






No Cubilote do areal do esteiro do Río das Mestas, gardábase do frío unha boa bandada de parrulos, alavancos maiormente e algunha chíscala maior, abeirados do norde, ofrecendo o peito ás mornas raiolas do sol invernal.

Nas areas dos Sistemas dunares, a diminuta e fermosísima Centaurium ochlodes, é unha das raras plantas que deixan ver a súa floración en pleno inverno. Especie escasa e de distribución mundial moi restrinxida ten nos nosos areeiros un dos mellores acobillos. Unha chufa.

A bandada de choias (córvidos non moi coñecidos polo público, coas patas e o peteiro dun fermosísimo cor de brasa encendida), que de cotío anda pola Punta do Faro de Meirás e que pace polos marouzós da Frouseira dá sempre ocasiós de ledicia, en sentindo a súa presencia, mais que sexa choiando polos aires ou ao poder botarlles un ollo, máis que sexa ao pasar.

A Señora Manuela (ao mellor o Señor Manuel, que non sei eu) anda coma todos os invernos repousando mansamente no seu curruncho favorito, nas herbeiras do Río Condomiñas, acompañada polo reimartín e o paso silandeiro da londra; tesouros que o río de Cedeira garda a plena luz dos ollos de quen polo día queira ir miralos. Un tesouro natural cedeirés, ao que os cedeireses miran con indiferencia ou iñorancia. Mágoa.

Este Melasoma populii, diría eu, un crisomélido espectacular de cor, deixouse ver en plenas friaxes xaneiras polas beiras do carrizal do Rodo na parroquia de Pantín. Non era a primeira vez que en pleno inverno miraba a esta especie. Un dos escasísismos coleópteros que se deixan ver no corazón das xeadas.
Smilax áspera, (bigorda ou silvamar en galego, zarzaparrilla en castelá) é unha especie de distribución escasa en Galizia, exclusiva dos areeiros do norde. No areal do Rodo anda a estenderse a unha grande velocidade, sendo arbusto presenta pólas gabeadoras e dun rápido crecemento que andan asoballando e afogando a toda a vexetación circundante: as marmeas, as valiosas camariñas do Rodo, límite mundial norde de distribución, andan a ser afogadas por ela.
Os Tolostoma brumale, penso, asoman a súa diminuta cabeciña furada por entre o suave e molido cobertor de brión dos sistemas dunares. Aparecen en todos eles. Para se decatar da súa presencia só hai que mirar onde se poñen os pés.
E no Esteiro do Puntal pasou unha boa tempada o ciño canoro, sempre unha rareza a nivel ibérico, do que xa falamos neste bló e que pasaba o tempo no Lago de Lanzós. Coincidindo coas insoportables obras anuais de desecado, que algún día conseguirán enxoitalo de ves, colleu rumo norde e veuse para a Ría de Cedeira.


Bó Antroido para todos e que as fríaxes febreiras desta ensalada en frío non vos fagan perder as mañas de visitar este o voso bló
Apertiñas, miñas e meus.
Agradecido.
Hola Rafael:
ResponderEliminarEnsalada fría pero moi variada, que non se diga.
Como sempre, tomo nota para recoller parte da túa sabiduría nos asuntos de flores e bichiños miúdos.
Un saúdo
Boas horas Juan Manuel...moitas mercedes polas túas palabras, pero de sabencia nada. O único que sei e que nada sei. Asimesmo é.
ResponderEliminarAlédame que te entretivera. O tema da silvamar (Smilax aspera)afogando a importantísima colonia de marmeas (Corema album)do areal do Rodo é un tema que merece unha entrada. Mirarei de facela.
Saúdos.
Fríos os días... agora de auga e vento, melloran ao ver que este blog segue vivo para pasear na casa e observar o florear da pequena centaurium e a cor intensa do melasoma populii (mágoa non poder aprender desta vez os nomes en galego como si a silvamar) sen ter que meterse na inmensa e escura nube que invade esta Compostela.
ResponderEliminar