luns, 21 de xaneiro de 2013

Calidris marítima, a pildoriña escura.



Os ceareiros deste bló saben da miña querencia polas miúdas e delicadas pildoriñas. Non son poucas as ocasiós en que dei en falar delas. Mesmo dunha volta, non hai tanto, adiqueilles unha entrada  tentando estender o coñecemento do seu nome popular cedeirés: pildoriñas; étimo que comprende, dixérase, os diversos xéneros pequeneiros da familia scolopacidae: charadrius, arenaria e sobranceiramente aos calidris.



O xénero calidris, seguindo a ceifa de Aves de Galicia de Pablo Gutiérrez (ollar) que no punto coincide coa de Conde Teira, abrangue a catorce especies ben diferenciadas. Algunhas delas afortunadamente moi comúns e abondosas e de ollada frecuente e normalizada perante toda a tempada invernal que é cando estas miúdas e valentes xentes andan entre nós, invernando lonxe dos rigores das outas latitudes, case circumpolares, onde adoitan aniñar.


Calidris alba, a bulebule, C. alpina, a común, son pra un servidor, especies de observación anual recurrente e frecuente; C. canutus, a grosa, C. ferruginea, a ferruxenta, C. minuta, a pequeneira, e C. marítima, a escura, sendo asimesmo de presencia anual regular polas costás galegas, fánseme máis raras de observar. Á pequeneira, C. minuta, aínda non fun quen de chiscarlle o ollo do diafragma;  á escura, as únicas imaxes que lle dei rexistrado son as que acompañan estas verbas e pertencen á solitaria sesión fotográfica que lle poiden facer. Precisamente ontes. Habelas hainas, o caso e miralas.


As outras todas: bairdii, fuscicollis, mauri, melanotos, minutilla, pusilla, temmickii, tenuirostris, conforman unha misteriosa estadea de ectoplasmas fantásticos que ao igoal que  a Santa Compaña existir existen, pro ver non se lles ve. Habelas hainas, o caso é miralas.


Aproveitando un repouso do incansable temporal, endereiteime na mañá do domingo, ate as benqueridas ribeiras da marea cariñesa coa espranza de poder botarlle un ollo a algunha gueivota ou gaivoto polar que baixasen ate o nororeste do Noroeste, empurrados polos ventos de norde que acompañaron á última cicloxénese explosiva, esa nova modalidade do terrorismo cambio-climático que anda a encollernos os corazós dende a arribada monstrosa do Klauss, vai xa pra catro anos. (Os gueivotos hiperbóreos non aparecerían pola mañá, faríano pola tarde. (Ollar))


Nas areas da praia non había nada extraordinario que ver: as gueivotas de rigor, as cocas de toda hora,(Phalacrocorax sp.) as pegas do mar de garda permanente, (Ostralegus) os espantallos perrumanos (practicando con agación o seu deporte preferido de escorrentar ás aves da praia) e un vento frío, húmido e constante, que cando lle parecía ben acompañábase de labazadas de chuvieiras xeadas e mandábame poñerme ao cuberto do meu pequeno utilitario. Unha mañá coma outra calquera dun domingo de inverno ao noroeste do Noroeste. E Xabi e Paco, telescopios ao lombo, recorrendo toda a contorna da ría pra censar á totalidade das aves invernantes!. Que mérito, mi madriña! Que mérito!


No cortamar da plaia apareceron os amigos do grupo Calidris de Ortigueira, Luis, Antonio e Álvaro. Unha ledicia. O agarimo da súa cálida compaña e o saber certeiro que os acompañan haberían de requencer as horas da fría mañá de xaneiro. Caloriña humana na marea. Unha caroza, Alca torda, andaba amargullándose nos arredores do petoural. Asomou dúas veces, botoume unha sabia ollada desconfiada, amargullou e  mandouse lonxe saberá o demo pra onde. O día non se quería dar.


