Sacabeira, así chamamos en Cedeira, no noroeste do Noroeste, ao fermoso anfibio urodelo de nome científico Salamandra salamandra. Por Valdoviño chámanlle sacarrancha, que tampouco é mal nome. Píntega, apelativo que tivo máis éxito na fala galenova, pesia a ter un uso, histórico e xeográfico, menos extendido, non deixa de ser uhna palabra descriptiva tirada das pintas marelas coas que adorna o seu pelexo. Aclararei: uso pel para a das personas, pela para a das plantas e pelexo para a dos animais, sobranceiramente se teñen pelos, senon coiro. Cousas miñas.
Amítase máis a un reptil: ten rabo ( por iso urodelo) ca a seus parentes os anfibios e coma aqueles arrástrase, ela amodo e lene, pola toneira da terra. É sobradamente coñecida e recoñecida e mantén aínda poboaciós estabeis e firmes, que non obstante andan diminuindo ao compás do debalar das zonas húmidas.
Na nosa bisbarra, uhna das de humidade permanente máis elevada do país, é, por iso, relativamente abondosa e, ocasionalmente, fácil de ver. E aínda máis de recoñecer: as súas características cores aposemáticas negras e marelas ( quere dicirse que advirten a todo bicho vivinte do seu veleno) fana famosa e recoñecible. Poucas xentes haberá que non saiban dela.
Hai quen, por tela collida entre as maos e non morrer ao instante, pensa que o seu carácter velenoso é un mito de inorantes. Menos mal que non levou logo as maos a boca ou rozou algunha das súas mucosas, ou ollos, co seu pelexo. Adoecería, e daquela habería de saber o porque da súa sona de bicho envelenador.
Animal mítico e simbólico para os antigos, e modernos, alquimistas que deixaron as trazas deseñadas da súa presencia nas mensaxes arcanas de innúmeras obras artísticas. Cóntase que é quen de sobrevivir no lume, e sen duda se este é pequeno, as exudaciós húmidas e velenosas do seu pelexo hana de protexer e en casos salvarlle a vida.
Animaliño considerado desavogoso na cultura tradicional, provoca acenos de espanto e de noxo nas nosas xentes campesiñas, que non dubidan en darlle co raño no lombo pesia a ser uhna devoradora constante de bichería. Cando cativos decíamos que "se uhna sacabeira che traba non che arrea ata que non toquen as sete campás das sete parroquias". Non sei: nunca me trabou nengunha, nen vin a nengunha trabar a ninguén.

Ovovivípara, pare as larvas no inverno en pozas ou regos mainos e mesmo en campeiras enchoupadas. Logo da primeira e única metamorfose as crías xa se amitan aos adultos aínda que son un aquel máis rechonchiñas. De costumes nouturnas, horas máis húmidas, pódense atopar atravesando mesmo as rúas das vilas vellas. onde aínda quedan restos das hortas dalgún tempo. Tal, a da foto de cima. Que sigan así, abundando entre nós, por moitos anos.
Cinco palabras agora, e sete fotos, dun animaliño extraordinario e dende logo non tan coñecido: a saramaganta.
Chioglossa lusitanica, veleiquí o nome científico dunha das especies emblemáticas (e menos coñecida polo público), da fauna galega: a saramaganta. Uhna sacabeira endémica do noroeste ibérico que foi descrita por primeira vez polo zoólogo portugués Barboza du Bocage en 1864, quen ao cristianala lle puxo o apelido lusitánica.
Chioglossa gallaecica, definiría mellor a área de distibución mundial deste curiosos e raro urodelo que comprende as terras portuguesas do Norde, a case totalidade da Galizia e algúns vales de León e avanzando cara leste polo territorio astur chega mesmo as lindes cantabras. A vella Gallaecia, e algo máis, ao completo.
Extraordinario urodelo de rabo moi longo, máis de dúas veces o tamaño do corpo, que habita nos bosques máis vellos e mellor conservados nos que os regos van aínda cheos de augas puras e ácidas, das que se alonxa moi pouco, non sendo nas fragas escuras e húmidas nas que pode ser que se mova lonxe das canles dos regos.
