domingo, 27 de xuño de 2010

Salada de campo e plaia

Gosto das saladas. Á súa frescura e variedade de ingredientes, engádaselles a súa facilidade de realización e xa teñen listo un menú recurrente para sair do paso nos intres eses en que no se sabe que dar de comer. Para máis, adoitan agradar máis ca outros xantares, de máis costosa realización e máis pesada dixestión, de sabor por riba uniforme e ingredientes únicos.


Imos aduvar esta salada de hoxe coma sempre, con productos xenuinos do noroeste do Noroeste obtidos polos paseos amodos destes días que, a canda á vida, foron pasando.





Encetamos o aliño cunha fermosa bolboreta, unha Pontia diaplidice, retratada no areal de Vilarrube. Faltaba na miña colección de Piéridos, esa familia que inclúe as brancas das berzas, as auroriñas, as limoeiras e algunha outra, e deume moita ledicia facerlle unhas cuantas fotos, aínda que iso si sempre de perfil, non se me abreu nunca de alas. A felicidade, xa se sabe, non se debe esixir completa: non duraría nada.




Nos campos que arrodean as muradas do Castro de Cerdido floreaban chufonas, ergueitas cara ao ceo coma un chafarís de careixós floridos, estas Dactylorrhizas elata, unha das orquidáceas máis abondosas e fermosas da bisbarra. Os servizos de xardinería municipais respetáranas e pasaran coa máquina ao seu redor. Cultura e sensibilidade natural. Recoñezo a voz de Cerdido: vén de quercus, non de porco.





Florean arestora amodiño, coma con medo, os lindísimos pés da telladiños, Hockenya peploides, en case que todos os areeiros da bisbarra. Gostan de medrar valentemente na primeira liña da plaia, destemidas dos arrumbos das mareas e das máis perigosas chanclas e toallas turísticas, que un ano sí e outro tamén pisan nelas con inmisericorde iñorancia. En Pantín non me explico como sobreviven as tropas do Classic Surf, sempre acompasadas do paso ledo e despreocupado dos novos.






Esta pildoriña, que chaman píllara dos marouzós ( en realidade din das dunas), un macho de Charadrius alexandrinus andaba a canda outros e outras polas areas de Vilarrube. Tíñase documentado a crianza desta especie neste noso areal ártabro, pro seica deixara de criar: demasiados perrumanos ladrando a todo correr pola area adiante. Parece que van menos cans, algún, pesia os carteis admonitorios, aínda se ve: non saben ler, os acompañantes humanos tampouco.



Velaiquí a fermosa Gymnadenia conopsea, unha escasa orquídea que xa medra, xullo é o seu mes, polos ouzais capelados. O santo é das penedías do Limo, moi arrimado á beira do cantil. Rebuscara nela o ano pasado e non fora quen. Esta tempada en troques sáltame á vista por todos lados. O outro día baixando polo Campo das Vacas, rumbo á Punta do Cadro, vin catro ou cinco moi lindiñas. Sae tamén no Ouzal e nas abas cedeiresas da Herbeira: por ducias nos anos bos.


Moitedumes de Centaurea borjae adobíaban eses mesmos territorios. Non parece ser pesia a súa catalogación unha especie en perigo de extinción. Unha ledicia. Pero mellor que siga con esa consideración. Na imaxe un Bombus sp. ( ao mellor pascuorum) poliniza a unha delas. Non era o único, outros moitos andaban pacendo en outras tantas flores.



Non son moitos os capaces de recoñecer nesta enorme herba que en galego corre co apropiado nome de herba xiganta, ao Acanthus molli, o acanto da linguaxe culta e estudiada, que aprendimos na xuventude bachillera como decoración propia da orde corintia, nos estilos clásicos gregos da arquitectura. A da foto ao pe dunha casa das Pontigas, en Regoa, na beira da carretera.