E non se habería de dar se Álvaro non reparase que ao noso pé, a tres metros, esfuracando entre a crácara das pedras do peirao, unha pildoriña escura, Calidris marítima por iso, traballaba co arrequecemento profesional dun mariscador incansable, rebuscando pequerrechicos seres vivos, moluscos ou  crustáceos, que dun modo asombroso atopaba, coa precisión dun láser cirurxán, entre as imposibles, senón inexistentes, regañas que a crácara cría na toneira das pedras da marea. Un espectáculo.


De carácter manso e acomodado, esta pildoriña escura aledou a mañá dos presentes permitíndonos facerlle todas cantas fotos quixemos, tolerando os clicliclís sonoros das lufadas das reflex, indiferente da nosa conversa, despreocupada da nosa presenza no outo das rochas e das enormes focais profesionais das cámaras. Seascaso botaba algunha ca outra ollada, desinteresada, pra  as pedras onde nos asentábamos e que coincidía, máis ben, cun certo revirar da súa cabeza pra mellor enfocar a súa ollada precisa nas diminuticas esfuracadas da crácara, onde se gardaban os ínfimos crustáceos que rebuscaba con ansia incansable e que, pra asombro dun servidor, atopaba de cada pouco. Non sei que me deixou máis espantado, se a fermosura moura da pildoriña ou a certitude de que naquela superficie parda e compacta, construída por centomiles de balanus apretados, aínda había espazo pra un mundo de seres invisibles que só se deixaban ver, un intre de nada, na punta do peteiro da pildoriña  denantes seren engulidos. 



O pilro escuro, nome oficial galego,  cría, xa se dixo, en outitudes circumpolares, árticas e sub-árticas, alá na alonxada Laponia norueguesa e finlandesa, na exemplar Islandia, e nas costás e tundras de Siberia e o Canadá, en números certamente apreciables que non  fan temer pola súa desaparición o que non impide que sexa ave protexida. Cada inverno, ao cubrirse de neve e xeo as súas áreas de crianza descende  ate  costás atlánticas menos frías apousándose en números elevados polas ribeiras da Gran Bretaña e do Mar Báltico e do Norde, descendo  polas costás norteamericanas mesmamente ate Carolina do Norde, xa nas proximidades da Florida.


Algúns poucos baixan ate as costás cantábricas, chegando mesmamente ate o norde de Portugal, ofrecéndonos daquela aos afeccionados naturalistas,  ocasión oportuna pra unha demorada e atenta observación sustentada na mansedume e ausencia de temor que amosa pra cos humanos. Tal o galano que nos ofreceu nesta  escura e fría mañá domingueira no cortamar da Plaia da Concha, do veciño e benquerido Porto de Cariño.


A pildoriña escura presenta moi pouca variabilidade de plumaxe entre o vrao e o inverno, parecendo ser algo menos escuro o seu froixel na tempada de cría. Asimesmo non presenta dimorfismo sexual resultando, xa que logo, practicamente imposible poder definir se este exemplar é macho ou femia. Igoalmente escasa é a diferenza entre xuvenís e adultos (un pouco máis escuros os noviños, parece ser) co que se me disculpará que tampouco saiba eu precisar a posible madurez deste exemplar, que pra máis, coma xa confesei, é o primeiro de observación longa e atenta e daquela o primeiro que fun quen de fotografar. Daí que o frío que me entolleitaba os dedos quedara esquecido pola emoción da hora. 



Évos o que ten o inverno:  que arrimada ás friaxes e ás anguieiras, ás coriscadas e ás xeadas aparece unha fermosa greada de xentes nórdicas, exóticas invernantes puntuais, que aledan os divagares dos afeccionados ás  cousas da Natureza, pra os que a apertura das portas do conxelador inverno é un  sinal gozoso da segura presenza de marabillosos milagres naturais que escolleron as ribeiras galegas do nororeste do Noroeste pra folgar e repousar, pra ir deixando xear os días escuros e mínimos do seu norde esbrancuxado, mentres acolá disfrutan da fartura marisqueira das nosas costás e dun tempo máis luminoso e menos refriado, máis verdescente e tépedo e moi poucas veces nevarado. Veñen pra máis, moitos deles, aportando unha lección de confianza e mansedume, de vontade na coexistencia pacífica que deberíamos saber escoitar. Iso polo menos me pareceu entender a min da silandeira linguaxe xestual desta linda pildoriña escura, valente e destemida, que me aledou unha  fríxida mañá de Cariño, que pasei moi a gusto arrimado as cálidas amistades dos Calidris, esas sabias xentes do norde.


