xoves, 3 de xuño de 2010

As xuncas de algodón



Poderedes chamarme Eriophorum angustifolium, se as angurias dos días en vós non son dabondo. Pro se escolledes xunco laúdo ou xunca de algodón, heime de sentir na casa e agradecereivos a familiaridade do trato abaneando ao aire o albo perianto dos meus longos froitos.



Pertenzo a familia das ciperáceas, e vivo nas terras turbas, acedas e húmidas. Aparezo por toda Europa e na Península Ibérica só se me pode atopar nas terras do Norde. Na Galizia teño xente por toda a súa xeografía. Ao noroeste do Noroeste son fácil de ver no Forgoselo e na Serra da Capelada.

E doado de recoñecerme xa de lonxe, pois os fermosos fíos brancos que medran abondosos do perianto do meu froito fanme inconfundible nas pradas enchoupadas nas que tan a gusto me atopo.


Gosto de vivir a plena luz do sol dende o nivel do mar ate as campeiras da outa montaña, sempre que haiba auga de máis no meu pé e a terra sexa ben escasa en nitróxeno.

E así é que as campeiras turbosas da Herbeira son un mundo ao que tal para o meu vivir. Nestes días primeiros de xuño poderémonos ver, aló no alto, se tendes a ben faceme unha visita.


Logo de pasaredes o alto e baixando xa cara a Cariño, haberedes de preguntar cos ollos mirando para a dereita. Se vedes unhas fermosas cousas brancas abaneándose ao vento sabede que son eu, a xunca de algodón ou o xunco laúdo, que por entrambos nomes entendo ben.
Eriophorum angustifolium é nome que me cadra ben para facerme entender polo mundo adiante, pro acolá eu estimo máis que me chamedes polos nomes de sempre. Non sei, os nomes científicos ben están para os libros, as universidades e todo iso, pro acó na braña, mellor deixar as cousas como son.

E nada máis, agradezo moito a vosa compaña e ao Rafael que me dera esta oportunidade de convidarvos persoalmente a nos ver no monte.

As miñas parentes do Forgoselo e da Faladoira, comídenme para que vos diga que tamén elas estarán encantadas de parolar con vós.

Bicos e arrolos de brisa.

Saúde e sorte.



Estes achegos van:

http://www.asturnatura.com/especie/eriophorum-angustifolium.html

http://es.wikipedia.org/wiki/Eriophorum_angustifolium

http://www.anthos.es/v22/index.php?set_locale=es

4 comentarios:

  1. Hola, Xunca de algodón (Eriophorum angustifolium). Saúdos dunha Lagartixa da braña (Zootoca vivipara). Non vivo na Capelada, pero sí en serras próximas como O Xistral, ou O Buio, onde compartimos o espazo moitas veces ti e máis eu.

    Unha aperta.

    Xabi Prieto

    ResponderEliminar
  2. Benvida ao bló, lagarta da braña...un día destes hei mandar ao Rafel a dar unha volta polo Xistral, hai tempo que non se cae por aí, co mandado de botarche unha parolada e encomendarche que te vaias vindo ate esta Serra da Capelada, temos uns ouzais que che han gustar...
    Unha aperta Xabi, xa sabes onde andamos.

    ResponderEliminar