Cantaruxaban no alto dos marouzós, confundidos coas cores do helichrysum, defendendo o territorio e tendo conta da rolada de noviños, que xa medraban independientes, as costureiras, que por acolá chamamos lavercas, e nos libros para mellor se entender Motacilla flava. Fíxenlles un feixe de fotos a ver se... esta, a mellor, non chega a medio regular.



Baixei a mirar de perto a plaia de pedras e bolas de Teixidelo. No camiño a sorpresa desta linda e moi pouco frecuente leguminosa, un Lathyrus clymenum, un outro entre as máis de mil especies do xénero que se atopan polo mundo.


Rebuscaba eu os Iris latifolia , entre nós herba de San Xoán, dos que xa dei conta nunha entrada anterior, cando discernín montado sobre unha das súas follas a este extraordinario e rarísimo lucánido, parente xa que logo do alicornio ou vacaloura, nada menos ca un Platycerus sp. ( separar entre spinifer e caraboides, non está ao alcance dos meus coñecementos: agradécense comentarios ao respecto). Ata o presente só os mirara e fotografara na fraga dos Casais. E non tantos: só dous.




Ese mesmo día e nun tarreo ao pe das casas do lugar de Teixidelo, brilaba esta alba abeluria, que noutrures din estralote, e nos libros Digitalis purpurea, que ven así a aumentar a miña colección de albinismos botánicos que pouco á pouco vai acrecendo. Xa hai material para unha entrada curiosa.



E esta Alauda arvensis, a laverca, aínda me deixou facerlle un rexistro medio regular. Que será todo o pobre que se queira pero é o mellor que lle poiden facer nunca. A vexetación na que se escondía é a do marouzón de Vilarrube.




Ben sei que o Polygonum maritimun é unha vulgaridade de cada ribeira nosa das plaias de cada día, sempre ao pe da marea, pero por iso mesmo vén hoxe ata este bló, para que se vexa pertiño dos ollos a delicada beleza das súas floriñas miúdas, tan abondosas coma despreciadas polos ollos.


Iris foetissima é o máis discreto dos tres lirios que se dan na nosa bisbarra. Á espadana amarela dos regos, Iris pesudacorus, é imposible non a coñecer; a herba de san Xoán, Iris latifolia, é unha rareza para todo o mundo, menos para os seguidores deste bló que tiveron novas dela nunha entrada anterior. Algunha vez haberá que poñer a todas as iridáceas xuntas, nun álbum de cromos.



Esta rara planta, sen clorofila, ten a virtude de poder ser confundida, polos pouco andados, cunha orquídea. Nada que ver. É unha orobanchacea, unha familia de plantas parásitas con dous xéneros ( cistanche nunca o mirei por acolá; sí este ano no intermareal do Grove) e variadas especies de non moi fácil clasificación se non atendemos á planta da que se nutre. A da foto é Orobanche hederacea, parásita da hedra, e na opinión de Xosé Ramón García, con moi poucas citas en Galizia. Serán todas do noroeste do Noroeste, pois acó é moi común.



A lebre aniña no monte e a papuxa na silveira e chegado o tempo os noviños saen do niño e andan sós a buscarse á vida. Así o facía esta críanza de Sylvia atricapilla, a papuxa das amoras para nos entender, que miraba destemidamente prósima ao ocular da miña cámara, espreitándome por entre as follas dos matos do Castro de Cerdido.

E con este tenro aderezo final vai quedando rematada a ensalada, non desexando outra cousa máis que fose do voso gosto e vos dese moi bó proveito, e agradecendo na ialma que escollésedes esta taberna, perdida no noroeste do Noroeste, para degustar, entre petiscos de alas e flores, una entradiña natural condimentada sen conservantes nen colorantes.

A ver se non se nos acaban os ingredientes: para que os netos e fillos poidan seguir sabendo de sabores.

Apertiñas, totus meus.

A mandare.

xoves, 24 de xuño de 2010

Alicornio....