Sexan benvidas en boa hora estas lizgairas invernantes. Acollámolas coa xenerosa hospitalidade que a nación galega sabe ofrecer a quen  busca nela acobillo, folganza e repouso. Coñezámolas, aprendamos a querelas e valoralas, respetémolas, pra que  cando retornen á terra que as veu nacer leven no peteiro   un canto, que aligado a natural ledicia de regresar á súa patria, entoe asimesmo unha cantiga agradecida  ás acolledoras costás galegas, as do salseiro recendente, a xebra criadora e a crácara farturenta.

Non me parece que vaian  ser os peores publicistas da Nosa Terra.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.




Fe de verbas: agación, na fala aghación, (interés extremo na realización dunha actividade); crácara (capa calcárea que recubre as rochas da marea  conformada pola aglomaración de cunchas externas de crustáceos do xénero balanus) e greada, na fala ghreada (conxunto de persoas ou xentes balbordantes, sobranceiramente infantís) son verbas de uso corrente na fala cedeiresa que a un servidor sáenlle sen esforzo nen pretensión e que só cando llo advirten recoñece que  tales voces non aparecen no Dicionario de Dicionarios, e por iso  fai esta fe de verbas, pra que se entendan fóra de portas e pra que algún día aparezan. Obrigado.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

video
Pilro escuro no cortamar da Praia da Concha, Cariño.

Achegos:
a) As fichas correspondentes do Congreso de  Ecoloxía de Augas Dulces, unha páxina do goberno Vasco.Entrar.
b) A páxina NatureGate. Ollar
c) A clásica de Asturnatura.Premer.

12 comentarios:

  1. Moi boas fotos Rafa,a pesar do día que fixo onte.Teñolle moitas ganas a este bicho, nunca o vin, Antonio e Pablo Gutierrez xa me dixeran que en Cariño o podía atopar, pero hasta ahora non houbo sorte, seguirei insistindo en velo. Repito as fotos son moi boas, unha aperta Rafa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. MOitas gracias Pepe...tamén eu lle tiña moitas ganas e de non ser por Álvaro que o detectou con vaia a saber vostede que detector de movimentos mínimos, alí se quedaría, ao meu lado, sen eu me decatar.

      Pois eu fun a buscar polares... e esas miráchelas ti, pola tarde, que pola mañá non andaban.

      Uhba aperta, Pepe.

      Eliminar
  2. Bueno, todas as aves non, Rafa. Por motivos obvios tivemos que eliminar as gaivotas comúns do noso censo. Como diría un amigo, somos moi bós, pero os milagros..

    E, se o sei, pedíache a ti a foto, macho (que Dios me perdoe o que acabo de dicir por este menosprezo a Don Álvaro, pero vaia fotazas que te sacaches máquina...)

    Unha aperta

    PD: vaia tropa que vos xuntastes, carallo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O das fotos penso que é unha cousa estatística...fíxenlle unha fartura delas, así é que malo sería que non aparecesen media ducia razonables...os axustes do ordenador fixeron a milagre de pareceren decentes.

      Vaia non sei eu se milagres, pro un traballo extraordinario do que logo nos aproveitamos os demáis de seguro que si...unha vez máis deixa expresar a miña admiración polo voso traballo, se nun día de cara de can coma o do domingo, moito máis.

      Don Álvaro son palabras maiores...acabo de pasar unha minutada reollando as fotos da páxina dos Calidris e desfrutei coma un meniño ao saír da escola.

      Unha aperta, que todo vaia ben (os meus mellores desexos de recuperación pra túa mai).

      Eliminar
  3. Rafael, que boas daguerres, máis o nome que me chama a atención é "bulebule"; tan baileiro, bailante, universal e cantado.
    Lémbrame este paxariño as becadas polo pico longo, coma as voltapedras e outras comefangos.Tamén aos melros dauga.
    Apertas longas
    Deica...logo

    ResponderEliminar
  4. Obrigado meu...benvido de novo.