A chioglossa ten unha característica, única entre os anfibios urodelos, que a asemella aos reptís: e quen de arrear o rabo e rexeneralo se algunha vez se atopa en perigo. O rabo ceibado queda durante moito tempo remexéndose coma se tivese vida propia e os depredadores entretéñense con el, mentres a saramaganta foxe abrelada buscando un abeiro no que gorecerse.
Non é nada fácil poder ver algunha vez á saramaganta. Servidor só uhna vez, ocasión na que fixo as fotos que se achegan, e gracias a que a saramaganta se lle ofreceu á vista ao caer por uhna pequena rebordela da fraga do encoro da Ribeira, nas Pontes, que se non, de que. (Un non adoita buscar: non levanto pedras, non remexo herbas, non toco nen movo nada; camiño, e o que no camiño se ofrece miroio e, se se deixa, fágolle fotos).
Ten uns ollos moi saltós e grandes que lle dan un aspecto característico e gracioso e presenta dúas bandas dorsolaterais dunha cor diferente a do resto do corpo. Particular é tamén o feito de que nas maos teña catro dedos e nos pés cinco. Orixinal en todo este fantástico representante da riqueza faunística do noroeste do Noroeste.
Unha chufa da que podemos presumir, unha presencia biolóxica extraordinaria, endémica da nosa patria, que ao parecer aínda mantén poboacións viables. Considerada vulnerable, pola escasez de hábitats, o reducido da súa zona de expansión e a progresiva contaminación das augas compre ir sabendo dela para asumir a responsabilidade da súa conservación e a transmisión deste tesouro biolóxico as xeracións vindeiras.
E pouco máis xente. Agradecido por seguirdes este bló e polos asisados, e cada día máis numerosos, comentarios que enviades que non fan senon enriquecelo e amelloralo.
De todo corazón, mil gracias mil.
Non perder as mañas.
Saudiñas.
Despós de data: Vede acó un achego a páxina de Vertebrados Ibéricos, onde poderedes ampliar , por mil, as informacións sobre a saramaganta. http://www.vertebradosibericos.org/anfibios/chilus.html
Despós de data: no bló de Alberto Rivero, Fauna vertebrada de Ourense, hai fotos de cazos ( de crías recién nacidas, que por outras terras chaman cágados) da sacabeira. Moi interesantes e completan o que se dí na entrada: que paren no inverno. Vede eiquí o achego: http://faunaourense.blogspot.com/2009/11/primeiros-cagados-de-pintega-en-ourense.html
Despós de data: entérome no bló Lendas herpetolóxicas de que pola banda do Grove dan en chamar a sacabeira "ponsoña", evidentemente en puro castelá seseado, máis tamén que por Coristanco dan en dicir " pezoia", ambalas dúas acepcións amplian pero non melloran o comentario impagable da familia Tojeiro que nos ensinan que ao noroeste do Noroeste ( Os Casás, Meizoso..) as sacabeiras corrían polo nome de "pezoña" http://lendasherpetoloxicas.blogspot.com/2009/10/ponsona.html
Despós de data: Bieito Quintiana ven de me informar que as sacabeiras, tenllo oído a súa mai cando neno, tiñan sona de "gafosas". Rafael Usero, sempre sabio, comunícame que a palabra "gafos" era de uso corrente na Idade Media e ven siñificando cousa recurvada, daí a palabra "gafas" e que se dicía dos "dedos gafos" cando se encollían e curvaban por maladía e que asimesmo el, que agora ven de cumplir algo máis de 65 anos, na súa infancia pasada en Tameirón, Ourense, comarca da Mezquita (na pura diagonal co noroeste do Noroeste) ten sentido que a sacabeira tiña alí fama de "gafosa". Entendo pois que por toda Galizia adiante houbo a crenza en que a pezoña da sacarrancha gafaba os dedos: entollíaos e recurvábaios para adentro e para sempre. Así é: entre todos aprendemos, os uns dos outros. Un bló defínese máis pola calidade dos lectores que polos méritos de quen o mantén. Agradecido, miñas e meus.