
Entérome, leendo o bló Extremebirding, que anda un ciño de fuciño marelo, Cygnus cygnus, polas canabeiras e carrizais da lagoa areeira da plaia da Frouseira, o fermoso e malpocado Lago de Lanzós, que na hora está cheo e inmenso, ao que tal para servir de repousadoiro e folgarío ás xentes de auga e aire.

Tal, imaxno eu, debeu pensar este fermoso exemplar adulto de Cygnus cygnus, que dende hai días, da en folgar polas xunqueiras e carrizas do Lago, manténdose das raíces das herbas do fondo, as que chega sen problema co seu longo e flexible pescozo.
Gabeei, amodo e silandeiro xa que é especie escorrentadiza, ao alto dun vello salgueiro da beira de vendabal. Agocheime como poiden entre as pólas e as follas dos loureiros de enfrente, e entremedias de tanta ramallada, poiden disfrutar a gusto, sen molestar nen ser notado, do pequeno almorzo do ciño.


No alto da árbore espreitando atento oa ciño, sentin que a miña ollada era de marta.




Xa Don José Pardo no ano 1948, no "Catálogo de lagos de España" e na ficha correspondente ao Lago de Lanzós deixa constancia da presencia dos ciños na lagoa con estas palabras que transcribo: "...viéndose anualmente el cisne, habiendo sido cazado alguno en dicha localidad por los deportistas que frecuentan tan excelente cazadero".

A lenda do canto do ciño según a que, cando este vai morrer entona unha derradeira, outa e fermosísima cantarela, debe de ter á orixe neste Cygnus cygnus que na tundra deixa ouvir o seu canto, en realidade laiante e longo, dende moi lonxe, e mesmo segue a cantar, lastimeiro, atrapado nos xeos ou esmorrendo esfameado.
Non me gustaría sentilo sobre a limpa louza azul da flor da auga do Lago de Lanzós.
Non ha pasar.
Ata outra mellorada, miñas e meus.
Agradecido.