... e aínda tamén escornabois, vacaloura, carrouxa e licorne, son nomes tradicionais que se teñen recollido por Galizia adiante, para apelar ao Lucanus cervus, ese fantástico coleóptero, da familia Lucanidae, un dos máis recoñecidos e seguro que dos menos vistos desa abondosa orde de insectos polos que Natura parece ter unha querencia particular.
Machos e femias son moi diferentes, presenta xa que logo un dimorfismo sexual claro, sendo recoñecibles inmediatamente os machos polas grandes, agresivas e ameazadoras queixadas que lle dan unha fasquía inconfundible. As femias pola súa banda, téñenas máis recortadas e poden ser confundidas con moita facilidade con exemplares de Dorcus parallepipedus, especie que cando menos para os meus ollos é moito menos frecuente: non a vin nunca.
O alicornio é especie vexetariana, que se mantén, comendo coma un esfameado, da madeira de árbores caducifolios, carballos sobranceiramente, durante os cinco anos da súa vida de verme nos que chega a medir cerca de 10 cm, e da seiva desas mesmas árbores, e aínda do zume de froitas pasadas, durante os quince días ou o mes escaso en que vive coa forma de imago. O tempo xusto para atopar parella e reproducirse.

O escornabois chega nesta fase de adulto a acadar un tamaño considerable, de entre 3 e 8 cm, e mesmo cítanse exemplares de 10 cm. É por iso o coleóptero de maior tamaño de toda Europa, o que unido o aspecto terrible que lle confiren as súas desenvolvidas e recortadas queixadas fai que a primeira ves que o miramos nos percorra certo tremor temeroso. Sobre todo se de cativos.
A vacaloura, coma a gran maioría das especies animais salvaxes (menos as oportunistas que saben sobrevivir á conta dos humanos), está ao noroeste do Noroeste en franca regresión. A esmagante e empobrecedora República Eucaliteira na que, (por cousa da cobiza economicista que tanto agrada ultimamente aos neoconversos progresistas ao liberalismo), se transmudou a nosa bisbarra, -patria das valiosas e enriquecedoras fragas macaronésicas- teno condenado á desaparición, ou a unha sobrevivencia testemuñal en currunchos perdidos.

A carrouxa deberá aproveitar outras zonas da Galizia (nas que o bosque autóctono parece estar retomando espazos mor do abandono dos traballos agrícolas e de ir así moitas veces deixando medrar o monte), para asegurárese a súa presencia no futuro e seguir a ser ese inacabable manancial de tradiciós e contos que de sempre xurdiron da faguda apariencia das súas queixadas.



Que se houberamos de facer caso da cultura popular terían propiedades milagreiras: coma facer levedar o pan, si se mete un pedaciño no medio do amoado, ou protexer aos porcos si se remexe a lavadura cunha mao que leve un anel feito cunha delas; e tamén sandadoras de maladías varias coma o goxo, pasandoia por encima da parte infectada e logo de lavar a queixada con auga e óleo, ou o tangaraño, raquitismo malformador dos nenos enganidos, noutrures tangaranidos, ou aínda coma antídoto das picaduras das cobras, e mesmo remedio eficaz contra o mal de amores. Máis propiedades, coma se ve, que Pepe Bono e o Aloe vera xuntos.

Rematarei por esta ocasión indicando que o historiador Rafael Usero, mestre deste mestre, ven de darme a coñecer dous interesantísimos datos que pola súa novidade e interés non me resisto, co seu permiso que agradezo infindo, a dárvolos a coñecer.
O primeiro é un documento do ano 1598, o testamento do cura de Cedeira, Gonzalo da Fraga, no que se indica que entre outras propiedades valiosas posúe un olicornio. O segundo é outro documento, neste caso do ano 1667, no que se recolle entre a toponimia da parroquia de San Román o Monte do Ullicornio.

Cada quen tire as súas conclusiós. Seguramente o olicornio do cura de Cedeira, tan preciado coma para aparecer no testamento, referirase a un chavello de xabarín, que engarzado en plata na súa base, recibe propiamente o nome de alicornio, e sempre foi moi estimado nas meigalladas polas súas propiedades milagreiras e sandadoras. Del. por similitude, debeu tomar o nome a queixada do Lucanus, e logo por metonimia o insecto mismo. Está comentado amplamente no Diccionario Enciclopédico de Don Eladio Rodriguez.