    Bulebule é o nome homoxeneizado pra lingua galega e por certo que lle cadra ao xustiño a Calidris alba polo seu rebulir incansable, desplázase cun repenicar tan rápido de pernas que parecería que levase patíns ou algún sistema de deslizamento, e pra máis cando anda a pillar mantenza non para de esfuracar as areas, inod de acó pra aló cunha áxilidade e rapidez dina de ver.

    Pois efectivamente é da mesma familia, Scolopacidae, e polo seu traballar cravando o peteiro nas terras de limo, corren co nome de limícolas.

    O nome de daguerres, unha creación moi axeitada, parabéns...se calquera día lle dou uso non te molestes por favor, será unha especie de homenaxe.

    MIrámonos polo Larouco; calquera día.

    Deica daquela, pois.

    ResponderEliminar
  5. Moitas gracias Martín... pra fermosura a Sempervivum montanum dos Pirineos do seu bló...este ano quixera ir buscar as sempervivum de Pena Trevinca.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  6. Moi boas fotos, do millorciño que levo visto da especie. Noraboa, e tamén polo texto, un gusto lelo.
    Por certo o exemplar coido que é un primeiro inverno, polas cobertoras medianas externas contrastadas con branco.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  7. Moi agradecido, Marcos, xa tomaremos unhas cañas, pago eu, polas loubas.

    Ese dato das "cobertoras externas contrastadas" propio do paxareiro sabio que es, é impagable.

    Unha aperta, mirámonos na Frouseira.

    ResponderEliminar
  8. Hay algo extraordinario neste blog. E algo que vai por debaixo das letras y das fotos, algo que se move mais aló da información y a forma, algo que non se ve pero está ahí : - A emoción do descubrimento.
    Reconozo que leerte a ti ou calquera dos teus compañeiros de rueiro, quédame grande porque non teño base algunha do tema, pero gústame estar aquí; o outro lado, desde onde todo se ve por primeira vez, ou millor dito, con outros ollos, outros oidos, e outros sentidos...
    Desejuro que mañan non lembrarei o nome científico das afamadas pildoriñas ou o de calquera destas aves viaxeiras das que falades que nos veñen ver por sorpresa, nin posiblemente acorde o mes de floreamento dalgunhas visitantes alleas como a Barlia Robertiana … O que sí sei é que sentirei a fortuna y o privilexio de poder ollalas e difrutalas como si por “Arte de Maxia” as puxeran alí para Nos.
    Unha observación mais; o fondo escuro axuda positivamente a estética do blog, pero para os lectores, (sobre todo os que temos que insistir na lectura varias veces) o texto sobre fondo negro complica un pouco a lectura ¿non si? ou ¿serán os anos que xa me van derriba?

    Unha aperta sentida.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Responderei emocionado pola vosa culpa. Agora vou sabendo que o traballo paga a pena e compénsase co doce galano da regalía de ter lectores. Moito obrigado por andardes por aí, no outro lado de nós. Agora me explico esas gratas deligas que sentía nas costas.

      Non é o primeiro comentario que me advirte da dificultade de ler branco sobre negro. Pido desculpas, doutra volta. Certo que me perde un aquel esteticista, cuia única xustificación, de ser posible, sería que dubido, e moito, da calidade das imaxes e procuro que o fondo axude a disimular, ou se fose posible mellorar, a luminosidade dos santos. Servidor non se considera fotógrafo, nen fai Fotografía, tan só rebusca fotos que lle axuden a ilustrar mellor as súas verbas: as palabras dun diseminador de ideas. (Considerarme un divulgador paréceme unha vulgaridade, preñada amais da soberbia de pensar que os outros son vulgo)

      Mil gracias mil. Non perdas as mañas: segue a facer turismo interior polo noroeste do Noroeste, esa xeografía universal que non ten cancelas, nen alfándegas, nen fronteiras.

      Sinte esta aperta.

      Eliminar