XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 23 de outubro de 2011

Bicos de biluricos.

Anda xa arestora a Ría de Ortigueira, Cariño e Ladrido a ferver de xentes de augaire, fermosuras da pruma e o froixel, que escollen as inmensas limeiras dos esteiros dos ríos Mera e Baleo como área de repouso e folganza invernal.
Certo que este ano parece que a baixada anda un pouco retrasada:  coñécese que tamén polo norde andan as estrañas calores desta outonada vraocenta deixándose sentir. Mais pouco á pouco o grande espazo intermareal do noroeste do Noroeste vaise enchendo un ano máis das rebuliceiras xentes do limo, que atopan nesta infinda chaira mariña unha farturenta mesa con mantelo de xebra cuberta. 
Andamos días atrás repousando os cóbados, os prismas e a cámara no petril do malecó do porto de Ortigueira. Enfronte, mazaricos, gavitas, garcetas, gaivotas e gaivotos, parrulada varia, pildoriñas e biluricos, andaban rebulindo, con máis gracia que fame, polas areas escuras e lamacentas.
No malecó, algúns pescantíns, con diversa fortuna e parecida pacencia e intrés, andaban á pesca da xiba. Os admirados fotógrafos do grupo ortegano Calidris, andaban á captura da instántanea naturalista perfecta, facendo un admirable exercicio de pulso e tino sen o apoio da  muleta do trípode. Xa teñen mérito, con eses inmensos obxetivos que transportan.
Anda xa un bilurico arrimado ás pedras, informáronme os do Calidris este domingo de hoxe no que coincidimos de novo no malecó. É o primeiro do ano que se achega, seguiron a me informar. E logo non andaban xa por acó  un par de domingos atrás? inquerín eu dende a  miña iñorancia. Si, pro aínda non se abeiraran ás pedras, seguíu a me ilustrar Alvaro Polo, ese talento artístico ortegano.
Ata que se arriman ao malecó, pasan unha tempadiña esfuracando na area, sen se atrever a  vir folgarse ao peirao, aprendeume. Teñen que vir os primeiros vendabais pra que se garden debaixo do muro do muelle, ilustroume finalmente.
O grupiño que fotografara días atrás e que anda ilustrando este texto, aínda non se arrimara ás pedras, mais que aos poucos se fose aghegando e collendo confianza co ruidoso trafegar da humanidade.
Teñen  sido xa estes confiados biluricos protagonistas dunha entradiña neste mesmo bló. Son pra min unha ledicia anual constante e famosísimos entre os naturalistas e paxareiros da bisbarra. Sorprende aos desprevenidos paseantes que raramente ollan pra debaixo  do muro a súa tranquila estadía e repousada confianza.
Tés unha boa ocasión pra lle facer unha foto ao primeiro do ano que se acerca, díxome Alvaro, aí ao pé o tés. E por que non? pensei, mais que teña ducias de fotos deles nas mesmas pedras, outras poucas non me han de estorbar. Meu dito, meu feito. Aí van elas.


E polo de hoxe quédese a cousa acó.
Xa anda a bisbarra a rebulir da xente de augaire. Xa que logo, é hora de lustrar os vidros dos prismas e percorrer os intermareais co tento, o respeuto e a distancia necesaria pra non axocar nen molestar as xentes invernantes.

Animádevos, fornecédevos dos artellos precisos e da educación medioambiental necesaria e  disfrutade pois dun dos territorios máis requintados, fermosos e  entretidos da xeografía ibérica: o noroeste do Noroeste. De seguro non vos vai fallar.

Mil gracias mil, miñas e meus

A mandare.



VídeosMínimosdoNoroeste TV
Biluricos en Ortigueira

Nota marxinal: Efectivamente este video é da tempada pasada, ben que deste mesmo ano, pra xaneiro fará un. Nel apréciase un grupo de sesenta biluricos repousando no seu sitio de sempre. Semellan cogumelos, díxome entusiasmada, unha amistade a primeira vez que as mirou. Semellarán. Que os semellen por moitos anos. Bicos dun bilurico, miña.

Fe de erros: os trasnos das teclas, seguramente da treba dos mesmos que nunca me deixaron aprender latines con xeito e proveito, deron en facerme escribir Tringa tottanus, no canto de Tringa totanus. Sendo o caso que no vídeo ten mal amaño, serva esta fe de erros pra remendar o imposible. Escusádeme, prego.

2 comentarios:

  1. Ola Rafael
    Certamente non cansa a visión da súa gracia e formosura.
    Agradecida por achegala.
    Sefa

    ResponderEliminar
  2. Ola Sefa...sempre unha ledicia saberte de lectora habitual do bló...non perdas as mañas. Apertiñas.

    ResponderEliminar