O Monte do Ullicornio, podería dar en pensar nunha fraga especialmente abondosa en Lucanus cervus onde se podería facer fácil provisión de queixadas de vacaloura. Pero ao mellor alí apareceu morto un porco de tan grande tamaño que os seus chavellos deron nome ao monte. Ou tal ves alguén encontrou alí un valioso e antigo alicornio fermosamente engastado en plata labrada, de tan grande beleza e rareza coma para deixar a súa pisada na memoria da toponimia. Quen sabe.


E pouco máis lle queda a esta entrada, non sendo confirmar a súa vontade de ser unha outra mostra da naturalidade con que na Galizia se ensarilla a Cultura Tradicional e a Natureza, e confesar que vai feita un pouco máis á presa que de costume. Ben sei que se nota. Desculpas, prego.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.

Despós de data: Tameirón, Ourense, Concello de A Gudiña, ano de 1949. Un cativo da Cedeira mariñeira está a pasar alí, nun mundo antípoda e exótico, na pura diagonal da Galizia, oito meses da sua vida acompañando a seu pai, destinado mestre na escola da aldeiña. As horas do serán pasan longas á lus do carburo e ao agarimo do pote da casa-pensión onde se hospedan. Dolores Macías, a hospedeira, é amiga da fala e dos relatorios. O neno, de memoria prodixiosa, fascinado, non perde conto e non esquecerá palabra. Na hora, a señora Dolores cóntalles que coñece ben a vida mariñeira xa que cando ela era nena vivira nalgúnha vila pesqueira do sur de Pontevedra. E que en certa ocasión, ao pouco de instalárese a súa familia a vivir en Tameiron, un home feirante, un mercachifres, un embaucador bufariñeiro, chegou pola aldea vendendo marabillas. A nena Dolores asomara á fiestra da casa e alí abaixo o latricante de feiras pregoaba, con voces e berros, diante da estupefacta audiencia aldeán, as infinitas bondades dos moitos e fabulosos alicornios que dicía levar en venta. Dolores Macías, ao ver os alicornios que quería vender o bufoneiro, berrou inocente: " ¡Mamá, mira este señor!... ¡Vende patas de centola e di que son alicornios!" Naquel intre no que, sin a nena Dolores sabelo, se reencarnaba unha outra vez a parábola do traxe novo do emperador, a audiencia aldeana foise desenganando e desaparecendo, ao compás da expresión chafada do chiolante enganador, sen labia xa para rebatir a verdade da sabencia mariñeira, expresada coa pureza da inocencia infantil. Correría o ano 1905.

No ano 2010, no tardo lusconfús do 24 de xuño, aquel neno que escoitou en 1949 a historia dos beizos da súa protagonista, rememorouna de repente e contouma a min, que lle acababa de agradecer, compartindo uns viños, o galano da súa sabiduría sobre ullicornios, olicornios...e o territorio da ecebra, que esa será outra.

Gracias, señor Usero.


E van estes achegos:


Da wiki galega: http://gl.wikipedia.org/wiki/Escornabois

De Asturnatura: http://www.asturnatura.com/especie/lucanus-cervus.html

Do Dicionario de dicionarios: http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=alicornio&tipo_busca=lema

sábado, 19 de xuño de 2010

A Flor de San Xoán

Velaí, para asombro de todos, a espectacular fasquía da Iris latifolia, esa rareza de outa montaña, unha outra máis, que florea a finais do mes de xuño polos cantís da Capelada.

Iris latifolia, campea nas outas pradas pirenaicas e cantábricas, tamén do Sistema Central, estendendo as súas poboaciós ata os máis soerguidos campeiros das montañas galegas orientais e achégase sen medo as terras capeladas para establecer eiquí o límite de distribución occidental.




