser vivo de confundirse co entorno para pasar oculto. Mimetismo é o fenómeno de imitar ou copiar as formas doutro ser vivo. Cripse e mimetismo aparecen frecuentemente xuntos. Este é o caso da femia da limoeira, con forma de folla e cores verdellos que a fan invisible no fondo de herbas e follas onde se garda.

Caso aparte é o comportamneto das orquidáceas do xénero ophrys que máis alá de simular unha vaga forma de abella, "piratea" as feromonas, aromas sexuais, de certos himenópteros emitindo sustancias químicas similares para confundir aos machos que se pousan libidinosos no labro da orquídea e ao cabo do tempo marchan cargados de pole, para fecundar, non á femia que pensaban, senon a prósima ophrys engadante.
Permitídeme agora que vos presente algúns casos de xentiña da nosa terra, o noroeste do Noroeste, encriptados na paisaxe.
O primeiro esta Ledra aurita, o cigarrón orelludo, un interesantísimo heteróptero moi raro de ver, tanto por escaso canto pola facilidade coa que se confunde coas polas dos salgueiros ou os seus carrabouxos.


Nesta outra imaxe, unha ninfa de besbello, imposible para min saber de que especie, confúndese co fondo areento do sistema dunar de Vilarrube. Axúdase para máis co decorado adovío de numerosas areeiñas que leva pegadas ao lombo.

Poda ser ninfa de Oedaleus decorus, un fermosísimo besbello que adoita encriptarse a perfección ora na fase xuvenil, de cores máis pardos (ao que tal para non se deixar ver entre as herbas murchas), ora de adulto, rechamante de cor, mergullado entre as cores das abondosas calistegias das areas.


Os fásmidos e mantoideos son ben coñecidos de todos os naturalistas pola súa capacidade para non ser detectados. Quedan acó esta Clonopsis gallica, (a palla de toda á vida), e unha Mantis religiosa, (barbantesa, carballesa, parraguesa, cuacha, ruan, galbana ou aínda pataguesa: se non falamos galego non será por faltaren nomes) que nesta xeira non se ve ben camuflada, pero amosa o borrón branco sobre fondo negro na axila, que adoita enseñar aberto cando se ve en perigo para amedrentar, un en cada pata, con dous enormes ollos simulados. Un outro mimetismo.




Esta común escudiña, Palomena prasina, pasea confiada pola folla dunha hortensia, sabedora de que será difícil que o ollo dun páxaro, ou quen sexa, dea con ela.



Encríptase perfectamente co chan de caruma esta Autographa gramma, pasando ignota se a ollada non anda atenta.



O mesmo que este xeométrido, Scoptoterix luridata, que sabe perfectamente onde debe pousarse cando escapa dun posible inimigo, que neste caso eramos eu e a miña cámara.

Confiadas e seguras, inasequibles a observación, están tamén estas rás das pozas, Rana perezi, na flor da auga maina dun rego, asomando a súa cabeciña curiosa entre as diminutas follas das Lemma minor.

Ao sol, escaqueada entre as cores quentes do areeiro do Rodo, anda esta Motacilla flava, laverca por Cedeira, costureira en Mondoñedo, labradora en Candia, páxaro da neve en algures e lavandeiras no que queda.

E cantas perdises andan acobilladas nesta imaxe?


E xa para ir rematando quedades con cinco santos nos que en cada un deles hai encriptado un animal. O voso traballo, se queredes aceptalo, consistirá en descubrir quen é quen dentro de cada imaxe. De seguro será un bó entrenamento para o 3º Ollar de Seoane que, amenazo, anda a caer. Espero que o pasedes ben. (Se premedes na foto ampliarase en fiestra emerxente; unha axudiña.)






E aquí resta todo por hoxe.

Ogallá poiderades pasar un tempo entretenido no que poidesen quedar encriptados os diarios afogos do vivir.

A mandar, totus meus, agradecido.


Dous achegos para ampliar ideas. Sinxelos e suxerentes. Que aproveiten
http://www.nationalgeographic.com.es/2009/09/28/arte_del_engano.html?_part=2

http://es.wikipedia.org/wiki/Mimetismo

Despós de data: ao parecer as imaxes non se abren en ventá emerxente. Non entendo as razós. Van subidas a suficiente resolución. O caso é que unhas veces amplianse e outras non. Se alguén sabe como arranxar este problema prego que me achegue unha solución. Agradecido e mil desculpas.


Despós de data: Touporroutou. Xa que non dou arranxado a magnificación das imaxes ofrezo uns recortes ampliados de cada, para testimoniar a presenza, en orde cfrecente de dificultade de cada un dos persoeiros.

O primeiro, e o único doado de ver na ilustración, era este Oedipoda germanica, o besbelliño das alas azuis.



Esta Hiparchia alcione é unha mestra na confusión coas ouricelas das serpentinas.

Esta pildoriña, Calidris alpina, andaba furicando polos limos do esteiro do Río das Ferrerías.


Realmente complicado diferenciar a este peto verdeal, Picus viridis, das polas do salgueiro onde disimulaba o seu estar.


E certamente imposible, sen a axeitada ampliación da imaxe, desencriptar a este picapeixe, Alcedo atthis, de entre as polas dos tarais da ribeira do Río Condomiñas.


Eche o que hai. A máis ver.

7 comentarios:

  1. Rafael, yo no consigo ampliar las fotos.

    ResponderEliminar
  2. Boas...ao parecer non se abren...a min tampouco...non entendo a causa, van subidas a suficiente resolución como para que se abrisen a un tamaño adecuado...cousas da miña anafabetez dixital.., ben sintoo moito...tentarei de arranxalo...deixa a ver.
    Gracias por andar por aí, non perdas as mañas.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  3. Estes bichiños son uns mestres da camuflaxe, hai que estar moi afeito a velos para dalos atopado.
    A min tamén me pasa o das fotos coas miñas, que cando poño varias so se abre en grande a primeira. Será cousa do funcionamento do blog. Unha opción para solucionar isto, que non probei, pode ser colgar as fotos nun album de, por exemplo, picassa, e unha vez colgadas alí en gran tamaño poñelas no blog como un enlace a esas fotos en vez de subilas ao propio blog.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  4. Boas Rafa ,

    só din localizado ó picapeixe , e iso porque tamén o vin nese mesmo sitio varias veces.Debe ser un posadeiro habitual.Das outras catro nin rastro, gracias polo pasatempo e a solución.
    Diego.

    ResponderEliminar
  5. Mágoa... pois foi perda de agradable lecer. Mirei na "ensalada fría" e alí todas se amplían.
    As informacións e documentacións de cripse moi interesantes.

    ResponderEliminar
  6. Agora si, jejeje. A primeira xa a descubrira sen axuda. As demáis nada, aínda que coma Diego, tiña as miñas sospeitas na última por telo visto tamén algunha vez nese sitio.
    Gracias polo enredo.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  7. Estupenda entrada, Rafa, noraboa, felicitacións ou parabéns (xa que imos de sinónimos). Moi ilustrativa, cada día aprendo máis contigo. Por certo, pasácheste con dar os nomes de toda a bichería que andaba por aí agochada, non nos deixaches traballar aos teus fans, seguidores/as e admiradores/as.
    Unha aperta e grazas por perder o teu tempo e iluminarnos ao resto.
    Miguel.

    ResponderEliminar