A Flor de San Xoán é o nome, non recollido ata o de agora na literatura botánica, co que as xentes, e moi especialmente os cativos e as cativas de Teixidelo, lle daban cando ían recollelo no solpor da noite de San Xoán.

Terían que apañalo logo do solpor do sol, pois era cando a flor collia a virtú: a virtude de protexer as súas casas dos perigos meigos cós que esa noite sagra estaba misteriosamente preñada.



Baixaban a brincos dende o seu pequeno rueiro de antigas e vellas casas de pedra ata as campeiras vizosas, agachadas polo cantil, onde andaban certos que haberían de dar con elas. Collían catro ou cinco flores cada quen e volvían decamiño, denantes a noite caer, para as súas casas.
Poñíanas nos ocos que sempre habería entre as pedras das casas, arredor da porta principalmente, e para logo farían o borrallo e nas brasas asarían, coma todo o mundo, patacas, e brincarían o lume e dirían: "Fora meigas da miña casa" ou aqueloutro de "Para que non me trabe nen cadela nen can" ou calisquer outro esconxuro da noite esa, a do San Xoán do solsticio.
Sei estes contos por boca da Señora Socorro, de Teixidelo, a quen agradezo moito as paroladas que mantemos arrimados ao muro, unhas veces cando vou para baixo, outras cando veño para arriba, e que veñen así a amplar o catálogo das tradiciós da noite de San Xoán incluíndo entre as herbas a utilizar esta rara e fermosa flor do cantil capelado.


Que noutrures chaman lirio azul, sendo certamente do mesmo xénero iris ca espadana marela de cada regueiro noso de cada día, o Iris pseudacorus, pero non convirá chamarlle espadana azul, pois a Flor de San Xoán, ten a folla ben diferente, non plana, coma unha espada, se non revirada cara adentro, coma unha corda.

Mirara eu esta fermosa planta por primeira ves, amilagrado e sorprendido, por encima do peirao da Masilla, baixando para o Cadro e daquela, xa van anos, fixéralle un par de fotos en película analóxica o meu amigo Domingo. Tan amilagrado e sorprendido coma min.

Dende aquela primeira e virxinal aparición poucas veces máis tiven ocasión de tropezar con ela: polos altos do Limo, un pouco a nordés da Lagoa e nalgún outro curruncho, sempre con poboaciós coreñas e diminuidas, e sempre sorprendéndome e amilagrándome a rexia fermosura anil desta nosa flor de lis.
Non coñezo ningún outro cantil ou territorio onde a Flor de San Xoán se dea coa xenerosidade con que alumbra polas peadas abas de Teixidelo: un espectaculo de luces azuis parolando co mar e co ceo.


Desprotexidas, descoñecidas, abandoadas e deixadas da mao dos eufóricos trazadores de pistas e carreiros. Non é coña: non hai tantos anos fixeron unha pista por encima delas. E non me refiro á vella para o desguaze do barco, senón a outra. Para que, non se me alcanza.
Imos agardar que o furor municipal pola construción de sendeiros de sendeirismo (¡que praga, señor, que praga!) non as chimpe ata a enxebre costá de Teixidelo, pero ao mellor é moito imaxinar. Teño entendido que están dispostos a axudar a desbrozar un carreiro por todo o alto do cantil. Dende Cabo San Vicente ata Escandinavia. Falo en serio.

Pero ate que tal pesadelo se vaia facendo realidade terán que pasar moitas eleciós e mentres tal monstruosidade non arriba, sigamos desfrutando da pouca costá enxebre que nos vai quedando e sigamos a soñar con que poidamos deixar un mundo vivible e non somentes paseable.


Rematarei esta entradiña, xa ao mellor un poco costa abaixo, con tres rexistros gráficos de primeiros de xuño dunhas Iris latifolia sorprendentes. Sorprendentes por atopárense na Illa do Río Mera, ao nivel do mar: nunha outra demostración da extraordinaria orixinalidade botánica do noroeste do Noroeste, esa Macaronesia perdida.

E así se queda a cousa por hoxe, miñas e meus, cun recendo de selva e un alento de espranza, de azul e verde vestida.


Moi obrigado con vós.

A mandare.

luns, 14 de xuño de 2010

3º CONCURSO "OLLAR de SEOANE"

Un novo "OLLAR de SEOANE" ese destemido xogo que de vez en cando tense a ocurrencia de argallar entre os seguidores deste bló vense, pola presente, de convocar.

Coma sempre sen outro obxectivo que buscar un gracioso entretemento entre todos nós, abeirados ás cousas da natureza, e ao tempo, e co debido respeuto, quixera servir de homenaxe e lembranza á figura senlleira do eminente naturalista López de Seoane, científico ferrolán do século XlX, arruallo do noroeste do Noroeste.

As normas de xogo, para quen non coñeza o seu mecanismo, son moi sinxelas: a primeira persoa que descubra a especie que vai oculta no santo que a seguir se editará e teña a deferencia de mandar un comentario, ben identificado, será considerada gañadora. O reloxio de Blogger fará de árbitro obxectivo.

Ben doado, ¿non si?

O agasallo que en lembranza recibirá o gañador será, ao igoal ca nas ediciós anteriores, un exemplar da Unidade Didáctica "COLORES COOPERATIVAS", en edición artesán e numerada, da que é autor un servidor de todos vostedes e que naturalmente se entregará debida e persoalmente adicada.

E sen outro comentario que engadir, aí vai a imaxe: ¿quen anda por eiquí encriptado?



Non darei outra pista que confirmar, e sen que serva de precedente, que a especie animal oculta non se dá ao noroeste do Noroeste e que a imaxe foi obtida o vrao pasado na Plaia de Melide, na Punta de Cabo de Home, na estrema da Península do Morrazo, fronte por fronte das Illas Cíes, precisamente esta:

Desta volta agardo ter feito ben os deberes informáticos e espero que en premendo sobre a imaxe esta se abra a unha maior resolución. Se ao remate do día non houbese ninguén que dese localizado a especie en cripse, irei, día a día, editando a imaxe a unha maior resolución. Pero témome que non haberá caso e que acertaredes á primeira.

Saúde, sorte e moi bó ollar, miñas e meus.

Agradecido.


Nota marxinal: Pois parece ser que non fixen ben os deberes informáticos...a imaxe vai subida a 1400 puntos en Jpg, e o caso e que debería de abrirse sen problemas e así o facía pola mañá no momento da edición pero agora sen que eu saiba nen comprenda a razón non se abre de ningún modo, nen co Explorer, nen co Firefox, nen co Safari, nen nun PC nen nun MAC...misterios dos trasnos de blogger, ( por non pensar nas certeza da miña torpeza).

Xa que logo irei presentando sucesivos recortes da imaxe que vaian centrando a especie a percurar...aí vai o primeiro:


...e este é o segundo...vaise vendo?

¡¡¡XA TEMOS GAÑADOR DO 3º OLLAR DE SEOANE!!! Efectivamente, Cesar de Ashega (Asociación de Herpetoloxia Galega) un experto en reptís descubríu as 7 da mañá, pouco despóis de publicare o segundo recorte, ao xuvenil de Psammodromus algirus que andaba disfrazado de caruma de pino, miradeo :




Noraboa ao César polo seu bó ollo e o seu mellor alborar: e unha honra que che leen o bló a horas tan cedas.

Obrigado con todos por participar e seguir a manter o bló coa vosa lectura.

A mandare.

xoves, 10 de xuño de 2010

Víbora de Seoane en Ladrido. Retrato duns retratos.

Son as 9 da mañá solares do 2 de abril do 2006. Un amigo urbanita e servidor estamos a camiñar dende o Piñeiral de Morouzos cara á Ría de Ladrido. A mañá, fresca e limpa, promete sol. As herbas recolleran algo de orballo. Imos camiñando entretidos coa conversa e co disfrute da fermosura inexplicable do herbazal de Morouzos.

Imos botando de paso un ollo ao principiar do rebulir da vida na primeira primavera. O meu amigo dime: -Mira aí¡ Unha cobra¡. E queda parado como se vise a estantigua.


- ¡Miña madriña! -case berro eu de ledicia- !É unha víbora!. De ledicia si, pois as oportunidades de botarlle un ollo á seoane non son moi moitas. Habela haina, pero en toda a miña vida de andariego polo monte só noutra ocasión dera con ela viviña e feiticeira. E para máis a Vipera seoanei de sempre, dende cando de cativo rebuscaba crías de culebras debaixo das pedras da plaia da Arealonga durante o mes de setembro, que por alí baixaban a se quencer, foi unha teima garimosamente excitante.



-¿Estás seguro de que é unha víbora? Preguntoume meu amigo coa espranza de atopar nas miñas dúbidas a tranquilidade da mañanciña que lle desaparecera coa súa visión e o meu berro. ¿Por que o sabes? Inquiriu de remate, un aquel xa aqueloutrado e con todos os ollos vixiantes e chantados no corpo revirado da cobra. (Sei que pensaba que a seoane podería dar un brinco e chantárselle no pescozo). O meu amigo dos campos que entende, son dos campos de fútbol. E pouco.
Armei a cámara e funme achegando moi amodo o animaliño. Míralle derriba da cabeza, -tentei explicarlle ao meu prudente amigo que se mantiña sabiamente alonxado- non ten as dúas placas cefálicas grandes das culebras, o rabo acaba bastante decamiño, e para máis leva a V, de víbora, ben marcada na cabeza, aínda que a isto último non se lle debe de facer moito caso. A seoane despreguizábase lentamente, atemorizada da presencia inesperada e xigantesca daquelas dúas cousas humanas e escomenzaba a fuxir de nós entre as longas herbas de Morouzos.


Se quería conservar algún rexistro fotográfico daquel encontro debería darme présa, maña e o seu aquel de arriscamento. O amplo ocular da miña cámara por diante ofrecido como primeiro obxecto a atacar, os dedos gardados na manga da sudadeira, e todo o zum que me permitía o modo macro eran todas as prevencións que podía tomar naquelas circunstancias. A simple vista distinguía a pupila vertical do ollo, santo e seña definitivo de ser víbora e non culebra. ¿Pero non lle tes medo? -oín tres metros detrás de min a voz preocupada do meu caritativo amigo- A min danme un noxo bárbaro.

Noxo non me dan ningún, contesteille, en voz máis ben baixa para non axocar nen alebrar máis á seoane. Do medo que me daba, non me considerei obrigado a darlle resposta. Na lidia, se se ten medo ou non, non importa, o caso é que non se note. Nen polo público nen polo animal.

Temple, calma e lentitude de xesto, esas foron as ferramentas coas que traballei estas fotos: que as présas son para os ladrós e os malos toureiros.
E coñecer o encaste tamén axuda: sabía que na fresca da mañá, dunha mañá de abril, para máis, ao mellor recién saída da invernación, pouca enerxía e ganas de atacar habería de ter. Se se amosaba ao sol primeiro era precisamente para irse fortalecendo cara a caza probable que tentaría ao mediodía ou a tardiña. Esas imaxinaciós fortalecían a miña confianza: e o meu valor presumido.
E tamén coma en todas as cousas desta vida, hai que ter sorte.

Iso mesmo, e moita saúde, é o que desexo para todos vós, miñas e meus.

E dándovos as gracias na ialma por seguirdes acompañándome no meu andar polos vieiros do noroeste do Noroeste, despídome por hoxe ata unha mellor ocasión.

A mandare.

Nota marxinal; quen siga habitualmente os comentarios deste bló comprenderá que lle adique esta entrada o destemido fotógrafo de víboras Xabi Prieto, de quen teño as mellores referencias coma naturalista e boa xente. Unha aperta Xabi. E moito ollo.
Que o 3ª Ollar de Seoane está a caer.